
UNHA
TARDE NUTRITIVA
Onte, xoves día tres de outubro do ano en curso: Xosé
Manuel Mosquera, e eu, fomos visitar a boa vila ao noso común amigo o pintor
Celso Varela. Tamén foi con nós a miña parella Loli Dios, da illa de Arousa;
collemos a Xosé Manuel no Pazo de Barro- Barro e tiramos para a monumental
cidade do Lérez. Lo foi de tendas; e así despois de algún tempo os tres
mosqueteiros del rei Filipe VI, de congreso atlántico na illa da Toxa,
reuniamos na terraza da cafetería Branco e Negro, grazas a unha oportuna chamada
que me deixou facer co seu teléfono o químico Enrique que estaba alí fumando o
seu puro cotiá e aproveitando para sacar a pasear ao seu canciño.Si, porque
rara vez o moderno vídeo porteiro da casa do de Briallos Paraíso responde algo
distinto a:”A persoa requirida non se atopa no seu domicilio nestes momentos”
con voz de tenor da Traviata.
Coma sempre xuntámonos sen guión previo dispostos a pasar
dúas ou tres horas agradables á calor da nosa vella amizade, e co noso
cargamento de bromas, chanzas e sobreentendidos a flor de pel. Pronto Celso nos
meteu no ascensor impoluto dun edificio do centro e subimos a unha oitava
planta, onde ten agora agora o seu loft guarida de home perigoso cos pinceis na
man, o soporte no cabalete de pintor e a paleta de colores codificando os
estados de ánimo, a insistencia, a sabedoría adquirida cos anos e toda a
incesante pelexa existencial na que anda inmerso a cotío dende a humildade
creativa e sen presa, pero sen pausa, coma o astro, de paso lema de Xoán Ramón
Ximénez.
O local amplo e cheo da luz que chega a través das
claraboias do teito, contén os utensilios domésticos e pictóricos propios dun
creador e ao mesmo tempo dun anacoreta urbano. Xosé Manuel detrás da súa ben
querida Laica empezou a rexistrar todo aquilo que lle interesaba, os nosos
xestos máis persoais en busca dos trazos máis apegados á pel de cada un.
Despois Celso, nun xesto xeneroso, quixo amosarnos por anticipado os cadros
dunha futura exposición en Madrid, para maio do ano 20, que xa ten firmada
cunha galería importante de capital do estado. Eran vinte ou trinta pezas ao
óleo, correctamente enmarcadas, que axiña nos foron ganando a vista e o
espírito, a medida que as íamos depregando polo estudio: pinturas de colores
vivos, con mulleres modelo non venais, deixándose inmortalizar despois de
varias intensas sesións de traballo intenso. Revisión de vellos cadros propios,
no interior da casa familiar do Outeiriño, na que a súa parella Anxos,
substitúe á desaparecida Elisa súa nai, en plan homenaxe e filial devoción pola
muller que o trouxo a este asombroso mundo.
Celso Varela, non para de reinventarse, de abrir novos
vieiros sorprendentes ao ollo atento do espectador, aínda que montado no
profundo armazón dunha identidade expresiva e xestual xa recoñecibles como sinais propias de súa obra que xa hai tempo que
chegaron para quedarse. Fóra o ceo toldado ameazaba choiva outonal. Dentro
estábamos vivindo unha tarde harmoniosa, amizosa, nutritiva das nosas vocacións
creativas asentadas en tres eidos distintos pero complementarios:escritura,pintura
e fotografía. Foi toda unha cerimonia feliz, divertida, real entorno a uns
cadros que Celso sabe rescatar da nada por medio da súa sensibilidade e
técnica.Rematamos tomando algo na vivenda do pintor e lembrando vellas anécdotas
de diversa índole, que como os tres mosqueteiros de Dumas pai, levamos
protagonizado sobre a pel dos días con amplo sentido do humor e gran sentido
ético e estético para alivio da escaldadura do tempo e reconforto dos nosos
espíritos que saben que ás veces “os lazos da amizade son máis estreitos que os
da sangue e a familia” consonte ten dito o italiano Giovanni Boccaccio.
Lo cansada de andar de tendas sen froito agardábamos no
café A Carabela estremeiro da praza da Ferrería, chovía e as luces do edificios
iniciaban a súa batalla contra o tempo escuro. Regresamos sen novidade...unha
páxina fermosa do libro da vida creativa da provincia, que case se escribiu
soa, quedaba rexistrada para nutrirnos a todos nos días fracos e cativos que
tamén os hai...
Sábado 5 de Outubro do ano 2019. Por R.S. Lago.