C L O
T A L D O
Clotaldo, a verdade
é que non está moi satisfeito, que digamos, coa súa vida en xeral. Pero, como é
consciente da realidade inapelable da maioría das cousas, adoita manifestar o
seu descontento coa boca pequena, exclusivamente para si mesmo, e moi entre
bastidores do seu teatriño anímico, pois ben sabe el que non hai moito que
facerlle de remediable á situación ou situacións, tal cal adoitan vir dados e
rodados os acontecementos.
Poucas solucións
existen ao seu alcance para remediar o seu descontento. A maioría da xente, a
de diario, non sabe ou non quere escoitar: problemas, quebrantos ou queixumes que
non van a ningunha parte. Todos achegan, a voa pé, un trillado consello
cheirado no refraneiro e pouco máis.
Clotaldo sabe todo
isto, por iso cala e aguanta o ballón, cunha expresión ambigua e leitosa no
rostro e un non sei que no estómago, que lle causa leves flatulencias, ardores
repugnantes e un estado de ánimo entre tenebroso e turbulento sempre.Aínda que
sexa verán e estea tombado baixo un carballo á sombra fresca, próximo ao
ensortellado meandro dun río cantor, que só vale para facerlle máis levadío o
bochorno pegañoso do sol no seu punto: ¡ao dente!.
Clotaldo,
decididamente, é un inadaptado, un descontento, non sei se un rebelde ao seu
xordo e abúlico xeito. Os fillos, a muller, o mesmo coche de importación, o
resto dos parentes, os bens materiais e todo o cuantificable da súa existencia,
danlle vertixe en ocasións.
¡Un de súpeto crece,
faise adulto e métese nun mundo de responsabilidades, de deberes e obrigacións,
que terminan afectando a liña de flotación do máis pintado ou plantado!.
A súa muller dille
que ánimo, que tire para diante, que non faga caso desas miudezas
insignificantes que se lle meten na cabeza e que ela lle quere cada día máis e
que, por se isto fose pouco, estas
festas de nadal, deus diante, irán esquiar e a pasalo ben ao Pirineo ou
Cabeza de Manzaneda.
Si, que a neve no
inverno é unha quita penas, como o é o sol no verán. E engade, que mamá, pola
sogra, ofreceu unha novena a un santo da súa secreta devoción e que todo virá a
bo e arranxarase, como se arranxa un pantalón que queda estreito ou un paraugas
no que o vento cometeu violencias e por seguir pondo exemplos deste arreo,
agrega: como se arranxan uns zapatos ou se arranxa unha lavadora ou se arranxa
un vídeo ou se arranxa o que haxa que arranxar, que todo se arranxa, menos xa
sabes, iso que non se arranxa. Pero arranxase unha pota a presión e arránxase
unha cadeira e, ben, xa está ben de arranxar.
Clotaldo ,ás veces,
polas noites ou á hora da sesta, segundo dáse unha volta na cama, unha máis ,
pensa nunha moza de dezaoito anos, que fai tan só uns meses que traballa no ministerio; logo a mente
váiselle cara a unha postal con sol, area e palmeiras, nunha illa exótica. E se
cadra queda durmido pensando na fábrica nacional da moeda e timbre ou no número
corenta e catro mil setecentos setenta e sete dun décimo de lotería que
comprará un día calquera, xa que a cifra aparéceselle algunhas mañás como
refrescador de pantalla no computador ou iso cre el.
Clotaldo cala moitas
cousas, rumias como unha vaca, porque sabe que neste momento, ninguén está para
fábulas e por esperar, ata espera que o novenario da súa señora sogra a un
santo da súa tenaz devoción, do que por certo descoñece o nome e propiedades de
padroado, devólvano ao camiño recto e lonxe da pertinaz melancolía e as
flatulencias, poder chegar a desbordar felicidade polas comisuras dos beizos en
forma de requintado sorriso ou así.
Un amigo de
Clotaldo, Bonifacio, pensa que o que lle pasa ao seu amigo, se fose cazador
como el, e se ademais, participase nalgún maratón popular, caeríase polo seu
propio peso. Tenllo dito á hora do café, pero Clotaldo nin caso, ¿a saber que
estará pensando? .Desde que veu a nova, paréceme que escribe cartas que logo
non envía, con versos e prosas neomodernistas ou neorománticas, e o maletín de
pel de becerro, tráeo e lévao cheo de folletos de viaxes turísticas a lugares
exóticos, que, por suposto, nunca realizará e menos en compañía da nova; pero,
ben, así anda o home entre estatística e estatística. Que xa peitea canas
abundantes e aínda que ben conservado en xeral ,xa non é un raparigo e a
criatura nova está rebentona e sobraranlle pretendentes da súa idade e sen
compromisos familiares. Que nin falar, home, que nin falar do asunto, é unha
caniña ao aire platónica, e punto.
