sábado, 12 de agosto de 2017

O KAZADO





                          O   C A Z A D O
Estar cazado significa estar atrapado, ser sorprendido en descoido, error ou omisión .Cázanse os animais salvaxes que andan ceibos polo monte, en época permitida, é dicir cando se levanta o veto ou a veda. Son os cazadores os que armados con escopetas e vestidos estilo militar, dan conta de:coellos, raposos, lebres, perdices, lobos, e canto bicho vivente hai nos montes.
Ser cazado  é ser coma mal menor atrapado  nun cepo trampa  ou nunha esparrela ou gaiola...Ser cazado e ben cazado , é ser branco dun  tiro certeiro e ficar morto para gloria do cazador que despois colga a peza que sexa do cinto canana. Todo esto referido aos pobres animais que andan ceibos nos montes.
Estar cazado, un ser humano é outra cosa. É un sentimento , unha sensación de estreitamento que che oprime o peito e que che deixa respirar sen aproveitar todo o volume dos esmagados pulmóns. Un cazado , muller ou home , e alguén acurralado, rodeado, mirado , albiscado, apuntado co gatillo da vista dos ollos feridores e da desconfianza dos seus semellantes. É estar dentro dun ichó de ollos pescudadores de non sei que...que con receos e ambigüidades de todo tipo e calibre, tiran a dar sen dor, sempre na mesma pel ferida, sen darche o tiro de graza, porque isto sería un asasinato en forma.
 En realidade o cazado , sabe moito da resistencia e da paciencia, dentro de toda a infinda liberdade que se lle brinda a primeira vista. Non ten saída, debe saberse cazado  e continuar loitando a brazo partido polos seus ideais xustos, a ver se é quen de ir destrabándose , das grosas cadeas sociais que o teñen preso. Non se pode cear para atrás. Ir poñamos por caso para dentro do ventre ou seo materno é unha quimera, unha cavilación imposible. Esta idea que fala de incomodidade polo menos, non pinta nada no maxín dun cazado, porque a todas luces é como se di inviable. Para diante tampouco pode ir: ¡está cazado!.A muller ou home, en tal condición ten que deixarse estar e esperar a que alguén o destrabe: por amor, por cariño , por amizade, polo que sexa. Está coma si dixeramos encantado, as palabras son o que non hai.....acabamos de dicir que o cazado, está encantado, e isto miñas donas meus señores, non é nin máis nin menos, que inversamente proporcional ao dito. O encantado que se di non é precisamente de xúbilo e gozo, de alegría , de gusto ou de pracer. Non é un encantamento de conto de fadas ao uso. Non este, é por demais un encantamento mineral e de aceiro, se cadra máis alá das ras o cazado está convertido en sapo...ou para mellor dicir nun Sexismundo . O da Vida é soño , de don Pedro Calderón da Barca. Cargado de cadeas e vendo o raio de sol , filtrándose polas seteiras da torre do homenaxe , onde fica só e barbudo, desexando unha mellor circunstancia vital.
 Así o monólogo de Sexismundo nos versos finais tan coñecidos ( Escena XIX ) , non ten desperdicio coma exemplo de cazado :
“Eu soño que estou eiquí
destas prisións cargado
e soñei que noutro estado
máis satisfactorio me vin
¿ Qué é a vida ? Unha ilusión
Unha sombra, unha ficción
Que o maior ben é pequeno
que toda a vida e soño
e que os soños, soños son”.
En fin , o cazado, só pode soñar coa liberdade e coa vida plena, coma Sexismundo.E cazados,cazados, ao fin e ao cabo estámolo de maneira existencial todos; cada quen no seu propio mundo de mil espellos e un raíño de sol morno e lindo, que entra pola xaneliña da paciencia de vez en cando, pese á estigmática sentencia natural da orixe, que non sabe o que é a clemencia, nin o perdón.A nosa vida ten que morrer sempre, e sempre morre.
¡Perdón, perdón, perdón! por relembrarlles todo esto miñas donas meus señores, que a vida por marabillosa debe aceptarse a calquer prezo , incluída a inxustiza de enfermar e ter que morrer sempre, sen esquecer a magoante ferida do paso do tempo imparable cara a ningures, máis coñecido por sr. pasado ou don pretérito. ¡ Sexan pois felices e chegado o momento morran con ganas !.¡ Non hai solución nesto!.Tan cazados e sentenciados á pena capital estamos todos os nacidos aquí ,no que sexa este planeta, que por elemental sentido común,só nos cabe desexarnos a nós mesmos unha boa morte cando chegue o seu momento.

O cazado sufre.O cazado odia aos cazadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Poema contra el imperialismo yanqui

  TRES DE LA MADRUGADA ROTAS EN BOGOTÁ SANGRIENTAS del infausto día tres de enero del año dos mil veintiséis del gran zanahorio republ...