sábado, 29 de abril de 2017

PERSEGUIDO.



                             


                                                  PERSEGUIDO

Perséguenme, queren acabar comigo.Son xente mala. Xa hai tempo que vén sucedendo isto. Queren quitarme os cartos que gañei honradamente despois de toda unha vida de traballos.Teñen pistolas, furgonetas cos cristais tinguidos.Están dispostos a todo.Son xente mala.Pero eu non son parvo, son listo, astuto e vailles custar collerme para quitarme os cartos. O outro día tiráronme unha bala que me pasou a escasos centímetros da cabeza.Téñenme envexa.Saben da miña óptima posición económica e quéreno todo para os seus horribles vicios. Son coma cazadores, non desisten nunca, séguenme a pista, o rastro, queren cazarme para obrigarme a firmar un cheque de moitos ceros contra o meu banco de toda a vida.Son malos, ruíns, cativos.Escapo deles coma da auga fervida. Non me fío de ninguén, nin da policía, nin da garda civil, nin da miña familia, están todos compinchados dispostos a quitarme os case tres millóns de euros que teño aforrados.Son humildemente rico e non o poden soportar.
Xullo Fernández Freixanes - natural de Bóveda Lugo coma o secretario do Concello Xesús Rodríguez Castro - o membrudo director da sucursal do San Antoniño de Xabre, onde teño gardado os cartos cando me ve pónselle un sorriso de orella a orella e dáme a súa gran man aberta para que lla choque en plan amizoso, despois bótame  o brazo polo lombo e no reservado que hai ao fondo do seu despacho ofréceme bebidas alcohólicas con xeo, pero eu nunca lle acepto nada deso e confórmome cunha coca cola dobre cero: sen cafeína, nin azucre.Non me podo permitir baixar a garda en ningún momento.Ás veces cando me ve moi baixo acentúa a súa efusividade e trata de abrazarme e mesmo plantarme algún bico nas meixelas.Di que teño falta de cariño e que por iso desconfío de todos Deus, que así non se pode andar pola vida, que sufro unha manía persecutoria de libro, que vou acabar moi mal como non cambie.Despois fálame de como os meus cartos van medrando gracias á súa vista de comercio ao colocalos en accións fiables, letras do tesouro e outros valores sen risco que el reserva para os cartos dos amigos.Engade: os tres millóns xa están aí intocables, o que nós permite ir medrando son as ganancias grazas a unha ben deseñada enxeñería financeira, da que no teu caso e por ser vos que sodes me encargo eu persoalmente. Mira ves, con estas exitosas operacións que che digo, xa andas preto dos tres millóns e medio pagados os impostos.Aquí quéresete moito.Es un Vip coma unha casa e despois rectifica e di que máis ben son coma unha catedral ou unha nave industrial de Vip e invariablemente volve a abrazarme e intenta bicarme nas meixelas, pero eu apártome e dígolle que me dea un apunte detallado das contas e que non afrouxe, sen erros, nin riscos innecesarios no engorde das miñas finanzas.Di, es o de sempre, gústanche os cartos máis ca un neno unha piruleta ou unha mona un plátano, es un auténtico crack , admírote máis ca un cadro de Picasso ou Kandinsky, e volve ás mostras de cariño que invariablemente rexeito con educación e sen espaventos, pero coa contundencia necesaria que me fai ser un gran admirador e amante das mulleres que se deixan querer.Por iso ao final manda vir, primeiro a Ana e despois a Cora coas súas mine saias azuis tableadas froito da nova uniformidade laboral do banco dende que manda o venezolano con nome de marca de papel de cociña , e ordénalles coller algún arquivador dos paramios máis altos para que eu lles poida ver as pernas fermosas que teñen e como por arte de maxia ao pouco tempo xa teño diante dos meus ollos as súas reconditeces máis íntimas que me reconfortan morbosamente e me dan forzas para seguir.Esta moi dito, pero é certo: onde hai pelo e humidade, sempre hai alegría.
