O TALIBÁN DE BILBAO
Vendo na televisión pública o debate sobre o estado da
nación, sentín mágoa diante da intervención de Santiago Abascal Conde,
confrontado co presidente do goberno Pedro Sánchez Pérez Castejón. Mágoa dixen,
moita tristeza e un pouco de vergoña allea tamén.
O atilado presidente e voceiro dos ultraconservadores de
presencia robusta, ben comido e mellor vestido con terno a xogo coa súa
impecable garabata azul mariña e feroces ollos brillantes, coma espellos
cóncavos incapaces de ver máis alá das súas arengas, todo un sporman capaz de
ensartar nun fío de seda viperino un monte de disparates sen inmutarse, froito
da particular lectura do momento socio
político actual que fai o seu grupo de señoritos metidos nas cousas públicas, é
un provocador que se cree as súas propias mentiras.
Actúan estes próceres a imaxe e semellanza da francesa
Marie Le Pain, entre outras glorias europeas, nun perigoso intento de resucitar
os fascismos de entre guerras mundiais que tanta infamia e dolor trouxeron ao
planeta. Queren estes salva patrias, artellar un cerrollo tardo medieval sobre
as conquistas dos dereitos sociais da Europa dos pobos e as súas xentes, ¡non
son de fiar!
Convertese así o talibán de Bilbao de nai coruñesa, nun
elemento irrespirable, agresivo e sen calidades de home de estado asentado na
mesura e na prudencia. Apoiado por 52 confrades museísticos da súa mesma corda
zoolóxica, o fala barato vasco, sobe ao estrado da cámara lexislativa para
dedicarse a oporse a todo o que o goberno socialista, nestes momentos de crises
xeral, propón para frear a inflación de xa dous díxitos, neste lamentable intre
bélico nacido da intolerable guerra de Ucraína, na que o gran sátrapa ruso
Vladimir Putin sofre delirios de Pedro o Grande, na súa asasina pulsión
imperialista.
En fin, en momentos, polas formas e os acontecementos
bélicos, próximos a un estado de guerra mundial, coas capas máis desfavorecidas
da sociedade sufrindo estreiteces, o capitán ala triste dos ultra vox, dedicase
a discursear oratorias viles, falta á verdade con alegría impropia e comportase
como un irresponsable de chiste que, fai as delicias do seu superior grupo de
elixidos, para salvar o reino das españas das terribles hordas nazarís entre
outras prestancias...
Electo polo pobo soberano en eleccións democráticas
libres e directas, indubidablemente é un alto representante da soberanía
nacional no congreso dos deputados e non vou ser eu quen lle negue a
lexitimidade que ten baseada nas leis vixentes, nin lle coarte a súa liberdade
de pensamento e expresión na tribuna de oradores diante dos taquígrafos da
institución...o que si podo e debo facer é criticalo, sinalalo e amosalo coma
un deputado presidente e voceiro de escasas luces, faltón, cruel, provocador e
nada edificador do ben común que esixe no seu articulado a constitución de
1978. Vergoña lles debería dar a Santiago Abascal Conde e aos seus acólitos
dicirse nestes momentos representantes do pobo español, porque sempre risoños e
festivos coa que está caendo sobre as bases da pirámide social, eles semella
que están no congreso para mellor pasar o seu ocioso tempo de señoritos de
altos berces, ocupando tribuna preferente diante dos acontecementos tinguidos
de realidade urxente que eles espirituosos nin olen, coas súas napias de
xirafas confundidas. Oíndo ao seu líder deime conta de que non son xente do
común, eles son pescozos estirados, colos duros, luvas brancas, prohomes e
mulleres fantasmais e bretemosos dos tempos máis mesquiños e saen dun mal soño
de retrógrado espanto que, como en hábil dialéctica lles dixo o presidente
socialista: só teñen sitio nos armarios do pasado...¡confórtame que en Galiza
aínda non tocasen pelo!
E, non, non sentín ningunha felicidade a ter que escribir
isto, sobre uns compatriotas que aínda que deputados, só serven para confundir
ao pobo chan, apoiados polas mellores medallas de cada casa, cada barrio e cada
pobo...saudosos todos eles da peor das españas posibles, a falsa, a
insolidaria, a traizoeira, que se pon dos nervios diante de palabras como
liberdade, xustiza e prosperidade...rslago 12.7.22
Ningún comentario:
Publicar un comentario