sábado, 28 de decembro de 2019

Unha tarde nutritiva.





UNHA TARDE NUTRITIVA
Onte, xoves día tres de outubro do ano en curso: Xosé Manuel Mosquera, e eu, fomos visitar a boa vila ao noso común amigo o pintor Celso Varela. Tamén foi con nós a miña parella Loli Dios, da illa de Arousa; collemos a Xosé Manuel no Pazo de Barro- Barro e tiramos para a monumental cidade do Lérez. Lo foi de tendas; e así despois de algún tempo os tres mosqueteiros del rei Filipe VI, de congreso atlántico na illa da Toxa, reuniamos na terraza da cafetería Branco e Negro, grazas a unha oportuna chamada que me deixou facer co seu teléfono o químico Enrique que estaba alí fumando o seu puro cotiá e aproveitando para sacar a pasear ao seu canciño.Si, porque rara vez o moderno vídeo porteiro da casa do de Briallos Paraíso responde algo distinto a:”A persoa requirida non se atopa no seu domicilio nestes momentos” con voz de tenor da Traviata.
Coma sempre xuntámonos sen guión previo dispostos a pasar dúas ou tres horas agradables á calor da nosa vella amizade, e co noso cargamento de bromas, chanzas e sobreentendidos a flor de pel. Pronto Celso nos meteu no ascensor impoluto dun edificio do centro e subimos a unha oitava planta, onde ten agora agora o seu loft guarida de home perigoso cos pinceis na man, o soporte no cabalete de pintor e a paleta de colores codificando os estados de ánimo, a insistencia, a sabedoría adquirida cos anos e toda a incesante pelexa existencial na que anda inmerso a cotío dende a humildade creativa e sen presa, pero sen pausa, coma o astro, de paso lema de Xoán Ramón Ximénez.
O local amplo e cheo da luz que chega a través das claraboias do teito, contén os utensilios domésticos e pictóricos propios dun creador e ao mesmo tempo dun anacoreta urbano. Xosé Manuel detrás da súa ben querida Laica empezou a rexistrar todo aquilo que lle interesaba, os nosos xestos máis persoais en busca dos trazos máis apegados á pel de cada un. Despois Celso, nun xesto xeneroso, quixo amosarnos por anticipado os cadros dunha futura exposición en Madrid, para maio do ano 20, que xa ten firmada cunha galería importante de capital do estado. Eran vinte ou trinta pezas ao óleo, correctamente enmarcadas, que axiña nos foron ganando a vista e o espírito, a medida que as íamos depregando polo estudio: pinturas de colores vivos, con mulleres modelo non venais, deixándose inmortalizar despois de varias intensas sesións de traballo intenso. Revisión de vellos cadros propios, no interior da casa familiar do Outeiriño, na que a súa parella Anxos, substitúe á desaparecida Elisa súa nai, en plan homenaxe e filial devoción pola muller que o trouxo a este asombroso mundo.
Celso Varela, non para de reinventarse, de abrir novos vieiros sorprendentes ao ollo atento do espectador, aínda que montado no profundo armazón dunha identidade expresiva e xestual xa recoñecibles como sinais  propias de súa obra que xa hai tempo que chegaron para quedarse. Fóra o ceo toldado ameazaba choiva outonal. Dentro estábamos vivindo unha tarde harmoniosa, amizosa, nutritiva das nosas vocacións creativas asentadas en tres eidos distintos pero complementarios:escritura,pintura e fotografía. Foi toda unha cerimonia feliz, divertida, real entorno a uns cadros que Celso sabe rescatar da nada por medio da súa sensibilidade e técnica.Rematamos tomando algo na vivenda do pintor e lembrando vellas anécdotas de diversa índole, que como os tres mosqueteiros de Dumas pai, levamos protagonizado sobre a pel dos días con amplo sentido do humor e gran sentido ético e estético para alivio da escaldadura do tempo e reconforto dos nosos espíritos que saben que ás veces “os lazos da amizade son máis estreitos que os da sangue e a familia” consonte ten dito o italiano Giovanni Boccaccio.
Lo cansada de andar de tendas sen froito agardábamos no café A Carabela estremeiro da praza da Ferrería, chovía e as luces do edificios iniciaban a súa batalla contra o tempo escuro. Regresamos sen novidade...unha páxina fermosa do libro da vida creativa da provincia, que case se escribiu soa, quedaba rexistrada para nutrirnos a todos nos días fracos e cativos que tamén os hai... 
Sábado 5 de Outubro do ano 2019. Por R.S. Lago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...