
Estes días faleceu o pintor e escultor Xoán Otero García (Portas 1934-2019) máis coñecido con
“Eiravella” nome da súa aldea natal.Foi o pintor da inocencia e dos códices
medievais, da sinxeleza, o amante da paz do campo e da harmonía aerodinámica
dos paxaros libres, das troitas do río,dos bichos do monte, das
cereixas.Traballou en Malinas Bélxica e en Vigo.Hai persoas que as ves un par
de veces e namórante...
Unha
vez en Compostela coincidindo coa presentación do libro de Poemas: “A voz do
seu amo” de Rafael Pintos na librería follas novas, xunto co tamén barrense
coma min o pintor poeta Manuel Ruibal pasamos a noite enteira de troula os
catro. Pintos lía poemas do seu libro, ou por veces tamén os recitaba de
memoria:”Yo invoco a los siempre eternos
Cárpatos/ y sus místicas y elevadas cumbres inaccesibles/invoco al frondoso
bosque donde caza el lobo/ invoco al espíritu del viento donde se eleva el
Tzurúl/...” . Eiravella gritaba: “Somos inmortais”
“Somos inmortais” e danzaba coma un peliqueiro.Era unha noite máxica maial de
lúa chea, a xente andaba na rúa e Eiravella imitaba o canto dos paxaros: das
rulas, dos pimpíns, do cuco, da bubela, das urracas, do reiseñor e dos mouchos,
a xente ría e nós tamén.
Nesto
entre el e Manuel Ruibal trouxeron un banco público e puxérono na metade da
praza da Quintana e Rafael Pintos deitouse nel en plan Wladimir Dragosan,
parecía un vampiro romanés canso de facer o camiño do santo...somos inmortais,
somos inmortais insistía Eiravella; empezounos a rodear a xente chea de
curiosidade e eu empecei a imitar a Laureaniño o baldado de Divinas palabras de
Valle Inclán e máis a facer o cochito arrastrando os pés coma un boneco de corda, Ruibal arrancouse a cantar: sementar sementarei no millo de
clarear e mentres o pobo medre un meniño un vello e un rapaz de Fuxan e a andar
cunha perna tesa, a xente aplaudía; a noite medraba e medraba a lúa coma era un
gran foco cósmico por suposto totalmente indiferente ás nosas estremonías.”Invoco a los riscos elevados de la media noche más
alta/invoco a la garganta de la gruta donde el Oso se aparea/invoco al halo de
niebla que envuelve las cumbres de Transilvania/invoco al fondo cenagoso y
oscuro de los lagos/invoco la fuerza del nido del águila...”
Nesto
para sorpresa de propios e estraños Pintos transformouse nun vampiro de verdade
e dixo: voume pousar un pouco na Berenguela para ver a cidade dende o alto e
así o fixo, a xente empezou a falar de maxia, pero a maioría colleu medo e
marchou. Cando lle pareceu , volveu Pintos voando dende o alto do vadouco de
bronce e materializouse. Ruibal cantaba e facía o coxo, eu seguía coa farsa de
Laureaniño e do cochito, Eiravella facía o moucho e gritaba: somos inmortais,somos
inmortais; xa era pronto a luz do alba chegada, estábamos os catro sos, eu non
podía máis e cando me sentei no banco xa me quedei a durmir axiña...cando abrín
os ollos diante do sol nacente, un xaponés estaba a tirarnos fotos unha detrás
doutra, os meus tres compañeiros de esmorga durmían sentados no banco uns a
carón dos outros coma min, nesto xa se me puxo nos miolos que o nipón fuji film
nos tomaba por un grupo escultórico e volvín a pechar os ollos para non
estragar a obra de arte...Sábado 18/5/19 por R.S. Lago.