¡ESPERTA GALIZA!¡ESPERTA HUMANIDADE!¡VIOLENCIA DE XÉNERO NON!
Probablemente influído pola celebración de dúas votacións democráticas en España nun período de tempo de apenas dous meses; refírome ás municipais do 28 de maio e ás xerais do 23 de xullo, noto en min, como nunca, un interese pola política descoñecido na súa potencia. Vaia por diante que nunca estiven afiliado a ningunha casa política, nin o estou agora mesmo, nin penso estalo nunca no futuro. Pertenzo de maneira definitiva á creación, ás letras, á filosofía, ao arte, á poesía...aínda que como digo o meu desvelo actual está aí na política e non podo, nin debo agochalo...¿ por que me pasa tal cousa?, debe ser pola suma de primaveras que vou acumulando, polo afloramento de casas políticas con ideas retrogradas de ultradereita, e sobre todo porque quero o mellor en conciencia para a comunidade da que formo parte...nesta liña o que máis me preocupa como digo é Galiza...grazas a internet analicei á miña maneira os resultados e en plan observador testemuña teño que dicir que estou triste porque Galiza con só 152.327 votos e un deputado nacionalista situase moi lonxe das outras dúas nacionalidades históricas: Cataluña e Euskadi, que alcanzan maiorías nacionalistas capaces de preocupar ao estado central de paso que lles permiten intervir de maneira decisiva na formación de goberno e nós non pintamos case nada nesas disputas pola torta do poder e da forza decisiva...
Se é acertado o vieiro que sinalan as outras dúas nacionalidades históricas como eu creo que é...¿Por que Galiza non se reafirma na súa identidade nacional con máis contundencia?...probablemente sería necesario un nacionalismo galego de centro dereita que sumado ao do BNG dese 14 ou 15 deputados congresistas dos 23 que lle pertencen en Madrid...iso me din algúns amigos á hora de procurar solucións...facéndome notar outros que aquí falla ademais a burguesía das vilas e capitais de provincia e a clase empresarial que se capitaliza en Galiza pero que a despreza...
Porque así, na miña opinión, non podemos, nin debemos seguir; nós temos que conseguir ser tanto ou máis ca vascos e cataláns nas nosas lexitimas pretensións nacionais. A defensa do idioma galego, a imaxe nacional e internacional do país esmeralda, a cura dos vellos fantasmas históricos que tanto dano psicolóxico fixeron nas cabezas da xente, pasan por unha Galiza moderna, forte e consciente capaz de chegar a decidir en referendo o seu futuro no mundo mundial. Si, porque un federalismo posterior ás actuais autonomías, tan postergado no tempo, xa non chega, cando estamos comprobando como xentes de ultra dereita se atreven a levantar a voz contra a riqueza idiomática da nación española e incluso contra o tan superado estado das autonomías, polo menos, no caso das tres nacionalidades históricas con idioma propio.
Tamén é preocupante nunha democracia desenvolvida o 26.85% de abstención, 595.362 persoas non votaron nas eleccións xerais...incógnitas, preguntas, para intentar explicar o que pasa en Galiza...o que estou seguro é que non fallan, nin fallaron nunca ao longo da nosa sufrida historia son os intelectuais galegos; aí está vivo o gran tesouro creativo composto por miles de libros, e outras aportacións creativas: música, escultura, pintura etc. que constitúen o espírito xenuíno do pobo galego. Todo elo entregado a un pobo aínda durminte case en plan heroico a cambio de nada...¡Esperta Galiza!...coa complicada ruptura con España no horizonte ao rexeitar acertadamente facela efectiva polo medio das armas, cando menos sexamos fortes en poder político para que se nós teña en conta no reino de Felipe VI xefe de estado. Un estado federal forte, contundente e firme a min creo que me bastaría...certo que o ideal sería unha Galiza nación no mundo parafraseando o título do libro de Camilo Nogueira e a ver se liberados conseguiamos ser exemplo de tres ou catro virtudes dignas de respecto e admiración polas outras nacións...
Xa no final debo referir que, nestes momentos a miña preocupación quizais aínda máis profunda ca expresada sobre Galiza, instalada esta próxima ao inconsciente colectivo ou incluso formando parte deste primeiro cerebro, transcende fronteiras e disputas políticas para facer evidente o cambio climático que está afectando ao planeta azul no seu conxunto; o futuro da humanidade está en xogo, aquí o asunto é dunha gravidade apocalíptica; tomemos consciencia, deixemos de comportarnos como pirañas...somos un puntiño azul pálido visto desde Plutón que precisa coidados urxentes...conste aquí neste exame público que tamén me alporiza moito a violencia de xénero que non para de matar ás nais da especie...
Creo que con todo o dito me libero algo, sinalo o que creo que son os camiños a seguir e se estou triste consólome paseando pola miña parroquia natal: A Portela, que sitio hai abondo...¿algún día espertará este tan traizoado e vilipendiado pobo para ser libre e voar?...¿poderemos frear o cambio climático e salvar á humanidade? ¿haberá paz entre os dous xéneros da especie humana?.Venres 4 de agosto do ano 2023.
Ningún comentario:
Publicar un comentario