sábado, 17 de agosto de 2024

 



                      SOBRE LIBROS

Advirto con magoa como nas institucións públicas que ciman a democracia: concellos, bibliotecas, asociacións culturais, etc. unha falta de afecto e agarimo cara os libros dramática.

Propóñenche presentar un libro ou libros da túa autoría e agardas que actuarán con forza, con mimo; que a divulgación do acto vai ser contundente, eficaz, rechamante, digna...como se actuase a orquestra Panorama ou se anunciase un mitin político de peche de campaña...pero non é así, por falta de verdadeiro amor ao rectángulo máxico das formigas letras, quero cavilar que de maneira bastante inconsciente e pola forza das modas e da costume, reducen o produto de tanto esforzo a un asunto case clandestino, que, finalmente vai ter como asistentes a un par de decenas de persoas incluídas as familiares...

¡ Algo falla! “efectivewander”, os libros son o alimento dos espíritos máis elevados e aparte de ter que mercalos en quente en algunhas desas presentacións, despois hai que lelos...¡entendido! pero claro o concello ou a biblioteca etc. anfitrións da presentación deberían esforzarse máis, dar o mellor de si, para que o acto sexa máis atraínte e multitudinario...

¿Como se fai isto?...pois hai que anunciar o acto con grandeza, poñer medios audiovisuais na mesa debidamente floreada, ofrecerlle un petisco aos asistentes...converter a presentación do libro ou libros en algo importante e transcendente...o que non se pode é escurecelo dende o inicio, destinándoo a un espazo reducido e presupoñendo dende cero que o asunto non da máis de si...as mencionadas institucións e outras que hai, deberían respectar moito máis a palabra escrita nos libros...porque todo está nos libros e eles son a forza fundamental da cultura da civilización humana en calquera tempo.

Mentres non se respecten e se lle de prioridade aos libros sobre as outras activades culturais e deportivas, discriminación positiva, a sociedade no seu conxunto estará en perigo...porque as persoas lectoras están debidamente formadas para entender o mundo e decidir sobre os seus gobernantes e o tipo de filosofía que os debe inspirar...por iso reclamo un maior respecto por eles ao marxe de quen os firme.

De momento o panorama é bastante lamentable. Deixar que a magnificencia dos libros sucumba por falta de afecto e agarimo por debaixo do ruído das infinitas festas gastronómicas, probas deportivas populares, romarías e da música de charangas e pandereteiras é unha verdadeira barbaridade, que pronto se paga coa confusión social reinante pola falta de luces, que só a lectura de libros pode evitar... Conste que apunto todo isto “sine ullo spiritu nocivis” (sen ningún ánimo daniño), por establecer as bases dunha escala de valores sólida para esta sociedade democrática e neoliberal tan precisada de boa educación, solidariedade e sensibilidade. Dicía Emily Dickinson a gran poeta norteamericana: “Para viaxar lonxe non hai mellor nave ca un libro”  Mércores 14/8/2024.    


sábado, 3 de agosto de 2024

ATENTADO EN BARRO

 



Acabo de ler no Diario de Pontevedra o atentado levado a cabo contra a cooperativa de viño Moraima. Consonte puiden entender cortaron 900 cepas de viño albariño por valor de 100.000 euros con nocturnidade e aleivosía. Falan de vinganza...cóstame entender o que pode haber en cabezas capaces de facer algo así...e tampouco é cousa miña...supoño que a garda civil fará as indagacións pertinentes vendo o contido das cámaras de seguridade que custodian as viñas e farán todo o posible por atrapar a delincuentes tan furiosos...

Como sabedes defendo a auga como bebida por excelencia e non son favorable a festas de exaltación deste tipo de produtos alcohólicos pola capacidade que teñen de alterar os sentidos e crear hábitos nada saudables...pero claro, cortar cepas dun brazo de gordas e acabar co medio de vida de persoas traballadoras non ten colledeiro...o que fai, ou os que fan iso deben ser castigados con todo o peso das leis ademais de indemnizar aos prexudicados segundo a taxación dos peritos entendidos na materia...isto en termos legais...en termos morais, o asunto risca no atentado e no asasinato vexetal de cepas produtivas ausentes das leas humanas, pero sacrificadas por unha banda de depredadores nocturnos, que pon os pelos de punta.

Estábamos no bar Caldas de Caldas de Reis degustando unha hamburguesa mentres a selección feminina de fútbol lle gañaba á colombiana nos penaltis clasificándose así para seme finais dentro das olimpíadas de París e lin tan triste noticia...eu quero para Barro e para as súas xentes sempre o mellor e noticias deste signo énchenme de carraxe...non sei ser doutra maneira...Sábado 3 de agosto do ano 2024.   


OS MORTOS QUE AMEI por Iria Collazo

  TÍTULO DA OBRA: OS MORTOS QUE AMEI AUTORA: IRIA COLLAZO EDITORIAL: LITERARIA RONSEL DE GALAXIA ANO 224. 169 Páxinas. SINOPSIS E COMENTARIO...