xoves, 14 de marzo de 2019

MAREANDO A BALBINO.

Resultado de imaxes para memorias dun neno labrego



                   MAREANDO A BALBINO

-¡Balbino! ¡Balbino! Dille a teu pai que che dea o estatalá  que está debaixo da machada de asas que temos colgada do gancho de poñer en canal aos cochos no alpendre vello.
-¡Mamá! ¡Mamá!  Di papá que primeiro lle des ti a el a pedra de afiar as agullas que está debaixo do cribo que temos metido dentro da cesta de vergas que gardamos na cabana nova.
Mira meu neno, vai ser mellor que antes que nada, collas a peneira do trigo e enchas a cesta de vergas con auga da fonte dos ceos para darlle de beber aos biosbardos que trouxo teu pai onte de Porta de Conde e despois xa te ocupas de vagar de buscar o estatalá e máis a pedra de afiar as agullas.Leva contigo a machada de facer as sangres nas brañas, o berbequí de furar os gabexos de adega, unha trepia da lareira da cociña do forno e o adival por si chos pide prestados a señora moura que custodia a fonte e se che ofrece a cambio un monte de cagallas de ovella ou cabra encol dunha folla de verdura, ti cóllelas e volves escopetado para a casa sen cruzar verbas con ninguén, que ao mellor convértense en pebidas de ouro e así xa che podemos comprar a vídeo consola nintendo nova, a tablet galaxy e máis o dron phanton, todo xunto, coma nos venres negros.
-Vou alá logo ¿ e se pregunta por min papá?
-Non te preocupes que con el xa me apaño eu, e ri para si mesma.
-¿Onde vai o rapaz?
-O rapaz ten ocupación para rato...
-Agora xa entendo a túa vil e luxuriosa manobra: ¡tes a rosa leda e queres verlle a cabeza ao calvo do piso de abaixo!
-Por dicilo de algunha maneira meu rei...veña tira para o moble que hoxe vaiche chegar o formigo as plantas dos pés.

Nota: Balbino é o neno rural, protagonista da novela máis traducida e vendida de Galicia, ata o presente:”Memorias dun neno labrego”1.961 en Edicións do Castro, da que foi autor: Xosé Neira Vilas(1928-2015).Ao morrer o autor, o entonces presidente da RAG, Xesús Alonso Montero dixo que todos os nenos nacidos e criados no rural galego quedabamos un pouco orfos; este é o meu pequeno homenaxe a Balbino, un rapaz da aldea, e ao seu autor do que fun amigo e visitante en vida, na súa entrañable aldea de Gres en Vila de Cruces, preto das ínsulas que se forman dentro do canle do río Ulla.

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...