sábado, 8 de abril de 2017

¿Quen fixo estas aldeas?




                ¿QUEN FIXO ESTAS ALDEAS?

¿Quen fixo estas aldeas? ¿ de onde veu tanta pedra vella? ¿ quen e como socalcou o outeiro onde se asenta por exemplo: A Porriña? ¿ como se outorgaron os títulos de propiedade dos sitios onde se levantaron as iniciais casoupas e os das fincas de cada casa?
O mundo que, está cheo de catedráticos de nómina estarricada, non sabe responder a estas preguntas. Os ensanches de Santiago de Compostela, Madrid ou Barcelona, a apertura de tal rúa en Vigo, o melloramento do barrio da Moureira en Pontevedra a finais do século XII etc., aí si está todo ben documentado; con planos, memorias de construción, data de inicio e remate das obras, nome dos arquitectos, nome do político impulsor das reformas.
Non digo nada dos construtores ao servizo da expansión cristiá que están de sobra documentados; toda unha súper produción estilo o actual Hollywood que, valéndose da palabra, a arquitectura, a escultura, a música, a pintura, o vestiario foi quen de sacar petróleo de catrocentas gordas mentiras poéticas herdadas das vellas culturas mediterráneas e fundar a ética e case a estética de toda unha nova civilización emerxente despois do apagamento de Roma que, no seu momento, aproveitou o declive de Grecia apropiándose das súas ideas básicas. Selección progresiva, con grandes estancamentos e incluso declives, das costumes e das ideas, case coma na bioloxía; algún conto ten que imporse en definitiva, porque conto, barullo, ruído e saber da época e todo o que vivimos século tras século.
Mentres tanto aquí ren. Parece que, traballou a man máxica dos escravos anónimos, que non soubo ou non quixo deixar memoria de nada.En toda a Porriña, non hai unha triste pedra documental cicelada cunha data, alomenos eu non a coñezo.¿ Cal foi a primeira casa deste asentamento pronto castrexo?
As casas arriba subindo por un pequeno outeiro, abaixo as fincas de labor e o riíño humilde, sen nome fixo sequera, que vai tomando o nome dos lugares por onde pasa coa idea temperán de levarlle toda a auga canta xunta ao Umia.O riíño marcha de sur a norte polo baltrón mollado de toda a vida, obediente ao ronceo enorme do planeta; porfía, loita, corvéase, fai meandros pequenos , pero chega sempre puntual á cita. Cincuenta cinco quilómetros de curso fluvial ten o Umia que, paralelo ao Lérez, con corenta e catro quilómetros andadura; descende o primeiro cara o mar de Cambados dende o nacente este ao ocaso oeste, cumprindo coa enxeñería hidrólica que hai obrada sobre a superficie das terras emerxidas, cal si estivemos falando do aparato circulatorio dunha carcasa humana.Mentres tanto, o segundo baixa e acabase na ría de Pontevedra, deixada atrás a Xunqueira e Monteporreiro. Encadrando entre ambas correntes unha mesopotania na xeografía de proximidade,   o meu espazo persoal idóneo; vinteún quilómetros lineais de separación entre “fluminis”, a mesma distancia que hai entre Caldas de Reis e Pontevedra, Augas Quentes e Boa Vila.Datos estes que a disposición dun agrimensor curioso poden transformarse bastante facilmente en quilómetros cadrados de terreo inter ríos.
¿ Quen plantou estas oliveiras?  preguntáballes xusticeiro Miguel Hernández , o poeta cabreiro, de Orihuela, aos andaluces aceiteiros de Xaén. Eu fago preguntas semellantes aos galegos de Pontevedra. Quero desvelar os segredos dos eidos que a xente non sabe dicir e os libros dos catedráticos ignoran. Porque, tal vez, se investiga de forma máis cómoda nos arquivos históricos que sobre o propio terreo.E non só hai moito que indagar na construción das aldeas galegas, non; nos montes galegos hai muros feitos de cachotes pechando matos , tomadas ou toxeiras que todos xuntos fan pequena a gran muralla china, caso de que se lles engadisen tamén os postes de granito que, hai arrincados a bíceps enxebre, das canteiras galegas.Para a construción de vivendas e para armazón de parras de viño, anteriores ao bum do albariño e aos mapas de gas Radom.Valos de pedra que, á escritora e recente académica da Galega no lugar do falecido Neira Vilas, Marilar Alexandre de orixe madrileño pero afincada en Galicia por ser profesora de USAC, lle parecen as puntadas que cosen a paisaxe, nunha imaxe onírica que como tal prescinde do esforzo laborioso da nosa xente.
¿Quero saber quen fixo estas aldeas? ¿ Queremos sabelo todos? Déixense polo tanto señores catedráticos de nóminas ricas, en latín “locupletas”, de tanto mergullo entre papeis arquivados, tanto Val de Luxor exipcio, tanta Capadocia turca, tanta Petra xordana, tanto Machu Picchu inca peruano, tanto Peloponeso e Delfos gregos e xa que estamos fágannos luz, onde xamais nós quixeron facer xustiza.Vaian medir a fondura das rodeiras dos carros no monte Acibal sobre laxes arxilosas e aplicando a metodoloxía precisa que se lle supón argumenten, construían a historia dos parias e axuden a fermentar tanta neurona galega en mal uso por falta de toma de terra adecuada.Por R.S. Lago.            

       



Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...