domingo, 9 de decembro de 2018

LALÍN CAPITAL DO COCIDO.











LALÍN CAPITAL DO COCIDO
O prometido é débeda, no meu código ético literario é así e vai seguir sendo así, ata que deixe de prometer nada e aprenda a ir pola vida cos labres cosidos como a maioría dos mortais enormemente iguais de aburridos e sen nada para impresionar, nin por dentro, nin por fóra que di unha canción pop de non sei que autor e que aquí nesto parece que funciona ben...un caso...pois ben saiban que para comer bo cocido, aparte do que se come na Casa do Monte de Paraños – Gargantáns - Moraña, eu acepto Lalín coma lugar idóneo.
Lalín ese municipio cun interior único, extenso, traballador, montañoso; berce de ilustres nomes coma o do observador do ceo Ramón Aller, o do aviador Loriga sobre o que o meu amigo de Sanxenxo Carlos Quitiá escribiu un libro titulado: “El vuelo de la gaviota” en español, o pintor Laxeiro ao que por medio do tamén pintor Celso de Briallos Portas, tiven ocasión de coñecer na cidade portuaria:Vigo, onde agora xa ten estatua de bronce, como tamén a ten en pedra granítica no seu municipio diante do museo que nomea, etc.
Lalín, Lalín, con razón ou sen ela, fai do cocho, do que ata os andares se comen que dixo o de Mondoñedo, un tal Álvaro Cunqueiro, un manxar fortalecedor para cristiáns vellos e de bo dente, cada ano ; concretamente entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro,no caso deste novo ano 2019, que vén imparable na inmensa rolda do tempo participada polos calendarios: XX Mes do Cocido, festa de interese turístico nacional.”De san Amaro a San Martín mes do cocido en Lalín” que sentencia o refrán.
Si, Loli Dios e máis eu este outono soubemos valorar o cocido no hostal AS VILAS na rúa Arenal nº 4 telf. 986 780 140,preto da fonte dos cabalos. Baixo a dirección de Isabel, Víctor fillo reparte a vianda nun primeiro andar que parece a á dun avión reactor...pan, viño tinto do Ribeiro, prostres caseiros, licor café...saes farto e con gañas de vir cantando no auto mentres baixamos cara a franxa translitoral da ribeira atlántica...tomen boa nota, e se poden papen o cocido no hostal restaurante referido...claro que non é obrigatorio e en Lalín por suposto que sobran sitios onde catalo, porque claro cada quen ten as súas propias querenzas...e a miña é clara por o restaurante As Vilas.
Non digo máis, acompaño algunhas fotos das que fixemos e digo que uns quilos de máis aproximan á felicidade, ao marxe dos cánones de beleza anoréxica dos tempos actuais...Saúdo de paso a Cuíña fillo, alcalde municipal, que eu coma el, tamén quedei sen pai nun abrir e pechar de ollos...
-¿ E xa está así?
-Pois si, así xa está...¡que lles aproveite!.
Sábado 8 de Decembro do ano 2018, por R.S. Lago.
 



Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...