martes, 27 de xuño de 2017

Gasoil




                  

                        GASOIL
¡Seica o están pasando moi mal! el, ¡vaia por deus! mete todo canto ten en gasoil para o tractor e para a furgoneta. Non ten paradiña co seu corpiño escaso. Co trasfego propio do maio, parece que as carnes, lle fuxiron de riba.Semella unha radiografía, unha caricatura de home.
A que fala é unha muller vestida case de negro ou loito dos pés á cabeza, a face véselle sucada por fondas engurras, mentres o naso rotundo fórmalle un triángulo recto coa mesma, leva ademais un pano gris con floriñas brancas tapándolle os pelos xeados da cabeza.Anda apañando na herba á manada, preto dunha montesía fonte de auga abundante, cun fouciño moi brillante no fío polo uso cotiá e polo afiado constante nas pedras fitadas que delimitan os campos e as brañas.Ten unha fala nasal, case sólida, no medio da cal alumea un sorriso retranqueiro de vez en cando.Para protexerse da luz solar levanta a media lúa do fouciño facendo unha improvisada viseira metálica sobre uns ollos negros que só reflicten cansazo,tenacidade e resignación humana.Fala, escoitándose o que di, cunha linguaxe herdada da casa, coma as terras, brañas e matos.Delgada, alta, algo cargada de costas, octoxenaria inicial, máis alá do ben e do mal, raíña da súa derrota, campesiña sobrevivente dos tempos da economía de subsistencia.Sigue dicindo:
Dende que parou o ladrillo xa non tivo máis traballo.Agora trata de manter becerros, galiñas e cabras para consumo da casa e para a venda en b a particulares. ¡ Meu pobre fai o que pode! Cos 426 € do paro non se pode soster unha familia de seis fillos coma a del.A coitada da muller, o mundo dáos e eles xúntanse, principiou en varios choios pero logo a botan porque seica non rende.Os anos de agora son competitivos, o capital para selo ten que ter cara de lobo e morder no vivo.
Hai que axudalos, os alimentos que lles dan os servizos sociais do concello non lles alcanzan.Solidariedade entre nós lonxe da televisada.Son moitas bocas. A nosa Patricia, a pobre, xa falou á hora de xantar de levarlle unha empanada de xoubas da de Pasarín de dous quilos.Que tomen exemplo, que as criaturas están medrando e o pobre do pai non pode máis. Do millo que bota e das patacas non quita rendemento ningún, todo se lle vai no gasoil e nas voltas que da co furgoneta sen vir moito ao caso.Por andar e que o vexan.O pobre, ata me parece que deixou de fumar, porque o tabaco ademais de pai de moitas enfermidades está caro.Das parras de viño catalán, por moito que sulfate e cave, tampouco vai quitar ningún proveito; como máximo, poden andar ledos el e máis a parenta polo medio do vello encrucillado das veigas.Que aquí non se ten feito, nin se fará nunca por moito que cacarexen, a concentración parcelaria.E se cadra, que eu xa digo non os vin, arrímanse a calquera arredor e aumentan a familia.Que rapaces seica fan falla.....eu que sei meu fillo.El nin sequera é de taberna. Pero son moitas bocas e os rapaces están medrando.Agora abres a porta á mañá cedo e todo se volve pagar: luz,lixo, impostos, comida, seguros se os hai, roupa, calzado, teléfono, imprevistos.E os euros non nacen no medio da verdura do caldo.....porque claro o noso traballo non se respecta, nin da o proveito que tiña que dar.Se facemos números estamos perdidos.....en algo temos que pasar o tempo.¡Meu pobre! el non ten parada co corpo, pero nin así pode dar conta do seu tear.Son tempos xeados,corruptos, de quitarlle a pel á xente en traballos do diaño que, se me descoido, non gañan nin para pagar o gasoil...eu que sei meu filliño, ás veces é mellor calar e sentarse á sombra dos ameneiros na beira do río ¿ non che parece?
-Claro que si señora Filomena, o que hai está mal repartido e uns poucos rin e outros moitos choran.Eu xa ve, vivo na puntiña do gasoil, coa cabeza debaixo do brazo, canso de ver pasar avións a reacción.
-Pois a xente di que sabes moito, que tes lido moitos libros e que ata os escribes...
-Algo deso hai, o que pasa é que a nosa tamén é unha literatura de subsistencia que non chega ao pobo chan, lese pouco e fáiselle máis caso a calquera grileira ou charanga, cas lerias de marfil dos escribidores.
-¡Todo por culpa do gasoil!
-Está claro, ten que ser por iso.
Por R.S. Lago. Para todos os meus seguidores amigos que me dan forzas para seguir. 
           
          




sábado, 24 de xuño de 2017

¡Eu non fun!

                   
                           
                                       

                                                          ¡EU NON FUN!
¡Eu non fun!, imposible, eu por esas datas estaba ausente de Xabre.¡Eu non fun!, invítoos a que repasen as súas fontes, antes de cavilar en min, como autor de semellante despropósito.¡Non son ningún tolo!!, nin son ningún delincuente político radical, para ser sinalado como sospeitoso por vostedes no asunto.Insisto: ¡eu non fun!, teño testemuñas veraces da miña ausencia do pobo por tales datas; dígoo por se deciden entrevistarse con elas e pedirlles que lles informen sobre min no día de autos.
Non, non preciso que me asista ningún avogado, a miña preclara e brutal inocencia, sirve para facer ridículas calquera tipo de especulacións policiais sobre a miña persoa.Non, non teño nada máis que declarar ao respecto.Nada en absoluto.Se non estou detido, quero liscar deste obsoleto cuartel benemérito axiña.
Xa mirarei a maneira de defenderme deste atropelo diante dos tribunais de xustiza. Isto non vai quedar así ¿ como poden atreverse a cavilar en min? Eu son un cidadán respectable, honrado e cabal.Avísolles que ao saír vou poñerlles unha denuncia no xulgado de garda por facerme perder e o tempo e por abuso de autoridade, iso polo menos.
¿ Como se me ía ocorrer precisamente a min bloquear a altas horas da madrugada a nacional 550 poñendo o camión do lixo municipal e o tractor desbrozador á altura da praza do viño? ¿ Con que obxecto ? ¿Para chamar á atención de que? Vostedes están de coña. Eu, un home de ben, metido en semellantes fregados. Eu que carallo sei da circunvalación esa. ¡Por favor! ¡ Eu non fun! nin teño os terreos revalorizables que, vostedes sobre plano insinúan que posúo, caso de levarse a cabo a tal obra pública, que nin sequera estou seguro se fai falla ou non, ¡a verdade!
Nada, nada. Peten noutra porta que, comigo, trabúcanse coma da noite ao día. Insístolles, ¡ Eu non fun, nin sei quen foi! e xa veremos senón quedan sen traxe verde cando rematen con éxito as accións legais que me corresponden.....¡ vostedes alucinan en colores ! ¡ por favor !
Mire sarxento, eu non sei nada do que se di nos bares e nas cafeterías de Xabre.Non coñezo ningún “matavellas”, nin sei quen son os asasinos do home do coche de punto ¿ que senón fun eu tiveron que ser algúns deles? ¡vostedes mesmos, a min que me contan! ¡ a min non me pagan para saber nada diso é o seu traballo sarxento! Non, da xitanería como di vostede, tampouco sei ren que poida axudarlles.¿ Que tamén teñen sospeitas sobre algúns do Outeiro e outros do Curuto? ¿ E que máis miña querida sarxento? .....que eu vou á miña vida muller e non ando a querer saber nada fóra das miñas particulares ocupacións. ¿ Está claro señora?. Pois, ¡abur!...e que lle vaia bonito.Por R.S. Lago.


sábado, 17 de xuño de 2017

Estrela.





                                  ESTRELA
A música de Amadeus Mozart ( ¡ha,ha,ha! ... na película de Milos Forman) , era a que soaba esta vez no tocadiscos.
Como de costume, o estudo pictórico do meu bo amigo e compañeiro de creativas fatigas, presentaba un aspecto impecable: un lugar para cada cousa e cada cousa no seu lugar. De maneira insubstancial, teño pensado , en non poucas ocasións, que tanto apaño , aderezo e esmero, poderían chocar, coa imaxe bohemia e descoidada que normalmente o común ten do artista; coma se o visitante casual e profano dun destes sacros lugares de creación, esperase atoparse cun anaco de mundo patas para arriba, onde o caos e a desorganización o dominasen todo ao seu arbitrario antollo.
Aínda que, o anterior, podería resultar tema de agradable debate para quen lle puidese interesar, o mellor será que rapidamente penetre no discorrer inquietante desta historia. Acudira ao estudo aquela tarde invernal, para comentar con Miguel, que así se chamaba o meu amigo, algúns acontecementos que ultimamente se produciran no mundo da cultura: novidades editoriais, exposicións, certas declaracións desafortunadas do ministro do ramo etc. etc. Temas que de cando en vez adoitabamos debullar no seu estudo ou no meu, para logo saír a cear xuntos e prolongar a velada ata altas horas da madrugada; sucedía así desde que nos coñeciamos, faría aproximadamente seis anos.
Esa tarde de inverno, Miguel cunha gran tea esperando inutilmente no cabalete, lía as páxinas exquisitas dun bo libro de poemas, absorto na súa transpótante lectura, non se daba conta da miña presenza no limiar da porta; tiven por iso tempo de quedarme en silencio contemplando os distinguidos trazos do seu rostro, e aquela gran melena de pelo moi louro, que ondulado descendía cara aos seus rexos ombreiros; e é que Miguel tiña todas as características físicas que os clásicos entendían por beleza, capaz de deleitar os ollos de calquera observador bo catador da fermosura alí onde esta se ensine, sen renunciar o espectador consciente á súa serena percepción; liberado como é imprescindible de tabús sociais, que non fan senón coartar os sentidos ávidos de grazas tan singulares.
Miguel era, e fama tiña diso, entre o seu grande circulo de amigos e amigas, un home realmente guapo, ao que engadía no plano espiritual, un profundo coñecemento da arte en xeral, aínda que fose a pintura a seu máis coñecido e celebrado medio de expresión. Só os seus máis achegados coñeciamos as súas abrasadas creacións poéticas dedicadas a aquela muller, que en realidade todos criamos coñecer e ninguén con todo coñecía , salvo el mesmo, como logo se demostrou e de que xeito máis horrible.....
Ao instante de pasar a páxina do libro , que como quedou dito lía ensimesmado, levantou a vista e viume, á vez que nos seus beizos perfectos, debuxábase un sincero sorriso de afecto e alegría pola miña visita:
- Pasa, pasa, non te quedes aí como un pasmón , isto último dito con confianza e agarimo. Non esperaba a túa visita, pero ben vinda sexa, aínda que agora mesmo os poemas de R.M. Rilke, estábanme transportando a outras dimensións máis gratas.....confeso aínda así que estiven a piques de chamarte para quedar contigo, fai tan só uns instantes, e agora estás aquí...
- Será unha cuestión de comunicación mental a distancia, dixen posibilista, pois ben, aquí me tes disposto a falar e a escoitar ata a extenuación , como sempre, engadín.
-Levo dous ou tres días fatais, figúrate que nin sei que día é hoxe, nin o número, nin o nome, ignóroo todo sobre o tempo presente, dixo esbozando un sorriso de complicidade.
- O teu aspecto é estupendo e non sei que pode importarche, nin a ti, nin a min, nin a ninguén en particular, que hoxe sexa xoves once de novembro.
- Non ironices, sabes que me gusta funcionar digamos que ciberneticamente, se consentes o palabro, pero cando as cousas non saen como agora, en tempos de vacas fracas, coa inspiración en horas baixas, ponse todo a reptar á maneira dos ofidios sen remedio e a impotencia fai ondear os seus estandartes en honra da frustración e toda a rabia contida que me cerca.....
- Que lle imos a facer, os asuntos da arte son tan así, eu levo varias semanas dubidando en se mandar ao protagonista da miña nova novela á fría Rusia dos tsares ou de vacacións a algunha república caribeña, en cambio non me deixo azoutar polo látego de sete linguas que a pouco que se lle presten carnes, manexa ao seu gusto o estéril desasosego, e é máis espero prodixios, tales como que un día cando abra a caixa de correos, atope o pasaporte a nome do protagonista na correspondencia, punto de destino incluído e fago por crerme isto que che conto e así a ansiedade creativa como máximo ósmame intrigada e perplexa...
- O teu sempre tan paradoxal, tanguendo con mestría as leis do azar; cos pinceis é distinto, as cores nin se van a Rusia, nin se broncean seme espidas no Caribe, as moi tiranas permanecen arrogantes, cando non charramangueiras e chionas sobre a tea, sen parar de gritar inconveniencias cando non se ven a gusto.
-Telo fácil, por que non probas cunha mordaza ben resistente, dixen tratando de facer unha broma surrealista.....
A nosa conversación alargándose, foi discorrendo en termos parecidos, tratando un e outro de quitarlle leña , ao incendio dos nosos combustibles espíritos creativos. Sen dúbida, por que non dicilo , sobraban entre nós as palabras. Miguel sabía ler como ninguén no brillo dos meus ollos ou na expresión do meu rostro, pola miña banda, tamén dominaba perfectamente o código de signos que asomaban no seu.
A pesar do seu bo aspecto de sempre, aquel aire reconcentrado e demasiado misterioso dos quiméricos días de fuxida cara ao seu interior, non me pasaban en absoluto desapercibidos.
                     *
Algúns nenos xogaban na beirarrúa, tirándose pelotiñas de neve uns e construíndo un gran boneco ao uso , os demais. Por inesperada, naqueles primeiros días de novembro, do que sería o meu último ano na facultade de Filoloxía, a neve resultaba para a maioría da xente, eu entre eles, un espectáculo divertido, que se non fose por esas cousas que temos os adultos, ese sentido socialmente asumido do que está ben ou o que está mal, moitas persoas compartirían con gozo a guerra das inofensivas pelotiñas brancas e frías. Malditos convencionalismos, maldita responsabilidade; eu estaba completamente disposto a pasar por alto cantas trabas desapiadadas e ridículas foran inventadas pola cultura ao longo da historia, para roubarlle aos poucos trociños de felicidade ao home. Que bonito resultaría ver o apresurado executivo , á sempre atarefada ama de casa, ao aburrido porteiro do inmoble, ao taxista, agredíndose por unha vez inocentemente, xogando á felicidade, con manadiñas de neve, como facían sen maior problema os nenos.
Con estas reflexións meteorolóxico sentimentais, cheguei á facultade , tomei asento e enseguida o profesor de Dialectoloxía Hispánica comezou a súa exposición. Aburríame tremendamente naquela insulsa aula, estabamos en familia e é que a pesar de que eran as once horas da mañá, a maioría dos compañeiros, preferiran a calor das sabas. Sen dúbida a neve caída e a pouco interesante clase de Dialectoloxía, dábanlles a razón abundantemente por esta vez. A pesar diso, sorprendeume moitísimo , a ausencia de Estrela. A compañeira sentimental do meu amigo Miguel, quen por entón, cursaba quinto curso de Belas Artes en San Fernando Madrid.
Estrela, era unha muller preciosa, culta e moi boa poetisa, non era de estrañar que a parella formada por ambos fose no ambiente universitario , a de maior predicamento. E é que eran un par de rulos, sempre pendentes o un do outro; dous nenos grandes que vían unicamente polos ollos do seu amor.
Non recordaba nos anos de carreira, que nin unha soa vez Estrela faltase á clase, e é que, ata no sentido da responsabilidade ben entendida e no da orde case paranoico, Estrela era o espírito xemelgo do meu amigo. ¿Sucederíalle algo ? , eu vivía a bastante distancia da parella, polo que podería haberlles pasado algo e non haberme decatado.
Asaltado polos máis varios pensamentos, de maneira sixilosa abandonei a despoada aula, para ir ata a súa vivenda, alí seguramente me daría conta de que a miña suspicacia era moita e que os meus temores eran como sempre ou case sempre infundados; a parella quedouse na cama gozando da calor das sabas e dos seus escultóricos corpos namorados; por unha vez ante a inesperada nevada daquela mañá, fraquearían os seus rectos principios.
O que son as cousas, de súpeto sentinme alegre, por fin Miguel e Estrela, comportábanse humanamente; podería sen me pasar aproveitar a circunstancia , diría xocosamente:”A divertida neve coa que xogan os nenos, fai sucumbir á complicada cibernética da parella metódica”, non era nada cruel e a min iso divertíame bastante.
Vivían nun cuarto piso, subín as escaleiras con rapidez e fixen soar o timbre co meu sinal particular: tres toques curtos e continuados; o interior da vivenda permaneceu en silencio, esperei un momento e volvín repetir a operación dúas veces máis; tiven que marcharme pois era evidente que alí non había ninguén. De novo a preocupación volveu instalarse no meu suspicaz pensamento. O porteiro do edificio, non soubo dicirme nada sobre os meus amigos, el non os viu e ademais víaselle moi ocupado lendo un xornal deportivo, os nervios puxéranseme de punta e a pasividade do individuo estivo a piques de facerme estalar.
Rapidamente tomei un taxi e dirixinme ao campus universitario , iría á facultade de Belas Artes para saber se Miguel asistira a clase aquela mañá; durante o traxecto pensei que debín pasar por alí antes de acudir ao domicilio da parella.Nunca mellor empregada a expresión, repentinamente cavilei, que estaba alimentando unha gran bóla de neve, que se derretería nun gran charco de nada, cando Miguel dese finalmente sentido ao que a min parecíame estrañamente complicado. Con esa confianza entrei na cafetería da facultade e preguntei por Miguel, dada a súa popularidade, o meu interlocutor, que dixo ser alumno de segundo curso , manifestoume que o coñecía, pero que non o viu aquela fría mañá. ¿Podería ser que non tomase por unha vez o seu cotián café con leite das once?, o que dada a súa personalidade non deixaba de ser raro; o mellor era preguntarlle aos seus compañeiros de curso. Achegueime ata un grupo de catro que alí había e pregunteilles , claro que o coñecían eran os seus amigos, pero cousa rara, aquela mañá non o viran; eles mesmos segundo confesaron estaban pensando en achegarse ata o piso de Arapiles, para saber que lle sucedía.
Conteilles rapidamente todos os meus movementos; eran preto das doce trinta minutos da mañá e todos coincidimos en que o asunto non deixaba de ser bastante estraño, ademais segundo me dicían, tiveran un importante exame de xeometría descritiva á primeira hora. Logo dun curto silencio, un dos alí presentes , manifestou:
- Creo que o mellor sería saír a buscalos, é inusual en Miguel faltar ás clases, máxime considerando o que hoxe tiñamos exame, ademais polo que ti dis - referíase a min - de Estrela tampouco sabemos nada.
- Tes razón - dixo outro dos alí presentes - o máis acertado é saír rapidamente a buscalos.
- ¿Pero a onde imos ir ? - Preguntei eu , xa vos expliquei os meus infrutuosos movementos.
- Non vos alarmedes pero creo que o mellor sería preguntarlle á policía, aos municipais, ou ben nos hospitais por se tiveron algún accidente - suxeriu alguén.
Todos estivemos de acordo e cada un encargouse de ir buscar información aos lugares dos que prontamente confeccionamos unha lista. Quedamos en que nós veriamos alí no mesmo café da facultade de Belas Artes, tres cuartos de hora despois, aproximadamente sobre a unha e trinta minutos da tarde. Eu debía ir ao hospital da seguridade social que quedaba nos arredores da cidade, para iso tomei un taxi, á vez que compraba un xornal, para ver se na páxina de sucesos había algunha noticia relacionada coa sorte dos meus amigos.
Ante os meus ollos íanse sucedendo as desagradables noticias que viven nestas páxinas: accidentes de circulación, atropelos, mortos por sobredoses, violacións, atracos a man armada, etc. etc. , xa ía pechar as páxinas do xornal cando os meus ollos sen querer dar crédito lían a noticia, que apenas ocupaba cinco liñas nun pé de páxina:
”Unha parella de mozos que transitaban ás nove e media horas da pasada noite polo madrileño parque do Retiro, foron salvaxemente agredidos por uns navalleiros que conseguiron darse á fuga, o seu estado é grave. A moza ademais de varias feridas penetrantes con arma branca, foi brutalmente violada e o seu rostro horrorosamente desfigurado. Témese polas súas vidas pois o suceso tivo lugar nun punto illado do parque, e cando foron achados casualmente por outra parella que paseaba polo lugar, ambos perderan moito sangue. Permanecen internados na U.C.I. do hospital xeral”.
Aquela noticia percorrera en décimas de segundo todo o meu corpo, para afundilo nunha terrible sensación de impotencia; facendo un terrible esforzo, díxenlle ao chofer do taxi que cambiase o sentido da marcha e que se dirixise agora o máis rapidamente posible ao outro hospital que había na cidade e que quedaba non moi lonxe de onde nos atopabamos, no centro; o home miroume cunha expresión de non entender nada e facendo un lixeiro movemento de ombreiros iniciou a manobra que eu lle indiquei.
A pesar de que non se dicía nada na breve noticia, sobre a filiación das vítimas , nin da súa constitución física, a min xa non me quedaba dúbida de que eran os meus amigos, pois coñecía a súa metódica costume de dar grandes paseos polo parque que se mencionaba como lugar do suceso, de nove a dez da noite.
                                       *
Agora, catro anos despois da morte de Estrela, Miguel, seguía sen refacer a súa vida sentimental, e de cando en vez caía nos profundos abismos do seu interior. En tales circunstancias, un misterio insondable ata para min, o seu amigo máis íntimo , envolvía a súa persoa. Era en balde tratar de axudalo,unicamente cabía esperar, que el se decidise a falar dunha vez por todas da morte de Estrela, pois do que non quedaba dúbida era que o único motivo das súas periódicas recaídas, estaba relacionado coa súa tráxica desaparición.
Viviran case cinco anos de felicidade límite, compartindo as súas vidas de estudantes; seguramente ,e iso era o peor ,farían grandes plans para a súa vida futura en común , e todo iso veuse abaixo da noite para a mañá polo capricho criminal duns desalmados navalleiros.
Miguel xamais falaba comigo , nin por suposto con ninguén do tema, e se eu había tratado de suxerilo nalgunha das incontables conversacións que tiveramos desde entón, el arranxábaseas para dar un xiro repentino ao diálogo e saírse como se adoita dicir, polos cerros de Úbeda;entre nós, mellor, polos outeiros do Courel.No día da miña visita,Miguel achábase sen dúbida nun daqueles túneles escuros, dos que cada vez lle resultaba máis difícil saírse. Logo de analizar cantos temas de interese foron saíndo e de pór verde ao señor ministro de cultura, pola súa desastrosa xestión á fronte do ministerio; cuestión na que coincidiamos sen dúbida ambos; Miguel enchendo os pulmóns dun aire que estaba alí e que a el parecía negárselle, dixo:
-Querido amigo, non aguanto máis, durante todos estes anos sufrín en silencio o meu destino, agora quero que me escoites e intentes comprenderme, non quero que ninguén máis coñeza nada en absoluto , do que vou contarche.
- Non fan falta xuramentos ,¿ verdade ? - dixen eu.
-Entre nós , non están permitidas esas cochinadas - contestou Miguel, con todos os nosos longos anos de íntima amizade reunidos nos trazos maxestosos do seu rostro.
Levantouse entón, para coller unha botella de güisqui e dous vasos, tamén trouxo un paquete apenas empezado de cigarros louros, e tras servirse a si mesmo e a min , acendeu un cigarro, chupaba con nerviosismo o cal era inusual nel , pois case nunca fumaba , e en canto a beber tampouco se prodigaba en absoluto. Eu contaxiado pola atmosfera que, as súas palabras e os seus últimos actos foran creando, tamén apurei un bo grolo e acendín un daqueles cigarros.
- Rógoche que me escoites sen interrupcións, por importantes que estas poidan ser para ti, estou disposto a volver sobre o tema, as veces que sexan necesarias, pero rógoche que non me interrompas mentres tanto.
- Fala dunha vez - Díxenlle intrigado por aquel aire de misterio.
E comezou a falar: -“ Se fas un pouco de memoria, recordarás que no día en que fomos agredidos eu e a miña acompañante, era un domingo pola noite; pois ben, tamén recordarás que debido a que o xoves desa semana fora festivo e que aproveitando a circunstancia o mércores pola tarde foi o último día de clase, serache fácil acordarte da alegría con que recibimos todos os universitarios aquelas seme vacacións de catro días , contando ata o domingo. Eu e Estrela por entón pasabamos unha grave crise nas nosas relacións, aínda que vós exteriormente seguiades véndonos como a parella perfecta, os que iamos envellecer xuntos.
Estrela sabía que eu a amaba con tolemia, case con desesperación e por entón, eu era un xoguete ao antollo dos seus caprichos, mortificábame constantemente e ameazaba con abandonarme senón accedía aos seus máis nimios caprichos. Sei que todo isto estarache sorprendendo dada a imaxe tan idealizada que todos tiñades dela. Pensei que, aqueles días de vacacións serviríanme para facer que recoñecese a súa tiranía, para que se comportase doutra forma comigo; estaba netamente equivocado, pois sen nin sequera escoitarme, díxome que ela o facía só comigo e que iso era suficiente, ademais non había ninguén que lle interesase o máis mínimo, que podía estar tranquilo. Quixen dicirlle, que a pesar de todo,o seu comportamento comigo era demasiado esixente, demasiado cruel , e que a relación dunha parella tal e como eu a entendía era algo moito máis serio. Riuse dos meus principios , do meu sentido da orde , en fin , riuse de todo o que non fose cama e exclusivismo , cousas que a min non me bastaban en absoluto. Dixo que estaba farta de min e dos meus ridículos principios e que xa non estaba en condicións de soportalo máis. Cun sorriso que me dou medo , confesoume que non me amaba en absoluto e ademais por se me importaba, que nunca me amou, nin sequera ao principio da nosa relación, que decidira saír comigo por cuestións de táctica e estratexia que eu nunca entendería e dito o anterior fíxome saber que á mañá seguinte iríase definitivamente do meu lado, marcharíase ao seu país, sabes que ela era mexicana, e que nin sequera pensaba terminar a carreira. Logo sorprendentemente acougouse e durante toda a noite fixemos o amor, ela mostrábase insaciable, parecía unha verdadeira ninfómana, as súas entrañas ardían febrilmente, os seus movementos eran tan frenéticos que parecía posuída, xamais se comportou con tanta paixón como aquela última noite que pasamos xuntos.Eu terminei tremendamente esgotado por aquela noite de pracer aloucado.
Antes de quedarme durmido profundamente, pensei que todo solucionara entre nós, que Estrela ao fin comprendera e que o noso agora si podía empezar a funcionar de maneira definitiva.
Nada máis lonxe da realidade, cando me espertei pasada a unha da tarde do xoves, ela non estaba ao meu lado, saltei da cama e sobre a miña mesa de traballo había unha nota que dicía:”Funme ao meu país. Non me busques sería inútil, morrín”. Non mo podía crer, despois daquela noite apaixonada, a máis apaixonada..... Estrela estaba monstruosamente tola; a nota parecía falar desde o máis aló :”morrín” ; estaba só, só , abandonado e terriblemente desesperado , era un golpe demasiado duro para min. Pensei en ir buscala ao aeroporto , a México- Toluca, ou onde queira que se atopase, pero por un momento comprendín que sería en balde, que tiña que afrontar a situación e que xamais tería a Estrela ao meu lado. Logo, de xeito incomprensible, empezeime a preocupar polos comentarios que farían os nosos comúns amigos, ¿que dirías ti se te decatabas de todo aquilo ?, ti que tanto apreciabas a Estrela, como ía dicirche que Estrela era un monstro, un ser inhumano , unha muller cruel, e sen sentimentos.
Por outra banda, entendía que se ela non estaba fisicamente ao meu lado, cando menos necesitaba para seguir soportando manter o seu mito intacto, a muller ideal que todos criades ver nela, de ningún xeito podía derrubarse, íame a vida niso e a fama.....pensei en quitarme a vida, pero falláronme as forzas, non había saída; o luns saberíase todo, e eu sería abandonado ata pola muller ideal que, entre todos, doutro xeito axudariádesme a manter en pé. Pasei todo o resto daquel día pensando nunha solución que se me negaba.Unha idea terrible, a única, pugnaba por dominar os meus sentidos, eu esforzábame en rexeitala.....buscaba unha saída e non a atopaba. ¡sería tan razoable reunirvos aos máis achegados e contarvos o sucedido entre nós ! , pero eu , non era eu, eu era Estrela.
Finalmente non tiven outra opción que pór en práctica aquela única idea, que por entón xa era a dona das miñas facultades mentais. Para min , sería moi fácil, daría unha volta o sábado pola noite por calquera discoteca e ligaría coa primeira prostituta estranxeira que se me cruzase, levaríaa ao piso, á casa, aquela mesma noite, faríalle o amor e gañaríame rapidamente a súa confianza, o meu físico garantiría o éxito. Logo, co diñeiro que sacaría da miña conta corrente, o sábado pola mañá, contrataría nos baixos fondos da cidade o servizo de xentalla canalla da moinantería, navalleiros a soldo; para que o domingo ás nove trinta horas da noite, atacasen a unha parella nun lugar solitario do parque do Retiro, a min daríanme tres picadas non mortais e á suposta Estrela, violaríana, desfiguraríanlle a cara para que non puidese ser identificada e feriríana de morte. Eu encargaríame de que non levase encima ningún documento que puidese identificala, dada a súa condición de muller da vida, ninguén se presentaría a recoñecela, eu declararía á policía que era a miña compañeira , a miña noiva Estrela , e o asunto pecharíase de acordo cos meus plans.
Cunha frialdade monstruosa que, eu mesmo estrañaba en min, puxen o macabro plan en práctica e todo o demais xa o sabes. Estrela morreu para todos vós a mans duns navalleiros desalmados e o seu mito, a súa idealización , como unha falaz quimera, seguiu acompañándome ata agora, agora necesito que me abandone e só ti podes axudarme”.
Eu que, non dixera palabra, durante todo o longo intre que durou a súa horrible exposición dos feitos, non acababa de crermo , non podía ser, non podía ser, Miguel.....
Adiviñando os meus pensamentos , dixo: - Non lle deas máis voltas , son un tolo, un maldito asasino.
Realmente resultaba evidente que, Miguel ante os ollos da lei era reo de asasinato,con algunhas circunstancias que agravaban a súa responsabilidade criminal; el aínda que aparecía así mesmo como vítima, ao ser o indutor directo dun asasinato consumado daquel horrible xeito, era sen dúbida coautor intelectual do mesmo , todo iso pasou rapidamente pola miña cabeza á vez que analizaba os motivos, que desembocaron no tráxico final que o meu amigo acabábame de referir.
No meu interior buscaba afanosamente algo que puidese descargar un pouco a terrible culpa de Miguel, non había con todo saída algunha ,¿ou si a había?. Sorprendinme dicíndolle:
- A realidade dos feitos imponte a ti como culpable directo do sucedido , ou case directo , pero eu penso que como ti mesmo dixeches, ti non eras ti , ti eras Estrela, estabas posuído por un amor aloucado, que te abandonaba contra toda lóxica. Ademais todos nós, os teus amigos , eu mesmo en particular, que criamos fielmente nela somos tamén algo culpables, pois todos tiñamos fe cega en Estrela e viamos seguramente o que queriamos ou necesitabamos ver nela: ¡A MULLER IDEAL!.
- Agradezo as túas palabras, es realmente un amigo, a miña conciencia está terriblemente sucia e ti tratas de lavala con esas reflexións que aínda saíndoche da alma, non poden axudarme a soportar esta pesada carga.
- Cando menos agora, soportarémola entre os dous e iso axudarache.
                    *
Na rúa facía frío , abrigados debidamente, decidimos saír a cear xuntos. Durante a cea volvemos falar dos temas de costume.
A conversación que horas antes tiveramos no estudo de Miguel, pertencía a un pasado que había que esquecer custara o que custara.
                                       *
Pasados algúns meses da súa confesión comigo, no seu estudo, Miguel volveu recuperar as forzas e o ánimo , imprescindibles para que o pintor poida crear. Neste período , unha das súas teas recibiu ao fin a visita de Estrela, alí estaba tan bela como a recordábamos, cun sorriso melancólico e chea de misterio. O meu amigo era ao fin feliz, conseguira escorrentar as terribles pantasmas que periodicamente se facían fortes no seu pensamento, para lograr a lucidez necesaria que fixo posible a volta de Estrela.
O éxito sorría a Miguel, en Arco, a crítica saudaba alborozada o seu xenio creador, de entre todas as súas teas, todos admiraban o retrato de Estrela. A crítica quixo ver naquela belísima muller cun sorriso melancólico e misterioso nos beizos, a nova Gioconda.....
Eu tamén disipara as miñas dúbidas, o protagonista da miña novela, iríase agora a México, Estrela , atraíalle como un imán irresistible.....pero todo iso será materia doutra historia, algún día .
                                       *
De momento todos asistimos dalgún xeito a un incualificable crime, en nome dun idealismo paranoico, e ao ansia do meu amigo, por gardar as aparencias. Isto non pode ser, a morte dun ser humano non debe quedar impune, por moito que se argumente , e como a miña novela sabe esperar, agora mesmo irei á comisaría máis próxima, para que a policía deteña e a xustiza condene a este pobre perturbado.....Miguel agora ao presente, está pagando o seu enfermizo crime e en canto a Estrela, o protagonista da miña historia, di que non quere saber nada desa muller tan fatal como bela.
Unha beleza e un misterio capaz de desatar reaccións tan brutais en alguén tan sensible como Miguel, quizais por debilidade e feitizo amoroso , non me interesa en absoluto. Estrela é, concluíndo , unha desas mulleres excesivamente femininas e morbosas, que deixan pegadas indelebles por onde pasan acendidas e febrís; as súas existencias erradas serán un cúmulo de sucesos delirantes, senón se dan conta desta fatal característica da súa personalidade. Nada máis, o protagonista da miña historia, irase definitivamente lonxe, moi lonxe de Estrela á que detesta.....


