
A E N C I C L O P E D I A
Tiña pensado ler tamén,a Enciclopedia A FONTE
enteiriña, palabra por palabriña, dende a: A á Z , ler sempre nela, só nela.
Por iso comprou plástico adhesivo para forrala en condicións e tamén un atril de
madeira de castaño en Santiago de Compostela , un día de choiva pedra, iso está
claro, mentres o proxenitor marcaba vacas J.L. coa tesoira no mercado de
Salgueiriños.
E despois veu
no tren a tarde enteira, falando do Xapón polo menos cun veciño de Cuspedriños
de Arriba, que son os que sempre ganan: “ Chegou Fortunato votade a barca “. “
Chegou Fortunato ou así”. Si porque a
Rudesinda a defensa estorbo de Cuspedriños de Baixo, metéronlle unha malleira
co galo de galar, estando a eito galando. E despois, veu correndo, mellor dito
facendo eses cun chintógeno de escorrentar as pegas que lle chaman taramela,
que se fai dunha lata de bonito ou sardiñas en escabeche. Que ben, ler unha
enciclopedia é unha recomendación de J.L. Borges, ou de D. Ferrín camioneiro e
ao mellor pódese meter toda a enciclopedia na cabeza e ser moi lista. Máis
lista ca todos os escritores galegos de todos os tempos. Con soio meter a Fonte
na materia gris, a ver quen lle pon reparos ou atrancos.....
Por iso ao baixar do tren na Estación da Portela, non
escorregou , na casca dun plátano e meteuse polo atallo e saíu ao serradoiro na
curva de Vilanova, onde obrou casa Xosé da Rega. Así de simple, basta que
Rudesinda desexe o saber, e xa ten a intención de pasar o inverno na Porriña
lendo noite e día sen descanso na enciclopedia. E se cadra , aprende que: Li
Po, Li Tai Po , ou Li Tai Pen , é un poeta chino da dinastía Tang, considerado
coma o máis grande dos poetas asiáticos, cuxos versos son aínda populares en
China. E que morreu afogado. E a defensa vasoira do equipo líder de Trasmundi,
érguese de diante do atril con ganas de facer pis, para o control antidopaxe. E
despois seguiu lendo: litar, liteira, literal, literario, literata, literatura.
Mandón ,mando, comando. ¡ Cántas cousas se aprendían ! ¡ Mi madriña !.
Á xogadora,
divertida xogadora creada por D.X.Cabana,
pasóuselle o inverno voando e pola primavera, xa se dou a coñecer coma
unha poetisa lirofora, que significa: poetisa porta lira, e espallou aos catro
ventos composicións tipo esta:
“ Hai Porriña ,
hai Porriña / todos teñen televisión en color / e ningún ten libros que se diga
de modo/ tenos todos o fillo do tratante/ ¿Será por iso deus meu ? ¿ Será por
iso precisamente?/ ¿ Será por iso.....?/”.
E despois, en
plan parodia improvisada, aínda dixo: “Galicia, Galicia , que verde,verde
ledicia/. Chove, chove na casa do pobre/, e no meu corazón tamén chove/. Hai
que estarricar os montes e endereitar os ríos/ para que isto sexa outra
cousa./¿Ou non hai que facer nada desto?/ Non,non,non hai que facelo / e hai
que quererte feiticeira e máxica como es/ Galicia Atlántica, Galicia nai e pai
/ verde, verde ledicia Galicia”.
Pero moito
coidado comigo, seguía dicindo Rudesinda en Castelán: “ La enciclopedia es toda
mía y al leerla, como la leí, durante todo este invierno , ahora soy la más
lista de todos los escritores de Tagen Ata”. Que aquí hai moito saramago nas
veigas. Certa confusión nas raias e nas estirpes. E os cervos nas torres, están
trabucando as pombas da Porriña.
Son moitas follas para un só piorno, nin sequera un de
curato maior pode albergar tanta sabedoría. Rudesinda non quere entrar a trapos
vermellos de toureo, pero unha balsa de pedra , só pode flotar en Lanzarote, e
aquí plántase un pexegueiro e que chova..... hai que apostar por un bilingüismo
pacífico e enriquecedor, as linguas coma produtos espirituais que son deben ser
respectadas, protexidas e alentadas.Expresarse en calquera lingua do mundo e
facer posible a diversidade na que mama a liberdade de autoafirmación e o respecto
aos demais. De momento Rudesinda a futbolista do Cuspedriños de Arriba, lectora
avantaxada da enciclopedia a Fonte todo o inverno pasado , di que : Li Po, Li
Tai Po ou Li Tai Pen:tal,tal,tal.Polo tanto á vista desto: a Biblia en pasta
¡Zumacalarregui! por palabro,claro...e punto final.
Ningún comentario:
Publicar un comentario