sábado, 26 de maio de 2018

AGUA FRESCA DO XARRO, NON DE PRATA, SENÓN DE BARRO


Foto de Concello de Barro.




              AUGA FRESCA DO XARRO, NON DE PRATA, SENÓN DE BARRO
Un libro guía, editado polo padroado provincial de turismo “Rías Baixas”(fundación pública da deputación provincial de Pontevedra), do ano 1990 titulado: “Pontevedra turística” no que se recolle a historia e os recursos turísticos de cada un dos sesenta e dous concellos que conforman ou conformaban a provincia de Pontevedra.No que son autores dos textos: Miguel Anxo Pereira Figueroa, Manuel Crespo Alfaya e Afonso Paredes Pardo , das fotos: Diarama.Paredes , dos debuxos: Conde Corbal e que remata coa suxerencia de sete rutas turísticas pola provincia de menor superficie das catro galegas, nas páxinas 29 a 32 inclusive, ocúpase do concello de Barro.
Pois ben, nas liñas finais dedicadas a Barro dise en castelán, aquí traducido:”...Ademais para os seus numerosos amantes, existe “A festa do viño” e no seu tempo un bo prato de fina troita do Chaín, servida nunha peza de Barro artesán da zona, que por algo leva esta terra tan nobre e artesanal nome...” Aquí quería chegar, ao comentario sobre a artesanía da zona, porque quen queira que fose o autor do comentario, refírese con xenerosidade ao nome de Barro e inmediatamente asocia este coa artesanía.É dicir no nome do noso concello hai unha invitación clara, unha marca comercial, unha especie de franquía que invita a traballar o barro, a facer arte con el.Existe no tal comentario unha ilación de sentido común básico: se te chamas Barro debes ter talleres de cerámica e alfaremes artesanais, non queda outra. Así debeu razoar o redactor das liñas apuntadas antes.
Abondando, lembro que un mestre do colexio “Amor Ruibal” ao que asistín de rapaz, licenciado en historia Don Casimiro Mesejo, coa colaboración dun condiscípulo chamado Axustín, conseguiran formar unha auténtica ánfora romana, a partir dos anacos que o rapaz ía traendo do monte dos Casás de Agudelo ou monte Güimil. Si, debe andar a tal ánfora por algunha vitrina do colexio.Vemos pois como a cerámica , o traballo no barro, insiste en chamar a nosa atención xa por dúas veces; esta última cunha profundidade histórica por valorar e a primeira como dixen froito da xenerosidade ou sentido común do redactor do texto de referencia.
E como queira que se di que non hai dúas sen tres, agora xa si aparece un auténtico pioneiro da artesanía contemporánea entre nós: Celso García Alonso que, na sala de exposicións do terceiro andar do novo edificio do concello, amosa baixo o título :”As mans de Barro” do 21 de maio ao 8 de xuño do presente ano 2018, os froitos da súa fecunda inspiración. ¡Felicidades! Quen se decida a darse unha volta pola sala vaise topar cunha labor creativa chea de talento e rigor histórico.
Desta saudable maneira parece que se pecha o círculo da chamada de atención do barro, agora sería desexable que se propague o exemplo e con estas sementes iniciais, tal vez poderían xurdir entre nós máis alfaremes e artesáns do barro; que por exemplo se algún visitante da nosa comunidade decidise mercar algunha peza de cerámica con avoengo case lle sería obrigado pasarse polo concello de Barro, en cerrada rivalidade coa tan valorada cerámica de Sargadelos, dito isto por entrever camiño e barallar utópicas posibilidades.
Porque claro en letras de vellos refráns: “Auga fresca a do xerro, non de prata, senón de barro” ou tamén: “Mentres o barro endurece co fogo o ouro abrándase”.E tamén en expresión de autores, citas, que a min tanto me inspiran ás veces.Así mentres Jeume David Salinger di: “Confía no teu corazón.Es un artesán cheo de creto”, Augusto Renoir conclúe:”Ser un bo artesán non impedirá que sexa un xenio”. Citas que van sobre todo por vostede Celso García Alonso, creador, artesán, artista.Saúdos a todos.
Por R.S. Lago. Sábado 26 de Maio do ano 2018.            
    
 

xoves, 3 de maio de 2018

O VENIAL.



