venres, 19 de maio de 2017

¡Maldita tristeza!







                        ¡MALDITA TRISTEZA!

A tristeza é unha enfermidade do espírito humano resistente, insistente e poderosa que, busca a maneira de estar en ti para fundirte, por dentro.
Hai que ter moito coidado con semellante fantasma desolador.
A tristeza non vale para nada vital, nin positivo; é unha fera salvaxe que, soña con acabarche coas gañas de vivir.
Contra a tristeza existencial dos máis ousados pensadores, ese desacougo do tamaño do cosmos, non hai remedio: médico nin relixioso, se chega coa súa sombra espesa e dramática, hai que recibila con educación; como se reciben os xenerais inimigos, cando pola forza das armas ocupan un territorio alleo e inventan un baile de gala para lucir as medallas e deixarlle ver aos vencidos o brillo gañador da súa mirada.
Pois coa tristeza o mesmo, educación , boa disposición e valsear.
Gustave Flaubert, advertía: “Coidado coa tristeza.É un vicio”
Si por ser, tamén é o vicio do desencanto e da impotencia agónica, diante das preguntas oxidadas e sen posible resposta.
Claro que despois de danzar civilizadamente, hai que empezar a cavilar nun plan capaz de aniquilala ou polo menos facela fuxir do noso lado coma unha gata escaldada.
Recíbela hospitalario e logo expúlsala de ti con toda a contundencia que logres acumular.
Pódela apuntar cunha arma de fogo se a tes á man, por suposto debes: agora xa si, insultala coas verbas máis feridoras que poidas concibir; incluso debes perseguila un bo treito de camiño coma se foses un lobo feroz correndo detrás dun asustado cabritiño.
Non teñas piedade dela, rómpea, mátaa, estrágaa, derrámaa, para que se confunda coas pedras e o po do camiño.
Se non queres contigo á tristeza, tes que vencela coma un gladiador na area do circo e cravarlle a ferramenta de combate ata a empuñadura para que se rompa en cen mil anacos e cisque todo o seu veleno amarelo.
Estás no teu dereito, é o combate da túa vida, cúspelle e ouríñalle  nas feridas, inxéctalle o teu odio en cada célula e cando expire fai unha fogueira coas súas roupas tristes e fantasmais.

Ao rematar todo, rite con todas as túas forzas, disfruta da túa vitoria, bebe auga limpa e fresca, abrázate ás arbores, mira para as estrelas e os astros, dálle bicos á terra que hai debaixo dos teus pés.Agora volves a ser un home alegre e vital: ¡Maldita tristeza! Por R.S. Lago.         


Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...