mércores, 22 de maio de 2019

Xoán Otero García "Eiravella" pintor e escultor do Concello de Portas.



Resultado de imaxes para eiravella pintor
        

Resultado de imaxes para eiravella pintor



Estes días faleceu o pintor e escultor Xoán Otero García (Portas 1934-2019) máis coñecido con “Eiravella” nome da súa aldea natal.Foi o pintor da inocencia e dos códices medievais, da sinxeleza, o amante da paz do campo e da harmonía aerodinámica dos paxaros libres, das troitas do río,dos bichos do monte, das cereixas.Traballou en Malinas Bélxica e en Vigo.Hai persoas que as ves un par de veces e namórante...
Unha vez en Compostela coincidindo coa presentación do libro de Poemas: “A voz do seu amo” de Rafael Pintos na librería follas novas, xunto co tamén barrense coma min o pintor poeta Manuel Ruibal pasamos a noite enteira de troula os catro. Pintos lía poemas do seu libro, ou por veces tamén os recitaba de memoria:”Yo invoco a los siempre eternos Cárpatos/ y sus místicas y elevadas cumbres inaccesibles/invoco al frondoso bosque donde caza el lobo/ invoco al espíritu del viento donde se eleva el Tzurúl/...” . Eiravella gritaba: “Somos inmortais” “Somos inmortais” e danzaba coma un peliqueiro.Era unha noite máxica maial de lúa chea, a xente andaba na rúa e Eiravella imitaba o canto dos paxaros: das rulas, dos pimpíns, do cuco, da bubela, das urracas, do reiseñor e dos mouchos, a xente ría e nós tamén.
Nesto entre el e Manuel Ruibal trouxeron un banco público e puxérono na metade da praza da Quintana e Rafael Pintos deitouse nel en plan Wladimir Dragosan, parecía un vampiro romanés canso de facer o camiño do santo...somos inmortais, somos inmortais insistía Eiravella; empezounos a rodear a xente chea de curiosidade e eu empecei a imitar a Laureaniño o baldado de Divinas palabras de Valle Inclán e máis a facer o cochito arrastrando os pés coma un boneco de corda, Ruibal arrancouse a cantar: sementar sementarei no millo de clarear e mentres o pobo medre un meniño un vello e un rapaz de Fuxan e a andar cunha perna tesa, a xente aplaudía; a noite medraba e medraba a lúa coma era un gran foco cósmico por suposto totalmente indiferente ás nosas estremonías.”Invoco a los riscos elevados de la media noche más alta/invoco a la garganta de la gruta donde el Oso se aparea/invoco al halo de niebla que envuelve las cumbres de Transilvania/invoco al fondo cenagoso y oscuro de los lagos/invoco la fuerza del nido del águila...”
Nesto para sorpresa de propios e estraños Pintos transformouse nun vampiro de verdade e dixo: voume pousar un pouco na Berenguela para ver a cidade dende o alto e así o fixo, a xente empezou a falar de maxia, pero a maioría colleu medo e marchou. Cando lle pareceu , volveu Pintos voando dende o alto do vadouco de bronce e materializouse. Ruibal cantaba e facía o coxo, eu seguía coa farsa de Laureaniño e do cochito, Eiravella facía o moucho e gritaba: somos inmortais,somos inmortais; xa era pronto a luz do alba chegada, estábamos os catro sos, eu non podía máis e cando me sentei no banco xa me quedei a durmir axiña...cando abrín os ollos diante do sol nacente, un xaponés estaba a tirarnos fotos unha detrás doutra, os meus tres compañeiros de esmorga durmían sentados no banco uns a carón dos outros coma min, nesto xa se me puxo nos miolos que o nipón fuji film nos tomaba por un grupo escultórico e volvín a pechar os ollos para non estragar a obra de arte...Sábado 18/5/19 por R.S. Lago.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...