xoves, 27 de xuño de 2019

A historia dun soado crime a principios do século XX

Resultado de imaxes para o crime do pazo do monte en ribadumia


A HISTORIA DUN SOADO CRIME A PRINCIPIOS DO SÉCULO XX

Título: O crime do Pazo do Monte
Autor: Hernando Martínez Chantada.
Edita: Iltmo. Concello de Ribadumia.110 páxinas.Ano 2019

A min a literatura de proximidade está claro que me pode. Neste caso trátase da radiografía dun crime moi soado no Salnés Val : Ribadumia. O sábado 18 de abril do ano 1914 Xosé Fariña Varela de 66 anos de idade propietario do Pazo do Monte a orelas do Umia, xuíz de Ribadumia, casado e cunha filla, morre a mans do xornaleiro Manuel Souto Pájaro, montañés, da terra da Arzúa,nacido en setembro de 1893 no lugar de Vilanova da parroquia de San Cristovo de Beseño, no concello coruñés de Touro...
O autor do libro: Hernando que é no principal un  mestre de escola xubilado de Ribadumia, foi tamén un dos promotores da adega Martín Códax que durante algúns anos patrocinou un premio de poesía, por si isto fóra pouco tamén é  un  veterano meteorólogo voluntario asociado, con estación de medición na casa. Polo que puiden indagar ten escrito libros didácticos para a educación xeral básica e outros sobre a historia da súa parroquia e freguesía. Estamos diante dun home positivo e traballador que cre , acertadamente ao meu xuízo, que “ A historia é a mestra da vida”.
Pese a confesión do culpable, o autor por medio de acertadas reflexións persoais e históricas, quere transmitirlle ao lector, o enredadas que andaban as cousas naquela época.Un propietario rico con chofer e  segunda residencia na rúa Riestra da capital da provincia négase a darlle o xornal gañado ao seu empregado, para que poida pagar as botas que contratou en Barrantes, mesmo trata de matalo cun tiro dunha escopeta de salón, en defensa propia o xornaleiro golpéao cunha estaca de carballo e despois róuballe o diñeiro e calza as botas do morto, facendo desaparecer a roupa. A todo isto ao ser localizado pola garda civil na taberna da Goulla, consigue escapar, e volve a ter problemas en Barro, onde tamén traballara algún tempo nalgunha casa grande, finalmente e detido preto da súa casa materna...sigue detención en Cambados...xuízo na audiencia provincial de Pontevedra con xurado popular...condena a morte...que se queda en cadea perpetua no penal de Santoña en Cantabria. Esta é a espiña da pescada, pero o autor didáctico e bo coñecedor do marco histórico, se é necesario fai un aparte e fala da emigración, do caciquismo, do clientelismo político, da corrupción política, da etnografía e do que se lle poña por diante. O libro está documentado con noticias dos periódicos, fotos, lápidas onde están soterrados os corpos dos protagonistas, debuxos de Castelao, xenealoxías de familias poderosas da época, explicacións do brasóns distinguen o Pazo do Monte etc.
Para rematar, acaba coa fantasmagoría final: A volta do indiano, episodio imaxinario na vida de Manuel Souto Pájaro, que probablemente fuxira aos tres anos de encarcerado no penal cántabro, probablemente apoiado por xente poderosa de fóra do cárcere,  e despois chegou a casarse na Arxentina sen descendencia, onde traballou de conserxe no barrio do Juncal...
En conxunto o libro é unha invitación a non meterse en leas políticas e vivir a vida con humildade gozando da familia e a natureza. O pucheirazo  electoral, o relevo no poder entre conservadores e liberais, a man esquerda necesaria para manter ao pobo calado e tranquilo... destacar a figura do avogado defensor do sentenciado que foi un tal Rafael López Haro(1876-1967), natural dun pobo de Cuenca, notario en varias prazas entre elas Pontevedra, compuxo  obras literarias de diversos xéneros chegando a ser un importante escritor. Ingresou no círculo político maurista da cidade do Lérez, que simpatizaba co anticaciquismo agrario . Indignouse moito porque o asasino do cacique Fariña non encontrou defensor.Entón López de Haro pediu a baixa como notario , inscribiuse no colexio de avogados e , como seu defensor, conseguiu salvar da morte a Souto Pájaro, a raíz disto entrou en política da man de Antonio Maura e foi gobernador civil en varias provincias...
En fin historia de proximidade das que a min tanto me gustan, que non se acaba no expresado e ten múltiples e fecundas lecturas. O autor Hernando Martínez Chantada ata se atreve a facer un cantar de cego, a principio do exemplar, para dar noticia do crime de Ribadumia por festas e romarías a cambio dunhas moedas...Xoves 27 de Xuño do ano 2019. Por R.S. Lago.

    




Un libro ameno e enriquecedor.

Resultado de imaxes para o clan de martiño


UN LIBRO AMENO E ENRIQUECEDOR

Título: O clan de Martiño
Autores: Roberto Rivas ( Guión)
                 Iván Bello (Texto)
                 Ana Seoane (Ilustracións)
Impresión: Táktika comunicación.
Edita: Deputación Provincial de Po.2019

Acabo de ler este libro asinado por dous barrenses: Roberto e Iván, e por a ilustradora Ana Seoane da que non sei dicir cal é o seu lugar de nacenza. Ben, desculpada esta ignorancia, digo que me gustou e que mesmo me aportou datos interesantes, sendo eu un adulto, cando o exemplar do que falamos parece dirixido ao público infantil.
Paleolítico, nómades, caza , recolleita de froitos salvaxes e ovos, procura do mellor clima, pedras quentes sobre as que se poden facer enormes sestas.
Idade de bronce, sedentarismo, depresión meridiana,cobre,adornos,agricultura e gandería,petróglifos, mámoa Rodel de Agudelo.
Idade de ferro,castros, monte Güimil de Agudelo,comercio,guerreiros,cerámica con barro,talla de pedras, Druída relixión e medicina.
A romanización, 19 antes da nosa era chega Xulio César,cen anos de disputas entre romanos e castrexos,viño,novas sementes,tellas,latín.
As invasións suevas e bretoas, finais século V chegan os Suevos de orixe xermánica,bretóns séculos V e VI de Britania, Bretoña en Curro,carpintería.
O camiño de Santiago e o estilo románico, ano 1101 Diego Xelmírez arcebispo de Compostela destino de peregrinacións, Vía romana convertese no camiño portugués, século XII San Martiño de Agudelo e o mestre Mateo do Pórtico da Gloria, roupa de liño,troitas no río.
A orde beneditina e o viño, Armenteira, século XII: albariño e caíño, “unha vella apañando bagullas fixo unha pipa de viño” dicía meu avó paterno Francisco en terras de Penalta, Arcos da Condesa, Caldas de Reis. Este era un traballo menor para nenos nas outonais vendimas.
Época moderna: o millo e a pataca, século XVI, despois da descuberta, chegan as patacas e o millo,muíños de Barosa. Interesante: Nove crases de patacas, seis crases de espigas de millo etc.etc.
Unha pequena alfaia é este libro no que as ilustracións son basilares, narrativas e cheas de sentido do humor, que no texto non falta tampouco. Historia de proximidade, intrahistoria, tal vez un guión para algo máis grande...eu que sei...normalmente só falo dos libros que me gustan, está claro.27/6/19 por R.S. Lago.

domingo, 16 de xuño de 2019

TOTALMENTE EN CONTRA DA RANCIA FESTA DO VIÑO DE BARRO.




