sábado, 16 de decembro de 2017




                            BROCHE,BOLBORETA,BUMERANG.                     
    
I.-P R I N C I P I O
-Son eu.Xa sei que non é necesario todo isto, pero vai valer para lembrarte. ¿ Que quen son eu ?. O de sempre son . Aínda son un cativo literariamente.Sempre se está aprendendo como ti dicías.Si.Non.Son o de sempre.¿Lémbraste cando me fixeches o prólogo?.¡Vou a ser eu mesmo sempre!. Son eu.....( Mundo de Loureiro presumiblemente en soños fala cun desaparecido escritor galego da vila mariñeira do Grove, do que en vida foi discípulo.....;D. Manuel Lueiro Rey evidentemente).
Agora estaba a utilizar para escribir unha máquina que.....pode ganarlle ao xadrez a un campión paisano de Gorki,Tolstoi,Nabokov,Chéjov,Dostoieski,Maiakoski, chamado Kasparov; obviamente estaba a utilizar un ordenador persoal,deixando atrás a entrañable olivetti azul littera 45; e o autor de “Despois de Babel” un tal George Steiner Políglota el, está preocupado na súa colaboración  nunha revista de literatura internacional, que, o que está a escribir comprou en Ambarpó( Pontevedra ) este verán, polo asunto este de si a máquina e capaz de superar  ao home ou ¿non?. Estaba a utilizar para escribir unha máquina  que.....
-Si, o nome do quiosco onde comprei a revista Lettra Internacional é Tin Tin , e ao mesmo tempo fixen unha fotocopia da carta que lle mandei a miña irmá a Madrid interesándome polo asunto de..... ben póñoo: a escola de guionistas, e merquei unhas gafas novas, e estreei un petate zurrón plástico de color negro, pero vou poñer verde ou roxo por xogar a confundir ao lector, que me vendeu María Xesús na praza de abastos de Xabre.
Fixen todo isto e moitas cousas máis, en conxunto , nunha mañá clásica aínda non completa, pois sobroume tempo para tomar unha orchata na Ibense.Todo xunto a eito febril con moita marcha, coma nos vellos tempos. Un insignificante polgarciño con botas de sete leguas, máis ou menos, arranxando  asuntos a toda máquina en Boa Vila ( Pontevedra ).
-Non, non é que sexa determinista absoluto pero case, e non sei moito a que ben isto, ti sabes ou deberías sabelo que de filosofía ando xusto, ía dicir escaso. Si o da Bolboreta do título , non sei se o colles, en relación co determinismo Laplaciano. Si home si, ¿ determinismo ? ¿azar ? ¿ libre albedrío ?, vaia principio .....Unha bolboreta move as ás e desatase un furacán, todo esta híper relacionado.....E ti estas morto vello mestre, por iso teño que homenaxearte escribindo isto: meu ben querido autor de “Manso” e do conto para cativos “Non debían medrar”.O efecto bolboreta. Todo depende de todo.....
                                           
II.-AO MARXE EN PLAN NOTA OU MELLOR GLOSA AMANUENSE PON: 
 .....O “Eterno adán” por Xulles Vernes, trátase de rexistrar o título dun libro e un autor para ter noticia e mercalo en calquera momento, cousas do oficio .
 E despois xa en plena páxina do libro de actas ( estamos a falar dun libro deses que se utilizan por exemplo nas asociacións de veciños dos pisos para levantar acta das sesións e do acordado:contundentes,grandes, que semellan armarios,no que se entende que adopta utilizar para  escribir nel o escritor), di así:
 “Aínda que tamén escribo si se me pon a pluma de ave, se fai falla, mollada en tinta líquida. A vella usanza, é que meu imposible Xulio Verne, dáme que, en tendo vocación , escríbese aínda que sexa nunha humilde folla de verdura”.Enfiado ben isto de que agora escribe cun ordenador superada a olivetti azul littera 45.....
“Isto é así, tan así é isto , que ás veces só é unha cuestión de ton”.Refírese a escribir. Escribir ás veces só é unha cuestión de ton.....
“Claro que ti adobiábalo todo co saber da época, facendo literatura científica: “ Viaxe ao centro da Terra” , “ Viaxe á Lúa” , “ 20.000 leguas de viaxe submarino” , eras un adiantador da época , o pai de moitos posteriores, en especial de Isaac Asimov o americano.Agora diríxese a Xulio Verne, ó gran mestre francés pai da ciencia ficción,  o anotado ao marxe no libro de actas.
Aquí xurde unha repentina preocupación pola facundia do galego empregado no texto.Procede a cismación ou teima esta do interior do escritor, auto crítica e esixencia.
E axiña ou de súpeto a negación afirmativa que contén a frase: -¡ Alto , non, non , o galego e bo , do que se falou sempre entre nós, nos eidos desta redondez !.
.....E  implacable o que escribe vai máis lonxe e medio se laia de saberse escritor estiloso e tal , e irrefreable fai saber a quen le , que lle queda moito para ser un verdadeiro Tusitala : contador de contos Orais.Que este debe ser o seu obxectivo último, ser un grande improvisador.Un Midas literario. O Tusitala que tanto admiraba o Stevenson da Illa do Tesouro: é o nome dun contador de contos orais en algunhas illas do Pacífico.
E termina preguntándose algo así como:¿cantas follas ten un Loureiro ? de por o ramo ás casas recen rematadas as obras ou dos de queimar na lareira para afumar embutidos caseiros atados con cordel reciclado de foguetes de festas patronais ou do Santísimo. E isto non é nin máis nin menos ca unha toma de terra, un desmarque de Ronaldo no fútbol.....