Onte mesmo,
destruído como vai, escorregou nunha caca de can ben ou nunha casca de plátano
de recreo e rompeu unha cadeira.
.....Si unha cadeira
como os vellos, e é que a mala rafa non acaba de pasar, aumenta, ponse peluda e
a sogra conciliar está a piques de pedir unha entrevista co Papa, a ver si é
posible que por medio dunha bendición mediata, o bo pai de familia atope ao fin
sacra blindaxe ante tanta adversidade iracunda.
Clotaldo, agora na
clínica, séntese mellor a pesar das molestias. Non sabía el que romper unha
cadeira puidese ser tan gratificante, todos están pendentes del, á que salta
como se di, dispostos a satisfacer os seus máis nimios caprichos e, ademais, as
enfermeiras permítenlle que lles diga gabanzas picantes e que lles toque os
gordos traseiros de cando en vez.Hoxe pola tarde veu visitalo a nova, co seu
flamante noivo, un cinto negro de karate todo músculos, elasticidade e
reflexos. Cando a nova bicoulle na fronte, Clotaldo, cumpriu noventa e nove
anos de súpeto e morreuse unha hora enteira, todo isto polo goce e o éxtase
libidinoso que lle entrou de súpeto .
Hoxe Clotaldo,
incomprensible e fóra de razón, meteulle a man nunha teta á súa señora sogra e
a casta viúva, desde fai décadas dun Tenente de Navío, deixouse facer. Agora a
nai política do funcionario, refugou da noite para o día, para sorpresa da súa
filla, a visita ao Papa.
Clotaldo volve a ser
feliz e a súa sogra está embarazadísima; mentres tanto, a muller de Clotaldo,
urxente, afoga penas co bo de Bonifacio, que dito sexa de paso é un portento de
home e un consolo inesperado: luns, mércores e venres de seis a nove nunha
modesta, pero apañada pensión de confianza. A sogra de Clotaldo deu a luz a
unhas xemelgas preciosas e a súa muller tamén anda en estado de boa esperanza.
¡A felicidade é total!.
A nova agora sae cun
xeneral retirado, dos sen guerra, viúvo e platónico. A nova di que non é
verdade e cando están na fotocopiadora, mételle a man nas súas partes ao bo de
Clotaldo reposto e pídelle que a posúa alí mesmo, se é home. Agora a nova está
preñadísima tamén e Clotaldo é un semental, susceptible de ser indultado se
fose un touro de lida.
Ante este estado de
cousas, recibiuse no negociado a visita da ministra do ramo, excitadísima polos
excesos do xefe de sección, e claro, agora a ministra loce un abombamento de ventre
significativo. Ademais a Clotaldo agora, tocoulle a lotería, o gordo do sorteo
de Reis, do neno que se di popularmente. Xogaba dez mil pesetas el soliño ao
número corenta e catro mil setecentos setenta e sete, era un presentimento,
unha aparición na pantalla do computador. A man abundante do azar foi xenerosa
con el. Son moitos millóns, Clotaldo, marchouse coa sogra, a nova e a ministra
a unha illa exótica do Pacífico; os fillos habidos acompáñanlles e a muller
queda tan tranquila, ben festexada por un sorprendente Bonifacio que xa quixese
Clotaldo...
Clotaldo na illa
exótica volve estar tenebroso e turbulento, agora soña con viaxar no futuro a
algún planeta terra formado do sistema solar, en compañía dun papagaio
amazónico chamado Calderón da Barca, ao que xa conseguiu meterlle na cabeciña,
a base de machucalo algunhas pasaxes de: "A vida é soño".
Así por exemplo o
paxaro enumera de carretilla os personaxes que interveñen neste famoso auto
barroco como un locutor deportivo o fai coa aliñación dun equipo de
fútbol:”Rosaura,dama;Sexismundo,príncipe;Clotaldo, vello;Estrela, infanta;
soldados;Clarín, gracioso;Basilio,rei;Astolfo, príncipe; gardas e músicos”.É
cousa de oírlle atreverse coma se a interiorizase de verdade, coa escena XIX da
segunda xornada íntegra, arremedando a Sexismundo…
Pero ao fin digamos,
que Clotaldo é sobre todo ese señor anónimo de gabardina cor carne, que queda
durmido no último tren,metro ou autobús da xornada, soñando confusas bobadas
que nin sequera se lle ocorren a el mesmo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario