CARTA BRANCA
(Cadro sobre a
represión franquista en Galicia).
Trala sublevación militar daquel 18 de xullo de 1.936,
moitos acontecementos sanguentos teñen lugar nos pobos e cidades de España.
O levantamento do xeneral Franco , no norte de África,
esténdese aos acuartelamentos da península e a cruenta guerra civil onde
loitaban: irmáns contra irmáns, comeza a súa fratricida andadura. O goberno da
xoven República facendo as maletas abandona a cuberta amotinada dun barco que
tardará máis de corenta anos en chegar a porto. O presidente Don Manual Azaña
Díaz , tamén colle o camiño sen opción do exilio , con bágoas nos ollos e
impotente ante a febre dos militares sedentos de poder e sangue.
De todo elo, saben as páxinas da historia que están aí
soportando a anguria doente de milleiros de mortos, feridos e desaparecidos.
Libráronse batallas, capaces aínda hoxe, de facerlle poñer a carne de galiña a
quen , sen ningún tipo de predisposición especial , se achega ás súas páxinas:
a batalla do Ebro , o fronte de Madrid , o fronte do Mediterráneo etc.
Ben todo elo a conto , desta miña historia que se
desenrola en Galicia, e que é coetánea no tempo aos tristes acontecementos que
deixo sinalados. Pois entendo , que históriantes ten o camiño , capaces de
ocuparse do tema coa suficiente obxectividade, e co rigor e a profundidade que
se merece, na procura de que a guerra civil en España non se repita xamais.
Por aqueles anos Galicia, sempiterno feudo das
dereitas, era terreo axeitado para os experimentos Falanxistas, que coa
inapreciable colaboración da maioría do Clero , da Igrexa, executaban as máis
macabras ordes que o alto mando estimaba necesario poñer en práctica, para
meter en cintura á pobre xente dos pobos e das aldeas.Aqueles homes e mulleres
que cheos de miseria non entendían moi ben o que pasaba...
Edelmiro Costas , era un home de corenta e moitos anos
de idade, non moi dado ao traballo da terra nin doutra clase, gustaba da
compaña de Garda Civil e sempre botaba pestes en contra da República.Tiña fama
de ser matón e traizoeiro, de gardar as cousas para sacalas á luz cando se lle
presentaba a ocasión axeitada. Fisicamente era moi forte, coa forza dunha
parella de bois que : “ Si lle dera para o traballo , ferrados de terra que tivese
“, pero o traballo pegáballe un tiro.
Sen que fose realmente un home dos máis ricos da
parroquia, a súa herdanza non era cativa. Coidaban das terras os catro fillos
do matrimonio , todos mozos solteiros; tres homes e unha muller: Carmiña, que a
diferenza do pai eran traballadores e boas persoas: “ A ascendencia , a boa vea
viralles da muller, porque o que é del...”. De certo Sra. Celina , era unha
muller moi querida por todos, que non dubidaba en favorecer a quen llo pedía: “
Traballo ten a pobre con sufrir a esa mala sombra “.
As mulleres que tiñan os fillos ou os homes lonxe, no
fronte, deixaban reflexar nas faces desmelloradas pola inquedanza e pola fame
que xa comezaba a visitar os estómagos dos máis humildes, a anguria pola sorte
dos ausentes.Por iso cando viron vir a parella da Garda Civil coas tercerolas
colgadas do ombreiro, subindo o camiño fondo que cruza a aldea -elas estaban
collendo auga na fonte- rebotoulles o corazón no peito.Ou viñan buscar algún
home para mandalo ao fronte ¿ Quen sería agora ? . Ou traían malas noticias,
xeralmente malas noticias coma de costume : ¿ Por quen choraría a campá esta
vez? ¿ Quen sería a viúva ou a nai seca? , todas estas cavilacións pasaban
polas cabezas das mulleres, que non esperaban cousa boa da benemérita parella
da Garda Civil.
-¡Vostedes! : ¿ Que fan aí coa boca aberta todas
xuntas ? , ¿ De que falaban ?. Non intenten enganarnos, que dende o fondo da
aldea oíse todo.
- Xa marchabamos despois de coller a auga para facer a
cea, e como os vimos vir, coidamos que ao mellor podíamos serlles de axuda -
respondeulles unha das mulleres alí presentes- , unha moza recen casada por
debaixo dos trinta, que tiña o home facía pouco na guerra, e que se adiviñaba
xestante de poucos meses aínda.
- Ben,ben,por hoxe á axuda, bástalle con que nos digan
onde é a casa de Edelmiro Costas, outro día de máis vagar, con moito gusto
tomarei un bocado na túa casa antes de que naza a criatura, louriña.E agora
veña , veña circulando que así non arranxades o país - Dixo un dos do tricorne
con voz monótona e seca.
As mulleres cos baldes de auga na cabeza, enriba dos
mólidos de trapo , botaron a andar. A que se dirixira ao quite da parella,
mordía na rabia que lle subía pola gorxa, pois adiviñaba a luxuria lasciva que
esperaba a ocasión detrás das verbas aparentemente amables do axente: “ Si
estivera quen non está , ninguén se atrevería a falarme da maneira “.
O gardas chegaron ao curral dos de Costas , que como
lle dixeran as mulleres quedaba preto da fonte e que non tiña perdida. Bateron
as mans por dúas veces e saíu axiña Carmiña:
- ¿ Quen anda aí ? - Inquiriu a rapaza.
- A parella da Garda Civil, ¿ Está teu pai na casa ?
- Si Señor, agora mesmo o aviso.
De seguida saíu o Edelmiro, el era amigo dos gardas e
non tiña nada malo que temer, nin sequera nos tempos que corrían. Levaba na man
un xerro para viño e máis tres escudilas , saudounos e entraron na ampla adega.
Coñecíano de vir polo posto a facer aquelas confidencias secretas que tanto lle
interesaban a eles. Agora perfilábaselle ao Sarxento coma o home axeitado para
ser o Xefe da futura “ Garda Cívica Falanxista “, que o Alto Mando , tiña
ordenado organizar para limpar o país ( España ) de roxos e xente perigosa para
o futuro novo réxime.Efectivamente dende aquel día , e tras pasar polo cuarteliño,
a Edelmiro Costas encargóuselle que formara un grupo de cinco homes incluído el
, para levar a cabo as ordes que se lle darían en toda a parroquia e arredores.
Foi instruído debidamente e de forma xeral para que
puidera levar a cabo calquera misión , que se tivera a ben encomendarlle ao
tempo que se lle facía entrega de cinco pistolóns e varias caixas de balas.
Pese a que non cabía dentro do traxe novo que
tiña posto para ocasión , mantivo en segredo tal como llo habían
suxerido , a súa condición de novo Xefe Cívico. Aquela noite tardou en meterse
na cama; diante dunha xerra de viño branco ao lume da lareira , quedou
cavilando polo miúdo , nos posibles candidatos: catro , con que formaría o
equipo.Cando se foi para a cama, un pouco peneco , xa non tiña dúbidas de
aqueles que o axudarían nas súas covardes andanzas.
Poucos días despois o equipo estaba formado, eran
todos de idades semellantes. O máis novo tiña corenta anos, todos amigos do
viño, das cartas e das mulleres, todos matóns, todos sen entrañas, todos
palanquíns e camorristas, todos ao fin viles asasinos.
De seguida chegou o día de levar a cabo o primeiro
traballo.Para poñelos a proba o Sarxento accedeu aos antollos dun dos números
que tiña o seu mando , e mandou que lle trouxeran aquela mesma noite á súa
presenza: “ A rapaza que estaba na fonte, embarazada de pouco e que lle dixo á
parella onde era a túa casa “. Non tiña perdida era Rosiña , a que facía pouco
que se casara con Andrés o de Pazos. El marchara para o fronte e a rapaza vivía
soa, cun fillo de cinco anos nacido diante de que se casaran os pais. Sobre as
dez da noite presentáronse Edelmiro e dous máis na casa da rapaza : “ Tes que
vir con nós, o sarxento quere facerche unhas preguntas sobre o teu Andrés, pois
parece que ten desertado “.
- A estas horas , ¿ E quén sodes vós ? ¿ Como é que
andades metidos nestes mesteres ?.
- Non fagas preguntas e vamos.
A rapaza mal convencida polas razóns que explicaban os
adiantados, tivo que ser case levada á forza. No cuarteliño e cheos de augardente
ata os ollos, os garda civís velaban armas, agardaban a chegada da rapaza para
dar comezo a orxía daquela xestapo española. Abusaron dela toda a noite: o
sarxento e dous números, a rapaza puxo resistencia ata que lle deron uns
reveses e a ameazaron coas armas. Mentres as súas entrañas eran profanadas por
aqueles homes loucos e bébedos, a rapaza cavilaba no fillo que levaba no ventre
. Logo daquela noite, foi levada de vez en cando ao posto , e todo baixo a
falsa ameaza que permitía a súa ignorancia, de mandar matar no fronte a Andrés
o seu home.
Despois de superar aquela primeira reválida, empezaron
a abondar os encargos. Primeiro era asustar a fulano ou a mengano, coa
intención de que entrase nas ideas do réxime, se aquilo eran ideas pois
semellaban antollos disparatados. Logo informar das actividades de tal ou cal
individuo sospeitoso e logo xa empezaron a ter sangue os pistolóns. Os
executados rezaban todos nas listas dos fascistas, coma roxos perigosos
convencidos, dos que había que mandar o outro mundo , para limpar o país.
