DE COLOR AMARELO
Fai xa un longo ano dende que, unha ben garrida moza
dun bar de estrada, sobresaíndo inesperada por entre as tapiñas de tortilla,
lentellas, e callos polo común; cafés, bebidas alcohólicas e refrescantes a
cotío ;cacahuetes e noces nos tempos do Nadal, advertira a propios e estraños
un día, retrotraéndose aos tempos do dramaturgo francés Molière, que o amarelo
lle fai dano, ao teimudo, xurdio e asolado escritor destes eidos da Porriña
,que, me parece que son eu, senón me engano.
O anxo da
Porriña, recibiu daquela con agrado o agarimo verbal que nacía insospeitado dos
beizos finos da dilixente e fermosa camareira, porque sen acabar de ser
totalmente certa a tal advertencia, non se crea que non lle amola un pouco e
ademais a observación implicaba percepción, certa preocupación positiva cara a
sorte do escribidor e por riba unha miga ,aínda que trillada, de coñecemento
faranduleiro.
A habitualidade posterior de andar a mercar Ducados,
hoxe si e mañá tamén, por mor da insalubre adición á nicotina e o alcatrán do
escritor, foron alimentando a unilateral e quixotesca andrómena de cavilar fiel
a si mesmo, sedento de comprensión e cariño coma sempre, que aquela fermosa
dona, quizais máis alá do color amarelo, quixese ver ao ser humano necesitado
de conexión sentimental, pese a adiantala en sete voltas arredor da grande
estrela amarela que é o Sol do noso sistema planetario.
Na súa man e na apetencia subxectiva da moza,
supoñéndoa lenturada no manancial do pentello, estaba pois o deixar solto e rinchando
ao amor, para que acabase de xermolar así por primavera a semente tan
inicialmente literaria e en amarelo, capaz de agromar despois unha frenética
paixón total, diante da que o magnetismo propio destes estados de ánimo negase
a posibilidade de cear pisadas por cuestións colaterais, que caviladas asustan
á chamada do sangue e do instinto básico e asoballan no amor puro coma un
temporal de bolboretas tapando a luz do alumeado público ou teixugos
entrapallando no trigo ou centeo aínda verde, facendo así amplos niños para o
vento bravo do norte, que nin se acouga, nin aínda así se apouca e pasa entre
os talos derreados asubiando toda a súa liberdade, que guía nas cataventos das
chemineas con fume que anuncian a vida doméstica do Val de Cristal.
E así foi que un día, xa canso o escritor de observar
algo así coma estantío tanta louzanía grácil,inquiriuna abortando romanticismos
trasnoitados pola actualidade da súa vida sentimental e diante da resposta
testemúñante dos beizos insistentemente finos da rapaza que lle certificaban a
existencia de amor xa maduro, dilatado no tempo e indubidablemente tendente a
unha unión sentimental firme e matrimonial, o anxo da Porriña, escritor
afervoado destes máxicos eidos, viu laiándose como unha vez máis as súas
sinxelas pretensións de amor á carta,nacidas por exterioridade sen afondar no
espírito, nin noutras cuestións adxacentes posiblemente salvables se vían
derrubadas e imposibilitadas , porque a vida é así e a cega víscera chouta onde
menos se espera.
Saiba en consecuencia a fermosa e xentil moza que, se
de facer mal se trata, máis fustriga no ánimo dun escritor de raza a soidade
aparatosa deste tempo turbulento ca o color amarelo que advertira ela, polo que
se ve con mágoa do escritor máis ben superficial e con abundante chanza
mórbida, que desta maneira reflexiva agora se salda o asuntiño.
Que, mirar para dilixentes camareiras con mandiliños
de película porno e amuletos enfeitízantes de Sargadelos non ten admonición
posible, pois é casque unha obriga asistir con ollos virís ao que se suxire
feminino con abundante enredo erótico.
En canto a súa incerta estabilidade sentimental, si no
maxín da moza flotan efluvios de retos medievais a floretes espidos entre
cabaleiros pretendentes de amores, vai vostede trabucada, porque aínda que para
iso e para moito máis hai home neste
amable escritor, xa con esta extensa reflexión escrita, chantarémonos
definitivamente no respecto mutuo, na discreción e na admiración que por min
ten a moza, que por certo non ten nada que ver cun sentimento coma o do amor
que é moito máis elevado.E seguiremos mordendo por si o anterior lle semella
pouco: na cotianidade gris, no reparto de papeis, na biblia en pasta, na
mediocridade ambiente e xa está que me saen cubiños de xeo en vez de verbas
acesas ao verme contrariado e rexeitado pola existencia dun mozo antigo
agargalador e machucador.
Porque, eu teño que seguir facendo esta especie de
vida nos eidos que me viron nacer e vostede ten que seguir namorada de vostede
mesma e da súa media laranxa como debe ser e sexa: digno e respectuoso sempre
con vostede e con todos o escritor da Porriña.
Nota: Escribo ás veces este tipo de historias sobre os
avatares cotiás, máis ou menos prosaicos ou que sei eu.....porque segundo dixo
Herman Hesse que, sabía de moitísimas cousas : “ O xenio , alí onde xurde, ou
acaba estrangulado polos que o rodean ou é el quen os “tiraniza” a eles e
aclámano logo unanimemente coma flor da humanidade e sen embargo, provoca en
todas partes miseria e confusión, aparece sempre illado , condenado á soidade,
non é hereditario e presenta sempre certa tendencia a abandonarse a si mesmo”.É
dicir desta maneira yacareanse ou chaneleanse “perfúmanse” os bancais
interiores.A cita polo de pronto e coma mínimo o xugo da teimosía dun home
sabio e por si tivese razón refírese aquí.
No tocante a
vostede e eu agraciada moza, por se decide pese a todo que hai química non
serei o que diga que non hai física e despois veremos que lume arde.....Pero
sobre todo haxa verdadeira tolerancia e transixencia cando menos na liberdade
de pensamento e expresión, que senón voltamos ás cavernas cuaternarias que xa
foron. Sírvalles pois de norte a todos en xeral e adivíñenme caviloso sobre
este asunto neste tempo no que somos contemporáneos. O anxo da Porriña: ¡ Aínda
que todos somos seres humanos evolutivos que dimensións habitamos tan
diferentes meu Deus !.
Para rematar:de reflexións unilaterais e amores
unilaterais líbrenos señor, que a comunicación para ser válida ten que ser
entendida e recibida polo interlocutor ou sexa o outro ¿ quen dubida isto ?
Ningún comentario:
Publicar un comentario