sábado, 27 de maio de 2017

Discusións

                                   

                               D I SC U S I Ó N S
Falaban amodo e en voz baixa. Ao redor do seu faladoiro había unha boa chea de botellas baleiras brillando á luz da lúa. Nin sequera acenderan unha fogueira; non é que fixese moito frío, pero pintarían moito mellor cunha fogueira no medio , iso seguro, cando menos así se lles podería definir como unha entrañable estampa debuxada por algún intrépido antropólogo sobre algunha tribo india na súa reserva ou campo de concentración, por exemplo:dos Comanches ex habitantes de Texas e Novo México.
Tamén se lles podería definir pola proxección alargada das súas sombras. Quedaríalles ben, insisto, a fogueira con paus secos no medio acesa, sen dúbida. Pero non sei se intencionadamente ou porque querían non ser definidos prescindían das chamas; só é acertado dicir deles que estaban sentados sobre a area da praia formando un círculo e que falaban amodo e en voz baixa, mentres as botellas baleiras do principio, que non acertaría a dicir se lles pertencían ou non, brillaban á luz da lúa chea dunha noite de primavera.
Sixiloso, achegueime, pero eles nin sequera se deron conta, estaban ensimesmadísimos nunha conversación lenta e pausada, carente de xestos e a xulgar polas quendas rigorosas de palabra moi importante e transcendente.....
Pareceume observar que eran dous homes e dúas mulleres, total catro seres humanos. Un home de barba fronte a outro home de barba. Unha muller loura fronte a outra morena. A distancia que me separaba deles era relativamente pouca, estaba o suficientemente cerca como para percibir unha conversación normal, pero a deles tiña todos os ingredientes anormais que facían imposible unha percepción auditiva nítida ou medianamente nítida.
Houben de achegarme un pouco máis, fíxeno titubeante por medo a ser descuberto, sobre todo temendo unha reacción violenta ante a miña curiosidade irresistible, que me levaba unha vez máis polo camiño da imprudencia , con todo refuguei esta idea enseguida. amparado no monótono sopor da súa xa moi dilatada conversación e continuei avanzando.
Cónstame que ninguén debe meterse en asuntos que non lle incumben, imponse a discreción e o respecto pola intimidade dos demais, con todo, a miña curiosidade obraba en min como un poderoso motor, así que seguín achegándome ao grupo con decisión firme.
Separábanme deles apenas uns metros, pero nin así advertiron a miña presenza, percibía agora as súas voces máis nitidamente, aínda que a lixeira brisa que sopraba do mar cara á praia arrebatábame por instantes o fío da conversación, que desde o principio actuaba con todo o seu oculto magnetismo sobre min.
Pensei, mentres aguzaba aínda máis o oído e imaxinariamente púñame trompetiñas amplificadoras neles, ¡a brisa sopra a favor do misterio!..... Falaba un dos homes de barba:”É necesario..... ( a brisa)..... para polo menos vernos as caras e se non..... ( a brisa).. necesitámola.....( a brisa )”.
Falou despois o outro home tamén de barbas: “Estou definitivamente de acordo. ( a brisa )... e crear aquí unha especie de..... ( a brisa).Si, a conversación resultaba bastante inintelixible, cortada a intervalos pola brisa que sopraba do mar cara á praia.
O que máis chamaba a miña atención era que, mentres que os homes de longas barbas rubias opinaban ou facían uso da palabra, as mulleres de pelo distinto, en ton de complicidade, sorrían vagamente e viceversa; cando as mulleres tomaban a palabra, os homes rían bordeando a gargallada. ¿Estarían bébedos? ¿As botellas?. O que si estaba claro polo menos é que discutían ou opinaban sobre algún asunto e os homes apoiábanse entre si e as mulleres tiñan un criterio distinto ao destes, no que as dúas estaban de acordo.....
Non puiden resistilo máis e achegueime por fin ao grupo:
-¡Ola! Perdoen -dixen- gustaríame coñecer sobre que discuten con tanto interese, si se pode saber...
Respondeume un dos homes de barbas:
-Non discutimos; eu e el - sinalou ao outro home de barba -, sostemos que é necesario acender unha fogueira.
-Nós tampouco discutimos, afirmamos simplemente que non é necesario acender unha fogueira - Dixo a muller morena.
- Séntese se vostede o desexa e discuta connosco ou mellor dito, opine sobre o particular o que mellor lle conveña - dirixíase a min o home de barbas ao que lle faltaba un dente dos centrais. Mentres o home celludo e rubio que falara ao principio, apoiaba esta vez unha idea inesperadamente contraria á do seu compañeiro, no sentido de que me fose coa miña curiosidade a outra parte e que non me sentase a discutir ou opinar, ao que ambas as mulleres, tan de acordo como no tema da non necesidade de acender unha fogueira, opuxéronse inmediatamente pretendendo que me quedase alí e ademais que opinase como elas, cando é ben sabido que eu desde o principio sen saber nin de que falaban, opinei que unha fogueira no medio do grupo quedaríalles ben en sentido estético máis que nada, creo que dixen literalmente: que pintarían moito mellor cunha fogueira no medio.....
Vendo como estaban as cousas entre as dúas parellas, afasteime amodo, mentres eles e elas, xa discutían sobre se debían ou non deixarme sentar a discutir con eles ou algo así de complicado.
Empezaba a facer bastante frío, así que uns metros máis adiante acendín unha pequena fogueira, valéndome dalgunhas madeiras que atopei na praia e cando divisaron o resplandor das chamas, as mulleres abandonaron inmediatamente o círculo da discordia e viñeron sentarse, friorentas, ao redor do lume. Premiábanme con bicos e caricias apaixonadas que non rexeitei e fíxose o amor; primeiro coa morena e a continuación a loura; logo de discutir a quenda entre elas, mentres eu engadía máis leña ao lume, que se agradecía de verdade.
Mentres tanto os dous homes, seguían discutindo; ou mellor dito, iniciaban unha nova discusión, agora sobre o repentino cambio de opinión das dúas mulleres e supoño que desbordados e seguro que moi celosos pola xenerosidade que estas demostraban comigo, ao redor dunha tórrida fogueira á que incomprensiblemente se opuñan eu non sei por que ao principio..... E xa está, agora os lectores poden e deben discutir sobre esta pequena peza e entón verana crecer e subir como un globo aerostático ao que fornecen aire quente nacido dun tórrida fogueira espiritual.
Nin así cesan palabras os dous briosos homes de longas barbas, que na distancia agora escóitanse censurando esta discutible peza...
                                    
                                     



venres, 19 de maio de 2017

Un sorriso escéptico.





              UN SORRISO ESCÉPTICO
De vez en cando o único que importa é salvar a pelexa, seguir vivo, contra todo e contra todos.Existencialismo puro e duro, non queda outra opción.
Porque só vés personaxes polas costas, orellas peludas e xente con presa.
Os máis novos andan, como máximo, nos brazos de Don Amor, metidos no interior de prendas deterioradas, cheos de tatuaxes tribais e pircins de faquires.
Os máis vellos de maneira cruel e inxusta, están sós nas esquinas polas que saen a pasear os ratos, ou fan excursións e viaxes indeterminados por xeografías fugaces, para esquecerse da data de nacemento.
Entre tanto, nos medios de comunicación, só se proxectan guerras, atentados , propostas políticas alporizadas,todo coroado por luxos faraónicos que, conculcan calquera palpito, do sentido común.
A conclusión de todo isto é un sorriso escéptico, amargo, triste, que non pode prolongarse moito no tempo a risco de converterse un mesmo, nunha bíblica estatua de sal.
A vida é como andar en bicicleta se te paras caes, isto díxoo alguén de maneira atinada.
Por iso hai que seguir facendo tronar a gallarda cabalería para en primeiro lugar: romper o infinito e eterno silencio e en segundo lugar:por botar as letras e ver o que sucede coa aviación do inimigo.
Porque tal como están as cousas, é coma se un hipotético programador informático cósmico, por veces, se dedicara a escribilo todo ao revés nas invisibles e máxicas membranas da tan relativa cuarta dimensión: o propio tempo envolvente das outras tres dimensións (largo, ancho, e alto), que é a nai e o pai de todo isto, dentro da segunda lei da termodinámica.
Menos mal que a primavera chega puntual e nin sequera repara nunha hipotética e cruel guerra que se poida estar producindo entre as súas flores e os seus zumes imparables.A primavera é tamén unha existencialista de manual.

Así que, de vez en cando, o único que importa é seguir vivo.Existir por existir, ser e estar, sen outro obxectivo adxectivo, co pensamento en punto morto, ausente por hixiene mental da chagorza inmunda na que, anda convertida na actualidade, a convulsa socioloxía española. Por R.S. Lago. 







