martes, 8 de novembro de 2022

Coa desapiadada guerra ruso ucraniana / tronando bárbara ás portas ineficaces da vella Europa...




COA DESAPIADADA GUERRA RUSO UCRANIANA

tronando bárbara ás portas ineficaces da vella Europa

os combustibles fósiles, a electricidade e o trigo bailan

ebrios ao son soberbio das salvaxes quenturas post capitalistas.

Descolgadas as tremoias festivas e paradisíacas doutras épocas felices

o mundo é agora mesmo outra vez a luxuriosa mazá bíblica

que se disputan avariciosos norteamericanos e chinos

convertendo a ONU nun museo de cera de rictos amargo.

Entre tanta tirria e zuna baila tamén o medo desesperado

a súa absurda danza para que a xente trema

ao borde do medieval inferno dantesco

instantes antes de converter a pobre vida sen inocencia

nun axitado coágulo de sangre do tamaño dun asteroide armagedon

cuxa banda sonora son as zonas quentes do planeta cambio climático.

Alleas multiplícanse as ratas febrís en París, medran as discordias

e o universo infinito cala no seu silencio serodio de sempre

que só fan humano e habitable as verbas que medio o definen

artelladas por científicos, filósofos e poetas cósmicos.

Urxidos os euros e os dólares son un breve lapexo

informático entre Nova York, Londres, París, Madrid

Hong Kong, Bruxelas, Berlín, Roma e Tokio...

un chorro cego de ceros e uns que bebe sedento

o sangue e a suor de millóns de modernos escravos.

Debaixo das alfombras a violencia doméstica e contra os anciáns

avanza nas mellores horas da súa brutal singradura

espurias residencias negocio, de paso campos de concentración

fogares selva profunda onde o macho mata coma unha fera salvaxe

mulleres e fillos antes de facer o paseino dos celebrados toureiros

cando impunes se entregan diante das forzas de seguridade custodias.

Finalmente os medios de comunicación rendibles por enriba de todo

son as modernas trompetas de Xericó, os fragmentos da apocalipses

que xornada a xornada confeccionan innúmeras páxinas de periódicos

que ninguén le e machuconas horas de televisión insoportables

que se converten na adoecida banda sonora do propio averno...

E iso todo é o que letra arriba, letra abaixo, hai agora no mundo mundial

por iso os poetas furiosos gritan desesperados de dolor animal

pero os seus gritos neste intre son cuspe mascado nos oídos de ninguén

que asustan iso si un pouco aos pobres nenos lactantes abrazados ás súas nais

cansadas de ser abusadas, vexadas e mortas por os fillos medrados

doutras mulleres coma os delas que agora nutren co leite dos seus propios peitos...   

Luns 7 de novembro do ano 2022


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...