luns, 26 de marzo de 2018

GARABULLOS DE COLORES


                                  GARABULLOS DE COLORES
GARABULLO, no dicionario de X.L.Franco Grande significa: “palitroque delgado,xeralmente seco, que se utiliza para acender o lume.Tamén se pode denominar:Garabizo,Támaras,Garabuxo e Garabeto”.Toda una festa de sinónimos para designar algo tan humilde coma común para iniciar a combustión da leña nas antigas lareiras galegas e incluso nas bilbaínas de ferro ou cociñas económicas.Largueza nominativa que fala da gran importancia que alcanzou e alcanza entre os sufridos galegos algo de tan pouca importancia ou valor teórico.Garabullos que para os afeitos a facer chamas quentes a partir da biomasa axiña se converteu nun dos seus aliados máis socorridos e imprescindibles, antes e despois das agora reinantes 32 pastilliñas: Blue Fuego, en portugués:”acendalhas” e en inglés “firelighter” comercializadas por unha empresa ¿separatista? catalá ao prezo dun euro por caixa.
Pois ben, expresado o anterior, todo isto ben a conto de que, onte, despois de algún tempo, tiven ocasión de facerlle unha visita ao destacado pintor galego e amigo: Celso Varela Duro: “Celso” residente na boa vila de Pontevedra.Xa no estudio do creador de Briallos -Portas, a súa culta e amable compañeira Ángeles,tivo a xentileza de amosarme varios centos de Garabullos de Colores, de evidentes resonancias naif,que agora ao pintor, dun tempo a esta parte, na súa intensa febre creativa constante, lle da por facer, seica cunha simple navalla Opinel francesa para coma quen di converter en arte todo o que tocan as súas destras mans.
Garabullos, algo máis gordos cos de prender o lume, que a min recordáronme as gaias dos entrañables tirapedras. Seica que o de Briallos Paraíso vai facendo neles mentres pasea e pasea. Arte pois en movemento. Memoria tallada do seus dedos sobre o máis humilde dos soportes que un se poida imaxinar.
Demasiados garabullos na cabeza?, pode ser...un pasatempos dun dos grandes pintores da Galicia actual por medio do cal lle saca a lingua aos insufribles encrucillados dos xornais?, tamén se acepta...
O que pasa é que a min, sinceramente, ningún xesto dun creador tan maiúsculo e infatigable coma Celso me parece falto de intención e valor creativo...por iso xa estou vendo os Garabullos de Colores sobre futuras bases de carballo ou castaño elevándose esquemáticos coma tótems dos xogos infantís e da bo sorte...
Despois de falar do divino e do humano, coma sempre, decidimos saír a tomar  algo no café Moderno, do que Ángeles enciclopédica, (agora por certo relendo as obras completas dun xigante do absurdo coma Ionesco segundo expresou ela mesma), me dixo que o coñecido café fora antes a casa dun indiano e que o arquitecto que restaurou o edificio respectou todo o vello...A continuación, con Celso convalecente dunha severa lumbalxia, demos uns breves paseos baixo os tímidos raios de sol da recen inaugurada primavera 2018 e celebramos a nosa xa longa e fortalecedora amizade...Por certo que “O Garabullo” tamén é o nome dun coñecido restaurante da Coruña capital...

Luns 26 de Marzo do ano 2018. Por R.S.LAGO.   

venres, 9 de marzo de 2018

MUNDO DE LOUREIRO VERSUS HILDEBRANDO OG DE BASAN.


   MUNDO DE LOUREIRO versus HILDEBRANDO OG DE BASAN.
                                            I
Diálogo entre o persoal comisionado pola editorial galega: Universal S.A. e o escritor galego: Mundo de Loureiro.

OS COMISIONADOS:-Estas algo así coma condenado á  morte.Tes que escribir o libro senón córtanche as mans e arríncanche a lingua(como lle fixo Pinochet a Víctor Jara en Chile).Non tes outra puta saída. Estes non andan con bromas compañeiro. Están dispostos a todo . Hai que cumprir amigo.Agora estas metido ata o pescozo, ou rexordes e dáslles a obra que lles tiñas prometido ou non fai falla que che digamos o que de mal che pode pasar.
A verdade é que nós tampouco entendemos o por que de tanto empeño. ¡Total para o que se le en Galicia! .Semella que anda xente gorda interesada  no asunto e que mesmo hai apostas cruzadas coma nas carreiras de cabalos.
 Si, queren que cuspas literatura que para iso te teñen aquí , nesta mansión en plan castelo medieval con ornamentación da época.Tratado a corpo de rei, cun equipo de serventes a todo meter. Non valen medias tintas ou te valeiras a xeito ou acabouse todo para ti e para os teus amigos pequenos:os nenos da aldea de Loureiro . Máis claro ca auga da fonte dos Ceos, da Viascón e da Ganchola, está o asunto escribidor.
MUNDO DE LOUREIRO:-¡Son uns cabróns! , iso non se lle fai a ninguén. Vanos facer medrar.¡Pobres nenos !.En poucos anos ¡ zas ! espertarán a todo isto. ¡Que pasada! .....
OS COMISIONADOS:-Así que xa podes pedir o que queiras:mulleres, tabaco, drogas, pistolas cargadas,  homes , comida, alcohol, coches rápidos para te desprazar ata aeroportos que te levarán a calquera parte do mundo , pero ti amigo Mundo de hoxe nun mes tes que amosarlles algo.
Un proxecto consistente, senón xa sabes, medrarán e perderanse por camiños cheos de trollo ata corromperse tanto no futuro que lles agarda , que non poderás coa túa pobre alma.Ademais tamén estas algo así coma condenado a morte, e tes que escribir en tales circunstancias unha fantasía capaz de acougalos. Polo teu ben aínda non , polo dos nenos de Loureiro, aos que tanto queres.
¿ Qué como conseguirán facerlles medrar monstruosamente e de repente?. ¡ Van facerlles ler durante dezaseis horas diarias informes de Amnistía Internacional !.Para que perdan a inocencia e estarriquen coma a goma de mascar.
¡ Agora ou nunca Mundo sementa as verbas , constrúe un raio de esperanza para todos e serán libres e haberá felicidade a montes. Non te egoístes, non salves talento, entrégate coma nunca fixeches!.