Saio da sucursal coa prudencia coa que un soldado das forzas armadas profesionais aborda unha posición de combate e despois de mirar nos fondos do auto por si hai colocado algún artefacto explosivo piso gas a fondo e escapo do sitio co ollo moi aberto que pouco a pouco me foi nacendo no pescozo, xusto debaixo da caluga.Si, non se me diga cómo, pero sen ningún tipo de quebranto na miña saúde, pouco a pouco foime saíndo un terceiro ollo onde dixen.É algo tan inesperado coma extraordinario e fóra do común que, parece imposible e moi difícil de crer por persoas cabais; pero é o que hai, eu non minto; e ademais , como me permite ter unha visión precisa do que sucede ás miñas costas, venme coma anel ao dedo, porque así podo bater cos meus tres órganos de visión os 360º entorno á miña persoa, e estar sobre aviso de calquera continxencia anómala que, poida acontecer no meu perímetro,  dada a miña fráxil e perigosa situación de perseguido.
Perséguenme queren acabar comigo. O outro día, na cafetería Narciso de Caldas de Reis, estaba tranquilamente tomando un descafeinado con sacarina e lendo no Diario de Pontevedra a sección de opinión: ¡Caládevos, Becerros! dun tal Bernardo Sartier que tanto me presta, nesto deime conta da presenza de dous tipos ben traxados,que non paraban de mirarme, despois xa trataron de acercarse  a min sobre pasando a distancia que eu chamo de seguridade, estaban dicindo non sei que de senón me lembraba deles dos días da universidade nacional de educación a distancia na carreira de leis, en Monteporreiro Pontevedra.Nesto botaron as mans aos petos e eu saltei coma un resorte, a ver se agochaban algunha pistola ou navalla de grandes dimensións, a ver se pretendían secuestrarme e pedir un suculento rescate cavilei á velocidade da luz, aínda nese estado de alarma entendín que trataban de darme unhas tarxetas de visita brancas mentres sorrían, ¡amigo! aí foi cando pensei no irmán bastardo do líder de Corea do Norte: Kim Jong Nam asasinado nun aeroporto tailandés cunhas gotas de VX ou gas nervioso impregnadas nun lenzo.Por iso lle metín unha patada á mesa que caeu sobre eles tombándoos ao chan, e púxenme a correr a todo o que me daban as pernas ata que cheguei ao vehículo que tiña estacionado na Tafona.
Agora mesmo, xa estou chegando a Lisboa e canto máis penso en que deixei o descafeinado con leite e sacarina para adozar sen pagar, mellor me topo, máis me río e máis orgulloso de min mesmo me sento; co medo e o estado de alerta lóxico de sempre sigo conducindo, de momento non quero parar; xa sei que  non debe ter moito sentido, pero a verdade é que, insisto, estou tremendamente satisfeito polo miserable euro que aforrei en Caldas de Reis.....e despois xa me poño a cavilar en Ana e Cora espidas facendo a tesoira para min sobre unha cama forrada de euros, coma senón houbera un mañá ou non se me puidese acabar nunca Portugal.....                    
    


