DOUS LIBROS.
1.-VERSOS DEL AGUA.Ilustracións
de Xabier Lillo.Deseño e maquetación: Osmundo Barros.Edición Luís Maquiera
Quiroga.Imprime Gráficas Anduriña.I.S.B.N.: 978-84-935925-8.5.Depósito legal:
PO 533/2011.
2.-CONTOS
SEN IMPORTANCIA: Ilustracións:
Manuel Ruibal. Diseño e maquetación: Osmundo Barros. Edición Luís Maquieira Quiroga. Imprime Gráficas
Anduriña. I.S.B.N.:978-84-617-1535-0. Depósito legal: PO 447-2014.
Os dous libros están tan magnificamente editados, que neste caso as
Artes Gráficas fan honra á súa denominación.Son así, dúas pequenas alfaias, que
gusta ter nas mans e tanto te fixas nas ilustracións, como vas descifrando os
textos, a través da súa atenta lectura.
1.-LÍRICA E AVENTURA
Baixo este suxerinte título escribiu Anxo Fole o prólogo aos “Versos da
auga” de Luís Maquiera Quiroga, na cidade da Coruña, alá polos anos oitenta.
Fálanos dun mocetón de barbas rubias, o neno rebulideiro da casa grande de
Hospital do concello lugués do Incio.Refire como unha longa vida de aventuras
levou a Luís a capturar esmeraldas nos ríos de Colombia e Venezuela entre
outras empresas.
Hai na “Nota preliminar” dos “Versos da auga” datada en Sada,A Coruña,
o 8 de Xaneiro de 1987, unha reflexión moi interesante sobre a vida e a poesía
(escrita por Luís en lingua española), que di así, traducida ao galego por min:
“Este estraño suceso que é a vida, ten unha testemuña profunda e
universal, a poesía.
No amor, na dolor, na desesperación, como na alegría e nos soños, hai
unha emoción estremecida, tan vella coma a vida e coma o home, e quizais aínda
máis vella.
Ao lado da vida e da morte, da forza do mar e do vento.Na melancolía da
choiva, e na distancia inmensa do universo.
Nos ollos dun neno, nos húmidos ollos dun pequeno can, na desolación da
loucura.No humilde e marabilloso florecer do campo, e na nudez do outono.Ao
lado da piedade, da xenerosidade, da tenrura, está a poesía...
Nas preguntas de sempre, no ¿ por que? e ¿ a onde?.
Tamén na nada, e no silencio, está a poesía.
Na paixón,na ilusión, e na emoción de vivir está a poesía.Como o está
no abismal e inescrutable selo da morte.
Ao lado de todos e de todo, está a poesía.
E o arte é a milagre de pasar a un papel, a un lenzo ou a unha pedra, a
emoción da vida.E na pedra, no lenzo, ou no papel deixala vibrando”
Reflexións altas e sentidas, en concordancia co tamaño físico de Luís,
que certamente era da envergadura dos profesionais do balón cesto.Un homazo
libre e sensible que, quixo deixar noticia, do seu tránsito pola existencia.Tiña
tres fillos: Xoán e Rodrigo, pero sobre todo tiña a María, a filla; a quen
dedica o libro de poemas do que falamos e coa que ten feito algunha exposición,
pictórico poética en conxunto.Viviu pobre, pródigo, libre en Pontevedra na
última etapa da súa vida.
Muíño da malladoira.
Teño un muíño
de pedra,
rente dun río
cantor,
teño un muíño
de amor,
de amor,
de auga
e de hedra.
Teño un muíño
de pedra,
para moer co meu
amor,
de noite,
ou cando
sexa,
para moer
co meu amor,
teño un muíño
de pedra,
rente
dun río
cantor.
*
Xa non che importan
nin o mar
nin o vento,
non che importa
a roca
nin a area,
nin a nube,
nin o río,
non che importa
a estrela
¿ en onde
te perdiches?
2.- CONTOS SEN
IMPORTANCIA.
Composto por catorce contos e catorce ilustracións do pintor barrense
Manolo Ruibal.Leva un preliminar de Víctor Campio Pereira.Por destacar algún
conto, destacaría o titulado: “Antucho de berretina”.
*
E ben, por imperativo natural, Luís Maquiera Quiroga (Lugo 1938 –
Pontevedra 2017), faleceu, en Pontevedra cidade, o pasado sábado: día 4 de
Marzo.No Diario de Pontevedra do domingo 5, nun apunte da portada que, remitía
ás páxinas interiores dábase conta da circunstancia; eu no bar Alba, nestas
terras cruzadas por mil camiños,
almorcei coa triste noticia.
Uns versos de Luís, dicían:
“Non me importa volver á terra...
Porque a terra é vida...
porque á terra levántaa o vento...”
Todo rematou e sen embargo todo continúa...así son as cousas aquí Luís,
amigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario