sábado, 29 de setembro de 2018

RAPSODIA EXISTENCIAL EN TRES MOVEMENTOS.




RAPSODIA EXISTENCIAL EN TRES MOVEMENTOS
1.-NOSCE TE IPSUM… Coñécete a ti mesmo.
Profunda no que es...non te quedes na superficie delimitada por un nome, dous apelidos e o número da túa carta de identidade.Trata de investigarte, baralla posibilidades, escoita en silencio os teus pensamentos máis auténticos e profundos.¿Es só un disipador de enerxía? ou es algo máis...É imposible coñecerse a un mesmo de maneira definitiva e rotunda.Por moi en latín que estea o aserto o mellor que podes facer e ignoralo. Só o tempo basta para derribar certezas.Mentres andas vivo estás no churro cambiante do tempo que trae engadidas novas situacións futuras que agora non están, pero que estarán...coñecerse a un mesmo é unha tarefa denodada e xigante que case nunca ten éxito.Confórmate pois con seguir adiante como ata agora e saberaste a groso modo ou a ollo de bo cubeiro; pero aínda así non tires a toalla nunca...
2.-VINCE TE IPSUM...Véncete a ti mesmo.
Véncete a ti mesmo, ponte límites, non deixes que o orangután no que probablemente te estruturas se descontrole e faga barbaridades.Es un ser educado, civilizado, doméstico, tes uns deberes e uns dereitos socio constitucionais, non podes facer o que che da a gaña case nunca. As pulsións interiores deben ser sometidas ás leis e ao ben común.Adáptate, interioriza a democracia, non perdas nun minuto, toda a traxectoria dunha vida adecuada ás normas, modas e usos sociais.Véncete na agresividade, no sexo, no egoísmo.Controla os teus instintos básicos.Véncete, apisóate, deconstruite pero non saques os pés do testo porque chos cencenan axiña.Confórmate, obedece, cumpre coas túas obrigas e vive a morna mansura dos castrados...non estragues nun momento de loucura a túa plácida vida de burgués ben regalado e satisfeito...
3.-VIVE TIBI IPSUM...Vive para ti mesmo.
Aínda que cos condicionamentos anteriores: ¡Vive para ti mesmo!, posiblemente sexa esta a guinda do pastel existencial, a invitación a sentirse vivo e superar desta maneira os asertos anteriores.Eu engadiría: “Vive e deixa vivir”, pero vive no gume do coitelo e na palma da man da voluptuosidade...ánimo...ás veces todo é tan simple coma as elementais matemáticas que gobernan o universo.
Luns 24 de setembro do ano 2018.-Por R.S. Lago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Poema contra el imperialismo yanqui

  TRES DE LA MADRUGADA ROTAS EN BOGOTÁ SANGRIENTAS del infausto día tres de enero del año dos mil veintiséis del gran zanahorio republ...