MUNDO DE LOUREIRO:-¡Que se foda todo María Santísima!. Esa é a  miña resposta. Non hai maneira de que isto poida ser doutra xeitura. Unha novela, un conto, toda a historia da literatura non cambia nada. Ademais xa hai tempo que esta todo escrito. A min que máis me da , non vou poñer agora a funcionar a inteligensia porque se lle ocorre a non sei quen .
 Xa se saberá co tempo, todo se sabe ..... si se chega a saber claro. O que lea isto vaise decatar do que é un pranto matricial ou menos. ¡Hostia!, quizais teña que valer todo , e se vale todo , vale todo . Pero pensar con tino e tal ¡non!.¡Eu non !.Unha historia proxectada; para o que se dixo ao principio, pero vamos , como carallo se come todo iso señora María.
                                            *
 “.....Ponte sobre augas turbulentas, é o nome dunha composición musical . Ponte sobre selo.Que lle apliquen rastropallo e serraduras a Caín. “Balada de Caín” , é o nome dun libro.
 Tropecei cun valo. Eu son a hostia múchacho. Teño de todo e non me falta de nada, só pío por un libro que me represente cando eu non estou .¡Ben, ben, para o carro rillote!.
 Cada palabra miña é un: “te quiero Leonor de mi alma”. Hai que saber moitas cousas para ser un escritor universal. Pero claro ao mellor tendo unha bóla de colores xa o es Mundiño.
Mundiño Lobiño, é o que mellor me vai neste intre. Agora me parece a min , que me estou a converter nun persoeiro da cultura galega.¡Téñoo unha vaidade a proba de booomba!.
 Son moito eu , dende que me pasei o campo da prosa, estou que me saio do folio.
Que lle apliquen rastropallo e serraduras. Moito rastropallo e que se acougue que aquí non pasa res, aínda que pase de todo, como en todas partes. ¡Mecagonacona! , é incrible, eu non sei nada deso. Imposible rillote. Oes a min que me deixen andar ao meu , que vamos parece que quixeran converter a un nun atracador así polas boas , ou nun terrorista , ou nun conta contos.
 Amigo que un ten moita máis categoría. Sen punto de comparación chico . Que chega un momento , que por favor, a ver que está pasando aquí.
 Pois si señor onte á noite fun de carallada como debe ser.Unha fortaleza de paixóns .Oes é todo milimetrado. Que non quero falar , porque despois sábese. E ben, que tamén se pode ir ao século vinteún ou a lúa. ¿ O sol ? . Ao sol que máis quente vaise en Challenguer ás veces...”
                                            *
OS COMISIONADOS:-.....Iso xa o sabemos tamén, roubáronche a moza e agora non aturas a soidade imposible , que xa che adiantara o libro de poesías de Arturo Cuadrado . Que si, que che queremos ben , tes todo o que precisas ¿non? ,agora tes que cumprir.
 Están dispostos a poñerche o que pidas a pedir de boca. Pero xa sabes sen reservas de ningunha clase e a ver o que podes dar de ti.
MUNDO DE LOUREIRO:( Monólogo interior ).....
Saíndo de aquí desta poría  ou o que sexa todo isto, hai quen de máis.
Vicio a pedir de boca. Sol, mar, comida á carta.....ben para que seguir. Que xa está un canso de andar aproveitando frangullas , perdido nunha aldea á que lle tiven que cambiar o nome, e o axuntamento tamén , e a provincia o mesmo.E ata eu , isto non podo aseguralo, me vou cambiar o nome a min mesmo.
Non saberán outra cousa pero quecen nun coma nunha filloa e despois a ver quen me atura. ¡Hostia! que  a historia da literatura está chea de casos límite. Hai que temperarse , un pouquiño , total xa se sabe, por saberse que todo isto non alcanza para deter o medrío dos rapaces, nin moito menos conseguir inmortalidade, mediante pactos escuros con forzas que están aí dende sempre esperando coma quen di facer festa.
OS COMISIONADOS:-Non, de momento moita obxección por parte de ninguén, a que te baleires de maneira tan espectacular non hai .Comprendemos non obstante que sempre andaches trabucado porque nin vas para riba, nin queres deixar ir.
É que no fondo amiguiño latexa en ti unha cuaternaria ou antropozoica frustración datada hai trinta mil anos na Dordoña francesa cando aparece  en Europa a nosa especie, homo sapiens sapiens :”home sabio”,  máis coñecido polo home de Crogmagnon .Digamos que se trata dunha frustración tamén plistocénica por xurdir no derradeiro período xeolóxico do planeta.Combinase tan milenaria frustración con evidentes crogmagnonías dolicocéfalas magdalenienses; por ser nestas coordenadas paleoantropolóxicas finais, localizadas dentro da idade de pedra no paleolítico superior, nas que aparecen os primeiros vestixios do arte cavernario humano.                                                                                                                                                                                           
 Convértete de boas a primeiras todo esta herdanza atávica nun tipo serradelas, inconstante e palanquín, incapaz de interpretarse , que compra libros raros no quiosco de Asunción , con debuxos raros e títulos definitivos. Dous libros nun, nunha modernez cutre, as portadas contrapeadas , e ben, faise o que se pode con edicións propias e tal, pero ao mesmo tempo non hai moito que digamos reseñable. Si chamouche á atención  unha verba dun dos autores, concretamente o portugués con gafas de cura agochadoras o que lle gustan os pasteis e tal ; pero , ¡a ver!…: “lambe xemas” , que iso chamároncho as chicas de alterne sudamericanas do novo mundo na obriña de Kafka, que hai chegando a Vilaboa: “O Castelo”. Si onde ficaba o churrasco da Macanuda , que levou sona de fritir cans fai algún tempo. Agora alí hai unha rúa , non, un amplo local con rapazas de alterne, en exercicio, putas en definitiva. ¡A ver!… todo ese talento cinético que, se che supón a pesar de todo, no teu interior de porcelana, precisámolo para demostrarlle ao mundo que ás veces o desprendemento artístico mil veces traizoado por ti, cegamente depositase en continentes da túa indolencia e deixades.
Este é o noso parecer de entendidos, o noso diagnóstico pericial,  e ben, ben, ben.Estas obrigado e de que maneira tan fantástica, cumpre pois rillote da aldea.Medrar de repente pode resultarlles fulminante aos teus amigos, facelo pouco a pouco aprendendo os segredos do camiño no manual de instrucións da vida, pode pasar, incluso pode ser interesante…..¡ xa sabes o que queremos e esperamos de ti!.
MUNDO DE LOUREIRO:-Xa vos vou facer unha xogada agora mesmo:” otxi quit quixil kaxaka xikixi kofa xufa.” Demasiado . Esa é unha frase de Zubiri , un día na universidade de Salamanca á presenza do grandísimo Savater , sobre a localización da alma dentro do soporte físico. Que despois puxo cacheiro a García Calvo, que se animou a comentar confuso e próximo ao esquecemento:
”¿Será ou non será un camión o que quere para súa felicidade Lúa?. Ou dito doutra maneira: Cukakate Feirotasel, rómpanse dúas ducias de gomas de borrar para corrixir o texto: Catekacu Rotasefei, para que xurda a presenza muda do Don Xoán de gafas como cus de vaso ou lupas. Na distancia mental Gonzalo Torrente Ballester relacionando de maneira ocular e saga fuga de j.b. anotada.  Xemilouza.Cemlerrio.Basturosa.Está claro Lúa quere sinxeleza franciscana por iso agora digo:Inicialmente: Catekacu Rotasefei. Basturosa. Cemlerrio. Xemilouza,variando sobre o centro que permanece. E para concluír: Cukakate Feirotasel, outra vez como ao principio do xogo raro este, que ademais non intenta valer para nada”.
OS COMISIONADOS:-Tamén sabemos que es inesperado e sorprendente.Que non queres pensar.E así claro, vas deixando solermiñamente testemuña de non sei que che acontece , porque non acabas de entregar o talento todo e semellas un equipo de fútbol que quere os puntos sen baixar do autobús.
Para que comprendas ás claras, o que pasa é que antes non estabamos autorizados a dicircho, es brillante, incrible, xenial, pero amigo meu hai que pasar máis tempo no Batiscafo, no Inzo dos sete vidros ou na Cova do Talento como parece que lle chamas agora, en definitiva no cárcere da soidade que ben sendo o estudio escritorio de calquera escritor.Iso se…, enfiando sobre a primeira denominación, se… queres ver os fondos submarinos da creación de coral e os peixes rechamantes; xa sabes, traballar,traballar,ler,ler, corrixir,corrixir.
MUNDO DE LOUREIRO:-Se digo a verdade xa me estou dando conta  de que me estou acercando ao centro do trebón , do furacán da creatividade sacada a pasear pola cintura cósmica do sur , como dicía Pablo Neruda. Sinto a tensión esta que me fai vibrar, a cambio de nada , por todo. Porque a dicir verdade, estase neste mundo fuxindo de non sei que cousas e sobre todo porque despois de tanto enredamento xa non se sabe ser outra cousa. Un oficio máis, nun idioma capaz de transmitir ideas e sentimentos. Deso debe tratarse . Cando está un así de creativo, vive, sufre, disfruta e sente o seu propio latexo. Nada máis ca o seu propio latexo sensitivo e entón esgotase o tempo e as dimensións todas. A creación sucedese atemporal. Isto vai de teoría , e que ,a tragar o que se diga a risco de que vos coma un libro con dentes destrozadores de Lacoste, deses que hai por aí literariamente correctos na súa dobre moral cordialmente eufemística, porque aquí maiormente estamos a compartir un estado de ánimo.
OS COMISIONADOS:-Ningún de nosoutros pensa que se te metes ,nese  vieiro encetado , sexa posible procurarlle algo mellor á xente pequena sinalada ao principio.
MUNDO DE LOUREIRO:-Ben, ben , que a estas alturas poucas tragadeiras postas a tragar , van admitir unha posibilidade imposible de tal medrío goma de mascar. Que indubidablemente  non é mais ca un pobre recurso conexionado á paixón que se precisa; porque ten que haber un motor, un dispositivo inaugural e claro aquí en Letrahobby ( Terra Santa, Finesterrae, Esmeralda, aínda que haxa un mar máis alto có ceo, trunfa o país da noite e da brétema sempre), por iso chega un momento , que se necesitan aínda que sexan así de quiméricas, heroicidades contra natura, quizais , próximas a ser protagonizadas por un antiheroe no camiño que se eleva no alto da folla dunha navalla, sobre a que andar grávido máis dun lustro de dicionarios e desvelos constantes.
E conste que ninguén está a faltarse a si mesmo na elección do papel e da responsabilidade inherente. ¿Entendedes? ou non entendedes máis ca o que vos interesa coma sempre ; se fora onte ao mellor xa vos tiña arreado uns cantos apelativos cariñosos , pero ben. Tanto ben , xa me está tocando as gónadas. É un puto vicio. ¡ Que soidade trapense ! . Non me queda máis remedio que tregolarme e non baleirar unha choiva de chumbo , na xente esa que insiste en pesarme o talentooo.
OS COMISIONADOS:-¿ Pesarche o talento ? ¿ Gónadas ? . Vía mala múchacho . Tes que ter outra cousa no caletre. Algo que nos devolva o gusto , precisamos unha obra primordial, pero xa estamos a intuír que o talento abichócaseche coma un vagalume nunha noite de verán; cando sería preciso toda a contundencia en vatios de potencia que empregan os grupos de rock and roll . E xa sabemos  tamén ,que ti a tal hora seguro que tes todo o máis fixa a distancia en folios e o tipo de letra, e que o demais impórtache unha perrechuda cona de sex sohp, con pelos de burra e moita silicona fedenta; porque claro Alexandro Dumas cando escribía nin sequera cavilaba, só movía a pluma automaticamente encol dos papeis en branco. Ti rillote estasnos decepcionando e pobriña túa como non cumpras.....
MUNDO DE LOUREIRO:-Maldito, por dicir algo , se sei o que me queren significar esotéricos encargadores de obras presumiblemente talentosas, na procura de : sexamos claros deter o tempo todo e facer posible milagres nos que ninguén cre, pero que son necesarios, ás veces nas bárbaras cabezas que nos acurralan. Amigos máis amigos que todos bos xuntos ao quite da miña saúde mental, advírtenme de que a creación así a pau seco me está disfrazando a existencia de tempo baleiro. Claro que Eu , Mundo de Loureiro, non sei o que é cear diante congostras semellantes, e por iso tecleo un discurso , no que van cobrar vida digna moitas verbas. Xustamente entrelazadas , con mestría , talento e todo iso que se dispón por dispoñer. Claro que non saio , nin quero saír de experimentos deste arnaxe. E oxalá todo isto houbera que lelo coa axuda de insospeitados libros de apoio súper eruditos . Que ao presente a máquina xermana avariada vai máis ben desto.