Sábese escritor adrede ou así , e por todo iso termina enredando con toda a verba BÚMERANG.                                                
III.-O BATISCAFO
Cansas das súas saídas de son e ton , a Mundo o de Gómez, puxérono a nai Amelia e as irmás , a vivir no Batiscafo.
Agora está máis espiritual cá nunca, os ollos casque lle rin de ledicia, ten o pelo brillante, fuma Baixo en Nicotina, e os venres hai quen di que visiona a película porno da t.v. do val do Salnés, máis que nada por curiosidade científica, que de seguida semella darse conta de que o sexo sen amor tampouco soluciona demasiadas cousas por dentro.
Pero ben , alá cada quen.....O do Batiscafo,denominación, é unha ocorrencia máis das moitas que ten o referido , cualificou o sitio onde vive da maneira a presenza de varios veciños de Loureiro, na taberna de Pura non que cerrou, e agora puxo unha zapatería , foi no bar,restaurante,casa Lolita. Veu dicindo algo así como que:” Agora vivo nun local con sete ventás , que chamo para min e para quen queira escoitarme : o batiscafo , pois recórdame ao do capitán Nemo , a poder de vidros, sete en total, como dixen , e tendo en conta o clima do val con acirrada pluviosidade nas longas invernías atlánticas”. Trátase en realidade dunha especie de apartamento de 47 m2, con cuarto de baño, unha habitación e un salón grande en forma de L, con falso teito de chapa de madeira, chan de plaqueta cerámica, luz eléctrica, vertedoiro , e sete chistosas ventás de aluminio, que lle fixeron na parte inferior do gran alpendre,para que lle fixese de estudio e habitación, ao que Ernesto, o pintor de Briallos lle chamou : “Gulag”.Unha pasada.....
O que non dixo o moi atorrante , e xa se significa que se apunta en plan festexo de comadres, é que agora, coma quen saca barriga valeira dun mal ano de fame, no tal sitio , non se farta de catar mulleres de toda clase e condición.
E ata hai quen di que trae para diante unha rapaza de dezaseis anos recen cumpridos.                                                    
IV.-UNHA PASANTÍA DE VERÁN
Así coma quen non quere a cousa, reloucante e devecido , arteiro e xurdio tamén , foi seica que traballando a fráxil vontade da filla de Esther a de Polito dos louros.
Aconteceu no verán , en plenas olimpíadas de Atlanta, cando por exemplo Miguel Indurain e Abraham Olano conseguían medallas gold e silver para o equipo español de ciclismo , na proba contra reloxo.
Na confianza de darlle unha pasantía estival sobre linguaxe e matemáticas, foina tenteando, e aproveitando os sufocos propios da estación , o que xa se comeza a coñecer máis que por Sexismundo ou Mundo, por Mundiño Lobiño, para darlle esquinazo aos males anímicos que o traían todo melancólico en “Home de Aluguer”, púxolle bombo de banda de música ou grupo de gaitas á criatura.
Pero como dixo o pai da tal: Polito, nun alarde máis de prudencia e comprensión pouco menos que teolóxica:
-Nada, nada aquí non pasa nada ,e pese a moita diferenza de idades, Mundiño terá hoxe por hoxe preto dos trinta e cinco anos, isto non ten máis solución que xulgado e vicaria.....
O que acontece, e que seica tamén anda da maneira a filla de Adelina dos Bicaradas, esta polo  menos ten os dezaoito anos cumpridos. Non se viu cousa igual, as dúas a un tempo, e do mesmo  pescozo de polo, se tal metáfora é de recibo , ante tal desaguisado , que non sería de estrañar que o Mundiño , terminase castrado ou emasculado que é o mesmo ou quen sabe o que pode acontecer con este suxeito capaz de semellantes alivios fertilizantes.
Isto por estar, estalles ben, a aqueles que dicían que non era potente e outras cousas semellantes, pero meus señores, dúas rapazas seguramente que intactas marteladas da maneira, isto é un escándalo en toda regra, aínda que se poida considerar válido o consentimento de Lisé, o de Cecilia xa é máis polémico.Recórdese que, a primeira ten dezaoito anos recen cumpridos, e que a segunda só conta dezaseis abrís ou marzos.
Aínda así, alleos ao asunto, haberá seguro moitos ilustres machotes de taberna,entre nós,que se sentirían orgullosos de ser tan irresponsablemente protagonistas dunha fazaña digna de romancearse, como a apuntada: Mundo de Loureiro empreñador de dúas rapazas novas, aproveitando que no chamado Batiscafo lles daba clases de linguaxe e matemáticas.
O caso que dúbida cabe e revesgado,xurídica,ética e ata sentimentalmente.
Está claro que coas dúas non se pode desposar, porque sería bigamia, terá que facelo coa que máis lle guste e a outra como máximo recoñecerlle o que traia o mundo , sexa femia ou varón , botar abaixo a estas alturas o froito da paixón mal medida sería un crime.
En fin ,que se algunha vez  tiveron graza as andanzas de Mundo de Gómez da aldea de Loureiro, con este modo de proceder, xa dixo o que é en definitiva. Un desvergonzado incapaz de saber de antemán a dimensión dos seus desbordes chamémoslles pasionais.
E como seica que, estes asuntos de faldras polleras hai que contalos, como fan os matadores de touros cando o fan con algunha actriz de primeira liña tipo Dominguín con Ava Gardner, lugar común neste tema.  O de Loureiro, trabucando a realidade sen tino , el debe cavilar que se encontra no planeta Holywood ou na movida da capital do reino, o día da cacharela ou fogueira de San Xoán, quizais un pouco ou un moito colocado de queimada e outros licores previos , entre empanadas millas e mexillóns ao vapor, todo cheo dixo que ás seis da tarde do día séguente, día propio do San Xoán o 25 de xuño , porque a fogueira ou cacharela faise de véspera , esperaba a Cecilia dos louros, e dúas horas máis tarde ou sexa ás oito viría Lisé dos Bicaradas, para deixarlle as orellas ben feitas ás criaturas.....literal.
E así foi , primeiro unha e despois outra como enfeitizadas pasaron por o tal sitio:o batiscafo, a practicar sexo con este irresponsable, que groseiro, aínda foi quen de dicir despois, coma quen está a falar do tempo ou dos tomates, que o obstáculo do ventre, aínda é inapreciable no segundo caso, pero que con Cecilia xa ten que recorrer a posturas de auténtico experto, que el debe quitar do libro de peto sobre o tema de Anne Hooper.
Ninguén sabe, sen embargo, no que pode acabar todo isto,a paciencia dos proxenitores das xestantes , seguro que debe ter un límite . Estamos falando de dúas futuras vidas humanas, e aínda que lle enerve sentidos e desexos a máis de catro gatos verdes , o asunto non ten migalla de graza e de broma ten pouca, moi pouca cousa.
Mundito debe verse ou sentirse algo así coma un señor feudal , no ámbito de Loureiro, e quen sabe de que maneira, valéndose sabe deus ou o diaño de que artes, en querendo elas, o Mundo cal un boi de posto inaugura salóns de té coma o presidente de Galicia Manuel Fraga, visita ministros do partido popular na capital do estado.
E ben, alá a conciencia de tan promiscuo personaxe, e de paso que lle preste, que xa parece que lle presta, pois anda mellorado de olleiras, e oxalá a sangue non chegue ao río da Maruxa , e as rapazas novas de entre nós , que vaian tomando boa nota senón o Mundo vainos poboar o val de Munditos, que se saen ao proxenitor isto vai ser unha postal da China popular, e outra vez BÚMERANG.
                                            
              V.-O SR. GARCÍA REBOREDO
Un BROCHE de ouro e brillantes, na lapela do impecable traxe azul mariño do señor García Reboredo, co galo de celebrarse a 25 festa do merlo pico de ouro amestrado , que xunto coas da fresa  e as do viño son as  festas maiores de Xabre.Os méritos que se lle teñen en conta ao brocheado son : 1º)Ser un gran gabador do grupo de goberno Municipal 2º) Ter un gran instinto natural para acertar niños de merlo no medio das silveiras mais tépedas e 3º) Destacar nas tabernas no deporte do levantamento de cuncas de viño...                         
VI.-A PRIMEIRA PAXINA.
Por Álvaro Souto.
“Non a quería , ¿ ou queríaa ?. Estaba con ela alí na praia iso era tanxible, tan real coma os seus ollos verde escuros, a súa grande melena acibeche, vigorosa, que lle chegaba ata as mesmas nádegas, cando á caída da tarde de agosto alto paseábase espida, amosándose aos meus ollos morena, súper bronceada, címbrante, perfecta.
Eu lía algún libro ou escoitaba música na galería con plantas, mentres a praia se despoboaba de bañistas, e o sol coma unha laranxa agardaba sobre a liña do horizonte para coma quen di finalizar o día. O mar Atlántico mentres tanto, viña manso ata a praia unha e outra vez, infatigable, para humedecer a area e tirar fortalezas infantís, feitas perante a tarde con ferramentas plásticas de cores, diante dos ollos vixiantes das nais lagarteiras.
Eu estou aquí coma sempre de amante, por guapo. Estou neste chalé de Portonovo en plan veraneo. Ben, estou por o que dixen, e máis porque Violeta gústame e non hai quen diga que non facemos unha boa parella, e que xa é tempo de que sente a cabeza.
Chámome Álvaro Souto, e os meus trinta e tantos anos, por medios lícitos, teño o que se di , unha posición sólida na vida. Son avogado , e ademais traballo como funcionario de nivel A, para delegación de cultura da Xunta de Galicia en Pontevedra. Son ademais de guapo, un coco. Estou especializado en dereito urbanístico e a verdade e que gano cartos a esgalla. De crises nada, polo menos no meu caso, e ademais Violeta, ten unha farmacia en Ponte Caldelas.
O malo de toda esta envexable situación é  que, xa se me está dando por escribir como se pode ler, e claro Violeta di que me esqueza de romanticismos trasnoitados e que gane máis cartos aínda , e que a leve á Toxa a cear, xogar e bailar a cotío.....
E ten razón que lle sobra , aquí o importante é a pasta, e vivir a vida ao grande, por iso que tratando de agradarlle ía escribir algo requintado encol de nós , aproveitando os dous cursiños de galego , pero non , pásome definitivamente o vídeo e xa verei a maneira de recrear o noso lecer voluptuoso.....
Si , que escriban os inútiles e desesperados coma Sexismundo o de Loureiro, axuntamento de Xabre, que foi meu compañeiro de mesa  no instituto de Ambarpó (Pontevedra,Boa Vila ).....”

VII.-ÁLVARO  SOUTO DE AMBARPÓ
E claro o tal Álvaro de Ambarpó, envioulle por Fax urxentemente a primeira páxina dunha pretendida noveliña curta sobre a súa vida e milagres, para que Mundo a sacase adiante...
E vai o de Xabre, un día á mañá cedo plantouse no despacho a todo meter do antigo compañeiro de pupitre, co que tiña mesturado versos e ata chegar a darlle bicos aos paus do tecido eléctrico estremeiros á vella vía do tren en acceso por demais lírico, e díxolle catro verdades tan contundentes que o compañeiro sentimental da farmacéutica de Pontecaldelas, quedou coa boca aberta decatándose de que sen tanta posta en escena o rapaz da aldea, como el dicía , estaba convertido nun sobranceiro escritor de talla algo menos que universal, co que non viñan a conto bromas de mal gusto, nin moito menos encargos de tal arnaxe, como si se tratase de facer, mellor construír, un chalé arrimado nalgún recuncho do litoral Atlántico ou así.
Tal foi a sorpresa do gran Álvaro de Ambarpó, que tivo que tomar tres cafés de máquina uns detrás doutros, e despois morderse as uñas ou retrasar a pel na que están emprazadas, mentres se movía pola estancia de mármore coma un león acurralado ao tempo que agarimaba o pelo negro coma a noite, tragaba abundante saliva e non paraba de falar dos novos tempos, ávido de meter a lingua de letrado nos vellos, pero o de Loureiro non estaba romántico aquela mañá , por iso lle amagou un revés que o puxo vílico e chantador; a cousa non daba para tanto pero Alvarito precisaba de emocións fortes....
Para el , a Literatura quedarase na macana de xuntar versos no encerado a xiz, ou encima da superficie dalgún papel que tivesen á man, mentres a profesora de física falaba do principio de Arquímides ou das leis de Boyle e Mariotti.
Por iso Mundo o de Gómez, Mundito buscou sosego debuxándolle unha BOLBORETA, no P.C. do aludido.
Claro que despois visionaron a exposición de Nóvoa na bienal e por último denantes de deixarse en paz, tomaron un capuchino no cafetín , decorado cun mural de Manolo Moldes.
Quedou claro que Mundo , non escribía por encargo e que ademais, por moito que Álvaro se vise na cúspide da pirámide burguesa, non era un caso biografiable, polo menos de momento, e nunca o sería , porque os cartos non teñen outra biografía ca de servir para seren gastados a eito ou aforrados con avaricia, ou hai unha terceira posibilidade.....sempre debería haber unha terceira posibilidade en todas as cousas ou así.
E cando Álvaro quixo xuntar versos coma nos vellos tempos, saíu este pareado:
Álvaro: Nada tan fermoso coma a vida dun literato.
Mundo: Nada tan falto de esencia coma a vida dun pelagato.
E se non chegaron as mans foi grazas a intervención dun hercúleo garda xurado , que vendo as cousas tan mal paradas, separou como puido aos dous encolerizados ex compañeiros de pupitre no bacharelato.
                                                                                                                                                   
VIII.-UN PERSONAXE DE EIRA VELLA
A maior parte do tempo, aínda que durma moito para descansar do mancorno de planetas, a verdade é que Mundo anda a procurarse en letras deitadas ao sol como cabezolos autóctonos ao sol de setembro.
Este personaxe máis ben de eira vella, recibiu bautizo abundante de labres femininos( Un home non é un home/ mentres non escoita o seu nome de beizos dunha muller- A. Machado ), porque a vida é amor ,sempre soño , e ás veces un home é un deus cando soña e un mendigo cando pensa ou medita. E o home sabio dedica egoistamente o tempo todo a si mesmo, consonte Aristóteles.
Ao presente no interior deste ser, anda moi medrado o proxecto de Marcel Proust de ir á pescuda do tempo perdido, se isto fose posible, mentres tanto García Márquez deixa ver os seus bigotes albos no contador de quilovatios de señora Laura dos Paxariños, debaixo das parras de follas verdes e uvas color carne ou negronas con cheiro afroitado forte.
E cando baixa Porriñas,Valadas ou Cortellas, cara a Maruxa e o Pombal, cerca do río dos nomes , na compaña de boas amigas ou amigos , ás veces só e sumido , cando non, na compaña algareira dos cans, tanto pode ir pensando no Novoneira dos Eidos , ou na vida panteísta dun Franchesco de Asís e Umbría, e moitas cousas máis , ou en nada..... Ao presente xa é un entendido en atallos, corredoiras e vimbieiras.
Por iso aquí procede nomear a liberdade, da que carece o sufrido pobo cubano, pese a que o lendario comandante de Serra Mestra , manteña toda a barba dende o 59 , quizais coma nevado e único símbolo dunha desigual loita contra os acontecementos históricos.
En Xosé Martí está escrito: “ ¿ Qué vai ser de América ? ¿ Ela ou Roma , César ou Espartaco ?.As terras de fala española , son as que han de salvar en América a liberdade. ¡ Abaixo o Cesarismo Americano ! “.
Si por un libro , por un home: Xerardo Valiño Eiríz fillo de galegos, retornado recentemente a Loureiro á casa do seu tío Matías, coñece Mundo do feble e precario momento que atravesa a fermosa illa do Caribe oriental . Dádeme unha gota de auga salgada e eu concibirei o mar. O viaxeiro inmóbil, en Loureiro tamén hai un Aleph Borgiano. Búmerang & Búmerang.
                                       
IX.-UN DÍA CALQUERA DESTES DO VERÁN NOVESEIS
REPETICIÓN:(Amparanoia) Ao chegar á casa Mundito, aínda non conforme coa agarrada, pensou a maneira de non repercutir no tema. Sen dúbida tiña que haber unha certa maneira , un camiño, pero claro de tomar unha decisión, tería que avisarse moi ben de non levantar sospeitas. Era un branco claro; estaba fóra de onda o asunto, por iso: Búmerang.Bolboreta.Broche.
VAGO: Folgazán, furaolas, nugallán , preguiceiro. Impreciso, incerto, indefinido, indeterminado , perplexo. Baleiro, desocupado, libre, vacante, errante, errático, extravagante.
Un anteproxecto de cabeza semella a deste home incapaz de acougar a ansia de inmortalidade, que coma a da maioría latexa no profundo da condición humana transcendental e transcendente. No medio de todo este mundo trambilicado , está a honrada conciencia duns cantos Espíritos elevados.Mundito ás veces semella todo isto. Por iso: Búmerang.Bolboreta.Broche.
Non debe haber xeito de comparación entre un home e unha nobre máquina, son máis ben desexos desesperados, na busca de utopías algo mastigables, ou tal , na densa procura de ser explicados.
Rudimentaria mente rodeada de ventás, que tenden a explicar as novas do novo vento, que asubía novidades, espallándoas polo Val. Ese é un son Eu impreciso de tanta nidieza que mira como caen as mazás unhas detrás doutras, da árbore das moi vellas leis, que ten este sitio escritas no ar.
¡ Que humanos son os aplausos ! , e falaba dende o medio dos amables magnolios despois dos primitivos cans. Bolboreta et Bolboreta.
REPETICIÓN:(Amparanoia ) Ao chegar á casa Mundito, aínda non conforme coa agarrada, pensou a maneira de non repercutir no tema. Sen dúbida tiña que haber unha certa maneira , un camiño , pero claro, de tomar unha decisión , tería que avisarse moi ben de non levantar sospeitas. Era un branco claro; estaba fóra de onda o asunto, por iso: Búmerang.Bolboreta.Broche.
                                           
X.-UN LIBRO LIBRE
Agora por preocuparse, preocupase así polas boas de dedicatorias a lapis xermano escritas en libros desgarrados.
Ten erros de principiante, este non sei que é, se é algo , neste fin de século baboso.
De repente o libro lese dun tirón , porque te agarra, e di moitas cousas dereitamente, nos títulos dos capítulos e nas situacións: “ A nada cotiá “ de Zoé Valdés.
Un paraíso perdido ¿ o derradeiro ? , unha revolución terxiversada por culpa dos dólares americanos do gran norte, pouca comida, a luz eléctrica afeita a apagóns insospeitados, un comandante algo así como paranoico vestido de verde botella, que só sigue a latexar nos corazóns románticos , consumidores de adhesivos do pobre Che Guevara : “ O que a boa árbore se arrima boa sombra o acubilla” , “ Dime con quen andas e direiche quen es”.
Porque : “ Xa che digo que leo toda a prensa, hasta Le Monde Diplomatique que é do mais intelectual e abúrreme bastante, pero é o único periódico que fala ben de Cuba. Porque quero que saibas que esa illa non lle interesa nin a Deus. A ninguén do mundo. E a el sería o último , co que debe estar arrepentíndose de habela creado .....” . E máis adiante tamén literal: “ ¿ Non ven que me vou quedando sen amigos ?. Fóronse, vánseme , e apenas podo falar deles en voz alta, e debo finxir que non me alegro cando lles vai ben e teñen traballo, e reúnen uns quiliños, e tal vez regresen de visita, pero xa non viven aquí, xa non estamos xuntos no día a día, xa non existe máis o vamos a casa de fulano, porque fulano, sutanejo e esperancejo, fóronse a Miami, ou a México para que un coiote os brinque do outro lado da fronteira , ou a España a que os traten como indios , ou a Francia a ser escravos e foderse máis coa política.....¿ Non ven cabróns paternalistas , como me están asasinando aos amigos ? ¿ E a miña familia ? ¡ Partida de loucos, xa nin sequera saben se son humanos, eles son partidistas, que para eles está por encima de todo, por encima mesmo de ser humanos.....!- “ O problema é que el non tiña ventás que deran a parabólicas do hotel Habana Guitart Libre ( ¿ Libre ? Habana Hilton na república, libre coa revolución , e agora Guitart na ... ¿ Na neocolonia española? “. E o capítulo oito como os de todas as novelas hispanoamericanas dedicado ao tema do sexo.
As cinco da mañá deste venres 13 de setembro de 1.996, Mundo de Loureiro, ten claro que unha dedicatoria a lapis xermano pódese borrar tranquilamente ou pasar páxina. E algún día cando Xerardo Valiño Eiríz sexa vello e Zoé Valdés, volva á Habana para contar os amigos vivos que lle queden será o momento das dedicatorias. A teima coa dedicatoria, débese a un respecto pola autora do libro, que é a lexitimada para dedicalo , o que agora contén non é unha dedicatoria é un desexo .¡O efecto Xerardo Valiño !.....Mundo súper sensible aos temas cubanos, tratando de comprender na distancia.....
Polo momento, na mente de Mundo ecoa a frase de Xosé Martí entorno ao exilio ou desterro: “ Vivir no desterro e tallar en nube” . Claro que ser estranxeiro no propio lugar de nacemento ou vivir unha sorte de exilio interior tamén é magoante. Hai que tomar por iso as cousas da mellor maneira posible , con moita paciencia e sa filosofía positiva.
Así se cre sentir toda esta diáspora en acoradas tebras ,a que se ben abocados cidadáns cubanos de primeira liña intelectual en busca de liberdade, acaso toleados ou mellor cativados polos cantos de serea da vella e sempre fiel metrópole, aínda que iso si na distancia transoceánica .
Nada máis sobre este tema que fai danzar ao mesmo dereito internacional .Por iso, tratando de facer arte, dise: Broche a Broche, Bolboreta a Bolboreta, Búmerang & Búmerang.
                                           
XI.-ESCRITORES
E que sobre todo os escritores galegos sexan aves de curral, como as galiñas, os patos , e as quiricas.
