sábado, 22 de xullo de 2017

Sexismundo e o conto de area.


                  

               SEXISMUNDO E O CONTO DE AREA
Sexismundo dera probas suficientes da súa intelixencia, enteireza e bondade. Co paso do tempo a súa evolución intelectual non incitaba senón ao asombro dos que o coñecían desde as primeiras letras. Aquel raparigo cualificado de egocéntrico, despistado e nada relevante, antes ao contrario, perdido nos últimos bancos da clase, en xusta correspondencia co resultado de sumar as súas notas de avaliación; agora brillaba con potente e descoñecida luz propia: os seus libros e artigos non deixaban lugar a dúbidas, era unha das mentes máis sobresalientes do momento.
Se por enteireza, ha de entenderse: integridade, individualidade, valentía, que dubida cabe que tamén a natureza xenerosa con el, non se descoidou neste terreo, e o seu xeito de conducirse na vida, daba proba diso. Polo xeral víaselle só, non por falta de amigos, que os tiña e bos, senón pola súa ansia de liberdade, alleo como era ás ataduras de toda clase e sobre todo ás alianzas e pactos tácitos que rexeitaba sistematicamente. A súa consciencia de que o home nacía só, morría só e debía vivir só, obrigáballe a ir en coherencia coa súa forma de pensar, motor único de todo o seu ser, polo camiño do profundo monólogo e o misterio. Ademais, carecía de medo e estaba fóra do comercio dos homes.
Aínda así, amaba con paixón. Os homes e as mulleres tiñan nel ao amigo fiel, sempre disposto a escoitar, sempre disposto a axudar de maneira desinteresada.Aqueles que de tal xeito sabían del, seguramente sorprendidos unha vez máis por este postremeiro don, mostrábanse escépticos e desconfiados; Sexismundo chocaba coa súa ruindade, eran entón denodadamente suspicaces ante a súa humildade, xenerosidade e desprendemento.
El sabíao, sabíao como ser humano que era, que cada un deles agardaba o momento de ver a súa maldade ben disimulada, ante unha de tantas provocacións que con el ensaiaban escúlcantes; non tiñan présa, bastaría un momento de ira implacable, unha poutada demoledora; ou unha especie de factura comercial, onde con todo luxo de detalles, Sexismundo, especificase todas as vellas débedas, case esquecidas, ás que esixiría satisfacción, para que como animalias caesen sobre el. Non soportaban ou o soportaban máis ben mal, tamaña proba de certeza e autenticidade.
De todos os xeitos resultaba comprensible, que os homes e as mulleres marróns de boa vontade, profetizasen sen descanso a súa caída e mancamento.Aínda así el permanecía enteiro, digno, sensato e ata neutro. Xamais esixía nada, deixábase respirar, cheirar, case tocar, como un pequeno deus, non esperaba nada de ninguén e algúns comezaron a comprender entón o tamaño e o sacrificio que esixía a súa empresa.
Sexismundo, aínda que calaba, necesitaba entón menos admiración e respecto insubstanciais e máis agarimo e amor, menos alerta e máis confianza, pero ata sabía que isto era pedir demasiado, dos que foron tocados polas sensatas ás da cordura mesquiña que os fai cotiáns.
Co paso do tempo, só desexaba unha cousa, unha soa cousa, que non lle fixesen pensar e que lle deixasen tranquilo, iso era bastante todo. Máis que querelos, comprendíaos e non lles desexaba mala ventura.
Así as cousas, un día foise ao monte e plantou unha árbore. ¡ A comunicación estaba establecida!. A natureza, satisfeita e contenta faloulle ao oído. Agora as súas virtudes evaporáronse, ou iso parece. Só fala coas herbas, as árbores e os ríos. Todos din que Sexismundo está por fin tolo. Non escribe. Non le. Nace na primavera e morre no outono, segue así con sabedoría millonaria os ciclos da natureza.
Só eu, que son o mar, sei polo que contan os ríos que o seu comportamento estraño, obedece ao desexo que alberga de converterse en pedra preciosa un día. E os salmóns, que remontan a corrente, dixéronme, que a natureza, ofreceulle ser area. Espero que acepte: ¡ Sexismundo acepta ser area!. Espero que me escoite, que non sexa testalán e saiba que eu o bañaría todas as tardes cálidas de todos os días mansamente.
Así as cousas, hai quen di, que un día foise á muller fermosa e procreou un fillo fermoso. Queríao deixar todo traballado. Volveu logo ao monte, para cumprir a súa áurea palabra e agora xa só é area de medir o paso do tempo.
Acabado o seu relato o mar, non puido disimular a súa alegría ante os atónitos bañistas que había na praia e unha gran onda doce, volvéndoos á realidade borroulles da memoria aquel leccionador conto. Para que agora nenos e maiores, no verán, sigan inocentes facendo castelos de area cun home fantástico e marabilloso, do que só sabemos que se chama ou chamaba Sexismundo.....


Ningún comentario:

Publicar un comentario

HERIDAS

  HERIDAS Hay heridas que no se curan jamás son como medallas con las que te condecora la existencia heridas de amor heridas fru...