Xesús Devesa, era un mestre xove,que naqueles tempos
puña escola aos rapaces da parroquia. Quedárase sen ir a guerra, por mor dunha
lesión antiga que tiña na perna dereita, que lle facía coxear un pouco dela. Os
rapaces estaban moi contentos con el , pois o maxisterio daquel home embebido
de novas ideas, estaba moi por encima e nada tiña que ver coa filosofía básica
que, para os máis vellos e conservadores, contíñase na frase : “ A letra con
sangue entra “. Xamais tivo que chicarlle un fío da roupa a ningún rapaz e en
cambio a maioría deles sabían ler e escribir correctamente e máis as catro
regras. Incluso soubo meter nos espíritos de aqueles cativos , de algúns , o
bichoco da poesía e da literatura en xeral á que era tan afeccionado Xesús.
A súa forma natural de facer as cousas , a súa
franqueza no trato e a facilidade que tiña para relacionarse coa xente,
levantaron as envexas do señor cura da parroquia. Este agachaba detrás daquela
imaxe piadosa, as súas malas artes de alcaiote chufón e conselleiro da garda
civil. Reboutado das altas esferas do clero, tiña grande ansia de medro e non
deixaba ocasión de facer os méritos que co tempo , pensaba, o levarían ao
arciprestazgo da zoa.
Aínda que a garda civil , xa dispuña de algúns informes
que non eran precisamente favorables ao mestre.As acusacións do señor abade,
que vía nel un rival imposible de dobregar , polo seu ben facer no terreo do
ensino, sentenciárono definitivamente á morte.
No groso arquivo do posto a súa ficha resumía: “ Xesús
Devesa García, 30 anos, casado, dous fillos, lixeiramente coxo da perna
dereita, individuo perigoso polas súas ideas. Lector aproveitado de libros con
ensinanzas contrarias ao futuro novo réxime deste país chamado España. Unha
grande e libre. ¡ Viva España ! ¡ Arriba España !”.
A cuadrilla dirixida por Edelmiro Costas, esta vez ao
completo , presentouse na vivenda do mestre, unha noite fría de xaneiro para
dar cumprimento á sentencia. Dixeron que era soamente un momento, mentres
choraban os rapaces e a muller sufría ,
agardando, que por unha vez se arrepentisen. Unicamente acertaron a dicir:
- É un pequeno paseo, vamos tomar unhas copas e
deseguida voltamos...
Uns carreteiros topárono teso pola xeada, con dous
buratos de bala no peito e o golpe da graza na testa, no solitario auto do
Caeiro. A orde fora coma sempre perfectamente cumprida.
A xente empezou a falar dos salvaxes cuneteros, polo
xeito en que aparecían pola mañá tirados nas regadeiras das estradas, os que
eran paseados na véspera. Tanto homes coma mulleres, coñecían de sobra a aqueles crueis verdugos.Chegada a noite
encerrábanse nas casas co medo metido nos miolos, non querían saber ren, non
querían ver nada, sabían do grande poder que tiñan tras deles os executores. Se
querían salvar as vidas o mellor era facer a vista gorda e calar a boca. Na
casa do Edelmiro a muller e os fillos, sufrían en silencio aquelas macabras
andanzas nocturnas.
Sen que poida sorprender a ninguén, o xefe dos
cívicos, foi sacando á luz vellas retesías persoais e comezou a súa cruel e
louca vinganza. No seu febril delirio de sangue, pediu CARTA BRANCA, para
actuar ao seu propio ditado, sen piedade. Vellos , mozos, homes e mulleres,
mortos polas súas mans acreditan sobradamente, a sona daquel satán endiañado
Adolfo de Gómez, home traballador e valente, que vivía
coa súa irmán Ramona, solteiros os dous, que nunca se metera en nada, foi
perseguido polo dende entonces coñecido por CARTA BRANCA. Pasou preto dun ano ,
agachado no monte Acibal, comendo o que podía , na única compaña dos lobos, e
ao fin converteuse na única vítima que escapou aos antollos do máis grande
criminal , que no tempo da guerra civil coñeceron as corredoiras galegas.
Xa rematada a guerra, Edelmiro Costas CARTA BRANCA ,
foi condecorado por os servizos prestados ao réxime, no transcurso dunha parada
militar, que tivo lugar na capitanía xeneral da Coruña. Alí estaban todos os
verdugos da garda cívica, recibindo os parabéns do xeneralísimo.....
Unha mañá calquera o corpo sen vida de CARTA
BRANCA , pendurábase colgado polo gañote nunha pola de carballo. Fixérase
xustiza da única maneira posible : Ollo por ollo, dente por dente , a lei do
Talión dos antigos, funcionaba . Ninguén pensou nos remordementos suicidas de
Edelmiro Costas. Adolfo de Gómez, baixaba do monte coa vara de carballo
ergueita diante dos bois , cun carro de toxo bravo coma un palleiro , máis que
para estrarlle a corte aos animais, para facer abono para o chan do alcacén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario