X U L I E T A
No amor como en todas as cousas en xeral, Xuli como
lle chaman os amigos e familiares, é unha perfeccionista.Gústanlle as cousas ben
feitas. O mesmo que lle gusta un bo
guiso ou un floreiro de cerámica de calidade, ben decorado con adornos
sensibles e vistosos, gústalle no amor non quedarse a medias tintas, coma quen
amasa pan sen fermento que o faga medrar ou como aquel pobre indixente que,
polo Nadal comprime a cariña chea de frío, contra o vidro xélido dunha tenda de
pasteis, turróns e mazapáns e sinte como se lle fai auga na boca, pero sen
alternativa ten que volver ao seu refuxio, insatisfeito, abandonado a súa
sorte, vítima do que non debe ser, da inxustiza e das cousas mal feitas...
Pois ben, para dicilo claramente Xuli na cama é
esixente gústalle quedar farta, satisfeita. Neste campo nunca se recatou e
sempre se deixou amar a eito. En absoluto era unha puta, nin sequera
excesivamente morbosa o preciso, o normal, para condimentar con tino e siso os prolegómenos.
De solteira nos
tempos do instituto e da universidade, aínda sen caer a pés xuntos no amor
libre e todo iso,seleccionaba casque de maneira biolóxica aqueles compañeiros
de sabas, que lle semellaban máis aptos para o desenrolo integral da súa sensualidade
rotunda e dábase xenerosamente sen escándalo e sen facer apoloxía do seu
libidinoso comportamento.Claro que, sempre topaba con algún mindundi impotente
con chasis de Apolo , que roto de esquemas e amolecido de cervexas,soltaba logo
a boca cal toureiro na zoa vella entre heterodoxos amigotes comúns. Pero
ademais de porque os tempos eran novos, postmodernos e constitucionais
democráticos, non lle facían moito caso por ebriedade manifesta ou porque Xuli
co seu comportamento e a súa filosofía
das cousas ben feitas, trababa as linguas de trapo de súpeto coa mirada, coa
forma de andar, ou simplemente pedindo un café con leite.....
Nese tempo deuse conta que, no tocante ao sexo, moitas
veces os escanabeirados de facianas triangulares, pouco aparatosos, resultaban
ígneos e trepidantes e que, os a primeira vista virís e xigantóns, eran lume de
labras á hora da verdade.
De tanto pescudar neste ámbito e desexar saber, pouco
a pouco, converteuse nunha experta, nunha científica do sexo, capaz de escribir
un libro sobre o tema a pouco que tivese tempo. Pois o tempo é un ben
escaso e Xuli sempre ten cousas que
facer, a parte de traballar de A.T.S. no dispensario de urxencias do hospital
de Ambarpó(Pontevedra).
Se ben non escribiu nin escribirá xamais un libro de
tal condición o que si leva estritamente, con método é a súa vida sexual en
parella, agora que está casada cun compañeiro de profesión chamado Xerardo, Xer
para os como é norma, ou sexa os amigos.
Ten o matrimonio dous fillos, a parelliña, piso
propio, un bo auto, traballo e saúde, andan nos trinta e tantos e os rapaces
por riba son sans e escorreitos.A vida para eles está ben feita e sexualmente
son complementarios.Xuli nun dietario leva dende sempre a planificación da súa
vida sexual en parella: unha media de quince cópulas ao mes,que veñen sendo
cento oitenta cópulas ao ano, considerando que levan casados dez anos, resultan
mil oitocentas cópulas o que expresado desta maneira pode soar frío, monótono e
algo estúpido , pero así é en realidade, porque a Xuli gústanlle as cousas ben
feitas.....
Co que nunca contou foi cos imprevistos do paso do
tempo, nin coas sorpresas xenéticas no comportamento de Xer, que aínda que ben
cebado, vestido e alimentado, estase a converter nun dáme tesoiras e algodóns ,
aséptico, hixiénico e monótono, nun moble amarelo , cheo de roupa vella que lle
enche a casa de acuarios e gaiolas con paxaros. No tocante a si mesma,
doutorada como se cría en sexo e relacións humanas, estase a descubrir húmida
cada vez que fala co novo gardiña de seguridade, e ben, onte aproveitando que
Xer ía visitar a avoa ao Campo Lameiro, non se quedou a medias tintas e pasou a tarde na cama co de seguridade. O
rapaz cumpriu con nota, tres completos sen desenconar. Xuli viu como Xer se
afogaba nun acuario cheo de peixes exóticos, mentres un canario frauta lle
pousaba na parte prepucial do seu membro fatigado. Cando foi buscar os rapaces
ao colexio sentíase incomoda, á noite aínda que tocaba segundo o plan, finxiu a
súa primeira xaqueca.....
Despois do gardiña foi un cociñeiro,despois un médico
MIR en prácticas , despois un condutor de “SAICNALUBMA” ( Ambulancias ) , máis
tarde o veciño do 4º, Xuli quería as cousas ben feitas e Xer andaba moi preocupado polas agora constantes
xaquecas da señora esposa. Asistía teimudo as charlas sobre o asunto da testa e
lía libros sobre a crise da parella para desconsolo de peixes e canarios. Os
rapaces medraban e por riba Xer, que ía quedando careco e enchéndose de pelo
Cabeza de Manzaneda a cada vez máis, no lle restaba como é debido no débito
sexual a Xuli; iso si, fartábase de cervexas de importación e fumaba ata poñer
marelo o longo de todo. Mentres tanto Xuli, facía as cousas ben feitas con quen
lle apetecía , por aquelo de non quedarse a medias tintas e de que medrase o
pan. Sobre todo, porque lle gustaba quedar farta e neste campo nunca se recatou
e sempre se deixou amar a eito.
Xa preto dos setenta anos Xer e Xuli , Xuli e Xer
seguen xuntos: católicos, xubilados, metódicos, ben e certo que a planificación
rexistra unha actividade casque nula e os fillos, a tal hora, xa deron netos. A
vida é así, Xuli sabíao dende sempre, por iso agora o que fai a eito son cestas
de vimbia mentres dribla acuarios e gaiolas multiplicadas, estilo o mellor
dianteiro centro do momento, con xenio , enxeño e perfección. Quen tivo retivo
que se di, estou seguro.....Por R.S. Lago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario