sábado, 22 de xullo de 2017

O conto dos libros coche

                            

                         O CONTO DOS LIBROS COCHE
No país do conto:España,Spain (etimoloxicamente “terra de coellos”), os índices de lectura eran algo así como imprudentes, comparados cos doutros países máis prudentes. A estatística confirmaba que máis dun 39% da poboación, xamais lera un só libro; que nalgunhas casas só había a guía telefónica, un libro de receitas de cociña, o Quíxote e a Biblia, o cal xa era moitísimo. A pesar dos esforzos da administración, aínda existían nas zonas rurais do país do conto, xentes que por diversas circunstancias eran totalmente analfabetas e demais asuntos en sintonía.
Todo isto que se refire, levara en tempos pretéritos, a dicir, a certo escritor con pseudónimo tomado da ópera “O barbeiro de Sevilla”:”Fígaro”, en concreto don Mariano Xosé de Larra(1.809 -1.837) casado con Dona Pepita Wetoret en 1.829,o cal terminou finalmente de mal xeito tiroteándose por cuestións de desamor adúltero en relación cunha tal Dolores Armijo de Cambronera e a risa nesta liña é de mal gusto ,que, escribir neste país, era morrerse, morrerse literalmente de fame negra.
Do ata aquí dito, ben ás claras dedúcese, a insuficiente formación intelectual, que en liñas xerais, tiñan as xentes posteriores ao descubrimento de América, as do século de ouro e máis; aínda que agora na actualidade avanzouse bastante. E é que resulta que o común , sempre e en todos os países é igual, preocúpanse máis polas cuestións materiais, que polas espirituais, as cousas son así, foron así e seguirán sendo así ad infinitum, o cal é lóxico e ten fácil explicación que este conto seguramente lamentaría.
Pero un bo día, unha noticia, tan estraña, como incrible, saltou ás pantallas de televisión, antenas de radio e primeiras páxinas dos xornais:”Señoras e señores, damas e cabaleiros en todas as librerías do país, produciuse un fenómeno anormal e inaudito; aos libros, repentinamente, saíronlles rodas, asentos, conta quilómetros, cintos de seguridade, volantes, etc. etc. Vostedes mesmos poden comprobalo si se toman a molestia, tendo en conta o frío que fai, de achegarse aos expositores de calquera librería. Científicos, políticos e demais personaxes públicos, non teñen explicación satisfactoria sobre o fenómeno, e esta redacción, habendo consultado aos seus enviados especiais noutros países, está en disposición de dicir que o fenómeno dáse exclusivamente no noso territorio. Seguiremos informando”.
A noticia que máis ben parecía unha broma, alagou páxinas, emisoras, e imaxes de televisión en todo o mundo. As xentes dos países alleos ao suceso, non daban crédito ao que vían, lían ou escoitaban, era todo tan raro, que o seu escepticismo, estaba de sobras xustificado. Aquilo soaba a tomadura de pelo, montaxe publicitaria ou cousa polo estilo, pero a realidade dos feitos aí estaba. Aos poucos días a noticia era do dominio común, mentres que o fenómeno persistía.
As persoas máis podentes dos países estranxeiros, ante a magnitude do que indirectamente coñecían polos medios de comunicación, fretaron avións e barcos para vir ao país dos “Libros -coche”, que por entón xa se bautizou con tal nome ao prodixio, e multitudinariamente chegaban para comprobar por si mesmos a realidade do que se lles contaba. Logo íanse e xa no seu país, confirmaban, se a tales alturas era posible confirmar algo, a estrambótica noticia. A maioría, por non dicir todos compraban un ou varios “Libros -coche”, co que a venda de libros, se antes era mínima disparouse agora.
Os libreiros vían atónitos como se baleiraban os andeis dos seus locais, os seus negocios marchaban como nunca, por fin vender libros era un negocio rendible.
O gremio de libreiros, mantiña reunida unha comisión permanente que se afanaba para desentrañar o misterio, ao mesmo tempo que debatían, sobre a posibilidade de aplicar aos libros a tarifa dos coches. Debate que non era en absoluto desatinado, se nós atemos estritamente á realidade do momento.
Había que aproveitar, tan vantaxosa, como disparatada situación, e ata se estudaban xa métodos para o financiamento en cómodos prazos da compra de libros, caso de que levase a cabo a proposición xa firme e decidida por parte dos libreiros, de aplicarlles aos libros a tarifa establecida para os vehículos.
Pola súa banda, as imprentas do país non cesaban en tintas e cada día imprimíanse máis e máis libros, que aínda que ao principio aínda tenros eran normais coas súas follas, letras e cubertas; ao chegar ás librerías e pasar alí unha noite, aparecían como se di coas súas rodas, asentos, conta quilómetros, luces, volantes etc. etc. , en fin, con todos os mecanismos dun utilitario ao uso e ao abuso.
No país do conto, xente que na súa vida comprara un libro, nin por suposto o lera, agora compraba quilométricos fardos deles na seguridade de que lles servirían ademais de para adornar os andeis dos mobles do salón, para viaxar e trasladarse dun lugar a outro. Tal era a febre compradora, que nestes momentos o país, era o máximo exportador de libros e ao mesmo tempo o país que máis libros vendía, situándose da noite para o día, á cabeza dos países civilizados nas estatísticas de vendas; que non de lectura como é lóxico, normal e tradicional.
Era realmente curioso ver como un analfabeto conducía moi ás súas anchas unha luxosa edición do Quíxote, ou outro que viaxaba comodamente instalado sobre as obras completas de Marcel Proust, en busca se cadra do tempo perdido. Outros o facían sobre as Follas de Herba de Walt Withman a toda velocidade; ou os máis devotos conducían unha luxosísima Biblia forrada en pel de cabra ou cordeiro; sen que faltase algún soñador que o fixese sobre As mil e unha noites, seguramente cativado pola idea de poder voar nunha alfombra máxica, se ao paso dos acontecementos a estas, lles saísen ás e ata hélices.
Sen querer entrar en demasiados detalles sobre o particular, indicarei a modo de exemplo, extraído ao azar dun xornal unha noticia que daba conta dun accidente de tráfico:” O cidadán Perico dos Palotes conducía pola N-550 unha luxosísima edición das: Poesías completas de Xoán Ramón Ximénez, cando insospeitadamente á altura do punto quilométrico 110, foi chocado frontalmente polo cidadán Citrano Menganez, que conducía unha edición de peto de: Como vencer a timidez nunha semana, a resultas do cal ambos os dous condutores tiveron que ser evacuados ao hospital provincial, sendo o seu prognóstico reservado”.
E un sen final de noticias polo estilo. Chegándose ao extremo de ter por matrícula o propio I.S.B.N. do libro coche que fose; por exemplo no caso do Túnel de Ernesto Sábato a súa matrícula sería: I.S.B.N. 84-350-0123-1, e no do Código Penal Español: I.S.B.N. 84-7398-295-9 etc. Resultando que ao mesmo tempo, no canto das xa clásicas marcas: Renault, Seat , Citroën, eran agora :Destino,Planeta, Seix Barral, Alianza Editorial, Hiperión, Alfaguara , Anagrama, Tusquets, Xerais,Galaxia etc. as extravagantes escuadras do mercado.
Mentres tanto, o prodixio continuaba e as explicacións sobre o suceso ou non existían ou carecían de consistencia. Algúns intelectuais resentidos, intentaran explicar que seguramente, debíase a unha especie de máxico paradoxo, con sentencia incluída, coa cal o trasgo dos libros quería chamar a atención pública, para que se dese conta do esquecidos que os tiñan e cousas así que non presentaban ningún viso científico e quedaban na anécdota máis ou menos aguda, máis ou menos xocosa.
A explicación oficial non existía e a xente a non dubidalo nada, alegrábase do feito. Todos tiñan por entón o seu parque particular de libros coche.
Co paso do tempo, o suceso intacto na súa singularidade foi asimilado e deixou de ser noticia. A xente aceptara o feito e dentro da anormalidade flagrante, a normalidade e o aburrimento, volveron polos seus benditos foros. Ata que un día, un cerebro anónimo, tivo a feliz idea de suxerir que xa que os libros convertéronse en coches, por que non podían tamén converterse tamén en vídeos, aparellos de alta fidelidade, televisores en cor, e outros prodixios polo estilo.
A idea pronto tivo acollida entre as xentes do país, con menos índice de lectura e máis venda de libros. Facendo uso do seu esvaecido e gastado dereito a manifestarse libremente, convocáronse manifestacións multitudinarias en reivindicación de tales pretensións. Pero nada, polo visto os espantosos libros, só sabían converterse en coches, era certamente inxusto.....
Un desenlace inesperado estaba próximo, o día vinte e tres de Abril, data en que tradicionalmente se celebra a festa do Libro, que agora loxicamente se suspendeu, ante o estado das cousas; os libros amecían, sen máis explicación como simples libros: novamente coas súas humildes páxinas, letras e cubertas, soamente...
A inimaxinable metamorfose, desaparecera tan repentina, espontánea e misteriosamente como nacera ou xurdira, para sorpresa unha vez máis, de propios e estraños. Pero o conto, relato ou historia, ten un breve e leccionador epílogo; todos aqueles que compraran libros por coches, tiñan agora certamente libros unicamente, algo se avanzou e talvez algúns por curiosidade  se atrevesen cunha decena de páxinas ao principio, para ir entrando en materia aos poucos e arrincarse así de tanta orfandade contemporánea, cun fiel libro amigo, agora, entre as mans...como un magnífico prado de verdes letras con que alimentar as vacas fracas do espírito e a esperanza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

HERIDAS

  HERIDAS Hay heridas que no se curan jamás son como medallas con las que te condecora la existencia heridas de amor heridas fru...