sábado, 12 de agosto de 2017

O CULPABLE

              




                            O  C U L P A B L E  
-¡ Eu son inocente ! .Diante deste tribunal composto por homes, mulleres, cans, carballos e pedras...¡ son inocente !.
- Pero vostede, ven acusado aquí de ser durmiñón, palanquín , de ter ideas insáns, de ser trampón ,de ser xoto. E esa proclamación de inocencia subxectiva é insuficiente.....
- Eu insisto, son inocente. Ademais a inocencia presúmese. Ninguén é culpable mentres non se demostre o contrario. ¿ Se me deixan falar ...?
- Vale, vale.....Vostede fale. Ten dereito xa sabe a defenderse, pode traer incluso un avogado, e se non ten medios económicos designáselle un de oficio e xa está. Pero como queira que vostede insiste en defenderse por si mesmo, o tribunal escoita con paciencia e sabedoría, pero a vostede non hai quen o mova da palabra inocente . Sen argumentos sólidos, sen probas claras e contundentes, sen testemuñas ao seu favor, a sentencia dende logo está cantada. E vai ser vostede ao fin culpable de todo o que contra a súa persoa, fica recollido en autos. Pero ben, vostede fale. Nos somos todo oídos, e queremos facer xustiza. Que ademais e abondando, estamos especialmente interesados no seu caso.
 O que fala é o presidente do tribunal: Un home de cabelo branco e ollos azuis, miúdo coma unha faísca, cerebral, inquisitivo , case que transparente. Viste toga negra e ten diante de si un feixe de papeis cosidos cun cordel coma o de atar chourizos e ceboleiros, ou de botar a voar papaventos.
Diante da súa admonición , os outros todos din si coa cabeza randeándoa de diante atrás, as mulleres tamén moven a cabeza e os peitos, os cans danlle ao rabo , e botan a lingua fóra, os carballos moven as ramas coma si soprase do norte con forza, as corredoiras zigzaguean coma cobras e as pedras rin.
Eu estou só , posto de pé , diante do estrado de madeira de nogueira, que recoñezo facilmente por canto meu avó ao que lle cortaron unha perna por mor da circulación do sangue , era carpinteiro, e téñolle visto facer berces moi xeitosos, e arcas para o trigo e as mazás, e roupeiros  e mesas estarricables, nas que se comía os días de festa. Eu diante do tribunal , estou inclinado para diante, caído dos ombreiros, coa cabeza medio desgonzada, coma si tivese chepa no auto das costas. Iso é porque teño algo de medo, en vez de respecto como é debido , vaise e eu teño medo , a dicir a verdade e precisando , case que pánico.....quen tiña chepa de verdade, era a finada da miña tataratía Ramona; esa si que levaba un señor acordeón ás costas como expresaba ela e todo por culpa de tanto andar agachada quitándolle a xuncia ao millo e de apañar a herba á manada e de apañar nas vides e de que sei eu.....que non é este o momento de que se me vaia o maxín para cousas que xa foron e pasaron sen pena nin gloria, máis ben con pena e que agora xa non riscan res e que xa están moi esquecidas por propios e estraños e que agora neste intre, abofé que non me resolven nada plantándoseme así de súpeto na miolaxe e máis ben me fan dano trabucándome nesta delicada hora. Porque naquel tempo eu era libre e facía o que me daba a gana ou case .. a tal tataratía tíñame consentido e eu facía o que quería con ela. Un día no medio do millo, recordo que ela fíxome de touro e eu , pegueille uns pases moi tauromáquicos cun impermeable de capucha marrón que eu tiña daquela, ben nos viu o sr. Souto , que andaba coma nós ao arrendo nos regadíos das Corretas e mesmo recordo que en plan brincadeira este, sacou a pucha e pediu as dúas orellas da tía como eu lle chamaba abreviando, pois ela rabo non tiña , que era moi boa xente... é que teño que recoñecelo a min , ás veces, as ideas extravagantes pódenme . E véñenme ó pensamento recordos insospeitados, que non sei de onde me saen e no medio das situacións máis solemnes e dignas de respecto , distráiome, e póñome a pensar por exemplo , en cando o sr. Chileno caeu o río da Bouciña, porque os mozos lle serraron a ponte de madeira, e ben , así non hai maneira, de ser un respectado e encherse de razón para defenderse agora mesmo diante deste estraño tribunal .Que me acusa por demais acirrado, de cousas que a verdade non fixen, nin dixen, nin a verdade penso que se poida xulgar a un home coma min , polo pouco que entendín que seica din, as moreas de papeis oficiais.