                                    DESPOIS DA XXXVI FESTA DO VIÑO DE BARRO

En Barro levamos xa 36 longos anos exaltando os supostos famosos caldos da zoa porque se lle puxo nos miolos a catro ebrios de taberna incapaces de ver máis alá das cuncas de viño e das pírricas esmorgas delirantes que incorporan. Sete lustros e pico de: cirroses hepáticas, violencia de xénero no ámbito familiar por parte dos confrades da relixión báquica, traballo escravo e incesante mal remunerado nas viñas, todo amparado polo concello, sen máis norte e como senón houbese un mañá. Todo porque a catro linces acaneados se lle meteu na cabeza, a base de ver a Falcon Crest ,emular na distancia a clase de vida que establecía a serie norteamericana.Agora mesmo, estamos metidos de cheo e sen aparente remedio, no mundo das vespas e alambretas, dos enólogos de carreira, dos cabalos e cabaleiros,dos cociñeiros sobre tellas de lousa, das festas medievais, das sardiñas con pan de millo, da zumba, da carne ao caldeiro, do polbo á feira, dos desfiles de moda.....Unha cousa entre surrealista e escandalosa que presenta as credenciais deste tempo fervido en chumbo de cambio climático e de fabricar soldadiños de colección bélica.Aquí, aparte de pretender converter o nome do municipio nunha marca de viños, lévanse gastado máis dun millón de euros en apoiar as quenturas e ambicións etílicas dun pequeno porcentaxe de xente, menos dun 15% de produtores máis alá do tradicional autoconsumo.¡Persoalmente nunca me gustou esta sobre dimensionada festa!, que xunto coa de Barrantes e Cambados máis ca un mérito para o pobo que a celebra é unha especie de tara que axiña se contaxia negativamente a aqueles que aquí defendemos a auga como o líquido propio dos corpos sans, lonxe dos comas etílicos, comportamentos incívicos, ouriños e defecacións e falta de equilibrio que agora padecemos con resignación cada ano.Agora, algúns esclarecidos falan  para defender os seus intereses, de que sempre se vendeu viño daquí para as tabernas de Boa Vila e que mesmo os primeiros premios da festa de Cambados viñeron para Barro.Moi ben. Perfecto.Pero miñas donas, meus señores, aproveitando que o Umia pasa por Caldas de Reis, non se converte como se esta a facer un municipio enteiro na etiqueta dunha botella de viño.Que despois, todos sabemos, que a xente ten que venderlle o quilo de uva albariña aos adegueiros, principalmente  de Cambados, polo que estes lles queren pagar, ao non haber un prezo xusto nacido das leis do mercado.En fin que para o meu gusto e na miña opinión o Barro que está aflorando coas luces das cuncas de viño non é en absoluto o que se merece este fermoso municipio do alto Salnés val, incardinado na comarca de Pontevedra.Merecerían estas terras algo máis requintado e cultural, que claro non se pode deseñar a priori sen atender ao pulso propio do territorio, Barro cerámica, Barro ecoloxía, Barro produtos da horta. De verdade ben queridos amigos meus, seguir como seguro que se vai seguir polo camiño do alcol, porque non hai maiores alcances e por certos intereses persoais, xa está sendo un erro histórico grande e cada vez vaise facer máis visible e voluminoso coma as bolas de neve cando avanzan monte abaixo.Digo todo isto coa mellor boa vontade, en busca doutro espírito menos turbulento cal é a ebriedade para que o noso pobo brille orixinal e admirable entre os pobos da súa contorna.Esta miña opinión é recomendable lela cunha copa de auga fría e limpa, dalgunha das nosas rumorosas fontes, preto da man.Saúde para todos.
Martes 26 de Xuño do ano 2.015. Por R.S. Lago.  
Escribín o anterior no ano 2015 e agora no 2019 manteñóo. Cantarlle ao viño, louvalo e un lugar común, o problema está en meterse debaixo da parra no mes de xaneiro e saír no mes de decembro. O traballo do viño é un traballo escravista e o pobo que resulta deste cultivo non le libros, nin se interesa pola cultura...é parecido a un pobo da conca mineira...traballador, ebrio e pendencieiro: Iso é o que levan metendo nos miolos da xente durante corenta anos os gobernantes deste sufrido pobo...e xa poden dicir o que queiran o presidente do consello regulador, o alcalde, o delegado de cultura da deputación provincial e ata o pregoeiro, o meu amigo Adolfo Caamaño. Non, Barro, precisa de todo menos viño e festas do viño...Porque os que dirixen as bodegas, salvo honrosas excepcións, non caban, nin sulfatan, nin podan, nin vendimian, non iso deixano para o pobo chan, despois eles beben os berebaxes que inventan con saborosos queixos de cabra...Cumpro e que tome nota quen poida e queira entender. Esta non deixa de ser unha opinión miña. Claro que non teño nada persoal en contra dos colleiteiros , nis das adegas que hai en Barro, claro que penso no futuro e expreso a miña opinión, claro que si.Domingo 16 de Maio do ano 2018.     

sábado, 1 de xuño de 2019

Negocios.