sábado, 22 de abril de 2017

Todo se pode cambiar.



                     



                   TODO SE PODE CAMBIAR.
Todos os días hai que seguir inventando a vida.Todos os días sen descanso, nin nos días vermellos do calendario ordenador, o mundo precisa da creatividade para seguir xirando no Cosmos.
Todo semella sinxelo a primeira vista pero non é así.Por debaixo do acostumado, do planificado, do que ten que ser porque así está programado, xorde o individuo subxectivo que, inmerso nun engrenaxe xigantesco e poderosamente cinguido por fíos invisibles que, o forzan e dirixen coma unha marioneta a dar o mellor de si a cotío, ata a extenuación física e mental, actúa coma unha pequena partícula, gran de area ou formiga da gran mecánica. Hai unhas rutinas, unha cotidianidade, que semellan instaladas dous ou tres minutos por diante da realidade e que polo tanto están por encima do ben e do mal; son intocables, funcionarán sempre da mesma maneira, de oficio e por máquina.Pero non é así, non existe tal maquinario intocable, afortunadamente.
Todo se pode cambiar cando as cousas non marchan, porque se apartan do camiño que máis lle convén á humanidade no seu conxunto.Menos a obriga newtoniana que ten o noso planeta de dar unha volta arredor do Sol cada ano, todo o demais non está escrito en ningunha parte; é dicir non hai ninguén ao volante.
O escritor checo Milán Kundera, di evidenciador: “ O planeta avanza no baleiro guiado por ninguén.Aí está a insoportable levedade de ser”. Vistas así as cousas ¿ verdade que resulta arrepiante, asombroso e impresionante ? Si, claro. Por iso convén sabelo, mastigalo, interiorizalo antes de dar outro paso sobre a codia do planeta con intencións egoístas, viciosas, corruptas e faltas de sentido común, principalmente no caso dos que eliximos para que nós gobernen.
Hai que inventalo todo cada día, insisto; nin sequera consta que as estradas estean postas pola noite ¿ que tal ?; pero hai que inventar e crear cavilando no ben común in extenso.Xa Séneca o estoico romano, coñecido para diferencialo do seu pai, polo xoven ou o filósofo ( Córdoba 4 a.c. – Roma 65) dicía:” Patria mea totus mundus est”.
Si, despois da globalización mediática, ten que vir a económica e a política a partir das bases inxeridas pola ONU. Un só planeta, un só goberno mundial e deixarse de bloques, potencias emerxentes, súper potencias e guerras absurdas, coma a actual de Siria, de base relixiosa a maior parte das veces.Todo se pode cambiar cando non funciona de maneira axustada á razón e ao sentido común, todo, todo; porque todos os días sen descanso se está inventando a vida, a convivencia, o plan conxunto da humanidade , que se comunica polo aire e xa foi quen de poñer o pe no seu único satélite natural, a propia Lúa, que outrora tanto cantaron os poetas.....
Sobre estes creadores cantores, en concreto hai un contundente comentario, do poeta romántico inglés Percy Bysshe Shelley (Field Place 1792- Golfo de Spezzia,1822 , xa que morreu afogado cando, no transcurso dun paseo, a súa barca naufragou)  que di así:” Os poetas , conforme ás circunstancias da época e a nación onde apareceron, foron chamados, nas primeiras idades do mundo, lexisladores e profetas; e un poeta esencialmente comprende e reúne ambos caracteres.Porque non só contempla intensamente o presente tal como é, e descubre aquelas leis conforme ás que as cousas presentes deben ser ordenadas, senón así mesmo albisca o porvir no presente, e as súas ideas son xermes da flor e o froito dos tempos vindeiros”.Nada máis. Por R. S. Lago, para todos vostedes.  





luns, 17 de abril de 2017

Crónica dunha decepción.Sobre a falecida política socialista Carme Chacón Piqueras.



                         


                     


CRÓNICA DUNHA DECEPCIÓN.SOBRE A FALECIDA POLÍTICA SOCIALISTA CARME CHACÓN PIQUERAS.

