
AUGA FRESCA DO XARRO, NON DE PRATA, SENÓN DE BARRO
Un
libro guía, editado polo padroado provincial de turismo “Rías Baixas”(fundación
pública da deputación provincial de Pontevedra), do ano 1990 titulado:
“Pontevedra turística” no que se recolle a historia e os recursos turísticos de
cada un dos sesenta e dous concellos que conforman ou conformaban a provincia
de Pontevedra.No que son autores dos textos: Miguel Anxo Pereira Figueroa,
Manuel Crespo Alfaya e Afonso Paredes Pardo , das fotos: Diarama.Paredes , dos
debuxos: Conde Corbal e que remata coa suxerencia de sete rutas turísticas pola
provincia de menor superficie das catro galegas, nas páxinas 29 a 32 inclusive,
ocúpase do concello de Barro.
Pois
ben, nas liñas finais dedicadas a Barro dise en castelán, aquí
traducido:”...Ademais para os seus numerosos amantes, existe “A festa do viño”
e no seu tempo un bo prato de fina troita do Chaín, servida nunha peza de Barro
artesán da zona, que por algo leva esta terra tan nobre e artesanal nome...”
Aquí quería chegar, ao comentario sobre a artesanía da zona, porque quen queira
que fose o autor do comentario, refírese con xenerosidade ao nome de Barro e
inmediatamente asocia este coa artesanía.É dicir no nome do noso concello hai
unha invitación clara, unha marca comercial, unha especie de franquía que
invita a traballar o barro, a facer arte con el.Existe no tal comentario unha
ilación de sentido común básico: se te chamas Barro debes ter talleres de
cerámica e alfaremes artesanais, non queda outra. Así debeu razoar o redactor
das liñas apuntadas antes.
Abondando,
lembro que un mestre do colexio “Amor Ruibal” ao que asistín de rapaz,
licenciado en historia Don Casimiro Mesejo, coa colaboración dun condiscípulo
chamado Axustín, conseguiran formar unha auténtica ánfora romana, a partir dos
anacos que o rapaz ía traendo do monte dos Casás de Agudelo ou monte Güimil.
Si, debe andar a tal ánfora por algunha vitrina do colexio.Vemos pois como a
cerámica , o traballo no barro, insiste en chamar a nosa atención xa por dúas
veces; esta última cunha profundidade histórica por valorar e a primeira como
dixen froito da xenerosidade ou sentido común do redactor do texto de
referencia.
E
como queira que se di que non hai dúas sen tres, agora xa si aparece un auténtico
pioneiro da artesanía contemporánea entre nós: Celso García Alonso que, na sala
de exposicións do terceiro andar do novo edificio do concello, amosa baixo o
título :”As mans de Barro” do 21 de maio ao 8 de xuño do presente ano 2018, os
froitos da súa fecunda inspiración. ¡Felicidades! Quen se decida a darse unha
volta pola sala vaise topar cunha labor creativa chea de talento e rigor
histórico.
Desta
saudable maneira parece que se pecha o círculo da chamada de atención do barro,
agora sería desexable que se propague o exemplo e con estas sementes iniciais,
tal vez poderían xurdir entre nós máis alfaremes e artesáns do barro; que por
exemplo se algún visitante da nosa comunidade decidise mercar algunha peza de
cerámica con avoengo case lle sería obrigado pasarse polo concello de Barro, en
cerrada rivalidade coa tan valorada cerámica de Sargadelos, dito isto por
entrever camiño e barallar utópicas posibilidades.
Porque
claro en letras de vellos refráns: “Auga fresca a do xerro, non de prata, senón
de barro” ou tamén: “Mentres o barro endurece co fogo o ouro abrándase”.E tamén
en expresión de autores, citas, que a min tanto me inspiran ás veces.Así mentres
Jeume David Salinger di: “Confía no teu corazón.Es un artesán cheo de creto”,
Augusto Renoir conclúe:”Ser un bo artesán non impedirá que sexa un xenio”.
Citas que van sobre todo por vostede Celso García Alonso, creador, artesán,
artista.Saúdos a todos.
Por
R.S. Lago. Sábado 26 de Maio do ano 2018.