venres, 14 de xullo de 2017

A BARRA AMERICANA



A BARRA AMERICANA
 A finais do ano setenta e cinco do século vinte, a aldea de Loureiro viuse convulsionada , ¡tanto! ,que tremeron os piares de pedra das casas máis recatadas.Dixéronse un cento de misas e fixéronse outro cento de promesas en previsión dos acontecementos.
Unha vez ofrecidas tal cantidade de misas e feitas as promesas que levo dito, toca explicar o ¿ por que ? , de tanto tremor dos piares e da repentina devoción das mulleres.
Persignádevos todos, poñede as mans coma quen vai rezar, poñédevos de xeonllos, en fin , aflixídevos por un instante, tal cal se aflixiron as exclusivistas e incompetentes mulleres:¡É QUE NA ALDEA RUMOREÁBASE QUE ÍAN POÑER UNHA BARRA AMERICANA.....!
                                  DIÁLOGO I
-¿ E non sabes unha cousa Adelina ? .
- Si ti non ma dis, aínda que a saiba vale a túa... eu non levo espadas para matar ese basto, Clementina.
- Falas coma un home, e mira ti por onde, de mulleres vai a cousa.....
- ¿ Quen é a preñada logo ? ¿ Quén era o que puña as indicións desta volta ?.
- ¡Frío , frío , Adeliniña !. Segue polo basto e as espadas, que ías máis encamiñada.....
- Pero non me acabas de dicir que ía de mulleres.....non te entendo; déixate de medias palabras e veña para acá o conto, que non estou de moito vagar hoxe.
- Pois anda corrido pola aldea, que nos Ferreiros, na de Maquieira, ou no salón de baile de Branco , van poñer unha  barra americana, con mulleres para servir e facer outros traballos.....
- Entendo... non me digas, non me espantes. ¡Non me fodas!.
- Non te fodo non  e ante de foder menos... como cho conto, lavercas novas, artistas do invento , estamos perdidiñas.....eu xa fun dar catro misas polo meu Celso , e ofrecinme a outros tantos santos.
- Non é para menos muller... xa me daba  xenio velos metidos todos os días na taberna, bebendo , fumando  e xogando ás cartas, para canto máis agora se nos enchen a aldea de putancas, non vai haber quen os free...o traballo que espere, agora mesmiño vou a xunto do cura a pedirlle consello, e dar catro misas, e se por promesas é , ¡fago outras catro!. ¡e deus nos vexa...a virxe María e San Xosé !
- ¡Amén muller!.
                                          *
Ben, as mulleres estaban todas coa mosca detrás da orella, en concilio permanente, latricaban sen parar, sempre do mesmo tema.Doentes, temerosas da inxuria, que a non dubidalo significaba para elas a barra americana.A barreira ,a  barrera ou a barraca americana, como dicían as vellas do subsidio. E non era para menos, sabían por unhas ou por outras, das mil formas que se pinta o diaño...
Feríanlles as imaxes do vicio da carne que, recorrían os seus cativos subconscientes, conscientes por unha vez da inesperada ameaza, mentres mal falaban das ladras, putancas, putonas.Rapazas de vinte a vintecinco anos, louras, morenas,cobreadas, rubias,con novidosos nomes de guerra: Evas,Macas,Mónicas, Karinas,Estefanías. As faces untadas con cremas, moi repintadas nas cellas, pestanas, peteiros e uñas. Medio espidas, usando  pantalóns texanos de home apertados nas cachas, os ollos picantes e as tetas leiteiras.
Recordando ás sagradas escrituras, xurdiu o nome da serpe, da víbora, e houbo mulleres que xa nos límites da paranoia, ás portas daquel inferno, que abanicaron as maceiras para esmagar as mazás da tentación , cos zoques calados paseantes de corredoiras.
Ao final dos improvisados coloquios e conferencias, que tiñan lugar en calquera sitio que se atopasen dúas mulleres, tres, catro , as que fosen; foise chegando á conclusión , de que ás misas e ás promesas había que axudalas con algunha artimaña máis preta á luxuria dos homes, para rematar con éxito a angústiante labor encomendada á divindade. Pois por moitos que fosen os pai nosos, aves marías e os rosarios que dixera Don Filipe había que botarlle unha man.
Sen que se poida falar dun plan de ataque , pois aquilo era un concerto de testos de ola mesturado con arpas celestiais tocadas por querubíns. Un so fo , sofrito que fería os oídos.Cada unha das interesadas foi facendo a súa guerra particular.
Si fulana ía a perruquería e pintaba guedellas de cabelo: de roxo , verde ,laranxa, azul etcétera. , aquilo parecía unha camisa hawaiana estampada. Mengana, puxo uns pantalóns vaqueiros destinguidos a forza de lixivia, brancos coma a cera, parecían feitos de tela de saba, en semellantes cachorras, e íase a herba a braña. Hóuboas que cos labios pintados de vermello e as uñas a xogo , ían quitarlle o leite ás vacas. ¡Si virades a leiteira xa pola mañanciña en mine pantalón vaqueiro con flocos , gafas de espello, fumando Winstong , collendo no leite!. Ben aquilo era unha comedia. ¡ Víanse uns contrastes !.
Pola súa parte os homes da aldea, tamén estaban ao corrente do acontecemento, que xa soaba moi pretiño... E na taberna do lugar, centro de reunión por excelencia, incidíase no tema unha e outra vez. Mentres un falaba sobre o tema de palpitante actualidade , esmiuzándoo a súa maneira, con puntos e comas , pelos e sinais , como se soe dicir, os outros, cousa rara, escoitaban , aguzando ben o oído para non perder puntada. Por unha vez e ante tamaña novidade, as conversacións discorreron normalmente, por rigoroso quenda , tanto na taxa do tempo , como no silencio receptivo dos que agora escoitaban. A taberna, deuse en chamar naquel intre : “ O PARLAMENTO “. Non faltaba quen cun aire por demais didáctico, relembráballes aos falantes, a manda de cans ladradores que constituída en forma de agresión verbal, tiña lugar cando se tocaban temas de fútbol ou política municipal. E eu que vivín aqueles días, no medio deles, dende a miña condición de rapaz, xogando ao futbolín da peseta...Recordo con repentino garbo, a por unha vez serena e civilizada conversa daqueles homes:
                                         *
                                DIÁLOGO II
- É unha especie de bar coma este o que pasa que serven a bebida mulleres. “Chicas de alterne “ que lles chaman, porque o primeiro que che piden e que lles pagues unha copa , pois elas teñen comisión e cantas máis invitacións teñan máis ganan.Ás veces por mor das tantas copas que xuntan nunha noite, fan que beben e só mollan os beizos, ou tiran co contido do vaso - referíalles aos presentes Cándido -, un home de máis ou menos trinta e oito anos, que botou varias tempadas no estranxeiro.
-¿ E non se emborrachan ? . Porque din que para que se lle gasten máis cartos, soen pedir que as invites a cuba libres deses- Preguntaba Couso.
- Non , porque aínda que che pidan que as invites a un cuba libre, ao mellor beben coca cola soa, e esa non ten ningún alcohol ,so cafeína , e non as entrompa - precisou Cándido.
Rompendo a ilústrante conversa, suxeriu outro dos presentes:
- O día da inauguración , propoño que fagamos todos xuntos un safari , para explorar o terreo.
 Moi agudo, parecía que tiña graza, e riron todos con gañas a proposta, rompendo momentaneamente o decorrer intrigante da conversación.
Sen que fose necesaria ningunha chamada ao orde, por parte do señor Luís o taberneiro , que fai as veces de Peces Barba, despois de desafogados os pulmóns cheos de tabaco e viño , con aquelas gargalladas estridentes, volveuse a serenar a cousa, á espera de que algún dos presentes, botándolle o que lle había que botar, se decidira finalmente a chapuzarse no tema das mulleres propias, aquilo si que verdadeiramente os traia a mal traer. O da barra para eles non significaba senón a posibilidade de botar un foguete de cana ao aire un día de molladura, pero sen máis, ou esa era a impresión que na miña condición de rapaz puiden entrever.Ningún dos homes afectados da aldea de Loureiro, podía chegar a entender o comportamento subterráneo das súas mulleres, pois como queda dito ningún se vía na situación de abandonar familia e malgastar polo vicio da carne a herdanza dos seus pais.
Nun ton medrador , que ía pillando confianza, á vista das faces serias e solidarias que o escoitaban , tomou a palabra Norberto , á sazón home de Clementina:
                                         *
                               DIÁLOGO III 
-Dun tempo a esta parte, veño observando en todas as mulleres da aldea unha disposición que non se lles coñecía... para pórvos un exemplo , direivos que a miña paisana.¡ Si , si, a Clementina ! , canturrea polo baixo e o outro día dou en pintarrear os peteiros e máis as uñas. E xa preta a menopausa esa, na cama mátame a polvos.Dígovos que esta semana, hoxe é venres, estou saíndo a tres diarios e de verdade vos digo que non rexo cos zoques.
Na confianza desta nada habitual confidencia íntima, entre homes, dada a seriedade con que foi feita por Norberto, nun terreo outrora aberto a todo tipo de bromas e chanzas de taberna,forense destrabando as linguas que en silencio estaban a padecer semellantes comportamentos das propias:
- A miña dorme todas as noites coa cara tapada cunha máscara e un gorro branco na cabeza para non descompoñer o cabelo.
- Iso, iso, tamén o fai a miña, e din as pequenas que é sacado da televisión , un tal plan Pons.
-¿ Que nós somos uns lambóns ? , interrompe señor Raúl que está un pouco xordo dun oído.
- Non coño, estamos falando que as mulleres están utilizando o plan Pons beleza en oito días, que anuncian na televisión.
- Non sei a onde imos ir a parar: ¡se me vedes á leiteira o outro día quedades parvos!. A maior parte, por non dicir todas as mulleres da aldea, non sei si conxuntamente ou cada unha en por si andan tramando algo.Ata agora eran todas unhas cochas, que si me descoido só se levaban pola festa do patrón e agora dáme que se lavan a diario , botan perfumes cheirentos e desodorizantes ( rise ) total para ir quitarlle o leite ás vacas , sachar no millo...¡ en fin ! ¡ Deus nos vexa !.
Todos estiveron de acordo co dito, e por unanimidade , propuxéronse non facerlles caso para ver do que eran capaces as paisanas respectivas, resumiu na lousa encerada o señor Luís coa seguinte frase en letras maiúsculas :
-¡ VOS NIN PUTO CASO !
 Foi moi celebrada a ocorrencia, e converteuse nunha especie de santo e sinal entre os homes da aldea... aínda hoxe por hoxe, e corrente escoitala na boca de calquera , para consolar aos mozos recen casados :
- ¡ TI NIN PUTO CASO RAPAZ...!
A Taberna do lugar, que durante o día era rexentada por señora María Filomena convertida en tenda de ultramarinos , era por tales circunstancias , o centro neurálxico da aldea. Os homes reuníanse alí todas as noites, e as mulleres durante o día ao tempo que mercaban con que facer de xantar.
Aquela mañá a lousa encerada ( propaganda da casa KAS ) , apareceu aos ollos das mulleres cunha frase sentenciosa, que como repararon nela entráronlles receos do seu significado .Aquel sonoro: ¡ VOS NIN PUTO CASO ! , ía sen dúbida dirixido aos homes.Semellaba un lema , un grito de guerra en que se atopaban mesturados os homes e as mulleres da aldea, máis a pantasma da barra americana. Nin corta nin preguizosa a señora María Filomena, borrou cunha esponxa humedecida o escrito e atendendo ás indicacións da maioría escribiu:
-¡ XA VEREDES VOS ...!
Durante un longo período de tempo, a lousa encerada converteuse no campo de batalla , onde homes e mulleres loitaban a frase partida pola súa hexemonía.Si de noite previa deliberación os homes concluían garabateando unha frase, que constituída en credo, artillábase coma unha arma arreboladiza contra as paisanas, repentinamente enfebrecidas; polo día seguindo idénticos trámites, elas , respondían con non menos contundencia. Dicir que xa convertida a lousa encerada no medio de comunicación entre os homes e mulleres da aldea, por mor da barra americana en cuestión, aquilo tornouse nun escribe e borra que ten a súa graza. Vexamos algúns exemplos do que manifesto:
- ¡ VOS NIN PUTO CASO !- Homes
- ¡ XA VEREDES VOS !- Mulleres
- ¡ BEN VEMOS , SANTA LUCIA NOS GARDE OS OLLOS ! - Homes
- ¡ TOUPEIRAS !- Mulleres
- ¡ SANTA BARRA AMERICANA, ORA POR NOBIS ! - Homes
-¡SANTA FERRERÍA DE VIGO , SANTO POMBAL DE SANTIAGO....ACOLLE ESTAS TÚAS SERVAS ! - Mulleres
- ¡ SEXO , DROGA , E ROCK AND ROLL ! - Homes
- ¡ EXALTADOS, ILUMINADOS , BABOSOS ! - Mulleres
- ¡VOS NIN PUTO CASO !- Homes
- ¡ XA VEREDES VOS ! - Mulleres
Remataba a guerra das frases co mesmo binomio do principio. Convencidos de que o combate dialéctico non ía solucionar nada, a lousa encerada volveu a súa función antiga de expresar os prezos dos bocadillos e tapas, e os homes e mulleres silenciosos, quedaron á espera dun futuro cheo de sorpresas...
Ao tempo que se deron por terminadas as hostilidades verbais, comezouse o acondicionamento da metade norte do salón de baile de Branco, para a futura instalación da BARRA AMERICANA. Á medida que foron chegando os primeiros materiais: cemento, area, ladrillos, e cousas polo estilo, as mulleres xa claramente metidas no ollo da treboada, víanse a cada vez máis anoxadas. A Clementina xunto coa Adelina convertidas por entonces en dirixentes do adoecido grupo de mulleres, vaite a saber de que forma, ao punto de chegaren ao sitio os primeiros albaneis, convocaron unha sentada.Unha folga pasiva para impedir que comezasen os traballos.
Dicir que non foi necesario o funcionamento de piquetes pois todas secundaron a proposta, e ningunha se fixo acredora de ser chamada unha crebafolgas. Pero si tivo que tomar cartas no asunto a garda civil, pois as intrépidas folguistas, permaneceron no sitio cerca dunha semana.
Estou vendo que o mellor é que inverta unhas letras en aproximarvos unha visión de como se o montaron as femias , por mor de non deixarvos en albis.E aínda que no papel ver de improvisar un celuloide corto... pois á forza de ser sincero, botei de menos xa daquela unha ollada das cámaras que recolleran o motín . Xa non pola súa transcendencia senón pola orixinalidade , que agora mesmiño vos conto:
-  Provistas de olas, tarteiras e tixolas... para acabar logo: de canto cacharro estridente tiñan á man. Coas máis diversas proclamas , escritas en sabas brancas...con axustadores e faixas ao vento, barullaban incansables a forza de esportelar os tarecos domésticos, namentres entoaban cantos de guerra e deixaban ler nas orixinais pancartas lendas coma estas:
- ¡ BARRA AMERICANA - NON GRAZAS !
- ¡ MULLERES SI - PUTAS NON !
- ¡ NON AS FILLAS DE PEPA A LOBA !
- ¡ BEN CHEGAMOS, BEN SOBRAMOS , POR ISO AS REXEITAMOS !
Pese aos esforzos que como vemos se fixeron , coa idea de escorrentar da aldea a casa do pecado.Pensándoa coma un imán atraente de pirolas, o certo e que de nada lles valeron. En cousa dun mes a obra, mellor dito o acondicionamento da parte norte do salón , deuse por rematado  e presto estaba para recibir un embarque de mulleres do ramo , para indignación de indíxenas paisanas.
Despois dos últimos retoques, chegou o día da inauguración á que sen que quedase ninguén , foron invitados todos os homes da aldea.Houbo batifondo; en algunhas casas máis que palabras, por mor da devandita, na que vían as mulleres máis ca un simple papel que dicía: “ A dirección de NENAS CLUB compracese en invitalo a súa inauguración , que terá lugar o próximo día seis de xullo, sábado , a partir de las 23,30 horas da noite”.Elas interpretábana coma unha especie de billete sen volta ao inferno do vicio luxurioso , da carne e a perversión. Con oposición ou sen ela, o certo é que por curiosidade ou polo que fose, alí se plantaron todos os homes que podían andar polo seu pé e aínda cabe destacar que o tío Francisco, xordo e coxo, non quixo perder a ocasión e saíu da súa casa que queda no fondo da aldea, arrimado a dous bastóns.Saíu, aí polas nove da tarde, para chegar puntual ao sitio.
Acostumados como estaban ás foliadas e verbenas ao aire libre das festas de parroquia, a cada quen máis foron encontrando estraño todo canto , traspasada a soleira, toparon dentro:                                                        
                                                  *
                                       DIALOGO IV
- E aquí non se ve nada me cago no carallo. Moita luz de colores, pero non me comparedes estas tebras de cova sepultureira cunha mala lámpada de sesenta.....observaba o tío Francisco .
- ¿ E logo vostede que pensaba ?. Agora non son as cousas coma antes, nas discotecas, e nos clubs estes, canto menos luz mellor : “ A carne pide burato, e o burato pide carne “, e non hai escuridade bastante capaz de facer trabucar a ferramenta dun home que se teña - aclaroulle Cándido, botando man dos seus coñecementos...
-¿ E dime rapaz, para que diaño é ese cortello de madeira que velo aí tes diante túa ?
- Elle un reservado para chuchar nelas, meterlles man e demais...sen que ninguén mire para un e moleste aínda que nada máis sexa coa vista de lagarto arnau.
Ata preto das seis da mañá , xa estaba rompendo o día , durou o agasallo ...Ben iso é un dicir, pois cómpre aclarar que todos os concorrentes foron invitados gratuitamente á primeira e segunda rolda, pero logo cada quen pagaba o seu  e nese seu , podían estar incluídas as copas das chicas de alterne.
Nun rosario de ádoas soltas, cada quen foi retomando o camiño da súa casa.Xa rompían os primeiros raíños de sol  e deixábase oír o canto dos paxariños madrugadores, cando heime de meter entre eles , por mor de referir unha mostra da impresión que nos homes causara a odisea nocturna. E métome pluma documental na conversa que levaba Cándido con Norberto.Dicir pola forza dos ollos, que a xulgar polo aspecto que presentaban , máis parecían pregar velas despois dunha esmorga de oito días, ou dun fin de ano a rachar, que da inauguración dunha barra americana. Coa voz tomada, roufeño, mal se lle entendían as palabras, falaba Norberto:
                                             *
                                    DIALOGO V
- Home que che vou dicir eu, pasar paseino ben, toquei tetiñas vizosas, dei palmadas nas cachas... comprendín a angustia da miña Clementina...Pero isto non é para min , estou desfeito, peor ca despois de cortar catro carros de toxo xuntos encóntrome meu.
- Ben, ben , xa será menos, a ti o que máis che doe son os cartos - indagaba Cándido.
- Home iso tamén - repuña Norberto.
- ¿Volvemos mañá? , ti que dis...
- Comigo non contes, venme chega a paisana. As mozas están potentes, pero a min venme chega Clementina, Cándido.
- Entendo home entendo, non vaias a pensar que eu estou entusiasmado. A min tampouco me meten o xénero polos ollos. Vivan as cuncas de viño branco na do tío Luís, vivan as cartiñas da baralla española, viva o traballo, viva a paisana. En fin que as rapazas ben valen unha escapada un día sinalado no almanaque ou no alumeado dos ollos e polo demais ben está o peixe na auga que ten Norberto.
- Gústame que fales así Cándido. Viva canto dixeches e que non caia en saco roto o conto...Unha caniña ao aire e para de contar.
- Boas noites Norberto, ata mañá.
- ¿Ti que dis home?, nin noites, nin mañás. Hoxe xa é hoxe , van ser as oito - ha,ha,ha , rinse os dous.
Unha vez mollada a pluma na conversa premonitoria de Norberto e máis Cándido, o que para diante sigue cae de caixón.

Á semana da inauguración do CLUB NENAS , todo volvía á normalidade, as mulleres agardaban o día do patrón para lavarse, e os homes cumprían na veiga e na cama, para irse pola noitiña a facer unhas mans á taberna do tío Xosé. De vez en cando faltaba mengano unha noite , faltaba outra fulano, e sen máis importancia ca que tiña, movendo os ombreiros e mirándose con cómplice sorriso, dicían: ¡hache de estar de celebración!.Por R.S. Lago.                                                                 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

HERIDAS

  HERIDAS Hay heridas que no se curan jamás son como medallas con las que te condecora la existencia heridas de amor heridas fru...