O XENERAL DO MIÑO
( Historia posible do abade e canónico D. Mauricio
Troncoso de Sotomayor Gil Barbeito e Araujo; abade de Vilar e Couto ).
Había que facerlle fronte ao exército napoleónico. O
pequeno corso, co seu nacionalismo imperialista exacerbado, tentaba dominar
Europa como fose. Os homes pequenos, adoitan moitas veces remexer a historia
toda; Napoleón foi un deles. Simón Bolívar tamén era pequeneiro.
En España coa complicidade da raíña e do lambón de
Carlos IV.Tendo coma aliado e representante político, ao fermoso estremeño: o
cambia chaquetas de Godoy; apetecíalle por no poder o seu irmán Xosé Bonaparte,
ao que o pobo español ocorrente e con sentido do humor chamaba Pepe Botella. O
franchute, petáballe o chupete xerezano con donaire e esmero. Pero as cousas
non ían ser tan doadas como o “ vésteme a modo que teño presa “ caletraba.
Así de patéticas rematarían as súas andainas bélicas
no ano 1.815, na provincia belga de Brabante, concretamente no municipio de
Waterloo; famosa batalla, apocalipse final dunha ambición mal mesurada, que
Stenben o pintor recolle no seu famoso lenzo. Pero antes os españois,
plantáronlle fronte sen cuartel, por terras de toda a península ibérica. O 2 de
maio de 1.808 en Madrid contra Murat, inmortalizados tan arrepiantes sucesos,
no cadro dos fusilamentos de Moncloa pintado por Goya i Lucientes.A Batalla de
Bailén o 22 de xullo de 1.808, onde o xeneral Dupont, caeu derrotado sen
paliativos diante do xeneral Castaño , o que precipitou a saída de Madrid de Xosé Bonaparte..... E “
A virxe do Pilar di / que non quere ser Francesa / que quere ser capitana / da
tropa aragonesa”.
Un imperio aínda que decadente coma o Español, non se
dobregaba así polas boas, por moitos que foran os milites galos ou gabachos; e
por moita estratexia militar que levasen na cachola os xenerais ao mando. Non,
o pobo liso e chan non estaba pola labor de deixarse tripar , polo triunfalismo
dos pseudo ilustrados franceses, que nos viñan a redimir do despotismo
ilustrado do vello réxime, da santa inquisición e da miseria, que tan de rebote
nos trouxera a pésima administración do novo mundo americano.Os mal informados
conselleiros de cabeceira do corso, falábanlle ao oído da decrepitude interna
do noso país. Non se decataron , “tan chauvinistas eles” , de dous valores
fundamentais que o pobo Español no seu conxunto atesouraba: o instinto de
resistencia e a vontade de renovación , que ao fin e ao cabo, foron os que
terminaron desbaratando o intempestivo plan do xeneral Bonaparte.
Por outra banda cómpre dicir, que na ocasión , a
península ibérica no seu conxunto, incluídos logo os portugueses, coa
inestimable axuda dos fillos da gran bretaña; maiormente os ingleses pelexaron
con tenacidade, contundencia e eficacia, contra o invasor francés.
No mes de xuño de 1.809, despois da batalla de Ponte
San Paio os días 7 e 8 dese mes; cos campesiños armados co que toparon máis á
man , ao mando do tenente Morillo, Galicia quedou limpa de tropas gabachas.
Pero antes, dende o día 9 de Febreiro de 1.809 , ata
finais de maio do mesmo ano, libráronse sonadas batallas, nas que D. Mauricio
Troncoso de Sotomayor etc. etc. , coñecido popularmente coma o Cura ou Abade de
Vilar e Couto , nado no corazón do Condado, en terras de Setados, no municipio
das Neves en 1.771, tivo unha moi destacada participación nos feitos de armas
acontecidos na entonces provincia de Tui, despois en Vigo e finalmente en
Santiago de Compostela.
Tanto foi isto así, que a xunta suprema de Sevilla,
nomeouno xeneral dos patriotas do Miño,
cando asediaba Tui o 18 de marzo. Despois como se di máis arriba, participou,
no cerco e rendición de Vigo, o día 28 de marzo, data na que agora se celebra o
día da Reconquista; e no remate do mes de maio , tomou parte activa e
sobresaínte, na defensa de Compostela, hoxe capital da Galicia Autonómica.
Coma premio ao seu traballo en eidos, tan impropios
dun abade rural, foille concedida a medalla ao mérito militar, na que se
representan as armas de Vigo e Tui ,e ademais a cruz de Carlos III. Abondando
no recoñecemento dos seus folgos guerrilleiros, foi nomeado canónico da
catedral de Santiago , polo arcebispo de quenda. Parece ser que morrendo nesa
cidade no ano do noso señor de 1.817, á temperá idade de 46 anos, afectado
posiblemente de males anímicos e do espírito en xeral. Brevidade que “ o bo se
breve dúas veces bo “ , que dicía Baltasar Gracián “ O discreto “. Esta sería
en tal maneira, a biografía posible, que non haxiografía, do baril cura de
Vilar e Couto.En relación coa guerra da independencia, pola que loitou, a
península ibérica enteira, contra os gabachos ou franceses. Así contada a voa
pluma, coma quen cadra unha contabilidade ou cerra o balance anual, dunha
empresa mercantil. Por non dicir de maneira xélida, sen achegarnos ao corazón
afervoado de patriotismo , valentía e carraxe de Don Mauricio.
*
Vamos por iso a toparnos con el, nos autos de San
Nomedio, San Fins, Odrago ou San Xoán, montado nun garrido e impoñente cabalo
de crinas e rabo louros. Temos diante dos ollos pois unha fermosa estampa
ecuestre: pel acastañada do color do
mel, cunha cuncha branca semellante a unha vieira de peregrino no alto da testa
, a súa nobre e encastada montura. Con esporas de prata nas botas, barba de
días na face e pistolón pendurado do cinto de coiro negro, amosase sosténdolle
as rédeas refulxentes de pingo , o abade. Na distancia dos seus ollos azuis
procurando mar Atlántico baixa o pai Miño
, no que lendarios agora se reflicten, os trazos firmes e esgrevios do
cura guerrilleiro , teimando entre o lusco e o fusco dese día hipotético , na
loita contra o inimigo alleo e asoballador.
Ten 37 anos recen cumpridos , aló polo primeiro de
xaneiro de 1.809 ( tal é o día de que falamos ). O xeneral Soult, anda preto, a
facer toladas impunemente por terras de Tui; e ao noso heroe a víscera
chóutalle no peito recuberto de pelame ensortellada, coma se quixese fuxirlle
axiña do seu corpo relixioso velando armas. O pensamento inquedo , vai e ben
dentro da súa cabeza poboada de latíns e rezos en loanza da virxe branca, da
milagreira virxe . Que se amosou un día de neve , a un humilde labrador da zoa,
e en honor da que se levantara o seu santuario , alá polo ano do noso señor de
1.668.
Dende os sucesos de Madrid e Bailén , entre outros, a
miúdo os seus fregueses e veciños veno inquedo, impaciente, silandeiro.Todas as
tardes, coma de costume, montado ao lombo do seu rocín louro.Des-sotanado ,
vestido con pantalóns, botas de monte, esporas prateadas, xersei de mareante e
grosa capa de inverno pecho.
Sempre dun lado para o outro, desacougado , só , en
busca dos outeiros máis apartados, para estarse alí , co vento infatigable a
baterlle na face e coa mirada azul posta fixamente na corrente enchida do río,
que foxe e foxe, sen parar ata chegar ao Atlántico. Alí, pensando, matinando,
cavilando , en cal debe ser o seu comportamento, nos días de sangue ciscada que
están a chegar.
*
A infancia de Mauricio, de Don Mauricio Troncoso de
Sotomayor Gil Barbeito i Araujo , home de cinco apelidos ,tal como sae nas
enciclopedias, e nos documentos históricos, que sobre a súa persoa, se
localizan nos diversos arquivos; tal é o caso do A.R.G. ( arquivo histórico do
reino de Galicia ). Nado en primavera, si poñamos que naceu na primavera do ano
1.771, na casa patrucial de Setados.¡Os heroes nacen en primavera!, co
desafiante rexurdir da natureza nacen os seres indómitos. Primoxénito de xente
fidalga , con pazo antigo e vagantío , aberto e con fumes no lugar, rodeado de
arbores frutais, cepas de Rubiós, magnolios, rododendros, palmeiras e moitas
camelias de varias castes. No interior
do pazo, unha boa biblioteca herdada dos devanceiros, cheminea grande, para
encher de rachóns de carballo cernento, nas noites invernais.Ampla adega , bo
eirado , cortes para os animais, vivenda anexa ao Pazo para os caseiros e
xornaleiros.
A infancia do
personaxe foi feliz, en contacto coa natureza. Pese á oposición dos pais, el
era un señorito.O morgado dos Troncoso de Sotomayor, relacionábase a cotío co
resto dos rapaces da aldea. Para andar aos niños de rula, para ir coller
cereixas as mellores cerdeiras da contorna.Nos meses de verán, chegar ata as
ourelas do Miño e chapuzarse na corrente, nadando coma peixes; preparando aquel
corpo de rapaz, sen sabelo cicais, para o combate diario coa vida e tamén coa
guerra a que durante seis meses aproximadamente , do ano 1.809, se entregou sen
reservas coma xeneral e caudillo.
Cando marchou para Tui, poñamos que a idade de catorce
anos, para principiar estudios relixiosos no seminario, deixaba en Setados,
dous bos amigos: Félix “O Trana” e Manolito “ O Pichón”, rapaces dun tempo,
estes fillos de labradores pobres , casque de xornaleiros, que na hora da
verdade, serían os seus lugartenentes de total confianza capaces de pagar coa
vida, a pouco que “O Mauricio” o estimase conveniente.
*
No Seminario , pronto destacou polo seu dominio do
latín e da filosofía. Gozaba de gran respecto entre os seus compañeiros, polo
seu talante aberto e dialogante, e sobre todo pola súa enorme forza de vontade
, capacidade de sacrificio e disciplina. Tamén apuntaba unha innata capacidade
de loita. Sen ser un rebelde descaletrado, el foi quen en non poucas ocasións,
de plantarlle cara aos mestres, co respaldo unánime dos compañeiros e modificar
algunhas pequenas cousas, que facilitaban a vida intramuros dos albos
seminaristas.
Se non fose porque, non se pode andar remexendo na
historia sen tino , poderíase dicir, que unha especie de sentir democrático ,
instalouse dentro dos claustros do seminario de Tui pola época en que Mauricio
era escolante , e isto co visto bo da superioridade.
*
Rematados os estudios, xa con vintecinco anos, voltou
ás Neves. Para converterse no abade de Vilar e Couto que relembra a historia.
Por entón , xa era un mozo cumprido , impoñente, polo que suspiraban as mozas,
cando oficiaba na festa da patroa. Vestido el de gran gala, cunha casula
dourada sobre fondo branco de liño con bordados, para portar a santa custodia
ou o copón, baixo palio, na procesión arredor do santuario da Virxe. Sobre da
herba verde e mol do adro o paso procesional, salpicada a alfombra natural de
floriñas brancas e margaridas marelas. Con paxaros algareiros a rechouchiar
dende as pólas dos castiñeiros e carballos, a soprar unha lixeira brisa que
remexía nos vestidos novos da xente e o sol arriba con xúbilo , atento a
escena, a estampa cristiá que sucedía coma cada ano, alá no fondo do val esmeralda.
O traballo de atender as parroquias, deixáballe moito
tempo libre, e Mauricio, dedicábase sen descanso o estudio da Biblia e da
Patrística en xeral. Claro que a súa curiosidade era tanta, dese tipo de
curiosidade que fai aos homes sabios, que aproveitando a poboada biblioteca da
casa patrucial, entrou deseguida no coñecemento dos escritores clásicos: gregos
e latinos. E amañándose como podía, dentro do certo illamento en que vivía ,
entregado ao servizo das parroquias e ao estudio, en terras centrais da comarca
do Condado: neses eidos óbrase o municipio miradoiro das Neves. Amañándose como
podía digo, mantiña a súa mente ben alimentada das ideas que se ían producindo
polo mundo adiante. E de vez en cando, recibía fateixos de libros, uns
relixiosos, outros laicos, que ían engordando na biblioteca herdada da familia.
Por paradoxal que aquí pareza, ao corrente das ideas
enciclopedistas e ilustradas francesas.Foise convertendo pouco a pouco, nun
cura progresista e liberal, un adiantado de súa época, que sen meter moito
barullo ía facendo pequenos cambios na vida dos seus veciños e fregueses, coma
antes fixera no seminario. Ensinou a ler á xente analfabeta, e pouco a pouco,
os exemplares de “Emilio”, “O Contrato Social” e as “Confesións” do xenebrino
Jean-Jacques Rousseau, colaborador da Enciclopedia e precursor da Revolución
Francesa ( liberdade,igualdade e fraternidade ) , andaban insospeitadamente nas
mans encalecidas dos campesiños.
Pódese dicir que ensinou dende o púlpito a fe en
Cristo , e nos misterios da Santísima Trindade, e no adro e no campo da festa,
dou a coñecer a literatura e o pensamento da época. Houbo anos, que na homilía
da patroa, deixou caer en galego pasaxes das Cantigas de Alfonso X o Sabio en
gabanza da virxe María.
Así era Don Mauricio entre a súa xente, un home
xeneroso disposto a alumear nos miolos anoitecidos dos seus fregueses e
veciños. Sobre todo un cura bo e positivo, adiantado ao escurantismo secular da
época.Que coma un dato máis da súa personalidade rica, aínda quitaba tempo ¿
sabe deus de onde ? , para montar a
cabalo ao serán , sen sotana , para percorrer o accidentado relevo do municipio
e sacudir así os miolos, repletos de sabedoría relixiosa, laica e humana.
Así ía decorrendo o tempo, como decorren as augas
escintilantes do pai Miño, levemente, sen demasiados sobresaltos. Era o neno
bonito do arcebispo de Tui; a xente dicía que con Don Mauricio , a súa
ilustrísima facía a vista gorda, e mesmo lle chuscaba un ollo de aplauso,
mentres randeaba a cabeza : dereita - esquerda no auto dos ombreiros, en xesto
claramente admonitorio. Pasaran doce anos de polícromo e singular apostolado do
cura abade de Vilar e Couto. E agora con 37 anos recen cumpridos ou para
cumprir na primavera próxima, con todas as forzas intactas, ao servizo dunha
causa xusta, deixabámolo , liñas atrás nun Outeiro calquera da terra das
Neves.Matinando: xurdio, previsor e estratéxico, en cal debe ser o seu proceder
nas xornadas que están por vir.....
*
E ben a historia en por si , resolve sen dúbidas, con
total claridade , cal foi a súa actitude. Os libros falan del coma: líder e
dirixente de xuntas organizadas por curas párrocos e militares para combater
sen dor, contra toda a ambición napoleónica.
Así o abade de Vilar e Couto, aínda que liberal e
ilustrado, aparece xunto co xuíz Manuel Taboada Cotón e o capitán “ Cachamuiña” , coma propulsores
do alzamento popular que se estendeu as provincias do sur de Galicia. Os
caudillos deste movemento foron elixidos a maior parte polas parroquias e as
vilas, e caracterizábanse por estar cinguidos as institucións sociais, e ter
fondo prestixio entre as xentes do país.Unindo esforzos , conseguiron a
primeira vitoria das milicias galegas en Vigo.Na loita, interviñeron tamén militares
portugueses, que servían en postos fronteirizos, como é o caso do tenente de
Infantería Xoán Bautista Almeida i Sousa de Sa; o coronel Serpa, así coma,
unidades navais inglesas, entre as que estaban a fragata Venus co seu capitán
Coutts Crawford e a fragata Lively, co comandante Mac-Kinley.
Eso din os libros de historia sobre a guerra da
independencia en Galicia. En singular, Don Mauricio Troncoso de Soutomayor,
comezou a súa propia guerra, cando o 9 de Febreiro do ano 1.809 , impediu aos
veciños, que entregasen os avituallamentos esixidos polos invasores. Despois
participou nos feitos da Ponte Mourentán en Arbo e Achas na Cañiza. Na cabeza
do abade, estaba presente a desigual loita bíblica de David contra Goliat,
aínda así seguiu loitando montado no seu cabalo louro, con esporas de prata,
sen tregua, nin cuartel. Participou despois na liberación de Tui, sendo alí
nomeado xeneral dos patriotas do Miño como se dixo, despois marchou ata a
cidade de Vigo, para participar o 28 de Marzo no seu cerco, rendición e
reconquista.Por último, a finais de Maio recalou na cidade do apóstolo, en
Compostela.
Na loita,
flanqueado polos seus amigos da infancia: Félix “O Trana” e Manolito “O Pichón”
, amosouse: destemido, intelixente e bravo. Capaz de combater corpo a corpo ,
ou de preparar unha emboscada, aproveitando as características do terreo, que
el tan ben coñecía.
*
Rematada a contenda co francés, pasou a ocupar o seu
cargo coma canónico da catedral de Santiago, para desgusto dos seus agradecidos
e admirados veciños. Alí pasou nove anos, ata o fin dos seus días, afectado
dunha turbia enfermidade, máis que nada de arnaxe espiritual e anímico. Viviu
entregado sen mingua, nin fraqueza, mentres puido , aos deberes do seu cargo.
Pero a dicir a verdade, nunca se topou a gusto. Aínda así a fe , a disciplina ,
e a forza de vontade, mantivérono ao pé do canón , mentres lle quedaron folgos.
Sacalo das terras que o viron nacer, arrebatalo do
berce natural das Neves, afastalo da xente humilde, das galopadas a Cabalo á
caída da tarde, acabaron coa súa saúde que semellaba de ferro. O pé do santo
guerreiro , do apóstolo Santiago , rendeu os seus días o abade, o canónico, o
cura guerrilleiro, o Xeneral do Miño.....á temperá idade de 46 anos morría en
Compostela, no ano 1.817 do noso señor. Entre os seus papeis, topáronse uns
versos, que en galego dicían:
“ Miña señora branca das Neves
Val do Miño, San Nomedio , San Fins
Odrago, San Xoán : corazón do Condado
terra do meu cabalo.
Aquí en Compostela devezo de pedra e choiva
Aquí en Compostela ao pé do santo guerreiro
terra do meu cabalo, teño morriña, e teño ( parece que
pon ) saudade.....”
O pequeno poema aparece sen data , e isto é
aproximadamente todo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario