L O R D K
A
Que digan que non ou
que si, que máis da..., o importante é que se pronuncien e non en
sánscrito,hebreo ou tagalo precisamente.Que expresen compracencia ou
descontento, que todo o nega, e que ata airados vituperen contra el, que máis
da... porque así de ambiguas e neutras son, ás veces, as cousas no Val de
Cristal.
Que digan que non ou
digan que si, non importa: ¿si?, ¿seguro?. Non importa aquí.....Aínda que
importe toda unha tonelada de importar.
Son xente de pluma
galinácea, que só cre en crustáceos, con pouco arte, con pouco arte, a verdade,
e o peor de todo aínda, é ese cansazo bobo que os poboa á caída das tardes con
sol democrático, que se oculta avergoñado.....
Este é un val de
Cristal, poboado de xente de barro bíblico, que arrinca as árbores sen ningunha
piedade e pon as solas das botas, sobre os pequenos fillos das ratas, as
serpes, os topos e os saurios lagartos verdes.
E iso que o medo
pálido acabouse aquí, fai moito tempo; que ninguén sabe o que é o medo xa, nin
cousa parecida, desde que case lles atrapa a natureza no seu intenso afán, ata
desmedido, de cubrilo todo cos seus brotes primaverais rebentando por todas
partes.
Están constantemente
vixiándose como policías rotos uns a outros, atentos a enfermidades e a mortos,
para saberse vivos un pouco. Levan así desde sempre, vixiándose as vellas
tumbas herbáceas, para saber con certeza que seguen existindo no fértil e
fermoso val de Cristal, como quen latexa no interior dun paradoxo complicado
con afección enfermiza.
Díxose: non medo. E
non é verdade isto. É máis verdade, moita máis verdade, agora máis que nunca, o
pánico que lles arrinca anacos de bágoas tamén de cristal, que pola mañá cedo
se confunden co orballo; chuchado das ubres da noite inquietante por brancas
mans invisibles, que logo se utiliza para a elaboración de rosarios enormes que
branden como espadas de fe, as devotas vestidas de loito, de todas as igrexas
románicas de pedra, que salpican a ampla xeografía do val.
Aquí todo é dun
cristal quebradizo, que rompe o ánimo, menos a xente, que é de barro cocido ao
sol. Que mostren publicamente as súas querenzas e que non se escondan como
raposos ocos en tobos calvos.
Ninguén, en
realidade,os quere: ¿Por que entón a si mesmos quérense tanto?. Esta é unha
pregunta tremenda, que ninguén pode contestar. Porque a maioría ten a lingua
podrecida e en cada casa hai un niño de víboras abríndolle os ollos aos topos.
Non os invito a un
paseo por tanto dor de moas, porque se nos gastarían as solas. O camiño é longo
e o val, é inmenso.
Hoxe pola mañá cedo,
naceron dous nenos pletóricos, son unha pequena esperanza para mañá. O val de
Cristal, celébraos con viño novo e con voadores. Son xente inopinada, que nos
limiares da dignidade humana, pasean o seu barro mortal improvisando non sei
que componendas medio astutas, para asperxer de gasolina o cabelo palloso do
que aquí no val de Cristal, entende de espalles e roturas vidrosas contra o
chan testán, que produce lodo pantanoso, no que enterrarse vivo, ata non
aparecer pola superficie nunca.....
Houbo que convencer
con xestos mímicos aos nenos para que deixasen de chorar. E un dos máis vellos
coa cabeza nevada, ofreceulles uvas da colleita e laranxas maduras e saborosas.
Ante tales presentes os nenos cesaron choros e mollaron cueiros con pipís de
cristal.
Cando salga o sol
esta mañá de setembro medio, haberá moita faena , pero ninguén no val,
inquietarase polos problemas que os adolescentes levan suxeridos no rostro. Nin
haberá agasallo ou sorrisos para os moitos artistas deste lugar.
Todos os vellos e
vellas: os veteranos, saben cousas sen importancia que se lles meteron na cana
dos ósos e que son a súa razón obtusa de vivir, sen entender nada, do que
importa entender para ser seres humanos e non animais de catro patas gobernados
por instintos. No val e isto é unha metáfora evidente, vívese coas luces
apagadas sempre, desterrados do verán, esperando o inverno para latexar pouco.
É o tempo en que no pasado invernaban os osos e a xente descoidábase deles, xa
que no verán coas súas contundentes gadoupas, ou mellor na primavera, cometían
os desmandados propios dos seus instintos. Non había antes colmea, nin
galiñeiro que se puidesen dicir seguros, e ademais esnaquizaban carballos,
castaños e piñeiros de cristal con facilidade, que para iso eran corpulentos e
grandes osos, dos de negarse a durmir con eles custe o que custe e sen
posibilidade de negociar.
En cada casa hai
unha mentira e unha verdade. A verdade, esta pechada, oculta baixo sete chaves
de chumbo. A mentira, anda libre polo interior da casa en forma de gato, can ou
galiña.
B
(PRACTICAS DE VIDRO)
Trátase do escritor
máis romántico e visionario de todos os que habitan no val de Cristal. É este
individuo, ao mesmo tempo, un egoísta con ansias de poder e riqueza. Odia a
todos os homes, a case todos, en realidade, máis que odialos os menos valora e
xúlgaos polo seu aspecto exterior.Non cre que nos seus cabezóns, existan ideas
dignas de consideración. Os chama como máximo homes de pensamentos lóxicos,
parafusos, rodas da gran engrenaxe, tubaxes engarzadas de gasodutos, homes
sociais.
Ningún deixa esperta
a súa gran curiosidade sobre os demais, sen esforzo, albíscase a animalidade
contida en cada un deles, coas súas partes alícuotas de todo o humano: o bo e o
malo, mesturados en cantidades variables, para compor seres psicolóxicos. O
gran romántico crese superior a eles, sen ningunha discusión , pero ao mesmo
tempo sente certa querenza, polo demais insospeitada e imposible, cara ás súas
formas de vida normais e ordenadas, segundo os principios das vidas normais e
ordenadas do Val.
Val de Cristal, val
fráxil e quebradizo. Val amable, val dócil. Vive este escritor como un monxe
eremita, na súa humilde morada debaixo dunha gran roca. Aliméntase de:
cogomelos, mouras e outros froitos silvestres. Toca a frauta á luz da lúa.
Acompáñase de lobos e evita as miradas humanas. Así escribe as súas obras o
supremo escritor de val de Cristal, chamado: Lordk, porque veu das illas do
norte.
-¿Como di que se
chama o escritor máis importante do val de Cristal ?.
-Lordk, con k final
de empezar a escribir Kilimanxaro.
-Criamos que se
refería a Lorca:Federico García. Granada. Barranco de Viznar.Romanceiro
Xitano.Mil novecentos trinta e seis, fratricida guerra civil entre irmáns.
-¿E o das illas do
norte que?, ¿Que as coma o gato Merlín?, ¿non é iso?.
-Querido
representante do lector medio universal. Non se me escandalice pero de ser
alguén en concreto, sería unha mestura de Lord Byron, inglés insular el e a K
final, designaría a Franz Kafka , xa ve vostede, un híbrido imposible, pero
ben, isto aínda é Literatura...
Ningún comentario:
Publicar un comentario