luns, 25 de febreiro de 2019

MANOLO O LANCHAS


                       MANOLO O LANCHAS
Manuel Pereira Ledo,natural de Cabeza de Boi, Armenteira, Meis, é un ser trípede, en vez de bípede; porque naceu, xa hai máis de medio século, con tres pernas.Caprichos da natureza que ás veces bota un borrón. Son tres extremidades inferiores sas, útiles e anatomicamente  correctas, iso si ten dous pés dereitos.Aos dezaoito anos corría os cen metros lisos por debaixo dos nove segundos, pero claro a federación galega de atletismo negouse sempre a aceptar o rexistro.Alcúmase O Lanchas, porque o seu modo de vida consistiu e andar polas feiras do país, con tres lanchas voadoras pintadas coas cores da bandeira galega, que lle comprou a un xitano de Xinzo de Limia.Ademais exhibía as tres pernas nun teatriño lateral cobrando a entrada. Mañá regresa de Valencia por vía aérea ao aeroporto vigués de Peinador, os seus veciños recibirémolo como a unha estrela...o doutor milagre Don Pedro Cavadas extirpoulle a perna sobrante... sobre todo porque como dicía e di o propio Lanchas, non ganaba para zapatos...Por rslago.     

domingo, 17 de febreiro de 2019

Parchís.


                               DON SIMONETO VERÓNICO

                         Resultado de imaxes para Parchís

                                  PARCHÍS
Don Simoneto Verónico non se cansa de ver xogar ao parchís ás voluptuosas mouras espidas na súa casa feita coa escuma invernal de ríos, fontes e regatos.As mouras, gardadoras de fabulosos tesouros nos lugares máis insospeitados da xeografía esmeralda, acoden ata o fogar de Don Simoneto, dispostas a esquecerse durante uns días do seu lendario, pero moi suxeito traballo, de custodias e de paso reciben nas súas magníficas carnes a calor das chamas que bailan a danza do lume na lareira paceña deste descendente do mago Merlín.
Nunha gran mesa medieval de castiñeiro hai toda clase de saudables bebidas, alimentos e froitas, para que as mulleres sacien a súa sede e fame proverbiais.O descendente goza ao velas contentas, fermosas,faladoras, competitivas, desinhibidas, arredor do inocente xogo.Cando lle pesan as pestanas dormen a perna solta sobre o chan cuberto de alfombras voadoras.Don Simoneto entón vainas contando e cando chega ao número cinco centos quince sabe que están todas...cavila el, coma sempre, no medio milleiro de tesouros e máis quince que hai en calquera lugar do país da noite...e que el como mago e home de coñecemento sabería localizar con exactitude se quixese...pero claro non quere e mira para as dormentes, coma se foran fillas, ao tempo que o luceiro da mañá lle vai recorrendo o corpo, como unha lingua de luz, á moura custodia do tesouro de Muller boa no concello de Campolameiro...
¡Que muller! ¡que fantasía sensual!, cavila para si don Simoneto Verónico ao tempo que sobre a paraxe silvestre onde se obra a casa de escuma cae un pano branco de néboa mesta que a agocha , a distancia e a fai desaparecer do mundo e dos nosos sentidos... Por rslago.

                            

domingo, 10 de febreiro de 2019

Un mundo feliz.

Resultado de imaxes para residencias de ancianos



                      UN MUNDO FELIZ
-Onde vai que non vexo ao teu pai Xosé no seu diario paseo ata a beira do regato de Maruxa...
-Metino no centro de Ribadumia a primeiros do mes do Nadal, tal como ti fixeches coa túa nai Elisa...
-Fíxeche moi ben,moi ben; xa che teño dito que na casa abúrrense,deterióranse e por qué non dicilo claramente: estorban a estorbar a vida da xente moderna coma nós. Ademais sófrese sen necesidade vendo como se apagan pouco a pouco.Alí no fogar de maiores: “Un mundo feliz” volven á vida positiva.Como sabes, a miña nai, aínda que entregou a culler aos seis meses de metela...xa mesmo empezaba a entender algo de ordenadores, bailaba sevillanas,cantaba nun grupo de pandereteiras e dábase moi boa maña coas ceras de colores...
-Pois meu pai está aprendendo a tocar a guitarra, xa case baila fox trop, salsa, e cumbia con certa graza e o profesor de xadrez di que ten unha intelixencia natural portentosa.O venres desta semana seica lle vai facer un test de intelixencia igual ao que lles fan os da Nasa aos candidatos a astronautas...
-¡Que marabilla me contas! Non ves, tes esmorecendo na casa un talento e senón o pos nas mans adecuadas pasa desapercibido...
-Así é, así é, xa che seguirei pondo ao día, que agora voume directa á perruquería tinguir o cabelo de color laranxa coma Kevin, o novo pallaso do centro , o que entrou no sitio do teu Marcelo, co que xa empecei a saír o mesmo día do ingreso ...e así papá vai pescando o que hai dado que facultades sóbranlle...

-Así me gusta, como digo eu: ¡vellos ao “Mundo feliz” de Ribadumia e viva o circo!, sobre todo os amorosos pallasos, que un cravo quita outro e as mulleres modernas coma nós despois de tres relacións falidas,con fillos e fillas de varios cornudos, non hai quen nós pare...e rinse as dúas: ha,ha,ha,ha,ha, a primeira de nome Débora e a segunda Désiré... Venres 8 de Febreiro do ano 2018. Por R.S. Lago.

     


Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...