¡ Aquí son os Pirineos, os Alpes , e todo o cordal Andino na América do sur, non hai descanso que xa me sobran lectores afervoados e aínda non dei con nada digno de compracer enciclopedias!.
¡ Un pulso de ferreños camioneiros baixo a luz cenital do luceiro da mañá , ¿e todo isto para que? . Intoxicarse nesa atmosfera do imposible cultivada por vostedes , que queren facerme crer que nas xemas dos meus pobres dedos tópase o remedio contranatural , para algo tan natural coma ser neno, ser logo adolescente e por fin ser adulto , cando a certeza da morte está con nós , para que aceptemos e comecemos a entender todos os quilates da frase esa que nos coñece dende sempre: “O tempo é ouro”, porque , detrás de cada minuto está o minuto futuro…
 Isto estase a converter nunha inmunda chagorza de filosofía máis ben entrapallada.
Para obras deste tecido, ás veces é preciso osixenalas coa frescura das rúas ou corredoiras. Non sei , nin me importa o que lle iría preguntar a rapaza ou chica ou mellor moza que me vendeu o libro de informática para torpes do Word 95 , á tenda de lencería feminina. A piques de caer na celada , de que se estaba a prover de roupa interior rechamante para unha noite de pizza móbil con película porno no estartelado vídeo doméstico. Isto no é seguro o que queredes , pero è o que hai e se me ocorre. Que tamén o perruqueiro Clemente , estaba a falar unha parrafeada sobre Einstein ou Newton á porta do local , coa vendedora de lotería que xamais dou un décimo de primeiro premio e síntese tan digna.
 Si o remedio ao imposible, tende a ser agora máis ca nunca a vida cotiá, a vida sen importancia. Coma que polas tardes Rosalía ex mis Xabre,  filla de Modesto de Branco, que está de amante cun trompetista taxista de Augas Quentes ( Caldas de Reis ), tamén vende roupa de nenos en Ambarpó ou Boa Vila ( Pontevedra) no comercio que ten nunha rúa do centro; podía dedicarse a pasear ou ir de cafeterías, pero ela non, ela está no comercio disposta a uniformar a infancia, a cambio de moitas pesetas de curso legal.¡Maldita envexa!.Xunto coas inxustizas e as putas guerras son a cúspide da negación desta polo menos afanada especie humana.
 ¡ Como me está a marcar todo este territorio creativo , no que me remexo dende hai tres obras de caridade !.(Exclamación interior).
Estou a punto de que non se entenda nada , pero aínda así inténtoo. Xente sen complicacións , que se ama , que ten proxectos no ar.Eles son a proba do nove da existencia aparentemente sen complicacións . Esta ou calquera outra obra van ser unha folla máis no inmenso árbore da creación , agora seino, por eso apacigoado , non me dou ao alcohol e as mulleres fáciles como debera. É que estou a guichar utilidade material , nun eido no que a realidade deixa paso á fantasía.
¡ Despegar este calimbornio , este ladrillo , tiralo ao aire e que non volva a pillar biosfera, ata aterrar sobre o décimo planeta !( ese xigante matemático que disque hai agora xirando colosal no espáceo frío e escuro).
E vano tomar por serio , para que cando abra a boca , diga cousas congruentes. ¿ Non sei que libro están a esperar de min ? . Xa sei que non é obrigatorio, pero aplicándolle abecedario ás veces suceden por leis descoñecidas, cousas sorprendentes, falen pois vostedes.....
OS COMISIONADOS:-Estamos a repasar con lupa todos os seus escritos para tratar de dirixilo ao que nos interesa.¿A ver se nós entende? Na súa súper cabeza , sabémolo , non importa por que , están atrapadas dúas ou tres obras que serán catalogadas de mestras co tempo. Iso polo menos.
Sabemos tamén da súa preguiza , do seu desinterese , da súa desidia. Pero vostede amigo Escritor, parece pertencer a aqueles que se lavan con area e se secan con auga. Vai contra corrente  e claro aí están as forzas negativas dispostas a trituralo coma unha comedora de lixo electrónica.
 A nosa misión e ilo facendo crer no que non cre e aínda que a petición do principio sexa certamente desmedida ( recorde: ¡ deter o medrío dos rapaces ! ) , dando por sentado que a nosa información é fiable sobre as posibilidades da súa Señora Cabeza , compoñaseas como poida , pero desenrole un texto incualificable , que xa nós encargaremos nós cos eséxetas e críticos necesarios para interpretalo a xeito e facelo intelixible. ¿A ver que lle suxire unha bailarina espida , bailando sobre un lago xélido en Odessa ou no Canadá.....?
MUNDO DE LOUREIRO:-En Odessa non me suxire nada. No Canadá, ocorréseme o cal non deixa de ser brillante, que ben pode ceder a capa de xeo e quedar dentro dun bloque  xélido , coma si estivese nunha furna de cristal tipo a de Brancaneves. E se non cede a superficie do lago, o máis probable é que colla aínda así unha pulmonía de complicacións insospeitadas dada a espides que se me presenta, como real. Aínda que claro se se move frenética pode vencer o frío e desenrolar unha danza nunca vista antes.
OS COMISIONADOS:-Moi ben vemos que está vostede a aceptar suxirencias , e desenrolalas . ¿ Que lle suxire pois un río contaminado ?.
MUNDO DE LOUREIRO:-É a vostedes que lles importa, aínda que claro debe importarlles, pero claro a min non. É dicir nesta suxerencia non estou colaborador. E só se me ocorre dicir que deben instalar depuradoras e coidarse de non deteriorar a solución vital por excelencia. E nada máis , que ás Novelas Exemplares de Cervantes, acábanlle de caer algunhas letras e vou ter moito traballo , reconstruíndoas. Así que ata mañá señores meus , que deben de ser vostedes uns caza talentos sen escrúpulos ou así, que queren abusar de min e non dubidan en inventar o dos rapaces da aldea para que eu colabore e non poña obstáculos.
Pero trabúcanse comigo, si trabúcanse, porque eu paso de todo e só escribo cando me peta.
                                            II
(No interior dunha mansión de estilo medieval obrada nun picouto preto da praia da Lanzada, falan entre eles dous homes de gran envergadura vestidos coma serventes).
-¿Un cambio de nome?
-Si agora dálle por iso. Ten unha grande lea máis ben na cachola o tipo este. É un egoísta nato. Na vida hai que ser algo, e este tipo por veces medio se dilúe na tempestade. É difícil de entender. Converterase nun escritor de culto ou así , pero claro nós, ben os xefes, precisan ventas.
-¿ E como ovos quere chamarse  ? .
-¿Quen o sabe con seguridade?.....
-El que escriba algo exterior e que se chame como queira. Confunde todo . Non hai quen o entenda.
-Creo que quere poñerse un nome de muller tal como: Iolanda,Vanessa, Jessica, ou así.
 -Pois mira que debe estar mal o punto é. ¡ Que fodido ! . ¿ A ver con cal se queda logo ? .
-Xa se saberá cando se saiba , porque cun elemento destes nunca se acaba de  percibir . Ao mellor nin sequera é unha cuestión de nomes.Máis ben será unha cuestión de método, ¿ non che parece Calisto ?.
-Pois no tocante ao método de traballo podes ter razón Pascual. A min tamén me parece que debía facer un esquemiña de vez en cando, pero claro, eu ben sei que en boca cerrada non entran dinosauros, nin serpes con patas, nin moscas que ben sendo a frase. Pero ben. ¿ Ameazado como esta con esa fantasía de facer medrar aos rapaces da súa aldea ? . ¿Será así, a creatividade pura e dura que hai  medulada nel?.
 -Se non quere vieiros normais. ¿Non será que non sabe?.
-Ti pi pi pícao Pascual e veremos ( o que fala é algo gago ou tatexo). Non debe decatarse de ren. Estou seguro. Si se puidese falar con el de ti a ti , pero claro.....
-Debe estar moi ocupado co asunto das Novelas Exemplares.
-Que se chame como queira e que faga o que lle de a gana , ou nin tanto, pero que escriba algo que se poida entender. Nós que estamos aquí de servidores, vixiantes e  gardadores da testa esta, podiamos facer unha cousa tranquilamente:
 -¿ Que cousa Calisto ? .
-Pois cando duuurma entramos no estudio e curioseamos.
-¿E si se dan de conta os de arriba que tomamos decisións propias?, insisto en recordarche que nós estamos aquí , coma quen di de servidores solucionadores, gardadores coidadores, vixiantes, e tal, pero entrar no estudio sen consultalo antes non sei…
-Mañá cando lle leve o almorzo Rita, dígolle que nos traia a papeleira e miramos.
-De acordo Calisto, é unha boa idea si señor , Pascual está contento.
 (Son dous tíos coma edificios, simpáticos, e curiosos que rin por calquera cousa. Agora abrázanse e brincan polos corredores da mansión ribeirega , obrada nun picouto preto do mar Atlántico, no Salnés Val ( Val de Cristal ) en pleno corazón das Rías Baixas. Un deles Calisto, por veces traba un pouco na fala).
                                      
A mañá seguinte cando Rita a Camareira, lle leva o almorzo preparado por Cristal a cociñeira, a primeira vista e ao lonxe o escritor Mundo de Loureiro deixase ver deitado enriba da gran cama de auga vestido de pingüín, hai unha chea de billetes e tarxetas de crédito tiradas polo chan encol das alfombras de veludo. Todos engurrados ,os billetes, son de varios países. Dúas mulleres vestidas con traxes de noite dormen tamén de calquera maneira , a ventá que da ao xardín está aberta , e detrás dos magnolios, xunto á piscina o deportivo amarelo ten as luces acendidas.
Rita vestida ao uso doméstico é unha fermosa moza de longos cabelos louros , ollos azuis , pencas na cara  e dentes brancos coma a cocaína. Deixa axiña o carriño co almorzo e sae zumbando da estancia, en busca dos dous homes gardadores do artista de Loureiro.
Cando chega a gran cociña, tópase cós dous: con Pascual que é de Pola de Siero e con Calisto  que é de Sabadell e tamén con Cristal a cociñeira que  é de Pereira - Colombia ; pero ademais para a súa sorpresa alí están tamén algúns novos serventes como son : a enfermeira Natacha que é de Kaluga abaixo de Moscú, en Rusia e ademais tamén hai comprendido dentro do servizo agora da gran mansión con ornamentación medieval,  un xardineiro sueco chamado Clarembaldo e unha secretaria chamada Sara, da que non usa o novo Escritor de orixe Sefardí Hildebrando Og de Basan, que xurde agora mesmo, e que axiña  chegan á cociña alertados polo rebumbio, literalmente coa lingua fóra.
 Indubidablemente vailles referir ós presentes o que viu entre admirada e asustada na gran cama onde debería estar deitado Mundo de Loureiro, ou quen sabe…..
 Pero antes hai que deixar claro unha cousa moi importante:
Mundo de Loureiro desaparece destas páxinas e o escritor,que ten que escribir a gran obra capaz de deter o medrío dos rapaces, a risco ademais de que en caso contrario o maten, lle corten as mans e lle arrinquen a lingua  agora ben sendo un tal HILDEBRANDO OG DE BASAN fillo de pai descoñecido, que canso de escribir en sefardí, quere facelo en galego. Debe quedar claro non obstante , para xente versada en literatura bíblica que o referido , non ten nada que ver , cun tal Og ,  rei de Basán , que xunto con Sijón , rei dos Amorreos e  todos os reinos de Canaán , no Salmo cento trinta e cinco do libro sapiencial do mesmo nome en plural : Salmos, son feridos  e mortos por un Iahvé guerreiro , coa intención anexionista de dar as terras destes desposuídos , en herdanza ao pobo elixido por el , o pobo de Israel.
 Cousa que resultando interesante, inesperada e todo o que se queira en plan nova volta de porca ; hai que admitir que se sae por enmarañada, pouco clara e confusa dos vieiros normais deste texto guadiánico. Que pide a gritos estudio e meditación , pero que polo momento , non vai ser posible tal cousa , porque ao presente andase facendo o que se pode noutros ámbitos creativos inaprazables e urxentísimos de ganalo o alimento. Explicacións estas que ao mellor ninguén pide, pero que nunca están de máis, a hora de tentar , deixar as cousas claras, para que logo non veñan dicindo , que si patatín , que si patatán . Falando claro que se de algunha maneira, con tanto zigzag circense, indubidablemente solicitado pola mesma obra, se lle adestra a confusión a algún lector de culto dos que deberá haber , porque senón , senón… miña madriña querida, que vai ser de min e da familia que teño ao meu cargo…hai que entender en definitiva que da confusión lamacenta da charca primixenia xurdiu a mesmísima vida humana e consolarse.
