sábado, 26 de maio de 2018

AGUA FRESCA DO XARRO, NON DE PRATA, SENÓN DE BARRO


Foto de Concello de Barro.




              AUGA FRESCA DO XARRO, NON DE PRATA, SENÓN DE BARRO
Un libro guía, editado polo padroado provincial de turismo “Rías Baixas”(fundación pública da deputación provincial de Pontevedra), do ano 1990 titulado: “Pontevedra turística” no que se recolle a historia e os recursos turísticos de cada un dos sesenta e dous concellos que conforman ou conformaban a provincia de Pontevedra.No que son autores dos textos: Miguel Anxo Pereira Figueroa, Manuel Crespo Alfaya e Afonso Paredes Pardo , das fotos: Diarama.Paredes , dos debuxos: Conde Corbal e que remata coa suxerencia de sete rutas turísticas pola provincia de menor superficie das catro galegas, nas páxinas 29 a 32 inclusive, ocúpase do concello de Barro.
Pois ben, nas liñas finais dedicadas a Barro dise en castelán, aquí traducido:”...Ademais para os seus numerosos amantes, existe “A festa do viño” e no seu tempo un bo prato de fina troita do Chaín, servida nunha peza de Barro artesán da zona, que por algo leva esta terra tan nobre e artesanal nome...” Aquí quería chegar, ao comentario sobre a artesanía da zona, porque quen queira que fose o autor do comentario, refírese con xenerosidade ao nome de Barro e inmediatamente asocia este coa artesanía.É dicir no nome do noso concello hai unha invitación clara, unha marca comercial, unha especie de franquía que invita a traballar o barro, a facer arte con el.Existe no tal comentario unha ilación de sentido común básico: se te chamas Barro debes ter talleres de cerámica e alfaremes artesanais, non queda outra. Así debeu razoar o redactor das liñas apuntadas antes.
Abondando, lembro que un mestre do colexio “Amor Ruibal” ao que asistín de rapaz, licenciado en historia Don Casimiro Mesejo, coa colaboración dun condiscípulo chamado Axustín, conseguiran formar unha auténtica ánfora romana, a partir dos anacos que o rapaz ía traendo do monte dos Casás de Agudelo ou monte Güimil. Si, debe andar a tal ánfora por algunha vitrina do colexio.Vemos pois como a cerámica , o traballo no barro, insiste en chamar a nosa atención xa por dúas veces; esta última cunha profundidade histórica por valorar e a primeira como dixen froito da xenerosidade ou sentido común do redactor do texto de referencia.
E como queira que se di que non hai dúas sen tres, agora xa si aparece un auténtico pioneiro da artesanía contemporánea entre nós: Celso García Alonso que, na sala de exposicións do terceiro andar do novo edificio do concello, amosa baixo o título :”As mans de Barro” do 21 de maio ao 8 de xuño do presente ano 2018, os froitos da súa fecunda inspiración. ¡Felicidades! Quen se decida a darse unha volta pola sala vaise topar cunha labor creativa chea de talento e rigor histórico.
Desta saudable maneira parece que se pecha o círculo da chamada de atención do barro, agora sería desexable que se propague o exemplo e con estas sementes iniciais, tal vez poderían xurdir entre nós máis alfaremes e artesáns do barro; que por exemplo se algún visitante da nosa comunidade decidise mercar algunha peza de cerámica con avoengo case lle sería obrigado pasarse polo concello de Barro, en cerrada rivalidade coa tan valorada cerámica de Sargadelos, dito isto por entrever camiño e barallar utópicas posibilidades.
Porque claro en letras de vellos refráns: “Auga fresca a do xerro, non de prata, senón de barro” ou tamén: “Mentres o barro endurece co fogo o ouro abrándase”.E tamén en expresión de autores, citas, que a min tanto me inspiran ás veces.Así mentres Jeume David Salinger di: “Confía no teu corazón.Es un artesán cheo de creto”, Augusto Renoir conclúe:”Ser un bo artesán non impedirá que sexa un xenio”. Citas que van sobre todo por vostede Celso García Alonso, creador, artesán, artista.Saúdos a todos.
Por R.S. Lago. Sábado 26 de Maio do ano 2018.            
    
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...