Conversación


                




                   CONVERSACIÓN

Andrés: Ao final seica que son parvo. Mellor dito: inútil e incapaz.
Francisco: Eu estou na mesma situación ca ti.
Andrés: A min peritáronme por medio dun tribunal médico e puxérono por
              escrito en papeis debidamente firmados e carimbados.
Francisco: O meu caso e cravadiño ao teu.
Andrés: ¿ Saberías dicirme onde estamos agora mesmo?
Francisco: ¡Eu que sei.....! pero estamos en algún lugar do planeta. Deso podes
estar seguro.Porque non creo que sexamos     astronautas.....precisamente nós.
Andrés: ¿ E que viñemos facer aquí se pode saberse?
Francisco: Non sei nada sobre o tema.Aí diante sentados nótase que hai xente
                  observándonos.Parece que lles interesa o que facemos e dicimos. E
                  algo parecido a estar sobre un escenario representado unha obra de
                  teatro.
Andrés: Non entendo nada. ¿ Que se pode esperar de xente coma nós? Eu
              Chámome Andrés. ¿ Cal é a túa graza?
Francisco: Se te refires ao nome, todo o mundo me coñece por Paco.
Andrés: Logo de pía bautismal, es Francisco.
Francisco: ¡Está claro! Non pode ser doutra maneira.
Andrés: Non recordo como vin dar aquí a este teatro se me fío das túas
              observacións.
Francisco: Eu tampouco me lembro de nada.
Andrés: Estoume a poñer algo nervioso. Non sei se me dará un ataque de
              ansiedade.
Francisco: Eu estou coas mesmas sensacións ca ti.
Andrés: Ou me da un ataque de ansiedade e póñome a tremer coma unha
               mimosa ou me poño violento e empezo a meterlle patadas no peito a
               todo o que tope por diante.¡ Coidado!, ¡ Perigo!, ¡Cautión!
Francisco: Igual xustiza e data. Quero dicir que, a min, me sucede algo
                  moi, moi, parecido ao que che pasa a ti, con toda esta xente diante
                  caladiña e mirando para nós en plan a ver que pasa con estes dous
                  matados, inútiles e incapaces.
Andrés: ¿ Quenes serán os de aí de diante? Empezo a ter curiosidade pola vida 
              deles e por saber o que fan aquí.
Francisco:Eu non che podo concretar nada. Pregúntallo e saímos de dubidas.
Andrés: Non, eu non me atrevo a preguntarlles nada.Porque cando me da pola                                   
              timidez non son quen de articular verba.A timidez é unha terceira
              variante do meu complicado caracter.
Francisco: Nin que foramos irmáns xemelgos; eu tamén son moi tímido en
                  ocasións.
Andrés: O mellor vai ser que nós marchemos de aquí.( Vanse)
Francisco: ¿ E a onde imos?
Andrés: A onde nós leven as pernas, xa veremos.Total vaiamos a onde
              vaiamos vamos seguir debaixo dos papeis dos tribunais médicos e así
               nunca nós acollerán ben en ningún lado.
Francisco: E todo por culpa da maleta ou do estómago, porque hai que comer
                día si, día non, polo menos.
Andrés: ¡Polo que hai que pasar para poder vivir!
Francisco: Eu teño que tomar tantas pirulas que me quedo a durmir en
                  calquera parte.
Andrés: A min pásame algo moi parecido ao que a ti che pasa.
Francisco: É coma si xa estivésemos mortos.Ninguén se fía de nós e só nós
                  queren para unha especie de teatro no que os espectadores son os
                  propios psiquiatras que din que nós coidan, pero o que fan e
                  gañarse a súa vida con nós.
Andrés: E os traballadores sociais o mesmo.Os de abaixo temos que producir
              ata caer de cu ou senón xa ves o que pasa.
Francisco: Incapaces como son de ter uns empregos dignos, no fondo
                  saímoslle baratos.
Andrés: Sóbrache razón, pero claro, quen manda manda. Eu oín que, ás             
              pirulas de colores, lles chaman camisas de forza psíquicas, algúns que
              non están nada de acordo co sistema.¡Todo se pode cambiar menos o
              xiro do planeta!
Francisco: Eu que sei, ¡dinse tantas cousas!. Algunha culpa tamén a teremos
               nós.Non se pode enfermar, hai que traballar, competir, producir e
               todo iso.O sistema é o que hai.Se o miras dende outro punto de vista
               vivimos sen dar golpe.
Andrés: Estoume poñendo nervioso, moi nervioso, parece que me vai explotar
              a cabeza.
Francisco: Eu teño moitísimo sono.¡Vivimos sen traballar!.¡Sen darlle un pau á auga!
Andrés: No fondo saímoslle baratos.( Abrázanse un ao outro e dormen sobre a
              herba dun xardín público).Pouco despois.....
Bata branca nº 1: Aquí os están, son eles: O Pisa brava e o Pirata, dormen
              abrazados coma dous amantes.
Bata branca nº 2: Seica acaban de rebentar a función do Teatro Principal. A
                             xente non sae no seu asombro.¡Están todos moi asustados!
Bata branca nº 3: ¡Collédeos! ¡Collédeos!, que non escapen.....
                 
                                            Por R.S. Lago.
                             
 

    
 





¡Maldita tristeza!







                        ¡MALDITA TRISTEZA!

A tristeza é unha enfermidade do espírito humano resistente, insistente e poderosa que, busca a maneira de estar en ti para fundirte, por dentro.
Hai que ter moito coidado con semellante fantasma desolador.
A tristeza non vale para nada vital, nin positivo; é unha fera salvaxe que, soña con acabarche coas gañas de vivir.
Contra a tristeza existencial dos máis ousados pensadores, ese desacougo do tamaño do cosmos, non hai remedio: médico nin relixioso, se chega coa súa sombra espesa e dramática, hai que recibila con educación; como se reciben os xenerais inimigos, cando pola forza das armas ocupan un territorio alleo e inventan un baile de gala para lucir as medallas e deixarlle ver aos vencidos o brillo gañador da súa mirada.
Pois coa tristeza o mesmo, educación , boa disposición e valsear.
Gustave Flaubert, advertía: “Coidado coa tristeza.É un vicio”
Si por ser, tamén é o vicio do desencanto e da impotencia agónica, diante das preguntas oxidadas e sen posible resposta.
Claro que despois de danzar civilizadamente, hai que empezar a cavilar nun plan capaz de aniquilala ou polo menos facela fuxir do noso lado coma unha gata escaldada.
Recíbela hospitalario e logo expúlsala de ti con toda a contundencia que logres acumular.
Pódela apuntar cunha arma de fogo se a tes á man, por suposto debes: agora xa si, insultala coas verbas máis feridoras que poidas concibir; incluso debes perseguila un bo treito de camiño coma se foses un lobo feroz correndo detrás dun asustado cabritiño.
Non teñas piedade dela, rómpea, mátaa, estrágaa, derrámaa, para que se confunda coas pedras e o po do camiño.
Se non queres contigo á tristeza, tes que vencela coma un gladiador na area do circo e cravarlle a ferramenta de combate ata a empuñadura para que se rompa en cen mil anacos e cisque todo o seu veleno amarelo.
Estás no teu dereito, é o combate da túa vida, cúspelle e ouríñalle  nas feridas, inxéctalle o teu odio en cada célula e cando expire fai unha fogueira coas súas roupas tristes e fantasmais.

Ao rematar todo, rite con todas as túas forzas, disfruta da túa vitoria, bebe auga limpa e fresca, abrázate ás arbores, mira para as estrelas e os astros, dálle bicos á terra que hai debaixo dos teus pés.Agora volves a ser un home alegre e vital: ¡Maldita tristeza! Por R.S. Lago.         


O GATO CON BOTAS






     O GATO CON BOTAS

-¡Filipeee!  ¡Filipeee! ¡Filipeee!
-¿Que pasa Sofía ? ¿ Que pasa agora?
-¡ O gato ! ¡O gato ! ¡ O gato !
-Eu non teño tabaco, que está carísimo e non fumo por saúde e economía, e ti xa o debías saber, que para iso dormes comigo.
-Non me entendes; refírome o gato, o gato raxado: branco amarelo dos Serenísimos ao que chaman Merlín, que lle escapou cunha rebanda de pan untada con nocilla ao meniño.
-¡Mecagoendios!, tráeme para acá a escopeta de caza que, furo ao tigriño ese e vaille untando outra rebanda dobre a Filipiño que, ten que comer para medrar, e ser un home macho coma mín.
-¡ Pum ! ¡ Pum ! ¡ Pum ! toma lume raspiñento esfameado, ladrón de merendas, lambón.
- ¿Décheslle? ou ¿ escapouche?
- Eu que sei.....me parece que lle matei dúas ovellas a Daniel o tratante.
- ¡ Logo vai ser a de Ponte Sampaio cando o saiba Natalia, a muller máis ruín do mundo! . Pero agarda que, a desfeita ten que ser por forza de cabras que eles ovellas non teñen, que eu saiba agora mesmo.....
- ¡Tes razón son cabras novas! ¿ e que facemos agora ? ¡pensa ti que es máis lista!
- ¡Xa está! collelas sen que te vexa ninguén e tráelas para a nosa casa, que morreron limpamente e non de ningunha mala enfermidade contaxiosa.
- ¡Mecagoendios! iso está feito nun xa. ¡ Tes ti máis cabeza ca un notario!
- Hala agora sácalles a pelexa, baleiralas e limpalas deixándoas en canal e xa as metemos axiña no noso conxelador, que a culpa se ninguén viu nin escoitou o tiroteo por ser hora de descansar, levarana os xitanos da contorna como é tradicional, porque o caso ademais venlles como anel ao dedo.
- O que che dixen, ti valías para conselleira da Xunta ou quen sabe se para ministra do goberno central.
- Veña, veña bule ben e dálle as grazas ao gato Merlín, esa especie de gato con botas, que mira ti por onde nós trouxo esta exquisita fartura á casa.
- O que digo eu ti tes auténticas pebidas de ouro nos miolos miña santa.

                   Por R.S. Lago.          







sábado, 13 de maio de 2017

NEGOCIOS






                             NEGOCIOS
Hai que ser o que hai que ser e deixarse de caralladas. Non se pode pretender, por exemplo: ter catro ou cinco casas e despois non telas limpas e presentables.Porque claro, as cousas só teñen un camiño vero e acertado.A min que non me digan que, si isto ou aquilo ou o de máis alá e despois vas ver o que verdadeiramente hai, e tópaste co que te topas ¡claro! xente moi cansada, atenta ás modas como máximo e traballar que traballen os chinos que, para iso son da color esa, que seica lle da tan mala sorte aos artistas.
Eu sei ben o que digo, o que pasa é que ás veces o silencio ten o prezo do ouro e non fai falla ser moi listo para acreditalo.Aquí agora mesmo, hai montada unha san francia, de prognostico reservado.Porque ben mirado, chega cunha soa casa para vivir. ¿ Para que queres as outras catro casas? Claro que hai moito especulador con vista de mercado, e fan traballar os cartos mentres eles xogan ao golf ou montan un cabalo pura sangue e agardan por novos negocios cabo do móbil que levan enriba do corazón ou directamente cravado nas orellas por medio duns cascos ou coroa de espiñas.
Que ¡ ollo! todo isto é moi propio de sociedades post capitalistas coma esta e xa non lle estraña a ninguén.Pasa aquí e en Roma e ata na Santa Sede por moito que o papa Francisco lle lave e bique os pés aos mafiosos.Non hai outro norte, nin ten porque habelo.Carto atrae carto e o demais é literatura, arte, un delirio de mentes incapaces de facer negocios, de patear a rúa, de reformar e vender dobrando os beneficios.
Falando claro e en prata, se fai falla, unha casa non é nada, cero, lixo, nada; un edificio enteiro ben situado, unha urbanización axardinada, con seguridade propia, pistas de tenis, piscinas, a vila imperio romano de algún rico que quere facerse con líquido urxente para gastos imprevistos, unha mala rafa coa ruleta ou co póker, o piso da querida, ou para facerlle fronte a multas da facenda en fase de embargo executivo, que tamén pode pasar algunha vez.
Hai que ser como hai que ser e deixarse de caralladas. Porque se vamos ao caso, aquí logo nos queixamos de traballos precarios, man de obra explotada, soldadas baixas, pero claro non podemos ser todos ricos, iso enténdeo un analfabeto ágrafo. Non quería falar aquí de clases sociais en relación coa presunta igualdade democrática diante da lei, nin de castas coma na India, pero claro, píllase antes un mentireiro ca un coxo e hai que botarlle o que hai que botarlle e comerciar, mover a pasta; que ninguén vai por aí dando dez euros a cambio de cinco, porque amigos todo vén dando alí en definitiva: Negocios.¿Está claro? ¿Expliqueime?, pois veña: ¡Champaña e  Nenas ao salón! e por suposto isto non é obstáculo para que non se siga adiante coa política de coutas e paridade entre sexos, ou coa metafórica e tan ben traída ruptura dos teitos de cristal e o tan necesario atranco das portas xiratorias.
Que hoxe por hoxe, en pleno século XXI, ninguén dubida de que todo é negociable e  que se pode falar do tema que se queira tranquilamente entre as persoas cuns valores básicos.....tiri,tiri,ti,ti, tiriri,tiriri .....un momentiño e xa seguimos.....Si, Si, compra, compra. Tranquilo polos dous octoxenarios ocupantes da vivenda.¡ Ti compra!, que non hai ningún problema.....¡compra!.....xa che direi o que hai que facer con eses pobres desgraciados.Para que seguir.....Negocios son negocios e o demais é traballo escravo; e calo, calo, que ás veces estase máis guapo calado. Para todos vostedes, amigos e seguidores, con cariño e moito respecto.           

sábado, 6 de maio de 2017

A MATRÁCOLA E A SORTE DO PAXARIÑO


                        

               A MATRÁCOLA E A SORTE DO PAXARIÑO
Nunca sabes como vai suceder de verdade a matrácola onde acabas meténdote de maneira case Laplaciana e todo determinista, aínda que claro o determinismo absoluto sexa un cisne co pescozo retorcido dende que, unha partícula cuántica, pode estar e dous sitios distintos á vez. Penúltima ebriedade dos científicos que, teñen que inventalo todo, próximos á poesía; tal e como lles pasa os xuíces do Supremo e do Constitucional, na súas xurisprudencias pronto literarias.
Claro que, aos científicos, mal que ben as malditas bombas atómicas funciónanlles, como lles funciona o combustible ( plasma ) dos foguetes espaciais, para que as áridas ecuacións collan garbo de ser tan útiles coma lóxicas i eficaces.
O caso dos xuíces é distinto eles resólveno todo a base de: costume,lei, principios xerais do dereito , a súa propia xurisprudencia  e unha pingas de Xoán Ramón Ximenez , o autor de :”Prateiro e eu” cando non hai máis para onde ir.
Ademais os científicos sempre poden sacar peito a base de alunizaxes no noso satélite natural e fotos dende a órbita de Plutón para ensinarnos que só somos un punto azul pálido na inmensidade do cosmos; logros todos estes de quitarse o sombreiro e facer reverencias laicas sen cesar.
En cambio os pobres xurisprudentes quédanse na poesía vangardista de ir mantendo a paz social entre metáforas xurídicas, metonimias e sinestesias máis ou menos logradas, que de paso lles permite sentirse un pouco artista, un pouco Torquemadas, un moito inútiles e burocráticos, pero básicos á hora de impartir un pouco de xustiza; que entre réptiles, paxaros, bolboretas e lobos non hai tal cousa.
Científicos e xuristas outro desconsolado día, vistos dende o punto de vista das prostitutas de estrada, que queda tela para vestir de xograr a un Tirano saurios rex e aínda segue sobrando tela para armarlle tenda de campaña ao lagarto e dotalo dunha ampla bolsa da mesma tela onde poida gardar os seus útiles de aseo e beleza o animal.
Hoxe como se di ao principio deberíamos volver sobre non saber nunca como vai suceder a matrácola onde andas metido; cando a auga do acuario está turbia e hai tempo que o dono da casa non aparece polo domicilio, para que haxa algo de limpeza e alimento.Andas metido no mundo da creatividade, sen rede, coma un funambulista, que atravesa por riba dun canon fondísimo un río bravo de augas turbulentas, en Honduras.Aí estás coma un paxariño caído do niño a punto de ser devorado por un inocente asasino doméstico, un gatiño europeo, que se te pilla non che perdoa. Por iso agradeces a man concienciada que te devolve ao niño e a partir de agora vas abrir a boca máis ca ninguén, e vas cravar as patiñas contra os carrascos do niño coma se foran ventosas, tes unha segunda oportunidade...amigo non decepciones a man concienciada que cha regalou e cando voes, pensa no home que hai detrás da man que escribe e recolle pobres paxariños coa tiña coma ti.
Si, porque el está cerca das enormes fauces dun lagarto extinguido, metido nunha matrácola de listos e espelidos que non dan un balón por perdido e calan coma sepulcros saqueados, porque todos eles caeron do niño hai tempo e aínda que tratan de saborear a lei da física que di: “ O cadrado do período orbital de cada planeta é igual ao cubo da súa distancia ao sol”(Johannes Kepler 1619) teñen moito medo do gatiño doméstico europeo e do mítico lagarto extinguido , porque eles tamén andan metidos nunha matrácola persoal case determinista de sete estalos ou máis por cabeza. Por R.S. Lago , para todos vostedes.          



Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...