xoves, 27 de xuño de 2019

A historia dun soado crime a principios do século XX

Resultado de imaxes para o crime do pazo do monte en ribadumia


A HISTORIA DUN SOADO CRIME A PRINCIPIOS DO SÉCULO XX

Título: O crime do Pazo do Monte
Autor: Hernando Martínez Chantada.
Edita: Iltmo. Concello de Ribadumia.110 páxinas.Ano 2019

A min a literatura de proximidade está claro que me pode. Neste caso trátase da radiografía dun crime moi soado no Salnés Val : Ribadumia. O sábado 18 de abril do ano 1914 Xosé Fariña Varela de 66 anos de idade propietario do Pazo do Monte a orelas do Umia, xuíz de Ribadumia, casado e cunha filla, morre a mans do xornaleiro Manuel Souto Pájaro, montañés, da terra da Arzúa,nacido en setembro de 1893 no lugar de Vilanova da parroquia de San Cristovo de Beseño, no concello coruñés de Touro...
O autor do libro: Hernando que é no principal un  mestre de escola xubilado de Ribadumia, foi tamén un dos promotores da adega Martín Códax que durante algúns anos patrocinou un premio de poesía, por si isto fóra pouco tamén é  un  veterano meteorólogo voluntario asociado, con estación de medición na casa. Polo que puiden indagar ten escrito libros didácticos para a educación xeral básica e outros sobre a historia da súa parroquia e freguesía. Estamos diante dun home positivo e traballador que cre , acertadamente ao meu xuízo, que “ A historia é a mestra da vida”.
Pese a confesión do culpable, o autor por medio de acertadas reflexións persoais e históricas, quere transmitirlle ao lector, o enredadas que andaban as cousas naquela época.Un propietario rico con chofer e  segunda residencia na rúa Riestra da capital da provincia négase a darlle o xornal gañado ao seu empregado, para que poida pagar as botas que contratou en Barrantes, mesmo trata de matalo cun tiro dunha escopeta de salón, en defensa propia o xornaleiro golpéao cunha estaca de carballo e despois róuballe o diñeiro e calza as botas do morto, facendo desaparecer a roupa. A todo isto ao ser localizado pola garda civil na taberna da Goulla, consigue escapar, e volve a ter problemas en Barro, onde tamén traballara algún tempo nalgunha casa grande, finalmente e detido preto da súa casa materna...sigue detención en Cambados...xuízo na audiencia provincial de Pontevedra con xurado popular...condena a morte...que se queda en cadea perpetua no penal de Santoña en Cantabria. Esta é a espiña da pescada, pero o autor didáctico e bo coñecedor do marco histórico, se é necesario fai un aparte e fala da emigración, do caciquismo, do clientelismo político, da corrupción política, da etnografía e do que se lle poña por diante. O libro está documentado con noticias dos periódicos, fotos, lápidas onde están soterrados os corpos dos protagonistas, debuxos de Castelao, xenealoxías de familias poderosas da época, explicacións do brasóns distinguen o Pazo do Monte etc.
Para rematar, acaba coa fantasmagoría final: A volta do indiano, episodio imaxinario na vida de Manuel Souto Pájaro, que probablemente fuxira aos tres anos de encarcerado no penal cántabro, probablemente apoiado por xente poderosa de fóra do cárcere,  e despois chegou a casarse na Arxentina sen descendencia, onde traballou de conserxe no barrio do Juncal...
En conxunto o libro é unha invitación a non meterse en leas políticas e vivir a vida con humildade gozando da familia e a natureza. O pucheirazo  electoral, o relevo no poder entre conservadores e liberais, a man esquerda necesaria para manter ao pobo calado e tranquilo... destacar a figura do avogado defensor do sentenciado que foi un tal Rafael López Haro(1876-1967), natural dun pobo de Cuenca, notario en varias prazas entre elas Pontevedra, compuxo  obras literarias de diversos xéneros chegando a ser un importante escritor. Ingresou no círculo político maurista da cidade do Lérez, que simpatizaba co anticaciquismo agrario . Indignouse moito porque o asasino do cacique Fariña non encontrou defensor.Entón López de Haro pediu a baixa como notario , inscribiuse no colexio de avogados e , como seu defensor, conseguiu salvar da morte a Souto Pájaro, a raíz disto entrou en política da man de Antonio Maura e foi gobernador civil en varias provincias...
En fin historia de proximidade das que a min tanto me gustan, que non se acaba no expresado e ten múltiples e fecundas lecturas. O autor Hernando Martínez Chantada ata se atreve a facer un cantar de cego, a principio do exemplar, para dar noticia do crime de Ribadumia por festas e romarías a cambio dunhas moedas...Xoves 27 de Xuño do ano 2019. Por R.S. Lago.

    




2 comentarios:

  1. Estoy interesado en poder leer el libro, pero no encuentro la manera de poder conseguir un ejemplar.
    César Ruiz desde Barcelona.
    ruizcsar@gmail.com

    ResponderEliminar
  2. Esta historia da que era desconocedor os meus cincuenta e seis ano e na que puiden implicarme para aportar documentaciòn concedeume o pracer de emprender amizade co autor do libro Sr. Hernando e co seu colaborador Lede, ademais cheguei a contactar con un primo en Bos Aires que sendo rapaz conviveu con Manuel Souto

    ResponderEliminar

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...