xoves, 11 de outubro de 2018

No ventre do labirinto rural

Resultado de imaxes para laberinto



                NO VENTRE DO LABIRINTO RURAL
No dourado outono, época da caída da folla para árbores de vexetalidade caduca,tamén morren moitas persoas maiores.Non sei si efectivamente hai unha relación directa, pero a coincidencia, polo menos entre nós: franxa translitoral das rías de Pontevedra e Arousa , está aí palpable e notoria para calquera observador atento á realidade na que mora.Refrán:”Os novos morren, pero os vellos non queda un”.
Como consecuencia da ratio favorable aos decesos fronte aos natalicios a Galicia rural vai quedando sen xente.En todas as aldeas que coñezo hai un ou varios casarellos en ruínas.Lamentablemente, parte da xuventude segue emigrando a Suíza , Alemaña ou Inglaterra, ademais da emigración interior a Madrid, Vascongadas e Barcelona, ante a falta de traballos dignos, por culpa da inexistencia dun tecido económico social forte que lles permita saír adiante con éxito.Debilidade estrutural que ten as súas raíces nos anos oitenta e incluso antes, á que non se soubo, non se quixo ou non se puido dar solución dende o goberno central, nin o autonómico.
Aquí no rural que habito, pasamos dunha economía de subsistencia escrava e precaria, a unha economía subsidiada e subvencionada, combinada con restos de economía de subsistencia, ata o recente afloramento dos polígonos industriais e os tan etéreos como mediáticos viveiros de empresas...
¿Qué vai pasar? Nada. Pronto, por exemplo, as poucas veigas de millo que aínda se botan arredor do camiño portugués a Compostela 80.000 peregrinos por ano, quedarán a silvas e a toxos; o espectáculo para os camiñantes vai ser triste.
Dun plumazo e por decreto acabouse aquí co viño catalán branco , co híbrido tinto e co caíño, coa posibilidade de ter vacas de leite etc. Resultado, a xente humilde e traballadora aínda que cala, está defraudada.
Mentres tanto, as drogas naturais e de deseño, os clubs de chicas,un sen número de xogos de azar, as apostas online, as máquinas comecartos, os estancos, e os bares con altares cheos de bebidas alcólicas están aí omnipresentes cos seus letreiros rechamantes de neon, sinalando a ruta da vida mol e disipada...no outro prato desta delirante balanza están a cartilla do paro, os informes psiquiátricos sobre a saúde mental da poboación, a Risga, os contratos escravistas e precarios, es os bancos públicos de sentarse ao sol...certo que noutros países subdesenvolvidos as cousas son infinitamente peores; pero está claro que aquí aínda hai moito que mellorar...
Darlle as costas ao rural é camiñar en dirección contraria á vida real.
Ao marxe da mobilidade laboral, permitir que a xuventude siga abandonando a súa comunidade para venderse ao mellor comprador europeo, tripa na moral dos aquí presentes, entre outros estragos éticos.
Un par de datos: 500.000 galegos en risco de exclusión social por falta de liquidez e 270.000 emigrantes en busca do dourado; lembro un vello refrán:”As Américas van os homes a gañar e as Américas aquí as teñen si quixesen traballar”
¡A min todo isto preocúpame dende sempre e ao que non lle preocupe mal vieiro leva!
Sigan pois distraéndose os xoves pola noite con Roberto Vilar e asociados, polo menos isto non ten grandes efectos secundarios; porque claro , xa se sabe, o de ler libros agora non os le ninguén...e así nós vai... Por Sindito de Amelia ou R.S.Lago.  
        

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...