O REGRESADO
Ocorréuselle esta idea, durante a mañá dun domingo,
apracible domingo, de febreiro alto, que significa: que febreiro, xa vai
medrado en días, que desbordou cando menos o día quince, e polo regular, cando
é moi alto, está próximo a concluírse e a deixar paso ao mes, que en si mesmo
encerra a primavera e o rexurdir da natureza, logo dos rigores invernais.
Estaba sentado, nunha cadeira branca, á porta da casa, e
quería empezar a pórse a salvo.Aprender a mirar sen aparatosa melancolía, a
mansedume das cousas ,sería o primeiro esbozo ou bosquexo de lección, que para
si mesmo se trazaría. Volvía de errar e naufragar, nas cousas e nas xentes,
durante longos anos.
Unha vida atormentada, case cruel, disipada e moi tola.
Sen darse conta disto, seica agora, reparaba por vez primeira niso, deixara
morrer a súa primeira mocidade, a mans do insalubre, o rudo , o mesquiño e o
panoco. ¡ Habíase estado buscando.....!, e en verdade, cego de coñecementos e experiencias,
apenas depositado no fluír da vida , co posto , sen un Aristóteles preceptor no
que socorrerse, por pór un exemplo tan clásico como esaxerado. Sen norte, sen
guía ; na súa procura, seica impertinente, pero ansiosa procura, das esencias
verdadeiras e fundamentais.
Aos tombos secos , entre libros e xentes enarborados, a
pelo coa vida, pugnando por saber e coñecer en primeiro lugar, esforzándose por
ter criterio para elixir enseguida. Entre o caos e a confusión , como un canto
rodado a mercé da corrente, como un detective de relato policial, ou mellor ,
de novela de xénero negro que se di Xixón. Atando cabos soltos, reconstruíndo
escenarios, recollendo probas. Durante anos, talvez os mellores anos da súa
primeira mocidade; iniciaría a conta da década da trintena dentro duns meses.
Case, lle doía a vista e a alma de tanto esculcar no pasado, e a pel feita
farrapos e os dentes partidos pola metade.....
En febreiro, os raios de sol, fan o que poden, e ao redor
do medio día, ata prometen veranciño e primeiras primaveras . Van e veñen
voando, os paxaros migratorios recentemente chegados a esmeralda.A natureza
atenta, agarda para sacudirse o inverno das súas crinas nevadas.
Sentado nunha cadeira branca á porta da casa, tan en sala
de espera, como a natureza, O REGRESADO , tamén espera para mudar os seus
hábitos, e iniciar unha forma de mirar as cousas e o mundo en xeral , máis
amable. En realidade, se agora se lle preguntase sobre a probidade , ou non
probidade, dos pasados anos, non sabería responder, non lle foi posible
subtraerse. Pero foi todo ¿necesario? ou ¿innecesario ?. A resposta, seguiría
sendo a mesma: houbéseme ou houbérame sido imposible subtraerme. E ademais, non
todo é negativo, hai experiencias bonitas, recordos agradables, a pesar de que
o conxunto, sexa unha aprendizaxe demasiado turbulenta. ¡ Que importa ! .
O que si ten claro , é que en diante , tratará de pórse a
salvo. Vixiar os ósos, racionalizar os latexados do corazón. En xeral co paso
do tempo, o home, vólvese, máis cauto e comedido. A experiencia sabe
arranxarse, para ir afogando en silencio, ata as preguntas oxidadas, as da
orixe , as existenciais, as de sempre: ¿de onde veño ? ¿quen son ? ¿a onde me
dirixo?, nunha formulación aproximada das mesmas, nas súas múltiples variantes.
Esas que tan de primeira man, sabemos sen resposta, e que de cando en vez , a
pesar de todo, instálanse na mente, para que se produza o spleem vital.
Ademais , por si mesma, a propia mente coas lúas e os
soles, as choivas e as neves, crea mecanismos de autodefensa e autocontrol,
para sandarse de metafísicas aprémantes, de pedras filosofais quiméricas,
centauros e unicornios. Si para iso, serviran estes anos de paus ao auga e
labazadas ao vento; a mirada posta nas laranxas, un paxaro, ou aquela montaña,
que de verde, pasa a azul, debaixo de tanto ceo, se para iso alcanzaran, daba
por compensados as desfeitas e trataría de ser unha florida amendoeira,
transcorridos algúns días.
Porque, tamén sabía, de tanto pretender sabelo todo, que
os seus familiares e amigos, os seus coñecidos, e aínda máis os outros sen
identidade para el , pero seres humanos, sen remedio eran tamén como el
REGRESADOS.
Como as ondas do mar, seica nun fluxo e refluxo máis
espazado e denso , por tratarse de sentimentos e aprendizaxes equívocas e
varios, todos somos sen remedio: REGRESADOS. Só fai falta, aguantar a dor dos
ollos da alma, ao viaxar ao pasado irrecuperable para darse conta disto.....tan
evidente, como que, vimos do pasado e imos cara ao futuro, pasando polo
presente sempre en fuga. Cada vez que é presente, e sempre o é, aínda que
sempre en fuga e efémero, somos RETORNADOS , REGRESADOS, ou como se queira
expresar, tal circunstancia.
Sucede que a maioría, incapaces desta sorte de balances
periódicos, sen emendar rumbos, camiña sen emenda. Son REGRESADOS irreflexivos,
nunha mañá de febreiro alto, pero somnámbulos, atrofiados e errantes. Claro que
isto non ten nada que ver coa felicidade , ou ben non debese telo , o que
reflexiona, non é máis feliz que o que vive improvisando. A reflexión é un
exercicio mental, transcendente e superior, pero non é o paraíso. Non porque en
ocasións, a reflexión pode ser dolorosa, pero isto xa é outro conto.....
O que aquí importa, é o REGRESADO xenuíno, que agora está
sentado na cadeira branca, a cadeira non podería ser doutra cor, á porta da
casa ; sería impensable estar sentado nunha cadeira branca á porta de calquera
outro edificio , quere intentar cambiar o rumbo da súa nave de carne, veas e
vísceras. Con empeño , temerario, si temerario que non é mala palabra, decide
esporear a súa vontade maltreita e rescatala do caos, para salvarse.
A súa vida , foi ata aquí , unha ferida sanguenta bicada
polo mar. Agora , iniciará unha viaxe de dimensións máis amables, e dentro
dalgúns anos, cando poña o pé no limiar dos corenta, será irremediablemente
outra vez O REGRESADO.....A pregunta é esta: ¿De onde volverá , se é que volve,
esta vez ?.
O REGRESADO , o xenuíno Regresado , xoga a ser un pequeno
Deus consigo mesmo. E ben digamos que na cadeira branca, á porta da casa,
áchase sentado agora mesmo, nesta mañá de domingo unha florida
amendoeira.....bautizado tamén, aínda que vexetal, co nome de Sexismundo , que
en lingua xermana quere dicir: Vitoria protectora.Por R.S. Lago
Ningún comentario:
Publicar un comentario