O que sei e me consta moi ao meu pesar  e que aquí estou diante deles e do crucifixo e da bandeira, tratando de manter a compostura, vestido co mellor traxe que topei no roupeiro e coa gravata de fondo marelo con papoulas e bolboretas de adorno, que me regalou polo derradeiro  cumpre anos Marta. E ben , xa caseque me vou empezar a defender, e tuso para clarexar a voz, e digo coa venia señorías:
¡ Son inocente ! . E ademais este xuízo paréceme un pesadelo , unha broma de mal gusto. Ademais non vén ao caso , que no medio dos maxistrados,fiscais e letrados, haxa vexetais, minerais e animais catalogados polo común de inferiores. Así que sexa, realidade ou mal soño, esto non ten nin pés nin cabeza, e eu, insisto na miña total inocencia. E ademais, teño asuntos urxentes que atender, e voume mandar de aquí de contado...
- Un momento, acóuguese: ¿non quererá incorrer en desacato?. Falaba o do pelo branco  e o resto seguían coas cerimonias que xa teño dito.
- Eu non quero incorrer en res - dixen levantando a cabeza e mirándolle aos ollos azuis, destemido, ao do pelo branco. Porque xa vía vir eu, que pese a miña desaborida compostura, diante de todos eles, e ao meu estar e non estar, a cousa ía en serio. Mire señor do pelo branco , que eu de pía non sabía como lle chamaban. Eu aproveitando que estou na vila, e que aquí non se me perde nada, vou procurar alpiste para os paxaros e semente de pensamentos que teño pensado plantar para a primavera, no xardinciño que teño na horta. Así que, déixeme arranxar os meus asuntos, que eu xa lles digo que son inocente de toda inocencia, e esto a forza ten que ser un monumental erro xudicial...
En pagues desto que dixen, o do pelo branco , repenicou nunha campaniña que tiña ao seu carón sobor do mesado e pegoulle unha estóurante , por forte, palmada a morea de folios , atados da maneira. E apareceu unha parella de vixiantes armados, con gorras e cinchas negras, brillantes de limpas, semellantes ás dos cabalos de tiro. E vaise o do pelo branco e dixo:
-Custodien este acusado , que ao parecer quere abandonar o tribunal.
 E os vixiantes dixeron :
- Si señoría.
 Mentres tanto, a un dos homes de detrás do auto mesado de nogueira, abríaselle a boca e outro cruzaba as mans debaixo do nariz. Unha muller das alí formadas, botou un peito fóra, e outra pintaba os beizos e púñaos en plan dar un bico, os cans todos agora ladraban nunha linguaxe que eu penso que naides entendía; e nesto ata os carballos chegou unha bandada de paxaros carpinteiros, e puxéronse a furar na madeira con cerna para facer niño, e criaron nun pispas, e axiña viñeron coma de reposto os escuros estorniños e ocuparon aínda quente o sitio deixado polos petos , e tamén se puxeron a criar urxidos. E as corredoiras que había detrás do mesado coa auga da choiva, puxéronse tremesiñas, lamacentas, coma se a terra, quixese papar ao camiñante, e as pedras xustas de detrás do mesado, coma pelouros de granito rachaban pola metade e ríanse a gargalladas escandalosas. E a muller que botou o peito fóra, tamén sacou o outro e movíaos coas mans coma se foran pelotas e cichaba pingadas de leite que me salpicaban a face estantía que se me estaba pondo.
Nesto entrou na sala un meniño todo louro, vestido de negro acibeche, con ollos verdes fermosos, levando debaixo do brazo unha morea de folios cosidos cun cordel, semellante ao que había diante do señor de pelo branco e ollos azuis, ao que os vixiantes chamaban respectuosamente señoría e todo o mundo en xeral tamén llo chamaba, para dicir verdade. Ao velo chegar, a muller espida dos peitos leiteiros colleuno no colo , e púxoo a mamar.