venres, 9 de xuño de 2017

Case nace unha historia



              

            CASE NACE UNHA HISTORIA
                                      I                                       
       Estou cavilando nunha historia estraña, unha historia en Venecia, Roma , Grecia ou nalgún xardín de Versalles, onde o amor e a poesía , non haxan de faltar. Pero líbreme deus da miña ousadía, o meu cumprido deber , antes de vela desenvolverse por si soa , en calquera par de follas mecanografadas a dobre espazo por unha soa cara, é sentar a miña inminente historia diante dun espello de señoritainas, nalgún camerino de Hollywood, para que unha vez contemple a súa face no espello, reclame os adornos e barroquismos que lle dea a gana.
Eu por a miña parte e atendendo aos meus gustos nesta clase de cousas, gardareime de provela dun asasino de barbas longas, face fea e unha cicatriz nas meixelas, apartándome así mesmo dunha posible arma homicida, dun morto namorado , ou dunha rapaza que maquina o seu suicidio arroxándose diante do tren;  e non é que me opoña de forma tallante: Ela , a historia , sabe que eu atenderei cada un dos seus antollos, quedando eternamente aos seus pés e sempre seu...seguro servidor.                                      
                                       II
Se ela me deixara, eu engalanaría cun vestido branco con floriñas color rosa, ou mellor con margaridas amarelas, cuns rotundos vinte anos , cunha face bonita , uns dentes moi brancos , uns beizos normais ( por non caer naquelo dos beizos de amorodo ), un cabelo dourado e unha sensación grandísima: ¿ Amor ?. Si, sen dúbida o ingrediente do AMOR é imprescindible no prebe desta historia.
Chegado este intre asáltame unha lixeira dúbida, por outra parte pouco corrente no que aos meus gustos toca, sempre tan concisos e ás veces ata tiranos comigo mesmo.No ingrediente masculino non acabo de aclararme : ¿ Poesía ? - ¿ Filosofía ? ¿ Música ? - ¿ Pintura ?.....
¡Xa está!:El é un mozarrón ( san ocorrencia ), duns imprecisos vinte tantos anos, ¿ Esmorgante? , si un pouco esmorgante, no fondo bo rapaz, guapo, bastante guapo, de pais ricos, e máis con todo disposto para o trunfo en todos os terreos que a vida poida ofrecerlle...
A súa plenitude:¡ A Poesía ! o seu anhelo : ¡Ela!.
                                    III 
E mentres a miña historia, sigue observándose diante dun espello en calquera camerino de Hollywood, segura de gustarse e meticulosa coma boa historia que pretende ser, eu aínda que ao remate deba dar por meus os seus gustos e atender unicamente as súas esixencias, voume permitir un escenario, un motivo de encontro e un bico carnal...
O escenario, non entraña maior dificultade , un xardín case máxico , pero con plantas de verdade. Unha fonte viría ben ... Si unha fonte no medio ¿ estación do ano ? a Primavera como non ... todo o demais é cuestión de matices.
Como motivo de encontro, ela corta rosas no xardín e canta unha canción de amor. El pasa... ¡ non ! , vén de visitar a alguén da casa , non a ela por suposto, dado que non se coñecen nin de vista. Asunto de negocios , dos que el se ocupa accidentalmente por longa viaxe do seu señor pai. Véndoa entre as rosas, o seu espírito poético exaltase, diríase que está inspirado ( recórdese que el é Poeta ), dos seus beizos coincidindo co sono da canción nos dela, escápanselle uns versos provisionais, aventureiros, ó fin certeiros:
“ Non me ames porque si, quéreme
 porque che resulta necesario e imprescindible...”
Todo o demais é fácil  e o bico incuestionable.
                              IV
( Diálogo , onde o Escritor fala coa historia, que non acaba de arranxarse )
Escritor: A ver , xa está ben , non sexas tan presumida.
A Historia: Que che parece isto ... e isto ... con un laciño azul no cabelo ,¿ así tal vez?...
Escritor: Como queiras , como ti queiras. Ti mandas , e eu guíome e Santas Pascuas floridas.
A Historia: Si home, pero e que non me vexo con forza...,encóntrome estraña, non sei que me pasa...
Escritor: A ver si é que estas namorada.
A Historia: Non fagas bromas cativas; penso que me vou quedar nunha historia inminente , non sei que me pasa. É como se un tropel de irónicos lectores, se me houbese metido dentro da cabeza para mortificarme.
Escritor: Déixate de parvadas e sae dunha vez.
A Historia: Mira esquécete de min, bastantes problemas teño eu coas miñas cousas, para soportar a un prosmeiro coma ti.
Escritor: ¡ Aí vai ! , agora ponse violenta a señora.
A Historia: Mira , violento teu pai, teñamos a festa en paz e esquécete de min prosmeiro, máis que prosmeiro, xunta letras desprovisto.Mendigo, que es un mendigo e un vulgar inspirado.
                                     V  
( ONDE O ESCRITOR DIRÍXESE AO PERSOAL PEDINDO DESCULPAS , POLA SORPRENDENTE NEGATIVA, EN QUE SE EMBERRINCHA A HISTORIA ).
Tanto empolvarse o nariz, tanto axeitarse a meleniña para nada...agora négase a saír a escena, así son as malas actrices e as malas historias tamén son así señoras e señores, menos mal que eu tomeime a liberdade . Perdón , perdón por todo señoras e señores.



sábado, 3 de xuño de 2017

Falar das postas de sol é moi perigoso.



FALAR DAS POSTAS DE SOL É MOI PERIGOSO.
Falar das postas de sol é moi perigoso. Tratábamo de facer comprender, o meu recente amigo Astolfo, cando a principios daquel verán, camiñabamos os dous xuntos por unha estraña rúela.
 - O importante é romper a monotonía cotiá.
 - É o que intento.
 - Vén comigo.
- ¿ a onde ?
- Á enseada.
- Como queiras...
- Xa che digo, o máis importante dunhas vacacións e o obxectivo principal das persoas que as gozan é romper a monotonía, ¿non che parece?.
-Estou totalmente de acordo contigo , querido Astolfo.
- Pois entón ímonos, estase facendo de noite.
- Si imos, aínda que a min a verdade é que me gustaría ver a posta de sol, desde a illa.
- ¡¡¡ Cálate !!!.
En principio , non lle dei importancia a aquel ¡¡¡ cálate !!! fulminante, que de socato, soltoume Astolfo, talvez era así o seu carácter rudo e intempestivo, e ademais non me importaba en absoluto estarme calado.
Camiñamos sen mediar palabra, ata unha das múltiples enseadas, que salpican a costa atlántica, un lugar precioso..... .Astolfo, perfecto coñecedor da mesma, levoume ata o alto dunhas penas, desde alí , a preciosidade dobrábase e multiplicábase, era todo un agasallo para os meus ollos afeitos á mediocridade do asfalto na gran urbe.
-Embriágame este aroma e sobre todo, atérrame volver á cidade, ao meu traballo no metropolitano , comentei mentres o vento escorregaba sobre a superficie da miña lustrosa calva.
- Atópoo lóxico, evidentemente atoparse ocioso nun paraíso natural cheo de sorpresas e volver á monotonía da gran cidade logo, debe resultar bastante penoso. Eu case nunca vou ás grandes urbes, dixo Astolfo, pásome neste pobo mariñeiro todo o ano.
- Todo é tan belo aquí, e sobre todo: ¡mira! , ¡que posta de sol tan marabillosa.....!
- ¡¡ Cálate !! .De novo o seu cortante e pouco educado : ¡ cálate ! , xa empezaba a fartarme de verdade, pero sen darlle demasiada importancia , optei por permanecer en silencio.
A volta ao pobo, fixémola xuntos sen producir palabras, e ao chegar á porta do hotel, onde me hospedaba despedímonos ata o día seguinte...
- Ata mañá.
-Ata mañá.
- Se non che importa Astolfo, mañá gustaríame que me ensinases a gran gruta escavada en roca viva polo mar, que hai mais alá da enseada da praia, coñecida como gruta do xaponés.
- Como queiras.
- Ás sete entón.
- Ás sete.
- Oe ¿que tales postas de sol ven desde alí ?
- ¡Cálate ! . E sen dicir nada máis, coas mans nos petos e a cabeza gacha, vino perderse na angosta rúela caleada en branco cocaína, por un momento, estiven tentado a dicirlle que calase el e que senón quería ensinarme a gruta do xaponés, xa mas apañaría eu só, pero o que non estaba disposto era a aguantalo co seu continúo : ¡ cálate ! ¡ cálate ! , que ademais non viña a conto así de súpeto.
Paseime boa parte da noite pensando nos motivos que tería Astolfo, para facerme calar cada dúas por tres, pero o certo é que non atopaba ningunha resposta , por máis que pensaba : ¡ nada !, non tiña motivos para facerme calar, era absurdo. Ou polo menos a min non me parecía que os tivese...
Pola mañá cun rostro olleiroso, desencaixado, case cadavérico , presentouse Astolfo no meu hotel, eu naquel momento estaba almorzando e recibino cun amplo sorriso nos beizos, posto que tras a abundante meditación nocturna decidira esquecelo todo, se é que en realidade había algo que esquecer e inviteino a compartir o almorzo comigo. Cousa que rexeitou enseguida.
- Non hai tempo que perder, séguenme , é mellor que te vaias axiña de aquí.
-¿ Que dis Astolfo...?.
- Que é mellor que te vaias agora mesmo do pobo.
- Non te entendo...
- Non hai nada que entender, só que tes que volver á gran cidade xa.
- ¿E por que? , preguntei coa miña boca de amplo sorriso nos beizos, a cal teño situada baixo a miña perfecta nariz apolínea e a miña lustrosa calva.
- ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso ! dixo, vocalizando ben as palabras, pese ao pánico misterioso que se debuxaba nos trazos do seu rostro curtido polo sol.
E engadiu: ¡ Non hai máis nada que explicar ! ¡ Cálate e vaite !.
- ¿Quéresme asustar, é iso , non ?.
- E Astolfo insistiu: ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso !.
Fixen a miña maleta e subinme no primeiro tren con destino á miña residencia habitual, na gran urbe, debía estar bastante nervioso e alterado , pois un señor con lentes, case lupas, que non coñecía de nada, nin vira na miña vida, que ía no mesmo compartimento que eu , preguntoume :
-Señor , ¿pásalle a vostede algo ?.- Non , nada. Grazas. Respondín.
Na miña cabeza , librábase unha obsesiva batalla. ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso! ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso... !
Estaba atardecendo , os últimos raios de sol timidamente chegaban ata nós a través do portelo de vidro.
- ¿Bonita posta de sol , verdade ? . Dixo o señor das lentes, case lupas.
- ¿Como di señor ?. Preguntei fóra de min...
- Bonita posta de sol , co mar ao fondo e todo iso...
Alí mesmo estranguleino e logo arroxeino pola fiestra á simetría do camiño de ferro. ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso !. ¡ Falar das postas de sol é moi perigoso !. Os seguintes trinta anos paseinos no cárcere,compartindo cela cun súbdito xaponés con lentes excesivas, case lupas, o cal tiña unha bandeira do seu país despregada na cabeceira do seu catre liteira, cun sol vermello sobre fondo branco.....



Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...