                                             
                                                                  O VENIAL
.....Conste e dígoo así mesmo que, eu son bastante venial, pero bastante, bastante venial. Agora claro se me quentan son una máquina de dar hostias, son un animal.
Tiven que meterme á roda porque non me quedou máis remedio. O carto e o carto, que senón ía machucarse os riles María Santísima. Ando á rota, levo un camión frigorífico cheo de caixas de conxelado para: Valencia, Alacante e Tarragona; mellor dito téñoo levado que, agora cambiáronme de itinerario, como precisarei máis para diante. Quitei o carné na auto escola Umia de Caldas de Reis, xa fai tempo desto.Por falar direi que, o que me daba as prácticas, era un deses homosexuais perfumados que parece que nunca romperon un prato, pero unha vez o cabrón tratou de botarme a man, porque eu son bo mozo e metinlle unha roda de hostias coma pans.
Eu respecto case todo, agora ben como non me vai o asunto da marcha atrás, tomo medidas para casos semellantes. Así é todo o que é a vida, o bolboretón está casado e con fillos e vive no lugar de Badoucos, parroquia da entidade local menor de Arcos da Condesa.Disque que lle compra as bragas á muller e que lava a roupa el a man no pilón da casa, os veciños chámanlle “raña cus” porque sempre anda a rascarse nese sitio, en plan tic nervioso.
Recordo o día da primeira práctica, eu era un mozo de vinte tantos anos e facía calor, el abanábase cun calendario que había alí na cabina do camión e aínda que non lle dei importancia, el sempre me rozaba a man no intre de mover a panca de marchas. Á terceira práctica xa pasou o que pasou. O día anterior , eu non lle fixen puto caso, declaróuseme chegando a Godos; pero ao día séguente en San Andrés de César o moi moina sen dicir nada pousoume a man no paquete, non dixen palabra, puxen o intermitente da dereita, aparquei o coche, boteille o guante ás lapelas e brinqueino fóra do coche. Despois sabe o forense , púxenlle a cara coma un mapa, ¡ porque a ver si teño razón ou non a teño !.
Non se pode consentir tal cousa, somos homes ou non o somos e mira ti se polas circunstancias que sexan, sae un como non hai que saír, polo menos, que eu son bastante tolerante: ¡sexa vostede educado e non ande a meterlle a man a rapaces como era eu no caso!.Despois de que o denunciei interveu coma sen querer a xustiza e ben o asunto ao fin quedouse en nada e aínda facendo un pouco de memoria, me parece que a xustiza me puña a min por agresor, cando eu actuei en lexítima defensa da miña persoa. Pero ben, o tempo vaino curando todo e desto estou sen secuelas dunha gravidade transcendente.
O que si teño que dicir antes de ir meténdonos en máis fonduras e que ao presente despois de ter sido chofer de ata conselleiros da Xunta de Galicia e facer viaxes aos sitios que digo ao principio, agora ultimamente a miña rota sae de Cambados e chega ata Xetafe en Madrid e de volta paso por Leganés para coller retorno de froitas ata orixe outra vez ; senón cargo de volta, deixo o conxelador nun aparcamento que hai preto de onde vivo na aldea de Loureiro do municipio de Xabre.Para maior precisión direi que, agora saio normalmente dos almacéns de conxelados Gómez de Cambados e vou ata Pontevedra , sigo en dirección ao Carballiño, Ourense , Xinzo de Limia, Verín , A Gudiña , Pobra de Sanabria, Benavente, Tordesillas, Medina de Campo, Arévalo, Adanero, Villacastín, Madrid,Xetafe, deixo a mercancía composta por toda clase de produtos do mar conxelados e tiro para Leganés a cargar como xa dixen froita coma retorno.....Moito menos tunda que ir ata Levante e Cataluña coma antes.
Tampouco teño ningún problema en aclarar aquí o que me pasou co señor conselleiro de pesca: unha noite de esmorga de xa fai algún tempo. Eu vestía uniforme azul mariño e gorra de prato estilo a dos militares cando van de gala e conducía un Mercedes trescentos de color azul forte a xogo, mesmo a xogo co uniforme e entre outros tiña que levar e traer ao señor conselleiro de pesca, co que xa tiña algo de confianza, que mesmo me preguntaba pola familia e polos fillos, cando o cabrón estaba de quero; pero un bo día por chamarlle de algunha maneira, despois das oito da tarde en vez de ir para a casa, pediume que o levara a un club de chicas que hai preto do aeroporto de Lavacolla e ben, alí ligou unha trompa de campionato, quixo vir a carón de min no asento dianteiro cantando cancións da tuna, ata que lle dou por comezar a tentearme coas man o mesmo ca o monitor da auto escola, ¡ mi madriña !, parei o vehículo e aínda que son venial, abrandada a ferida da que xa falei, brínqueime nel e deixeino feito un gato mazado.
Despois veu o tema do expediente e largáronme, puxéronme na puta rúa e claro non me quedou máis remedio que amarrarme á roda. Pese a que fixen os escritos regulamentarios no meu descargo dicindo o que pasara e tal que sei eu, tal como me aconsellou un avogado, medio amigo, porque os avogados non son en realidade amigos de ninguén, a non que ben o trato sexa profundo e cotiá e o noso non o era en absoluto. Ben resultado, que me expulsaron por agresión e non sei que trapalladas máis do cadro choferes da Xunta de Galicia. Ninguén quixo crer que o barbado conselleiro de Pesca, pai de fillos, me metera a man na bragueta.
Todo isto pásame porque seica que son guapo, un Celta de finais do século. Cabelo louro e ollos azuis oficiais.O de que son guapo, dío todo o mundo e ademais pódeseme ver na cabina do camión, a voltas polo eirado ou tomando cañas de cervexa no Lolita cando non estou pilotando.....                       

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...