Para falar de alguén a mellor posición é a que outorga o trato directo.Coñecer dende o día a día; lonxe das páxinas dos periódicos ou das diversas pantallas dos bichos dixitais que nós sitian e que supostamente manexamos nós.Estoume a referir á distancia curta, que converte aos personaxes públicos en xente normal e cotiá, con problemas e obsesións semellantes ao común:as solas desgastadas dos zapatos favoritos, o libro pendente de comprar do que nós falaron moi ben, o extravío dunhas gafas de sol, a preocupación polo cambio climático e sobre todo pola illa de plástico que, flota á deriva por algunha coordenadas imprecisas do océano Atlántico, ou polo prezo da tónica no bar do Congreso dos Deputados...como digo de cerca percíbese mellor o armazón físico e psíquico que, a sabia natureza, ideou para a viabilidade de cada ser humano.En cambio,de lonxe e de noite, todos os gatos son pardos.
Aínda así influídos polas letras de actualidade de algún vello amigo e tamén pola inxustiza metafísica do acontecemento, hai ocasións nas que, nós tiramos á piscina cos ollos pechados  en busca do feitizo das letras a ver si somos capaces de tecer algo digno de lerse e comentarse, en base a un tipo de escrita dinámica, que , ten por primeiro lector, a quen escribe. Eu chámolle sobre todo, ¡botar as letras!, coma quen bota as cartas do tarot e a ver que sae.Sobre todo, non sei como expresalo mellor, trátase de pensar escribindo.
CARME CHACÓN PIQUERAS. (Esplugues de Llobregat 13 de Marzo do ano 1971 – O domingo pola tarde do día 9 de Abril do ano 2017 na soidade dun hotel Madrid). Os parénteses ben alimentados e datados, indican que unha vida de muller breve acabouse ad infinitum.Claro que, esta señora militante do Partido Socialista dende a adolescencia, foi a primeira muller Ministra de Defensa, durante a presidencia do goberno de Xosé Luís Rodríguez Zapateiro: “O discreto”. A mesma que, nun estado avanzado do embarazo de risco, lle pasou revista ás tropas en formación de honores do exército español.O poder civil dunha fémina, mandando sobre todas as espadas espidas e cruzadas máis as estrelas dos Xenerais, cargados de medallas e indicativos de colores, adquiridos afortunadamente en tempos de frutifica paz.¡Vale máis unha mala paz ca unha boa guerra!.Iso sempre e para sempre xamais.
Fálase dunha muller loitadora, cuns principios socialistas profundos e firmes, dialogante, moderna , entre outras virtudes.O certo e seguro, a touro pasado, é que é unha perdedora biolóxica; non se pode, nin se debe morrer aos 46 anos.Iso debería estar prohibido. Pero ela, seguro que contra a súa vontade, morreu, deixando orfo para máis inri un fillo de pouca idade: Miguel, nado o 19 de Maio do ano 2008 , que se atreveu a concibir en contra da opinión de algúns galenos expertos en cardioloxía.
Porque claro o que mellor explica á Ministra Chacón ( por certo apelido de orixe galego) é a existencia dunha enfermidade conxénita, consistente nunha inversión auricoventricular coñecida como “corazón ao revés”, o seu corazón latía a penas a 35 pulsacións por minuto.¡Aí está a clave! , a disfunción orgánica que explica a esta interesante e prometedora política.Non sabía dar marcha atrás , nin parar, porque non llo permitía o seu íntimo latexar.Vivía pendente do disparo natural algo por diante da maioría – que somos todos sen excepción – os que, dependemos da víscera choutante, para mover os cinco litros de sangue polo biotipo ou carcasa humanoide adiante, para que poidamos seguir vivos e coas capacidades psíquicas e motoras intactas.Neste terreo, un par de minutos ou algo máis de detención do mecanismo, poden resultar fatais para un organismo.Falamos da vida en estado latente.Se calan os latexos a vida apágase.Non somos un electrodoméstico que se pode enchufar e desenchufar do fluído eléctrico ao noso antollo, ¡non!, o ser humano está sempre conectado e latente dende o minuto un ata o derradeiro latexo.Así o quixo a evolución e así ten que ser por imperativo categórico.
Dito todo o anterior, é o momento de falar do Congreso de Sevilla, onde por vinte e dous votos, no ano 2012, hai cinco anos, con 41 anos de idade Carme Chacón, foi superada polo rancio, cáustico e caricaturesco ( a min honestamente recordábame a Filemón) profesor cántabro  de Química, e de supoñer que “inorgánica”, Alfredo Pérez Rubalcaba ao que aínda así, hai que agradecer e ter en conta os servizos prestados, á nación española.
Alí, na Sevilla da infancia de Antonio Machado, algúns dos que agora a choran craváronlle o aceiro de morte temerosos dunha catalana unionista e patriota.Puido ser a primeira secretaria xeral muller do Partido Socialista e probablemente de paso a primeira muller presidenta do goberno en España, pero non o quixo a tantas veces estúpida democracia.Así aquel congreso acabou devorado por la sensatez e Carme Chacón, ao meu xuízo, ferida de morte.Impartía clases en Miami, daba conferencias, fichara por un bufete de prestixio da capital de España.Latía a unha velocidade distinta, non a comprenderon; morreu soa un domingo pola tarde nun hotel da capital. Tiña pouco tempo e non a deixaron ser por un puñado de estúpidos votos...

 Por R.S. Lago.    

sábado, 15 de abril de 2017

Velis Nolis ( Queiras ou non queiras).


                     



                        VELIS NOLIS ( Queiras ou non queiras)

¡Cu vexo cu quero!; a maioría dos homes somos así. Trátase dun afán de posesión ilimitado, alomenos mentalmente, outra cousa é a posible resposta á hora da verdade. ¿ Pódese compenetrar? que diría Mario Moreno Cantinflas o mexicano.
Sigmund Freud cabo desa famosa ilustración na que unha muller está instalada sobre a cabeza do home e as pernas debúxanse aproveitando a nariz do macho, asegura que cada cinco ou sete minutos, o pensamento dos varóns humedecese nas lenturas propias das nais de todos.
Esta insistencia á forza mórbida, aínda que por outra parte natural, consonte o psicanalista vienés, fixo exclamar a Pablo Picaso o autor do “Guernica” cando cumpriu os oitenta anos, que, por fin se sentía libre do desexo sexual e que lle estaba agradecido á natureza, polo cese de semellante ditadura.
Mentres tanto a lei do péndulo insiste: ¡Cu vexo cu quero! Isto dentro dunha cultura monógama coma a nosa e cunha relixión católica tallante que, só admite o sexo dentro do matrimonio pechado para fins da reprodución da especie, acredita ao longo do día bastantes miles de toneladas de tensión sexual non resolta, que, despois desemboca nas drogas, o xogo ou o alcol.
Xa Miguel de Unamuno o eterno reitor de Salamanca falou da agonía do matrimonio, sen ocultar tampouco as súas delicias.
Ante este estado das cousas ou as mulleres se recatan nas súas exhibicións de beleza, para frear a luxuria e os desexos impuros dos varóns ou, ao marxe do politicamente correcto e por suposto da espelúxante e truculenta relixión católica – aquí penso sobre todo nos angústiantes pasos da semana santa que a min sempre me produciron moito desasosego – se pactan escritas no aire da lexítima voluptuosidade e do hedonismo saudable, unhas costumes máis flexibles e permisivas para as parellas, agora afectadas a maioría, polo egoísmo dual que acusador apuntara Froom.
Estou a falar dunha moral menos ríxida e tolerante que, non faga do tema sexual un campo de batalla brutal, que pola vía dos patolóxicos celos, entrega ano tras ano un bárbaro monte de mulleres maltratadas e mortas.
O asunto paréceme a min, un piar básico de todo canto hai artellado arredor de cada un de nós como cidadás e individuos sexualmente activos.Claro que, polo momento, a resposta a este tira e afrouxa concupiscente, tende a ser individual “ cada quen fai o que pode ou o que lle deixan”.Mellor nós iría a través dunha resposta máis colectivizada, a partir dunha lectura menos obtusa, escura e case tabú do tema sexual por falta da adecuada educación.
Porque claro, o escritor norteamericano Willian Faulkner, non falaba en van cando dixo contundente:” O sexo e a morte: son a porta de diante e a porta de atrás do mundo”.Hic et nunc ( aquí e agora). Por R.S. Lago.          

sábado, 8 de abril de 2017

¿Quen fixo estas aldeas?




                ¿QUEN FIXO ESTAS ALDEAS?

¿Quen fixo estas aldeas? ¿ de onde veu tanta pedra vella? ¿ quen e como socalcou o outeiro onde se asenta por exemplo: A Porriña? ¿ como se outorgaron os títulos de propiedade dos sitios onde se levantaron as iniciais casoupas e os das fincas de cada casa?
O mundo que, está cheo de catedráticos de nómina estarricada, non sabe responder a estas preguntas. Os ensanches de Santiago de Compostela, Madrid ou Barcelona, a apertura de tal rúa en Vigo, o melloramento do barrio da Moureira en Pontevedra a finais do século XII etc., aí si está todo ben documentado; con planos, memorias de construción, data de inicio e remate das obras, nome dos arquitectos, nome do político impulsor das reformas.
Non digo nada dos construtores ao servizo da expansión cristiá que están de sobra documentados; toda unha súper produción estilo o actual Hollywood que, valéndose da palabra, a arquitectura, a escultura, a música, a pintura, o vestiario foi quen de sacar petróleo de catrocentas gordas mentiras poéticas herdadas das vellas culturas mediterráneas e fundar a ética e case a estética de toda unha nova civilización emerxente despois do apagamento de Roma que, no seu momento, aproveitou o declive de Grecia apropiándose das súas ideas básicas. Selección progresiva, con grandes estancamentos e incluso declives, das costumes e das ideas, case coma na bioloxía; algún conto ten que imporse en definitiva, porque conto, barullo, ruído e saber da época e todo o que vivimos século tras século.
Mentres tanto aquí ren. Parece que, traballou a man máxica dos escravos anónimos, que non soubo ou non quixo deixar memoria de nada.En toda a Porriña, non hai unha triste pedra documental cicelada cunha data, alomenos eu non a coñezo.¿ Cal foi a primeira casa deste asentamento pronto castrexo?
As casas arriba subindo por un pequeno outeiro, abaixo as fincas de labor e o riíño humilde, sen nome fixo sequera, que vai tomando o nome dos lugares por onde pasa coa idea temperán de levarlle toda a auga canta xunta ao Umia.O riíño marcha de sur a norte polo baltrón mollado de toda a vida, obediente ao ronceo enorme do planeta; porfía, loita, corvéase, fai meandros pequenos , pero chega sempre puntual á cita. Cincuenta cinco quilómetros de curso fluvial ten o Umia que, paralelo ao Lérez, con corenta e catro quilómetros andadura; descende o primeiro cara o mar de Cambados dende o nacente este ao ocaso oeste, cumprindo coa enxeñería hidrólica que hai obrada sobre a superficie das terras emerxidas, cal si estivemos falando do aparato circulatorio dunha carcasa humana.Mentres tanto, o segundo baixa e acabase na ría de Pontevedra, deixada atrás a Xunqueira e Monteporreiro. Encadrando entre ambas correntes unha mesopotania na xeografía de proximidade,   o meu espazo persoal idóneo; vinteún quilómetros lineais de separación entre “fluminis”, a mesma distancia que hai entre Caldas de Reis e Pontevedra, Augas Quentes e Boa Vila.Datos estes que a disposición dun agrimensor curioso poden transformarse bastante facilmente en quilómetros cadrados de terreo inter ríos.
¿ Quen plantou estas oliveiras?  preguntáballes xusticeiro Miguel Hernández , o poeta cabreiro, de Orihuela, aos andaluces aceiteiros de Xaén. Eu fago preguntas semellantes aos galegos de Pontevedra. Quero desvelar os segredos dos eidos que a xente non sabe dicir e os libros dos catedráticos ignoran. Porque, tal vez, se investiga de forma máis cómoda nos arquivos históricos que sobre o propio terreo.E non só hai moito que indagar na construción das aldeas galegas, non; nos montes galegos hai muros feitos de cachotes pechando matos , tomadas ou toxeiras que todos xuntos fan pequena a gran muralla china, caso de que se lles engadisen tamén os postes de granito que, hai arrincados a bíceps enxebre, das canteiras galegas.Para a construción de vivendas e para armazón de parras de viño, anteriores ao bum do albariño e aos mapas de gas Radom.Valos de pedra que, á escritora e recente académica da Galega no lugar do falecido Neira Vilas, Marilar Alexandre de orixe madrileño pero afincada en Galicia por ser profesora de USAC, lle parecen as puntadas que cosen a paisaxe, nunha imaxe onírica que como tal prescinde do esforzo laborioso da nosa xente.
¿Quero saber quen fixo estas aldeas? ¿ Queremos sabelo todos? Déixense polo tanto señores catedráticos de nóminas ricas, en latín “locupletas”, de tanto mergullo entre papeis arquivados, tanto Val de Luxor exipcio, tanta Capadocia turca, tanta Petra xordana, tanto Machu Picchu inca peruano, tanto Peloponeso e Delfos gregos e xa que estamos fágannos luz, onde xamais nós quixeron facer xustiza.Vaian medir a fondura das rodeiras dos carros no monte Acibal sobre laxes arxilosas e aplicando a metodoloxía precisa que se lle supón argumenten, construían a historia dos parias e axuden a fermentar tanta neurona galega en mal uso por falta de toma de terra adecuada.Por R.S. Lago.            