Volvendo ao tema: mais alá do xa familiar para algúns Mundo, Mundito Lobiño de Loureiro, xurde pois rutilante este barallador de castelán antigo. Que seguindo os sensibles pasos do Rei Sabio, escritor das Cantigas de Santa María, Alfonso X , quere traballar coa lingua galega, namorado desta terra e da fala doce e agarimosa coma unha melodía a capela que se envolve de verde esmeralda e se humedece coa chuvia destes lares , máis toda a frescura azul do bravo Atlántico que se mete entre os dedos de Deus , para que a xente fale transparencias e escumas batidas contra os cons moldeados a base de anos.
 Non se quere laudar excesivamente o asunto este da melodiosidade da fala galega, pero claro os que entendemos algo temos que facelo, pois non ignoramos que leva engadido un tempo e unha respiración á medida , por eso medra e consigue adeptos, porque é un macro mundo significante en desenrolo positivo cara o futuro cheo de esperanza. Dispón de falantes, de territorio, de normas lingüísticas máis ou menos aceptadas, de vocabulario, de xiros propios, dun tempo particular e ata coma se de un ser vivo se tratase dunha respiración , como xa se apuntou, á medida. É dicir para falar galego respirase dunha maneira, para falar castelán, inglés, alemán, francés, italiano, utilizasen outros tempos e respiracións ao largo do discurso.
Isto debe estar bastante claro, por iso volvendo o tal  Hildebrando Og de Basán fillo de pai descoñecido,en aras da claridade vamos dicir Og a secas, hai que apuntar que agora xa localizado na mansión ribeirega para sorpresa de lectores e algúns serventes, trata de escribir algo inspirado en galego , e claro ante tal punteiro personaxe a editorial galega Universal S.A. con visión de mercado non dubidou en manter a infraestrutura preparada para Mundo de Loureiro e incluso mellorala ostensiblemente .
O anteriormente dito explica o deportivo marelo xunto á piscina despois dos magnolios, explica a cama de auga, e explica tamén o equipo de coidadores:os dous coidadores vixiantes , a camareira e a cociñeira,que xa estaban con Mundo de Loureiro e ademais agora , a enfermeira , o xardineiro e a secretaria persoal co que se decidiu por parte dos directivos da editorial aumentar o equipo de serventes; pero o que non explica é a escena, que contemplou  a camareira Rita cando foi para servirlle o almorzo; que agora ela intenta referir diante de todo o  equipo expectante  reunido na cociña.
EXPLICACIÓNS DE RITA.
Hai dúas mulleres de melenas prateadas tiradas de calquera maneira na gran cama. El está vestido con frac alaranxado e leva unha paxariña de color mel ou tofe , que eu tampouco me sei explicar mellor. Está calzado , e polo chan hai cartos engurrados e tirados, moitos cartos de diversos países: Dólares, Libras Esterlinas, Euros, Iens xaponeses, Rublos rusos. Acordeóns de tarxetas de crédito e botellas  de cava baleiras tamén no chan. Non quixen facer ruído , pois dormen a perna solta .Elas están espidas de peitos, só tapan con braguiñas finas de encaixe, a cona , que deixa entrever a pelame do sitio, que eu tampouco me sei explicar mellor. Deberon estar de troula pola  costa, e xogando no gran casino da Toxa, porque tamén hai fichas de ruleta e bacará. O que non sei é como el está vestido, porque cheira moitísimo ao cru , que eu tampouco me sei explicar mellor , pero entendese que houbo algo de orxía a noite pasada na habitación do sabio , do escritor ou o que sexa Og , que ti non te sabes explicar mellor.
Ante as manifestacións de Rita , xorden comentarios varios:
-Eu tiña entendido que esta aquí como está , tratado a corpo de rei , para escribir , pero ao parecer vaille dar por andar de xolda e chacota a cotío. Non, xa se ve nel que lle gusta vivir ben. Se a eso se lle pode chamar vivir ben, claro. E non se lle vai chamar vivir ben .....Claro que os escritores de verdade precisan facer escapes polo estilo , para acadar vivencias e refacerse, porque seica despois de cada obra quedan algo así como baleiros. Deixan o espírito nas páxinas, e despois teñen que volver a recargarse. Debe ser o que esta facendo o noso Og. Opino que faga o que faga a min gústame o tipo este , ten un non sei que te atrapa.
(A sorpresa polo que se infire do comentario feito por non se pode dicir con certeza que servinte, refírese ao comportamento de Og , non a súa presenza. Indubidablemente debemos de estar diante dunha oscilación no espacio tempo, posterior á desaparición de Mundo de Loureiro e xurdimento do Sefardí).
 Natacha a enfermeira Rusa de Kaluga, que permanecía calada manifestouse ameazante  nun galego aceptable:
- ¡Esas dúas pécoras van saber quen son eu!, el perténceme.
 Mentres o resto do equipo abesullábanse vixiantes , a punto de constatar nas faces o tamaño da paixón da enfermeira. Levaban cerca de dous meses, algúns deles case tres, na fortaleza construída con certo toque de medievalismo que, alí cerca de praia asomándose ás primeiras cifras de outubro hai obrada nun outeiro e Og comezaba a apaixonalos a todos.
Xa é tempo , de que o eventual lector  saiba moi de veras, que o asunto destas páxinas alén vaivéns digamos de precisión ou axuste, coma se de unha lanzadeira espacial se tratase, céntrase agora no escritor Sefardí , que nun chale mansión da costa Atlántica , na compaña do equipo de serventes referido , tentará escribir unha obra en lingua galega fichado pola editorial galega Universal S.A., a mesma que o intentou antes con Mundo de Loureiro .É dicir un falante da variante arcaica do idioma castelán nas comunidades do oriente medio , tal vez guiado pola luminaria do Rei Sabio das Cantigas , vai deixar proba do seu contrastado talento utilizando diante do castelán , o idioma galego como vehículo de expresión.O resultado xa se verá , o intento é interesante .....
                                            III
NUNHA NOVA VOLTA DE PORCA VOLVE MUNDO DE LOUREIRO.
MUNDO:-“Rexeito que sexa verdade, que estou atrapado na nada e no desacougo.Vencido polos acontecementos. Substituído. Salvado.Agochado na aldea onde nacín. Non admito isto , nin o admitirei xamais , vouno demostrar.E sen embargo,non teño nada novo que dicir , nin me interesa dicir nada mais alá de : muuuuuuu , comas as vacas que mercaba meu pai Xoán por todas as feiras de Galicia adiante”.
O do escritor Sefardí semella que dura pouco . Mundo o de Loureiro omnipresente, non nós deixa e resiste . Por eso Mundo fixo , Mundo dixo,Mundo , o mundo de Mundo. Déanse conta que non é nada fácil , aínda que só sexa xuntar letras, coma quen xunta bagullas debaixo da parra pola vendima.
Vai  sol e pían os paxaros. Unha historia encaixada , con arquitectura, que aburrido pode ser todo eso.
Estamos en hoxe pola mañá . A historia é a de sempre que non hai historia. Loureiro e un sitio aparentemente tranquilo. Non te deixa e tes que descubrilo en cada folla que cae. Na desidia dos cans. Sen personaxes. Loureiro é unha quimera autista. Podo distinguir as follas das distintas árbores que estran o chan, podo distinguir o canto dos paxaros, falar do raio de sol que o ilumina todo, e pouco máis . Loureiro é un segredo , os tellados triangulares das casas e dos alpendres, as chemineas, o castiñeiro dun millonario primitivo ( un que lle tocou a lotería primitiva) , un amor bañado nos rostros da infancia. Loureiro non quere que escriba máis, sentir Loureiro é estar quedo na eira vella de Gómez , vendo como nos cruzan avións reactores cheos de pasaxeiros . Como á noite se amosará a Osa Maior, Orión e os planetas Venus e Marte, de cando en vez Xúpiter tamén se deixa cavilar e ver. Loureiro e un libro aberto de moitas follas que só hai que saber ler nel, sen presa pero sen pausa. Loureiro é un segredo. 
MUNDO:-Mu-mu-mu-mu-mu-mu moito mu de mu de auténtico mu. Non sei que poden esperar de alguén coma min ..... Que escribe xogando , cun talento que quita o sentido e todo eso. Mu, nunca fun capaz de escribir algo transcendental.¿ será o meu pecado?. De todas todas mu. Aquí  ben sei o que acontece, debería haber no petouto máis alto do Outeiro Branco , unha fonte que falase e contase historias positivas, coma a seguinte:
                   “ O NENO QUE QUERÍA VOAR “.
Unha vez había un neno que quería voar , e claro doulle ós brazos con moita enerxía repetidas veces e non foi capaz de levantarse un centímetro do chan. Visto que isto de voar non era posible , quixo volverse de color verde e foi a un herbal de herba vizosa e envorcallouse a xeito , pero aínda que tiña algúns manchóns de verde tampouco conseguiu os seus obxectivos. E ben sempre estaba a intentar algo imposible, que o fixese diferente. Ata que un día comezou a aceptar a realidade tal como era , dedicándose aos xogos propios da idade e a estudar con apetito ou aplicación para chegar a ser no futuro , xogador de cartas. Pero un día os pais decatáronse de que se preparaba con vistas a ser un bo xogador de cartas , e dixéronlle que para eso non había escolas, e o neno , aínda que seguía estudando, decidiu que o facía con vistas a ser un bo bebedor de auga , e outra vez foron os pais os que o alertaron sobre o error no que andaba metido, para beber auga non facía falta estudar. O neno estaba tan confundido , que din que se volveu verde e voou durante toda unha tarde.
Despois voaba cando quería , e eso si , só se volvía verde os luns durante dez minutos , de cinco a cinco a dez , e non sabía por que , nin o quería saber, pero vaise a nai do neno e contouno na tenda e despois xa nunca máis o deixaron en paz , e un día , un luns ás cinco horas e dez minutos pasados , decatouse de que seguía verde . E seguiu verde sempre, un verde turquesa que lle quedaba moi ben, e de vez en cando voaba . Ninguén entendía como era posible tal prodixio e ben foi un acontecemento a nivel mundial e viaxaba  a todas as partes para amosarse. Había moitas teorías e hipótese sobre o caso do neno verde, pero só el sabía porque se volvía verde e non llo dixo a ninguén , porque claro se o dixese o asunto perdería interese.....
Ténteos, coma sempre , ensaios, e veña probas. Hai un medo medular á involución ; aínda así está disposto a demostrarse que cada obra nace coa súa estrutura . A estrutura exterior soa por demais ofensiva. É coma quen reenche un encrucillado. Coarta a liberdade , que segundo a teoría que pretende abandeirar, debe presidir todo acto de creación.É unha maneira de ver o asunto , detrás da que seguramente se agocha unha falta e unha carencia desafortunadas que explicarían estes ténteos.A involución claro que é , moito máis perigosa ca non evolución , polo que a primeira ten de camiño inverso , mentres que a non evolución e un estadio de evolución detido, que non da máis de si.
Ciscar así de repente un monte de nomes ao sol , e despois que.....Hai eso xa se verá . A única maneira de escribir actualmente algo importante é esta. Non todo o mundo dispón dunha historia fenomenal , ¿dáste conta? . En realidade eu creo en todo eso que dis ti pero  é moito pero. Moitísimo pero amigo. Son un virtuoso desto. Pasarei indubidablemente á historia do que sexa , literatura, que máis dá , porque escribindo un monte de libros , un feixe de historias suxeridas, xamais ousei temperar o aceiro dentro dun argumento.....¡ Qué digo ! .¿Quen é o que así fala?.¡ Tampouco hai tanta confusión de voces!.Isto vai, vai ben. Vai como ten que ir.Vai ben.
                                            IV
OUTRA VEZ HILDEBRANDO OG DE BASAN.
A ver onde cousa anda a secretaria hebrea . Hai que buscarlle un nome de oriente próximo e ademais definila psicolóxica e fisicamente. Pelo largo e negro , tan negro coma é a leite de branca. Alta, altísima un metro oitenta , que para unha secretaria está ben. Ou sexa negro negrísimo. Para que se entenda, non se vaia a confundir , o do leite . Paso de explicar nada , se non se entende pois non se entende , que é do que se trata.¡Sara!, que xa se debeu dicir antes. Aínda que claro persoalmente o de Sara tráeme recordos dunha profundidade que non van entender, porque non lles interesa. Como lle vou a explicar ..... son cousas persoais. Tristes cousas persoais, grandísimas cousas persoais, relativas ao oficio claro. Esta Sara ao mellor era á que lle escribía en Santiago de Compostela , a un poeta poeta Alfonso Meijueiro autor do “Poemario a la Guerra Civil” e “Cántico á cidade do Teucro”,  morto diante de chegar o medio século na cidade do Lérez en Ambarpó,Boa Vila (Pontevedra)  no lombo, mentres ao mellor sobre a mesiña de noite estaba aberta por unha páxina calquera “A casa da Trolla” de Pérez Luguín que di en verso: “¡Védeo! o derradeiro romano/semovente pergamiño/hasta o sombreiro cepilla/con graves solemnidades/ e fai as súas necesidades/ a toque de campaíña “, unha obra de ambiente estudantil que todo lector coñece . Si , si  a mesma ..... Quen me dera agora que o penso que non se chamara Sara esta secretaria, esta Sara , alén homenaxes que non valen de nada xa, en realidade deberíase chamar doutra maneira. E claro por todo isto Sara é unha secretaria , que ten ese nome e non ten que facer máis nada. Nin unha palabra sobre o carácter, nin sobre o seu posible vestiario . Os ollos son de color.....Sara.
¡No medo só hai soidade e angustia, o medo é un estorbo, de prudencia non ten nada!.
Ponson de Terrail :Rocambole.Rocambolesco.Adxectivado de audaz, elegante , e cabaleiroso . Todo un bandido. As letras soltas,salteadoras de mil semánticas, procuran esquemas dos que tanto gustan os que gustan. As letras soltas acadan arquitectura , coma as augas ceibas das fontes monte abaixo gabean canles, cara aos riiños sen nome do fondo dos vales, que salpican gotas lonxe , moi lonxe de nós, noutros continentes.Que isto ben se explica con poemas coma: “Rego,riiño do fondo do Val”, do que é autor Mundo de Gómez.
Esas dúas son as louras platino amigas do escritor Sefardí de orixe hebreo, dúas abellas raíñas nacidas na cidade finlandesa de Oulu , as  mesmas que nas invernías máis setentrionais de Europa , viaxan en zorra  recorrendo a vasta rexión dos mil lagos. Nada de perruquería , mais alá de louras son albinas . Viaxan ao sur de Europa na procura do sol en rama sobre a terra esmeralda que en Galicia se atopa. Fan auto stop diante do cámping de Paxariñas  e cando o Toyota Celica amarelo se detén a carón delas , detrás dos cristais afumados adivíñanse as greñas ensortelladas de Hildebrando .....Og.....
Cristal é maciza , forte , unha muller de carácter ao borde da beleza. Vamos a dicir que se baixou dun culebrón venezolano , para amas de casa con lavalouzas ou mucama doméstica.Ou xa postos , é probable que a editorial galega, fichadora de Hildebrando Og de Basan,coñecida no mundo do libro por Universal S.A. , a sacase do coñecido e concorrido club de alterne Womans , despois de que acudira a un anuncio solicitando cociñeira. Cristal, amaña pratos que se chupan os dedos. O certo é que forma parte do equipo  e se din que anda embarazada , tanto Pascual o que le a Xoán Ramón Ximenez coma Calisto que máis ca ler bebe a Luís Cernuda , fan un xesto de ombreiros que fala sen verbas de non querer saber nada do asunto . O que si é certo é que co tempo a criatura terá o pelo ensortellado..... Os ombreiros dos garda lombos ou mellor, asistentes lectores de poesía falaron sen palabras: pelos ensortellados :
- ¡ Og,Og !. “O pai da criatura “ : ¡ Grande obra !.
A Clarembaldo o xardineiro sueco máis ca toda a filosofía nórdica , agora arrebátalle o espírito Rita a camareira. A nada que teñen libre, andan a rolos pola herba mol do xardín. Rita escríbelles extensas cartas a seus pais que viven en Portomarín  e Aldo como lle chama ela fai elevarse no ar rechamantes papaventos. Cegos como están de amor , ás veces Rita non nota a diferenza entre Clarembaldo e Hildebrando , o mesmiño que lle acontece a Natacha a enfermeira natural de Kaluga abaixo de Moscú . Si porque sefardí e sueco son de nome e de físico semellantes. ¡ Og , Og ! . Deberían selo, pero sen embargo o sefardí é moreno e o sueco é louro. A semellanza refírese a estatura e as guedellas ensortelladas.....
Rita tivo que calar porque acababa de irromper na cociña o sefardí na compaña das finlandesas platino sen nome. Finés,café negro,castelán vello,galego. A rusa indignada dirixiuse ás dúas auto stopistas primeiro en inglés , e logo en francés, as nenas non entendían . Cristal , díxolle a Rita que chamase a Aldo o xardineiro para ver se era posible comunicar coas Oluenses, e facerlles entender , para o que estaban alí todos .....
¡Un condenado a morte ( todo home é un condenado a morte segundo Albert Camus) , non pode escribir cousa con cousa. Deter o medrío dos rapaces é unha idea imposible! .
 Mentres tomaba unha terceira cunca de café negro, na cabeza de Og remexíanse en silencio todas estas letras nas que andaba ciscada unha historia. Coincidindo coa chegada a súper cociña de Pascual e Calisto os asistentes garda lombos, que se acompañaban do requirido xardineiro sueco , a de Kaluga púxose a tomarlle a tensión ao escritor. Natacha non sabía ser doutra maneira . Pouco a pouco as finesas foron entendendo o que lles explicaba Aldo . Nesto o Sefardí dun chouto ergueuse da cadeira onde estaba sentado  e subiu enriba da mesa , o aparato de medir a tensión amosábase colgado do antebrazo esquerdo, pegou un salto e colgouse da lámpada, balanceouse para tomar impulso e saíu voando pola a fiestra.....senón caeu na piscina seguro que se matou.....
¡Deter o medrío dos rapaces por medio dunha obra inmorredoira!.
¡Salvar a propia vida!.
 A editorial galega Universal S.A. non regateou medios materiais, sen embargo Mundo e Hildebrando Og de Basan, en principio semella que fuxiron do compromiso. O primeiro escapou para Loureiro onde consta que escribiu, seguramente intentando salvar aos cativos amigos e veciños, algo sobre un neno voador de color verde; ¿E o sefardí?....¿ Que pasou con Hildebrando Og de Basan ?…..Boa pregunta, moi boa pregunta, si señor.....para a que non hai ningunha resposta neste sufrido conto.Por R.S. Lago...

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...