domingo, 1 de setembro de 2019

O FUNGUEIRO

Resultado de imaxes para fUNGUEIRO DE CARRO DE BOIS



                                     O FUNGUEIRO
O arqueólogo Xoán Rei, vello amigo,e actual director do museo de Pontevedra,díxome se lle podía levar un fungueiro de carro de bois, para unha das exposicións etnográficas que ten cavilado levar a cabo despois da Feira Franca.Estábamos vendo a actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria, na praza da Ferrería, e lembro que cavilei en dicirlle que llo encargase a outro ou que se o procurarse por si mesmo, que agora eu só son unha fábrica de verbas e as cousas materiais non me interesan ou algo así, pero claro tampouco me aquelaba moito mandalo así con caixas destempradas e rachar cunha fonte de información e sabedoría coma a del.Ademais das xa clásicas noites de chicos, que nos marcamos por Vigo adiante algúns venres, da man do escritor Marcos S. Calveiro, ata acabar na discoteca Tokío mordéndolle os sorrisos...a algunhas amigas amorosas que  por alí hai...
Casualmente coñecera a Alexandre Mondragón “O semellante” no bar A Rapeira de Portas había uns días.Un todo terreo, que pinta,esculpe,entendido en herbas do país e que mesmo vai de corpo aberto curador de estraños males,con nave creativa e casa en Porta do Conde,Romay,concello de Portas.Lembreime axiña da obra de Marcos:”Fontán” o xeógrafo galego artífice do primeiro mapa de Galiza, nado neste lugar. Así que como era sábado, chamei a Marcos e como sigue a emocionarse coas pedras case esféricas que hai alí, que na súa novela son o mundo grande e o pequeno coas que tanto soñou de cativo o gran xeógrafo Domingo Fontán(1788-1866) , apareceu engordiño na súa Suzuki de 500 pola AP9.
Ao chegar á nave do “Semellante” topámolo pasándolle o vidro a un gran fungueiro de carballo, aguzado nos extremos e coa curvatura regulamentaria, media tres metros pasados,despois doulle unha suave capa de verniz e dixo:”xa está, aí o tes, todo para ti, e ata logo Lucas”.O resto da tarde pasámolo bebendo licor café e fumando kif do que colleita el.A Marcos doulle para querer bailar enriba das pedras case esféricas e mareado como andaba, pronto se veu abaixo do mundo grande,por pouco queda no sitio.Volveu para a cidade Olívica ao día seguinte, cun aparatoso vendaxe debaixo do casco, previsor fíxeno pasar a noite no meu estudio para evitar problemas.
O venres pola tarde da nova semana, collín o fungueiro de carro de bois, e no meu “Yelou”: un Fiat panda amarelo, fun ata boa vila, estacionei na explanada do auditorio do Lérez e co fungueiro debaixo do brazo cheguei ata a terraza da cafetería Carabela, na praza da estrela.Pedín unha cocacola fría con xeo e puxen o fungueiro enriba da mesa para non perdelo de vista.Nesto, aínda había bastantes patacas fritidas no pratiño que me puxeran, achegáronse a min dous policías nacionais noviños.Preguntáronme que clase de arma enxebre era a que tiña encol da mesa. A min, a verdade e que a pregunta fíxome rir a cachón, e xa as autoridades comezaron a incomodarse; por non lles chamar parvos e incompetentes á cara, díxenlles que era un escarvadentes para o famoso xigante medieval de Cuspedriños...non lle fixo graza ningunha e xa empezaron a poñerse nerviosos, menos mal que dou a casualidade que máis ao fondo da mesma terraza estaba tomando algo a subdelegada do goberno Maica Larriba, a que coñezo dende hai anos, por iso me preguntou ¿ que pasa RS Lago, algún problema coa policía?, non sei que cho digan eles, parece que confunden o fungueiro dun carro de bois, cunha arma enxebre e seica que van levarme detido á comisaría de Xoaquín Costa para poder aclarar o asunto.Levantouse indignada do seu asento a subdelegada e dirixíndose a eles exclamou ¡ así que ignoran o que é un fungueiro de carreteiro! Eles sen acabar de darse conta da autoridade que lles estaba a falar á que estaban obrigados a coñecer, sacaron as súas armas regulamentarias e de súpeto xa apareceu un tenente tamén moi mozo da garda civil e dous axentes, tamén todos eles coas súas armas espidas,estes eran da propia escolta da subdelegada, eu por si acaso metinme debaixo da mesa...non houbo tiros porque falaron e aclararon o asunto entre eles...volvín para Barro moi cabreado e confuso...Chamei ao director do museo e díxenlle que collese o fungueiro na cafetería Carabela e que xa falaríamos...Nada máis colgar, xa me chamou a subdelegada: -Vaia leas estúpidas que suceden ás veces, tes que desculpar, son policías, pero tamén son rapaces novos e aínda viñeron de lúa de mel a semana pasada...¿de lúa de mel?...si home, casáronse polo xulgado hai un mes e pico...¿pero son dous varóns non?...si, home si, pero iso agora non ten nada que ver...¿e non saben o que é un fungueiro de carro de bois?...claro que non o saben, eles son nativos informáticos e falan inglés...vale logo, dixen e a subdelegada do goberno: Maica, dixo: vémonos... e colgou.
                              Domingo 1 de setembro do ano 2019.

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...