       



sábado, 1 de abril de 2017

Salve Unión Europea.




                   SALVE UNIÓN EUROPEA

O Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, tras sometelo a referendo abandona a Unión Europea: “Brexit”; isto non é unha boa noticia.Claro que xa medio non estaban, porque nunca estiveron de todo, era un estar aparente, que por exemplo da divisa europea, o Euro, nunca quixeron saber nada.Agora baixo a mirada compracida, entre outros, do presidente ruso Vladimir Putin, por imperativo popular dinnos :bye,bye.
Consonte asegura xente entendida en política internacional coma o ex ministro de exteriores Xosé Luís García Margallo ou o diplomático de carreira Inocencio Arias “paxariña”, a cousa vai ser, coma na expresión humorística do xenial Xosé Mota: “As galiñas que entran polas que saen”, un divorcio tranquilo e con escasas repercusións en ningunha das dúas partes contratantes no mellor dos casos.
Claro que, dentro da “pérfida Albión” como os adxectivaron os romanos imperiais, tanto Escocia coma Irlanda do Norte van promover problemas territoriais polo menos incómodos, incluso graves e difíciles de resolver.
Homes de negocios, economistas, periodistas e intelectuais, sorprendidos polo inesperado resultado de referendo promovido por David Cameron, parece ser que se achan todos, na city, ao borde dun ataque de nervios almodovariano.
De momento acaban de iniciarse as negociacións.O Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, confundido a British Common Wealth of Nations ( 1931) co vello territorio colonial queda fóra da tan necesaria Unión Europea coma un can de ouro á porta dun restaurante con catro ou cinco estrelas Michelín.Igual que, na fábula do libro undécimo das Metamorfoses do poeta lírico latino Ovidio, a ebriedade capitalista norteamericana , no lugar do deus Baco do conto, vaille conceder a estes illeños Midas modernos o don de converter en ouro todo o que tocan, como vén sucedendo dende moito antes das dúas guerras mundiais ata actualidade.
Claro que ao ver que incluso o pan e a auga que quería comer se convertían no dourado metal o Rei Midas da fábula, rogoulle así ao deus do viño:” Pai Baco recoñezo a miña falta, perdóame e líbrame deste estado que non é bo senón na aparencia”. E a continuación foi cando Apolo enfadado con Midas por preferir a música de Pan á del lle converteu tan necios oídos en orellas de asno.
Tomen pois boa nota, os usurpadores de Xibraltar, entre outras fazañas históricas contra os españois, non sexa o caso que calquera día aparezan todos eles, con orellas de asno coma no conto clásico.
No que os vintesete países que, seguen formando parte da Unión Europea, coinciden é en que se vaian axiña; que recollan as súas pertencías persoais nunha caixa de cartón ao uso e que lisquen canto antes...é o mellor para todos.¡Salve Unión Europea! Por R.S. Lago.      
  

  


Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...