venres, 29 de xullo de 2022

O TALIBÁN DE BILBAO






                                                 O TALIBÁN DE BILBAO

Vendo na televisión pública o debate sobre o estado da nación, sentín mágoa diante da intervención de Santiago Abascal Conde, confrontado co presidente do goberno Pedro Sánchez Pérez Castejón. Mágoa dixen, moita tristeza e un pouco de vergoña allea tamén.

O atilado presidente e voceiro dos ultraconservadores de presencia robusta, ben comido e mellor vestido con terno a xogo coa súa impecable garabata azul mariña e feroces ollos brillantes, coma espellos cóncavos incapaces de ver máis alá das súas arengas, todo un sporman capaz de ensartar nun fío de seda viperino un monte de disparates sen inmutarse, froito da  particular lectura do momento socio político actual que fai o seu grupo de señoritos metidos nas cousas públicas, é un provocador que se cree as súas propias mentiras.

Actúan estes próceres a imaxe e semellanza da francesa Marie Le Pain, entre outras glorias europeas, nun perigoso intento de resucitar os fascismos de entre guerras mundiais que tanta infamia e dolor trouxeron ao planeta. Queren estes salva patrias, artellar un cerrollo tardo medieval sobre as conquistas dos dereitos sociais da Europa dos pobos e as súas xentes, ¡non son de fiar!

Convertese así o talibán de Bilbao de nai coruñesa, nun elemento irrespirable, agresivo e sen calidades de home de estado asentado na mesura e na prudencia. Apoiado por 52 confrades museísticos da súa mesma corda zoolóxica, o fala barato vasco, sobe ao estrado da cámara lexislativa para dedicarse a oporse a todo o que o goberno socialista, nestes momentos de crises xeral, propón para frear a inflación de xa dous díxitos, neste lamentable intre bélico nacido da intolerable guerra de Ucraína, na que o gran sátrapa ruso Vladimir Putin sofre delirios de Pedro o Grande, na súa asasina pulsión imperialista.

En fin, en momentos, polas formas e os acontecementos bélicos, próximos a un estado de guerra mundial, coas capas máis desfavorecidas da sociedade sufrindo estreiteces, o capitán ala triste dos ultra vox, dedicase a discursear oratorias viles, falta á verdade con alegría impropia e comportase como un irresponsable de chiste que, fai as delicias do seu superior grupo de elixidos, para salvar o reino das españas das terribles hordas nazarís entre outras prestancias...

Electo polo pobo soberano en eleccións democráticas libres e directas, indubidablemente é un alto representante da soberanía nacional no congreso dos deputados e non vou ser eu quen lle negue a lexitimidade que ten baseada nas leis vixentes, nin lle coarte a súa liberdade de pensamento e expresión na tribuna de oradores diante dos taquígrafos da institución...o que si podo e debo facer é criticalo, sinalalo e amosalo coma un deputado presidente e voceiro de escasas luces, faltón, cruel, provocador e nada edificador do ben común que esixe no seu articulado a constitución de 1978. Vergoña lles debería dar a Santiago Abascal Conde e aos seus acólitos dicirse nestes momentos representantes do pobo español, porque sempre risoños e festivos coa que está caendo sobre as bases da pirámide social, eles semella que están no congreso para mellor pasar o seu ocioso tempo de señoritos de altos berces, ocupando tribuna preferente diante dos acontecementos tinguidos de realidade urxente que eles espirituosos nin olen, coas súas napias de xirafas confundidas. Oíndo ao seu líder deime conta de que non son xente do común, eles son pescozos estirados, colos duros, luvas brancas, prohomes e mulleres fantasmais e bretemosos dos tempos máis mesquiños e saen dun mal soño de retrógrado espanto que, como en hábil dialéctica lles dixo o presidente socialista: só teñen sitio nos armarios do pasado...¡confórtame que en Galiza aínda non tocasen pelo!

E, non, non sentín ningunha felicidade a ter que escribir isto, sobre uns compatriotas que aínda que deputados, só serven para confundir ao pobo chan, apoiados polas mellores medallas de cada casa, cada barrio e cada pobo...saudosos todos eles da peor das españas posibles, a falsa, a insolidaria, a traizoeira, que se pon dos nervios diante de palabras como liberdade, xustiza e prosperidade...rslago 12.7.22    

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...