Eu estaba por demais estantío e confundido, cos ollos moi abertos e os oídos a cen por hora. Todo aquelo que estaba pasando tiña que ser de por forza un mal soño. As pernas medio me tremían , así que pensei en irme sentar, nun banco daqueles que había ao fondo, no que había xente calada e expectante. Quixen dar a volta, e nesto xa notei como dúas mans coma tenaces me cinguían os antebrazos. Entón tiven a sensación de estar aparafusado ao chan, coma se eu enteiro fose un gran parafuso de metal. E veume o pensamento cando lle morreu a bubela a Sartal, e a enterraran metidiña nunha lata de sardiñas debaixo do palleiro da herba seca, e máis cando os fillos do sr. Gabriel, mexaron pola  de Pérez na festa do San Xenaro , porque non lles quixera bailar, e despois aínda me acordei dunha farta de cereixas cocas coa lúa chea a brillar no alto, na casa do doutor , andando coma  quen di á xaneira de Lucita cona de vaca.
 E cando ao fin volvín dos recordos, xa o meniño louro deixara de mamar, e sentado nunha cadeira alta de buxo con labrados de anxelotes con fazulas infladas, diante dun letreiro de letras douradas que poñía ministerio fiscal, empezou a dicir, con voz insospeitada de home cumprido ,estarricando o dedo índice da man dereita cara a min, mentres todo volvía á normalidade e o silencio coma o fume ou a néboa espallábase pola sala ,en tanto que  eu continuaba no medio dos vixiantes que me seguían a reter coas mans chantadas nos antebrazos.
- Acuso ao encartado, fulano de tal ( que era eu ) , de todo o que xa se dixo e ademais , da morte do toureiro “ Paquirri”, da de Manolete non , porque xa se confesou culpable un sospeitoso de Barcelona, chamado Manuel Vázquez Montalbán, que incluso escribiu a súa confesión de culpabilidade nun libro titulado: “ Eu matei a Manolete”. E pido para o procesado a pena de depresión endóxena bipolar, e psoríases húmida na pel de por vida e soidade onánica sen dereito a femia e a obriga de fumar dous paquetes de tabaco rubio diarios, tamén de por vida.
Eu non entendía nada, aquelas palabras, aqueles xestos. E todo ao parecer en contra de min.Eu seguía sen comprender por que se me retiña e polo  tanto non podía saír a comprar nin o alpiste para os paxaros, nin a semente de pensamentos en sobres para sementar no xardín da horta da casa.Eu quería, aproveitar que estaba na vila, para facer esas compras tan importantes para min.Remexinme, tratando de zafarme da presión das mans dos vixiantes que mesmo me estaban a deter a circulación do sangue, pero foi en van. Así que tiven que consolarme pensando nun día en que:
Eu andaba ás fresas, na eira da señorita Asunción, cerca da mina da auga, no verán á hora de durmir a sesta, e vin como o ferreiro chegaba na moto caladiñamente e os dous collían cara o invernadoiro. Eu fun detrás deles, e por unha creba puiden ver como a señorita espida entre as tomateiras, se pousaba enriba dunha colcha verde adornada con cereixas e fresas, logo xogaban e folgaban de forma pracenteira alí ,adoitando ela con moita disposición mil maneiras de recibirlle a ferramenta masculina dentro,que tiña fama de ter case tanta coma a do touro de posto do que alcumabamos O Bispo.E tamén pensei, na botella de barro cocido ao sol, que ás veces no inverno enchía a tía de auga quente para poñerme entre as mantas preto dos pés, para telos quentes coma soles.E xa ía pensar na leite en po que nos daban na escola por graza do plan Marshal norteamericano e o home na lúa, cando me volveu a realidade a voz severa da señoría miúda de ollos azuis que me dicía co martelo  levantado sobor dun círculo de madeira:
-Ten vostede algo que engadir na súa defensa , ou está de acordo coa petición do sr. Fiscal.
- Como me saíu díxeno: Eu non estou de acordo con nada e son inocente.
- Pero ben, ¿que se cree vostede? dixo a señoría medio para si, e bateu co martelo no ditoso círculo de madeira e dixo agora outra vez con voz severa e solemne: o xuízo contra vostede, queda visto para sentencia, érguese a sesión . Mentres o xurado delibera, o acusado será custodiado polas forzas de seguridade.
-Quixen preguntar se podía saír un momento, un instante para , para comprar.....e xa me mandou estarme calado , poñendo o índice sobor dos beizos coa uña pretiño das ventás do nariz.....
 Aquelo todo , era un tremendo pesadelo, saes da casa un día de choiva a dividir, e de súpeto observas paneis publicitarios ,  nos que en vez de anunciar un coche ou unha marca de coñac, hai un carteliño que di:” Se procura “ ou mesmo “ Se busca” , coa túa foto alí posta e o nome debaixo. Son paneis móbiles, e un pouco saes ti e despois xa sae o Corte Inglés ou Zara...a noticia cóllete de sorpresa, non entendes res, estas a punto de botar a correr ou porte a rir e a dar saltiños absurdos de ra sobor da beirarrúa. Nesto achégase a ti un mozo vestido de folclórico,debullando unha muiñeira e dáche un papeliño, unha cédula de citación para comparecer en cinco minutos no pazo de xustiza.....e ben, agora o aglaiante xurado está reunido e deliberante, e eu agardo a sentencia no medio destes dous cans de presa, que non paran de fumar e facer chistes sobor da filla da señoría de pelo branco. Eu estou a pensar no casarello cheo de hedras e silvas de Rosa de Elvira...no metro amarelo que abría para medir o mundo señor Adelino de Prendes e si se me pon , aínda penso un anaco nos xuramentos de señor Evaristo o Pego , ou na forza de Servando diante dun perpiaño descomunal ou dunha tinalla de ferver o viño tinto. E deixo as miñas secretas fuxidas co pensamento, pois o tribunal regresa. Acomódanse todos nos estrados e mándanme poñer en pé: o sr. secretario seica vai ler o fallo da sentencia. E nesto hai un apagón de luz, como xa se fixo de noite hai un bo anaco de tempo, no inverno , xa se sabe é noite sempre, todo queda en tebras escuras. E os vixiantes acenden chisqueiros, e despois unha muller que menstrúa, trae un cirio pascual, e ao seu relumbre, o sr. secretario confirmou a petición do ministerio fiscal, do meniño louro e mamón ; e agora a miña vida é unha disentería de cereixas xaponesas. Non semento pensamentos para que florezan na primavera, nin teño paxaros cantores de varias castes. Só me consola poder pensar de vez en cando na puta de ouros que ampliada sete veces tiña Brea na adega pegada con fariña milla ao fondo da pipa branca. E tamén me entreteño facéndolle carriños coas caixas de cortiza do azafrán aos carrouchos ou vacalouras, ensinándolle nomes de ríos e montes, a un corvo destrabado que teño na miña humilde morada. De vez en cando vén alguén do xulgado para ver como cumpro : e se me topa na cama cunha muller , ou me encontra alegre e divertido, se non topa as corenta cabichas rubias e se despois de repasarme a pel cunha lupa de moitos aumentos só topa lanuxe e espiñas. O tal axente, pon o berro no ceo  e anota: “ O penado cumpre ao seu modo e maneira, pero cumpre, senón que se lo pregunten a Sonia, Raquel, Mercedes, Luísa etc.etc.O fume é intenso.De amargado que está incluso cheira mal, o seu baleiro e tristeza existencial non son deste mundo. El como Job é unha chaga de pés á cabeza.As súas señorías poden estar contentas e satisfeitas; se logra saír desta vai ser un cidadán de mérito”. Data e firma. Estes informes favorables do axente ,obviando inexactitudes sobre o lexítimo cumprimento da pena que me foi imposta, débense a que lle estou ensinando a pensar en por exemplo Pilara e María a Montañesa estalando troques en Silvas ou Xenoveva da tenencia ensinándolles a crica aos rapaces do catecismo no campo santo ou ouriñando dende o alto do campanario .E é que na vida hai que saber manexarse. Eu son de Rairiz- San Vicente de Cerponzóns cerca da cidade de Ambarpó (Pontevedra). Os veciños coñécenme por “ O Culpable “, pero eu son inocente, simpático e amable, aínda que algúns ademais de por “ O Culpable” , coñécenme case mellor por “ O pecado “.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Presentación da triloxía na Biblioteca de Barro....

                    SOBRE A TRILOXÍA : "A vida é literatura" A triloxía: “A vida é literatura” ,sobre todo, é a vida e obra do e...