domingo, 5 de novembro de 2017

O VELLO LECTOR.



                         O VELLO LECTOR
                                       A
Cando xa os anos pesan o seu, pero aínda non son un estorbo desmedido, quen dedicou innumerable tempo ao exquisito e proveitoso para o espírito , pracer , e case arte da lectura, necesita entón afinar o gusto e amornar o seu ánimo paseando os ollos, xa cansados, por antolóxicas e medicinais páxinas , onde refutarse nobre de espírito e elevado a cumes de estatura cobizada por mozos audaces, por veteranos curtidos en mil ousadías, por homes que van á montaña en xeral.
O vello lector, desta historia de historias, está a piques de cruzar a liña imaxinaria baixo a que subxace todo o gris e ordinario, elevado nos seus coñecementos; necesita obras novas e descoñecidas ata agora, nas que festexarse, respirando mocidade e aventura inapreciable. Emerxendo así á paz aparente dunhas páxinas cheas de letras, nas que se aprecie a dita de ser fráxil e humano. O vello lector escolleu as páxinas que seguen para ler ao seu libre albedrío :Palabras, frases, parágrafos , liñas do seu gusto.
El tamén se chama Sexismundo e ten o pelo branco, vive nunha cidade pequena e da longos paseos pola beira dun río, que no seu día foi claro e transparente. Vive no medio dunha familia , a súa, que inaugura o camiño fermoso e á vez insospeitado da vida caducada. Vive xubilado, novo pero vello, vive algo ignorado, facendo recados de raparigo (o que nun froiteiro chiste chaman un corredor de bolsa; de bolsa dos recados) , vendo as cousas con prudente sabedoría e á xusta distancia. A súa biografía densa, aquí pouco importa, o que aquí se revela son as súas páxinas, as de cabeceira, que cando as le, ás veces en voz alta, na mansa soidade do seu despacho ateigado de libros, din máis ou menos así.
O escritor agora escoita e o vello lector escribe en voz alta páxinas que debesen estar nalgún libro e só están neste, que agora xa case se sente.....
                                       B
Baixo un sol de xustiza, xardineiros suorentos púen pétalos de rosa e mozas parellas de namorados buscan a sombra dos altos magnolios para escoitarse dicir cousas sen importancia, logo dos bicos que non aguantan.
                                       C
Na habitación pechada cheira a froita madura. Escóitase o silencio. E sobre a mesa de nobre madeira traballada por mans cansas, camiña unha adolescente espida que come cereixas vermellas e peitea cabelos louros.Descarada e groseira, pero moi fermosa, chega ao vértice do moble e faise un pis de ouro melodioso que empapa a gran alfombra. Na habitación pechada , segue cheirando a froita madura. O silencio está nela como se dixo. E o señor que bocexa detrás das lentes, comproba coa súa man que na gran alfombra, é estío. Sen darlle maior importancia, cando na mesa, sentado no seu sitio de toda a vida, enfróntase a un solombo, sábese soñador de choivas douradas e mastiga a comida con calma, bebe viño de ouro por unha copa de cristal tallado e mira a cadeira baleira da súa estrañada esposa.....
Volve rápido á habitación pechada, que cheira a froita madura, pon a man de novo e está a alfombra húmida, o acuario veuse ao chan e o peixe de coral respira bocaladas de osíxeno sen hidróxeno, a alfombra está húmida e coas seus pulcros zapatos negros nun descoido imperdoable esmágao.....
                                       D
O amor anda cerca. E o que compra mulleres malas, non cre que nun domingo á hora do vermú, póidase resistir o desprezo duns ollos contrariados e o amor por esta vez ordénase sacerdote...
                                       E
É outra pureza que foxe e di ata logo dobregada a razóns sensatas, vendo segundo hai que ver con total seguridade. Por iso non hai nada en ti, que cambie as cousas en min ¿ou si?. O gran amor sabe esperar e é permisivo e non se derrota tan fácil...
                                       F
Tarde esta, gris de setembro. Hai fins de semana como guerras. Hai xente nova , que abandona a vida contra un farol, resgando a mañá cunha coitela de sangue quente e conxelada auga fría.
                                       G
Non pensa en diñeiro, nin en asuntos materiais, todos os seus pensamentos esta tarde navegan sobre cartas mariñas e planos estelares. Despois o caribe.....e un globo terráqueo metido dentro dunha bolsa de plástico transparente suxeitado por unha man de muller con uñas pintadas de branco. O fondo é azul. Trátase dun calendario da librería A Laranxeira da cidade boa. Está a piques de non permitir, que alguén omnímodo e espía transcriba as súas lecturas e as súas cousas nun caderno espiral de portada verde, na que se debuxa un áncora, un código de barras e un logotipo que pon Sam; o caderno está raiado e ten marxes vermellas. Sen querer cre que puxo un escritor na súa vida e agora faranlle unha radiografía semántica e rise... é o mellor que lle pasou en case trescentos anos de existencia. ¿Trescentos anos ?. Si é unha forma de expresarse.....
                                       H

O tipo de lecturas que realiza un home, medio defíneno. E digo medio, porque o vello lector, está pedindo a berros que nestas páxinas  se lle faga un posible retrato físico e anímico ou psicolóxico a base de palabras e a verdade é que se vai a quedar coas ganas porque o escritor está bastante farto del , e aínda sentíndoo moito polo seu estado de viuvez e xubilación, non lle perdoa a fantasía dourada dos dourados ouriños e xa se acabou esta historia que en principio parecía interesante: ¿falta de constancia ou que ? , ¿ou que ? ¿ou que ? .....Espellos.Novela total.Novela de aprendizaxe.Panoplia, nave ama de cría e biblia de todos os temas e todas as palabras.Mesa de mesturas, unión de razas, xardín dos recursos literarios.Ninguén chegou tan lonxe logo de devorar o Espasa.Admítemo todo como unha nai vella.Non renxen as cancelas desta fábrica de soños, cada palabra ocupa o seu escravo posto de traballo e o todo total debese vibrar no aire como unha nota musical eterna.O segredo non existe e se existise non o diría en plan fórmula da coca cola, é unha forma de ler, unha forma de sentir, unha forma de preparar o terreo para a sementeira dun rei agricultor.É a miña proposta.Léase sen descanso…así dictaduro.Ensino ata o erro.Espellos.Comprenda quen poida comprender.Divírtanse os pallasos a labazadas.Cada un fai o que pode ou máis.Espellos con bafo de amantes. Por R.S. Lago




OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...