Linguas chantadas, ollos anubrados; e Eu son do planeta Hollywood iso polo menos...Comigo non vai toda esta sorte de brillantes contemporaneidades polivalentes, xente contadora non afeita a nada , ou a pouco. Eu que sei, que se vai dicir de tanto xenio e talento, un sobrará pero algúns destes sen coñecelos de nada, xa me abelloan con tanta paxarada, e tanto circo, que terá que ser así agora, pero ben, aquí non se salva ninguén, a literatura é un curruncho de nada. Ás veces é preciso odiar ou por o menos ser indiferente aos artistas todos, en especial aos pintores,músicos,escritores.....Traizóns, envexas, orgullos, vaidades. Nada, unha desfeita de afamados. ¡ Crear semella unha disputa con Deus ! ...
Agora mesmo non entendo nada. Isto é unha pasada. ¡ Espíritos insaciables, posuídos, viciosos, trampóns , palanquíns, farsantes, tímidos, mornos ! . En realidade pasa que o arte e a outra dimensión , pero claro hai que ter unha paciencia breve pero infinita ou menos para soportar tanta bazofia. Non se pode xustificar nada coas verbas. Que a moda é mentira sabeo calquera, pero é a moda. Hai unha admiración extermínante no ambiente.
             Fume,pistolas,mulleres,cartos,familia,coches,delirio.
             Psicoloxía,política,relixión,soidade,morte,terra.
             Poder,beleza,misterio,enfermidade,televisión,cama.
Na medida do que se espera, desesperase. ¿ Paciencia ? . É mellor ser calquera outra cousa con catro fillos ou dez.....O paso do tempo. Outra vez nihilismo. Só o amor pode salvar isto, pero claro, todos estamos nunha reserva medorenta incluso. Que fagan o que queiran. ¿ Que lexitimidade, nin que viaxe ao centro dun mesmo ?. Especulación literaria.....
Hai que escapar de certas realidades galegas que escaldan. Literatura libresca, literatura infantil, e senón literatura medieval ou epigomanías celtúricas e tal, plástico, plans de urbanismo socializados por urbanícolas afeitos ás plantas de xardín ou de interior, tanques de auga potable. A luz, a gasolina, as ondas con sinais de radio ou televisión , a roda , o lume , outra vez a auga. As máquinas de escribir.....Fuxir para diante, sempre para diante, ata chegar aos señoríos do século pasado e converterse nun novelista ao borde do disparo da natureza. Os bolígrafos, a tinta liquida . Un estado de ánimo.
                 Historia dun estado de ánimo por exemplo.
                 Viaxes, metafísica, protocenáculos.
                  Influíannos por favor, empresas de creación , grupos.
                  Todo o de fóra era bastante mellor antes. A modo coa moda.
                 Amén , amén si señor.
Que claro estes galegos como teñen tanto que facer sempre, ou non teñen costume de ler porque chove , porque non teñen tempo , ou é que tamén os libros son caros . Todo está polas nubes agora . Mañá e día de escola din con ironía, máis ben sorna os paisanos ... máis palanquíns.
Que lean cousas oe, para ir empezando orientativas. Manuais de lectura para ir empezando, orientación , oficialidade. Eu escribín fai ben pouco un : “Manual de non facer Ren”, para demostrarlles precisamente a estes adoradores do traballo , que non facer nada é en ocasións un arte, claro que eu estaba traballando arreo , escribindo a contrario. A verdade e que os libros non teñen presa, por iso sobre tres millóns e un millón mais ou así alén nós , que lean algo en galego e con lanterna mil ou mil trescentos sesenta e nove , xa está ben, que haber quen vai facer todo o que hai que facer, nun pais que funciona máis de vintecatro horas ao día as fins de semana, porque tampouco hai moito onde ganar un salario digno.
Que xa se sabe, o galego, é un pobo final cheo de traballadores a obra feita , que non len porque entenden moito de meteoroloxía e len no ar, o que non está nos escritos dos escritores. Fan ben ao mellor. Música no labirinto. B-r-o-ch-e.
     
XII.-SOBRE MUNDO
Que o andar de Mundo, non vaia a pensar ninguén, que é tan doado de entender, ata a el debe serlle difícil saberse ás veces, no medio de tanta letra e cousas novidosas que a vida lle vai traendo.
Debe ser por iso , que ás veces semella andar a procurarse no medio da postmodernidade ambiente.
Disfrutar, disfrutase con todo e con nada. Para gustos píntanse colores e a beleza que a estraguen outros.
Ou que non lea ninguén, iso sería o ideal, que ninguén  lera nada e que se queimaran os libros. Que non haxa escritores, nin lectores, que só haxa coches, edificios, ríos e fontes. Sen embargo dende sempre , constantemente a vida imita ao Arte. Primeiro o arte e despois a vida.
As verbas son Búmerang, cando pensas que as escribes ti, ao mellor sucede que son elas as que non sabe ninguén porque leis están escribíndote a ti.
O outro día no Lolita Mundo medio levitando , dixo que a literatura creativa era un don sobrenatural, unha sorte de mandado intergaláctico , claro que ás veces tamén di que é unha droga, a lei das verbas.
E moi presumible que fale porque ten boca , sen pensar moito o que di, claro que iso entre nós faino todo o mundo, falar por non estar pecho de beizos, darlle a húmida; xa din os avós que o falar non ten cancelas. E o Sol é gratis, e a Lúa tamén de rebote.
¡ Que bonita é, que bonita é esa rapariga dende a mañá cedo ata a noitiña !
¡ Que pensamentos me trae, que suspiros me leva, esa rapariga.....!

XIII.-O BROCHE
E cando lle estaban inserindo no ollal o BROCHE , vaise o señor García Reboredo e mandoulle unha ostensible patada na vida municipal ao primeiro espada de Xabre. Sen vir ao caso o brocheado, armou de boas a primeiras un altercado desproporcionado. Zapateou cadeiras, mesas, desmontou portas, rompeu vidros e feito unha fera, para sorpresa de todos arrincoulle os pantalóns ao confundido primeiro espada con idea de introducirlle o broche, que tan cerimoniosamente se lle outorgaba no acto, por vía rectal.
Ante o cariz da situación e vista a pasividade de autoridades e público presente na sala de plenos, foi avisada polo o señor secretario a forza pública, pero cando chegaron dende Augas Quentes( Caldas de Reis ) a xabre o señor García Reboredo, xa se fixera forte no camión do lixo, no que agarrado pola  gravata a modo de correa mantiña retido contra a súa vontade, ao primeiro espada, que ben sendo o alcalde.
Pese as indicacións da garda civil e facendo caso omiso a canto se lle dicía puxo o camión en marcha, co que se principiou unha persecución embarullada por pistas e camiños forestais, ata que sen outra alternativa o sarxento intervinte mandoulle abrir fogo real ao número acompañante contra as rodas do camión da recollida.
Dubidoso o sarxento, de aplicarlle esposas ou camisa de forza, vaise o señor García Reboredo e fíxose co coche patrulla e volveu ao consistorio onde se fixo parapetou, demudado dos sentidos tronzou canto encontrou dentro, ouriñou nos ordenadores, e defecou nas bandeiras, esportelou a propósito o retrato dos monarcas Reis de España, e por fin foi detido cando intentaba facer fotocopias do BROCHE na fotocopiadora que milagrosamente deixara intacta, na parte do edificio dedicada a xulgado de Paz. Broche & Broche.
                                                              
XIV.-O CAPITULO OITO
“ Parece que os capítulos oito da literatura cubana están condenados a ser pornográficos”, no xa aludido libro da escritora caribeña , algo así como exiliada en Francia: Zoé Valdés , dise iso, o que por outra parte é lugar común en toda a literatura de fala Castelán en América, máis ben como desculpa, dende a Rayuela de Xulio Cortazar entre outros. Cando un escritor desas latitudes quere compracerse con algo de morbo orixinario no tema sexual faino a expensas do capítulo oito e santas pascuas.
Claro que sexa por cuestións persoais íntimas dos autores, ou por influencia do sétimo arte, entre nós, no ámbito das españas autonómicas e na de rancio instinto metropolitano e colonial, que ben polo que ten o tal instinto de razón  histórica , de estado e política de embaixadores, vámolo non porfiar - Fastos da exposición sevillana do 92 incluídos - na illa da Cartuxa. Tamén aquí , sen a coartada do capítulo en cuestión , que non é mala idea, se escribe encol do tema , libros enteiros . Literatura de xénero erótico e non pasa nada, e se pasa faise unha película porno de altos voos , tipo as “Idades de Lulú” de Almudena Grandes. Non sei o que quería dicir con todo isto..... Ah! si, que Mundo en Loureiro nin sequera se  acolle a capítulos , nin para empregarse  nun tema que literariamente lle semella menor, nin para polo en práctica con resultados prebiolóxicos, narrativamente entendida a cousa claro. Que o das rapazas preñadas é unha bouba, e Mundo de Loureiro é un personaxe de ficción.
E no tocante a toda esta marea roxa que abre esta obriña, entre xogadores de xadrez dobregados por ordenadores, máis nómina de literatos Rusos, abonda con insistir dicindo  á hora de medio comentar isto , ata chegar despois a meter parágrafos da “Nada cotiá” na Habana actual do comandante Fidel Castro, que o desencadéante subliminar , ten que ser por forza e é que algo xa se adiantou, Xerardo Valiño Eiríz , que fuxindo de todo aquilo coma fillo de españois galegos que é , pía por unha saída honrosa para o seu país acollido nunha casa das de Loureiro, que é a do seu tío paterno Matías. Xosé Martinista convencido, amosase bastante desencantado da revolución , do que puido ser e non foi..... Comunismo: cartilla de racionamento e pioneiros, con sorriso irónico conta chistes do comandante, el soña cunha oportunidade na terra dos devanceiros que é a del. Na Habana , paseando ten visto a Xosé Neira Vilas o de “Memorias dun neno labrego” ( cando en España Fidel era Franco) o mesmo que agora vive cerca da Ponte Ledesma na súa aldea natal de Gres do municipio de Vila de Cruces, e cala e escribe o que lle parece, ou se lle ocorre, porque debe ter que ser así .
Hai quen di, e non sei como se informan , será por linguas de paxaros , que a outra tarde Xerardo , lle regalou a Mundo , unha moeda de tres escudos prateada coa efixie do Che , acuñada no 92 na que se pode ler: “Patria ou Morte”, e aínda que debe ser moeda legal a anos luz dos todo poderosos dólares, na ocasión pasou por entrañable souvenir cubano; nestas cousas anda agora o bravo guerrilleiro, e ben.....Búmerang,Bolboreta.
                                         
 XV.-FINAL
É lamentable asegúrollo, ter que mandalo a herba con trencha de carpinteiro e martelo de zapateiro, pero créame vostede non vale en absoluto para manicuro, nin para nada relacionado co mundo do touro de lidia.
É lamentable insisto, ter que mandalo a herba coa ferramenta descrita, pero neste intre, non pode ser doutra maneira , se puidese ser doutra maneira quitaríame un grande peso de encima. Porque vai ser cousa circense velo martelando na trencha, buscando a raíz mol das herbas todas verdes e vizosas. Ao mellor no futuro , é vostede requirido para o vagaroso ensino dos merlos picos de ouro ou para anelar pombas mensaxeiras con mensaxes de esperanza e acougo. Mentres tanto o seu debe ser a herba mol e vizosa da braña da Carballa, e o ceo borrallento de sempre , despois dos ameneiros , sanguiños e sabugueiros para facer baquetas aos cativos, preto do río dos nomes , con coidado de non tripar plantas da anada, nas que lían a colleita en conxunto do ano os avós, trátase dunha planta resumen na que tiñan depositadas non poucas esperanzas as cabanas e as arcas de castaño.
Un poeta inventado e de ficción dos países do Este chamado Karel Tyrlová do libro “Os Moradores da nada”do escritor galego Xavier Lama, solicita permiso para aterrar, a bordo dunha bolboreta mosaico , nun campo de trevos.
Andrés María levaba dezaoito anos durmindo do mesmo lado da cama. Era un home absolutamente normal, pegado polas noites a unha muller de normalidade tamén absoluta, formaban un matrimonio perfectamente aburrido.
Cada certo tempo acontece o prodixio e entón : ¡ zas ! médranlle os dentes de coello e ten que ir a un dentista de Augas Quentes para que llos rebaixe e lle collan na boca outra vez .
A Menta: xénero de plantas herbáceas moi aromáticas, con virtudes tónicas, estimulantes estomacais e calmantes.
A Mente: potencia intelectual; pensamento , entendemento, intelecto.
Me parece que agora mesmo non dispón de discurso lóxico. Por iso mantén un raio de Lúa dentro dunha botella transparente de cristal, que agora mesmo tira ao espazo líquido.
Son humillantes este tipo de grazas artesanais casque circenses no ámbito da creación absolutamente primordial.
Un socio da empresa de colchóns Pikolín radicada na capital de España, a ourelas agora do río Ebro ao seu paso por Zaragoza, divorciouse da muller no palacio que ten o seu primo Federico , no paseo da Habana, na cidade mexicana de Veracruz.
O 12 de Outubro de 1.912 na cidade castelá de Burgos, tivo lugar, a iso das once da mañá unha colisión de viandantes que portaban hortalizas.
El é así por iso non se subscribe , nin afilia a nada.
Piluca é unha muller fenomenal, sen complicacións , sempre e cando poida nadar unha hora diaria na piscina municipal de Teruel. E sempre me di : xa sabes que me gusta ser amiga , si isto fose posible, da xente que paseaba por a calle Hernán Cortés de Badaxoz, o 12 de Outubro de 1.808 as 8 da tarde P.M. , pero claro comprendo que non é posible e confórmome. Logo son unha conformista esencial. Piluca ten cousas de tres pesos cubanos.
Despois de 880 anos de visitas espazadas a persoeiros senlleiros da cultura galega é posible dicir, que na derradeira votación armouse como era Nadal, a Mari Morena, por culpa dos 880 anos eses.Non, Otero Pedraio e Álvaro Cunqueiro non estaban na reunión.....
Dicía magoado: odio o suficiente este oficio privado como para darme conta , de que en realidade ámoo con precisión cauta e serenidade temperada.
Subido no auto dun vaso de auga, esgrimía unha inmensa torre de xadrez como arma arreboladiza. A saída da conferencia sobre as noites bohemias de Antonio Machado, díxolle a un dos concorrentes aos que se viu na obriga de empuxar, perdoe, pero teño presa por chegar á casa para meterme un balazo na cen dereita e despois lavarei os dentes e metereime na cama coma todos os días dende sempre.
Só duascentas persoas por diamante, saben espetar puntas de angazo en escarvadentes. Ten unha calidade, ás veces fai que non ve, nin escoita, por iso se conserva de maneira autista.
Faixarse nas distancias curtas. Que se meta nun soño denso : ¿ Quen sabe nada ? . Agora tería que amosar confianza en si mesmo e resolver todo isto con certo talento e mestría.
¿ O personaxe do señor García Reboredo ? ¿ O quiosco Tin Tin de Ambarpó ?.
Que unha cousa é estar no Lolita tomando radicais de color marelo con amigas e amigos, e dicindo o que lle ben á boca sen pasalo polo sentido e outra é expor este tipo de INSÓLITECES.
Un libro, o título dun libro, un fillo de galegos ,Cuba un país polémico do caribe oriental , a primeira páxina dun compañeiro de bacharelato con posición e as verbas entre baliza e comodín do título salpicando o invento , o texto , escribindo sen rede , nin trampa, nin cartón , en plan virtuosismo , por homenaxe , eu ben sei a quen.....Ao autor de “ Manso “ e de “Non debían Medrar”, co que medio fala en soños( D. Manuel Lueiro Rey ). E pasan moitas cousas xuntas, diversas, porque a vida, esta vida non é precisamente lineal.
Resolva pois señor Sexismundo, Mundiño, Mundo, Mundito .....Amañe todo isto dunha maneira sensata.
E vai o de Loureiro e dixo: dereitos humanos, o señor García Reboredo en liberdade baixo fianza, os escritores galegos no país da literatura e bendita coherencia calcetada a pulso,doada de entender por quen a queira entender: Broche,bolboreta,bumerang.
 Por R.S. Lago para quen queira lelo e teña os medios necesarios, que isa é outra, porque ás veces os de abaixo non teñen nin luz eléctrica para canto máis ter ordenador e gañas de ler...                                                                         
           

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...