sábado, 29 de abril de 2017

PERSEGUIDO.



                             


                                                  PERSEGUIDO

Perséguenme, queren acabar comigo.Son xente mala. Xa hai tempo que vén sucedendo isto. Queren quitarme os cartos que gañei honradamente despois de toda unha vida de traballos.Teñen pistolas, furgonetas cos cristais tinguidos.Están dispostos a todo.Son xente mala.Pero eu non son parvo, son listo, astuto e vailles custar collerme para quitarme os cartos. O outro día tiráronme unha bala que me pasou a escasos centímetros da cabeza.Téñenme envexa.Saben da miña óptima posición económica e quéreno todo para os seus horribles vicios. Son coma cazadores, non desisten nunca, séguenme a pista, o rastro, queren cazarme para obrigarme a firmar un cheque de moitos ceros contra o meu banco de toda a vida.Son malos, ruíns, cativos.Escapo deles coma da auga fervida. Non me fío de ninguén, nin da policía, nin da garda civil, nin da miña familia, están todos compinchados dispostos a quitarme os case tres millóns de euros que teño aforrados.Son humildemente rico e non o poden soportar.
Xullo Fernández Freixanes - natural de Bóveda Lugo coma o secretario do Concello Xesús Rodríguez Castro - o membrudo director da sucursal do San Antoniño de Xabre, onde teño gardado os cartos cando me ve pónselle un sorriso de orella a orella e dáme a súa gran man aberta para que lla choque en plan amizoso, despois bótame  o brazo polo lombo e no reservado que hai ao fondo do seu despacho ofréceme bebidas alcohólicas con xeo, pero eu nunca lle acepto nada deso e confórmome cunha coca cola dobre cero: sen cafeína, nin azucre.Non me podo permitir baixar a garda en ningún momento.Ás veces cando me ve moi baixo acentúa a súa efusividade e trata de abrazarme e mesmo plantarme algún bico nas meixelas.Di que teño falta de cariño e que por iso desconfío de todos Deus, que así non se pode andar pola vida, que sufro unha manía persecutoria de libro, que vou acabar moi mal como non cambie.Despois fálame de como os meus cartos van medrando gracias á súa vista de comercio ao colocalos en accións fiables, letras do tesouro e outros valores sen risco que el reserva para os cartos dos amigos.Engade: os tres millóns xa están aí intocables, o que nós permite ir medrando son as ganancias grazas a unha ben deseñada enxeñería financeira, da que no teu caso e por ser vos que sodes me encargo eu persoalmente. Mira ves, con estas exitosas operacións que che digo, xa andas preto dos tres millóns e medio pagados os impostos.Aquí quéresete moito.Es un Vip coma unha casa e despois rectifica e di que máis ben son coma unha catedral ou unha nave industrial de Vip e invariablemente volve a abrazarme e intenta bicarme nas meixelas, pero eu apártome e dígolle que me dea un apunte detallado das contas e que non afrouxe, sen erros, nin riscos innecesarios no engorde das miñas finanzas.Di, es o de sempre, gústanche os cartos máis ca un neno unha piruleta ou unha mona un plátano, es un auténtico crack , admírote máis ca un cadro de Picasso ou Kandinsky, e volve ás mostras de cariño que invariablemente rexeito con educación e sen espaventos, pero coa contundencia necesaria que me fai ser un gran admirador e amante das mulleres que se deixan querer.Por iso ao final manda vir, primeiro a Ana e despois a Cora coas súas mine saias azuis tableadas froito da nova uniformidade laboral do banco dende que manda o venezolano con nome de marca de papel de cociña , e ordénalles coller algún arquivador dos paramios máis altos para que eu lles poida ver as pernas fermosas que teñen e como por arte de maxia ao pouco tempo xa teño diante dos meus ollos as súas reconditeces máis íntimas que me reconfortan morbosamente e me dan forzas para seguir.Esta moi dito, pero é certo: onde hai pelo e humidade, sempre hai alegría.
Saio da sucursal coa prudencia coa que un soldado das forzas armadas profesionais aborda unha posición de combate e despois de mirar nos fondos do auto por si hai colocado algún artefacto explosivo piso gas a fondo e escapo do sitio co ollo moi aberto que pouco a pouco me foi nacendo no pescozo, xusto debaixo da caluga.Si, non se me diga cómo, pero sen ningún tipo de quebranto na miña saúde, pouco a pouco foime saíndo un terceiro ollo onde dixen.É algo tan inesperado coma extraordinario e fóra do común que, parece imposible e moi difícil de crer por persoas cabais; pero é o que hai, eu non minto; e ademais , como me permite ter unha visión precisa do que sucede ás miñas costas, venme coma anel ao dedo, porque así podo bater cos meus tres órganos de visión os 360º entorno á miña persoa, e estar sobre aviso de calquera continxencia anómala que, poida acontecer no meu perímetro,  dada a miña fráxil e perigosa situación de perseguido.
Perséguenme queren acabar comigo. O outro día, na cafetería Narciso de Caldas de Reis, estaba tranquilamente tomando un descafeinado con sacarina e lendo no Diario de Pontevedra a sección de opinión: ¡Caládevos, Becerros! dun tal Bernardo Sartier que tanto me presta, nesto deime conta da presenza de dous tipos ben traxados,que non paraban de mirarme, despois xa trataron de acercarse  a min sobre pasando a distancia que eu chamo de seguridade, estaban dicindo non sei que de senón me lembraba deles dos días da universidade nacional de educación a distancia na carreira de leis, en Monteporreiro Pontevedra.Nesto botaron as mans aos petos e eu saltei coma un resorte, a ver se agochaban algunha pistola ou navalla de grandes dimensións, a ver se pretendían secuestrarme e pedir un suculento rescate cavilei á velocidade da luz, aínda nese estado de alarma entendín que trataban de darme unhas tarxetas de visita brancas mentres sorrían, ¡amigo! aí foi cando pensei no irmán bastardo do líder de Corea do Norte: Kim Jong Nam asasinado nun aeroporto tailandés cunhas gotas de VX ou gas nervioso impregnadas nun lenzo.Por iso lle metín unha patada á mesa que caeu sobre eles tombándoos ao chan, e púxenme a correr a todo o que me daban as pernas ata que cheguei ao vehículo que tiña estacionado na Tafona.
Agora mesmo, xa estou chegando a Lisboa e canto máis penso en que deixei o descafeinado con leite e sacarina para adozar sen pagar, mellor me topo, máis me río e máis orgulloso de min mesmo me sento; co medo e o estado de alerta lóxico de sempre sigo conducindo, de momento non quero parar; xa sei que  non debe ter moito sentido, pero a verdade é que, insisto, estou tremendamente satisfeito polo miserable euro que aforrei en Caldas de Reis.....e despois xa me poño a cavilar en Ana e Cora espidas facendo a tesoira para min sobre unha cama forrada de euros, coma senón houbera un mañá ou non se me puidese acabar nunca Portugal.....                    
    


Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...