Resultado de imaxes para negocios

                                     NEGOCIOS
Estou na terraza da pastelería Caprichos pendente de algúns negocios, estou tomando un gin tonic con xeo e unha lisca de limón, no meu maletín de pel de becerro teño un marteliño de carpinteiro con mango de madeira...Son as sete da tarde e por fin chega o enmascarado, vir vén a face descuberta, pero con barbas postizas, gafas negras de sol e unha viseira tamén negra da marca X.Achégase cauteloso á miña mesa e falamos.Entrégolle un sobre con cinco mil eurazos ben contados a toca tella e o plano de google coa localización da casa e unha foto actual en color da vítima voluntaria.Enmascarado asegúrame que nun prazo de quince días reais a partir de mañá o traballo quedará feito.Chocamos as mans en plan okei e tal como veu ausentase con total discreción.Mentres se me alcanza sígoo coa vista, é un tipo pequeneiro, sen ningunha característica especial que se poida dicir del así a primeira vista.Máis alá do parque infantil saíse do meu campo de visión e débese dirixir á parada dos taxis para coller un , ou ao mellor ten estacionado o seu auto na estrada de Vilagarcía...Non vou dicir aquí en que consiste o traballo que a min me supón un ingreso doutros cinco mil euros, cincuenta, cincuenta, e a pobre tolleita da foto a tomar polo "ass" a petición propia, negocios, son negocios e nós actuamos ao gusto do consumidor que é o que paga.Quince días e ¡pum!, en calquera momento, mañá mesmo, por sorpresa, que investiguen despois o que queiran, o negocio marcha, cada vez hai máis desesperados sen valor para actuar por si sos, ¡ viva o liberalismo...! O día de primavera alta deixa ver o sol en todo o seu esplendor coma unha gran laranxa acesa, arredor de min a xente socorrese con bebidas frescas con xeo, viseiras de colores e algúns mesmo se aplican cremas protectoras na face e nos brazos.Hai peregrinos de varias nacionalidades, meniños con triciclos e unha auténtica praga de carteis electorais: aos vellos das xerais españolas de poucas datas atrás, súmanse agora os das locais i europeas, os candidatos rin encol das súas siglas coma país xenerosos, as pancartas ondean ao vento en demanda do voto...o goberno do pobo polo pobo ten estas congostras, unha romaría de ollos a mirar para ti para que te sintas necesario e importante, probablemente, pero a min tanto ollo observándome ponme algo nervioso e pido un segundo gin tonic. Nesto xa chega Sonia , a rapaza de vintecinco abrís da recta da Anllada, ¡ola!, ¿tomas algo?, non que xa marchamos, toma e entrégame un sobre con tres mil euros.É a última entrega dos nove mil euros que lle cobrei por casala cun mexicano do concello ourensán de Avión con negocios en México distrito federal, el ten setenta e oito anos, viúvo de pouco, quería unha rapariga fermosa da terra, ten un fillo herdeiro de trinta, e como di Sonia , que xa anda grávida, da familia vai ser a criatura o que non se sabe se do pai marido ou do fillo fillastro.Xente de moito capital, con avión e outras coñas mariñeiras...negocios...aínda ben non marcha Sonia, xa vén Cristina corenta anos, a muller dun hoteleiro de Sanxenxo cun novo sobre, este de catro mil euros, pago único, polo cruceiro que fixo polo mediterráneo co atractivo cantante dunha orquestra galega, que pola súa parte lle quitaría quen sabe cánto  ademais de disfrutar dos seus encantos...estou a punto de pedir un terceiro gin tonic , cando vexo vir o camión dos cochos que baixa de Lalín e vai cara o matadoiro de Montellos en Betanzos, son as oito da tarde, hai algo de atasco no cruce de estradas do centro do pobo, o xusto e necesario a estas horas, ademais hai un municipal asubiando, saio correndo , collo o marteliño de carpinteiro con mango de madeira, sitúome detrás do camión detido, cheira que fede, doulle a un dos pasadores, logo ao outro, tiro pola porta, empezan a saír cochos, cochos, cochos, que corren en todas as direccións, a xente amodorrada nas terrazas aplaude, pero cando baixa o chofer cunha pata de cabra nas mans todos calan, o municipal non sabe que facer e pide reforzos polo walkie ...un porco grande que corre en dirección ao río Umia chíscame un ollo. Todos eles chían de xúbilo, escapan da morte, queren ser libres, estou seguro de que polo menos eles me teñen por unha boa persoa e incluso por un heroe e que lle falarán de min aos seus descendentes, se logran zafarse...no medio de todo o alboroto eu voume esvaecendo, son ese cidadán anónimo que enche unha botella plástica de cinco litros de auga da burga para ao chegar á casa amolecelas uñas dos pés e cortalas aproveitando que hoxe é un día que non leva r...Eu son o fillo do Vento do Norte e para tratar comigo destes e doutros negocios, hai que facer baixar do aire un corvo e darlle o recado que corresponda que el xa sabe onde toparme... Por R.S. Lago.Maio 2019.          

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...