domingo, 12 de novembro de 2017

SEÑOR ANICETO ANDA NO AIRE.

                     SEÑOR ANICETO ANDA NO AIRE
Era velliño, moi velliño,e un día de outubro de 1.995 deixou sen armar moito barullo, os eidos onde traballou e viviu toda a existencia.....: caían as follas das parras, rían os ourizos nas pólas altas dos castiñeiros, non cantaban os paxaros e chovía dividir.Cousa do fígado que mesmo se volveu amarelo coma o mexo.....
O señor Aniceto,viviu na Porriña a súa aldea de nacemento,sempre, agás nos tempos da terrible guerra civil entre irmáns, porque se lle puxo nos miolos a un xeneral descerebrado entre outras glorias patrias.Estivo ausente alá polos anos 1.936 a 1.939, en que serviu de cabo tomate e viaxou pola nación soerguida en longos trens para transporte de gando de abasto, rompendo a noite absorta, cargados de combatentes tan ignorantes coma el , do que estaba a pasar nas altas esferas nacionais e internacionais. Serviu ao lado das dereitas, dos fascistas falanxistas  por inercia , porque a Galicia tocoulle ser das dereitas, chea como estaba de caciques espelúxantes e non quedaba mais carallo.....
Agora ao presente isto nin sequera vale para unha biografía artellada á presa ao  fío do seu anónimo e humilde pasamento.Agora todo importa res.Un carallo de res, enlarafuzando con bosta as febrís proclamas que se lían nos frontes de Madrid e Guadalaxara, firmadas por xenerais conxurados, coma Mola e Queipo de Llano, por exemplo..... Agora nos outonos galegos desprendidos de follas murchas, os vellos combatentes, están morrendo a puñados.A guerra cincuenta e catro anos despois vai botar o peche definitivamente. Que non se esqueza tan lamentable lección xamais.....
Vou ata o alboio e alí está a ferramenta queda: a eixada, o legón , o fouciño dos arroios, a fouce, o angazo , a tesoira de podar, a forcada, a pala de puntear, a gadaña .O caixón das puntas, o martelo , o chazo, o botador, a serra, as tenaces, os alicates, o ferro do monte, o fardo redondo dos aneis de ferro para construír arcos para os gabexos da adega.Arames de aramar parras, o machado , as cuñas de aceiro de rachar leña cernenta de carballo.Todo quedo.Todo de museo.Sen mans traballadas que os fagan ser útiles, oxidándose por falta de uso.
Unha noite, aínda coa cama quente do señor Aniceto, o martelo de petar no chazo para apertar os arcos dos gabexos, non aguanta máis e a iso das cinco da mañá antes de que cantase o galo dende o punto máis alto do poleiro, púxose tolo, e machucou nas outras ferramentas con nocturnidade, predeterminación e aleivosía.....
Á mañá señora Laura viu o desaguisado no cuberto.Persignouse cristiamente e pensou: son cousas de Aniceto que non quere que ninguén lle toque a ferramenta de toda a súa vida. Non lle dixo res a ninguén do asuntiño  e á mañá seguinte coas primeiras luces do abrente fixo un burato na eira, e enterrou todos aqueles ferranchos retorcidos.Pensou: Aniceto anda no aire da Porriña, ten contas pendentes e rezoulle un enésimo pai noso pola  súa alma.Onte cando subía o camiño das Cortellas, de regreso á casa despois de ir buscar un grelos para o caldo, virou a cara e semelloulle velo detrás duns ramos de carballo. Medio sentiu algo de medo, ¿ ter medo do seu home e compañeiro de sempre? ¡Hai Xesús, María e Xosé!, enchéronselle os ollos de bágoas.O Aniceto magnífico e vixiante, vai facer calquera trasnada: pensou a viúva...será por o asuntiño do valo , o valo dos da casa da Beata...
Á mañá cedo do día seguinte, apareceron na tal casa todas as galiñas e pitos mortos, só renarte se salvou o galo. Aquelo era unha estreira de plumas e sangue ciscada.....botóuselle a culpa a raposa ou a marta, pero señora Laura foi ao panteón familiar e alí no chan había plumas e gotas de sangue de galiña.Estarreceuse un pouquiño e sentiu ,ou iso lle pareceu a ela, rir dentro da tumba coa mesma risa sólida do finado .Ao parecer o señor Aniceto cumpría a súa palabra, as últimas que lle dixo:” Gústame a esmorga, pero tamén me gustan as cousas ao dereito, e cando na aldea da Porriña, que me viu nacer e que me vai ver morrer antes do luceiro da mañá; porque isto no meu estado paisana sábese;haxa inxustizas producidas de mala fe vou volver e vou facer xustiza a miña maneira, así que xa sabes rapaza.Cando algún listo queira encher o papo a conta da pasividade dos outros, hei de vir eu e facer o que cumpra”.

E por volvelo a ver a señora Laura, agora soíña e lutuosa, está desexando , deus llo perdoe, que na Porriña, arda a auga nas cociñas e corra o lume polas presas.Por velo , si por ver ao seu compañeiro, que lle brincan as bágoas nos ollos, e non pode ir ás veigas, pois en todas hai recordos, en todas está Aniceto descansando co queixo posto enriba do rabo do legón, vendo como voan os paxaros e escoitando o canto do cuco, mesmo coma un rapaz de pantalón curto.¡Señor Aniceto dos Secos, por min que trone!.E se soubera que chamándolle: “Taramela”, ía saír do podredoiro onde o meteron,agora mesmo  gritaba aos catro ventos a verbiña esa: “¡Taramelaaaaa!” que un día o puxo louco de todo na eira de “Home de aluguer”, de Andrés , pero todo é inútil diante da morte , e dígolle sen ánimo de magoalo, que señora Laura xa non conta contos coma antes, nin está en absoluto ocorrente.Que se deita canda as galiñas, e que se levanta sen nada trazado que facer....
                    Por R.S. Lago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...