sábado, 22 de abril de 2017

Todo se pode cambiar.



                     



                   TODO SE PODE CAMBIAR.
Todos os días hai que seguir inventando a vida.Todos os días sen descanso, nin nos días vermellos do calendario ordenador, o mundo precisa da creatividade para seguir xirando no Cosmos.
Todo semella sinxelo a primeira vista pero non é así.Por debaixo do acostumado, do planificado, do que ten que ser porque así está programado, xorde o individuo subxectivo que, inmerso nun engrenaxe xigantesco e poderosamente cinguido por fíos invisibles que, o forzan e dirixen coma unha marioneta a dar o mellor de si a cotío, ata a extenuación física e mental, actúa coma unha pequena partícula, gran de area ou formiga da gran mecánica. Hai unhas rutinas, unha cotidianidade, que semellan instaladas dous ou tres minutos por diante da realidade e que polo tanto están por encima do ben e do mal; son intocables, funcionarán sempre da mesma maneira, de oficio e por máquina.Pero non é así, non existe tal maquinario intocable, afortunadamente.
Todo se pode cambiar cando as cousas non marchan, porque se apartan do camiño que máis lle convén á humanidade no seu conxunto.Menos a obriga newtoniana que ten o noso planeta de dar unha volta arredor do Sol cada ano, todo o demais non está escrito en ningunha parte; é dicir non hai ninguén ao volante.
O escritor checo Milán Kundera, di evidenciador: “ O planeta avanza no baleiro guiado por ninguén.Aí está a insoportable levedade de ser”. Vistas así as cousas ¿ verdade que resulta arrepiante, asombroso e impresionante ? Si, claro. Por iso convén sabelo, mastigalo, interiorizalo antes de dar outro paso sobre a codia do planeta con intencións egoístas, viciosas, corruptas e faltas de sentido común, principalmente no caso dos que eliximos para que nós gobernen.
Hai que inventalo todo cada día, insisto; nin sequera consta que as estradas estean postas pola noite ¿ que tal ?; pero hai que inventar e crear cavilando no ben común in extenso.Xa Séneca o estoico romano, coñecido para diferencialo do seu pai, polo xoven ou o filósofo ( Córdoba 4 a.c. – Roma 65) dicía:” Patria mea totus mundus est”.
Si, despois da globalización mediática, ten que vir a económica e a política a partir das bases inxeridas pola ONU. Un só planeta, un só goberno mundial e deixarse de bloques, potencias emerxentes, súper potencias e guerras absurdas, coma a actual de Siria, de base relixiosa a maior parte das veces.Todo se pode cambiar cando non funciona de maneira axustada á razón e ao sentido común, todo, todo; porque todos os días sen descanso se está inventando a vida, a convivencia, o plan conxunto da humanidade , que se comunica polo aire e xa foi quen de poñer o pe no seu único satélite natural, a propia Lúa, que outrora tanto cantaron os poetas.....
Sobre estes creadores cantores, en concreto hai un contundente comentario, do poeta romántico inglés Percy Bysshe Shelley (Field Place 1792- Golfo de Spezzia,1822 , xa que morreu afogado cando, no transcurso dun paseo, a súa barca naufragou)  que di así:” Os poetas , conforme ás circunstancias da época e a nación onde apareceron, foron chamados, nas primeiras idades do mundo, lexisladores e profetas; e un poeta esencialmente comprende e reúne ambos caracteres.Porque non só contempla intensamente o presente tal como é, e descubre aquelas leis conforme ás que as cousas presentes deben ser ordenadas, senón así mesmo albisca o porvir no presente, e as súas ideas son xermes da flor e o froito dos tempos vindeiros”.Nada máis. Por R. S. Lago, para todos vostedes.  





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Poema contra el imperialismo yanqui

  TRES DE LA MADRUGADA ROTAS EN BOGOTÁ SANGRIENTAS del infausto día tres de enero del año dos mil veintiséis del gran zanahorio republ...