Anda na furgo do reparto do pan cotiá coma sonámbulo Xosé Luís
do mesmo que morreu a mesmísima Isabel a católica: cancro de útero
morreulle a el a compañeira de toda a vida María Xosé cincuenta e sete anos
non ri estrondoso, casi non fala coa xente,non fai comentarios divertidos
a furgoneta gris parece que vai soa, sabe o camiño de seu
ata cando labra nas fincas da casa vai medio derribado no tractor
resiste,aguanta,cala, non lle sae da cabeza a súa namorada...
De momento o corpo dela como ben se di está aínda quente
un cravo quita outro cravo asegura o verbo popular
á larga, porque é novo, Xosé Luís tera que refacer a súa vida rota
atreverse, intentalo, querer e deixarse querer noutra historia
un home precisa compañía coma o sol de maio sombreiro.
Pechouse de loito Moncho dende que lle faltou Aurita
hoxe anda na veiga do eirado repoñendo na semente do millo
que lle comeron entre os paxaros e as toupeiras
branqueoulle o pelo todo de golpe, pousouselle a lúa chea na cabeza
nin unha palabra máis alta ca outra, nin deus que fixeches con elas
o seu amor tamén finou desa brutal enfermidade referida
¿Son os homes brutos e foden nas mulleres coma barreneiros da mina?
ou ¿dotounos a natureza de enorme pirolas aberrantes?
facer o amor non é espetarlle o coitelo a un cocho cebado
sensibilidade,delicadeza,cariño, amor son palabras de todos.
Tamén cambiou de dimensión María Xesús Fernández cincuenta e cinco anos
cirrose hepática, pero claro o dela xa se vía vir de lonxe
bebía coma unha esponxa ¿deixa dolor? sí , de sobra
e que dicir de Benigno Amor que subía aos palcos para cantar "campanera"
abanel curioso,conductor tardío, pancreatitis fulminante
e para a de coita sen acompañamento ¿deixa dolor? sí, de sobra
¿ e logo que quere lle diga miña prenda? aquí a vida mata amigo/a/x
Celsa e Vita sachan nas patacas dende a mañá madrugando
arrimanlle terra á mata pataqueira e limpan o eito de malas herbas.
Pola fresca os loiros e acastañados cabalos de Pepiño
pacen estacados con corda larga nas veigas francas das Porriñas.
Aí vén o reiciño cos cans da casa ceibos por diante amenazadores
a saltos no asiento do tractor co remolque acugulado de achas
por debaixo do viaducto do futuro ave en busca de casa que fixo el mesmo.
Sito por un lado, Rosa polo outro separados abren as súas granxas de polos.
Este maio das máscaras vai xa máis alá de mediado
todos os días se contan os mortos polo Covid 19 chinés
o poeta camiña vestido con roupa deportiva e gafas de sol
polas novas corredoiras de asfalto agora sen esforzados peregrinos
Cada vez van quedando máis veigas a monte
¿qué vai ser de nós? ¿en que división xogamos nesta dichosa España?
Xa se vén as tres bandeiras ondeando nos brancos mastros de ferro do concello:
a galega, a española e a europea, houbo polémica cando non se vían.
Os paxaros infatigables cantan, carrexan comida, refán os niños, recrían
o día é unha estampa de luz dourada, as flores rin en colores
son, somos xente humilde e avisada, facemos o que nós indican
os políticos ao mando que saen polas pantallas planas
¿ningunha revolución pendiente? ¿ningunha capaz de mellorar o que hai...?
xa chega Constante anunciado polo chivato da marcha atrás do camión do lixo municipal
estacionao coma sempre no monte baldío que hai a pano da nosa nave
o axudante que conduce un Ibiza vermello, saca o buzo con cintas fluorescentes urxido
e lisca coma un foguete para o Curuto onde ten fogar aberto e con fumes...
Sábado 23 de Maio do ano 2020 por RSLago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario