luns, 13 de febreiro de 2017

Páxina do Diario



Venres 10 de Febreiro do ano 2.017.
Pola mañá subimos ao monte, tomadas do Campeliño, porque quedamos sen auga de traída.Na caseta onde nace o manancial, Lolita con botas de auga, quitou coa habilidade que da a experiencia, un bo monte de “barbas de Xehová”: raíces de ameneiros, salgueiros e outras árbores.¡Perfecto!.A continuación seguindo o descenso das mangueiras, saqueille o tapón do respiro para que soltasen o aire; despois limpamos a arqueta anterior ao empalme que hai enfronte do que fora taller de chapa e pintura de Xosé Manuel Cancela Villar, o irmá de Luís Carlos do bar: “A Lareira”; propiedade que xa non é del porque a vendeu a non sei quen.Tamén tiña barbas bíblicas ou raíces brancas a esgalla, e tiña ademais unha píntega ou sabandixa incrustada no caño de saída; o réptil debía estar morto e a forza da auga, que fixemos baixar impetuosa ao limpar arriba, meteuna na boca do caño.Xa no propio depósito de cemento ou tanque, tapamos a auga da mestra Áurea Iglesias Rodríguez, dado que o depósito desta estaba case cheo e o noso totalmente baleiro e regresamos no auto que tíñamos estacionado nas inmediacións, bastante contentos co traballo realizado.
Decidimos celebrar o éxito das operacións acuícolas e fomos tomar cadanseu descafeinado con leite ao bar Alba.Lin, coma sempre, o Diario de Pontevedra, hoxe sen pararme moito.Quería conectar o meu libro electrónico:”Cervantes” coa Wifi do establecemento hostaleiro; a clave, fácil de teclear, deuma Rocío, pero non houbo forma de establecer contacto; sen embargo os teléfonos móbiles da xente operaban satisfactoriamente.Ao volver, baixei co auto polo medio da aldea abaixo, e Lolita quedou xunto á fonte e ao carballo, mentres que eu seguín para ir a buscar un bote de Olsen pipa á tabaqueira de Curro: 5,60 €. Alí Fani doume a clave da Wifi do estanco, moi dificultosa, alternando maiúsculas, minúsculas e números, pero o dispositivo de lectura , aínda que alí chegou a conectarse, non achou resultados do meu blog laranxeira que era o que buscaba. Fani, abreviatura de Estefanía, dixo que os libros electrónicos non son os aparatos máis adecuados para navegar na internet e eu deille a razón , por propia experiencia.
Ao chegar de volta á casa: Vila Ramona nº 10- B na aldea de Loureiro, do concello de Barro, que adoito chamar Xabre, pero que por consello dunha vella amiga, denomínoo agora xa dereitamente como é sen melindrosas claves literarias; porque llo vin facer unha vez a Xesús Romai, collín a mangueira de regar e conecteina coa billa que hai na parte norte sobre o lavadoiriño prefabricado, mamá ( Amelia Taboada Gómez) seguindo as miñas  indicacións abriulle á auga do pozo de barrena con motor eléctrico e en menos de dez minutos conseguín cebar a traída ao enviarlle auga en dirección ao tanque ou depósito.Comprobamos as billas, a ver se botaban; mamá no andar de arriba e Lolita no baixo e si, xa había auga a chorro.¡A falta do elemento líquido é un problema grave e calquera fogar, que maltrata o ánimo e pon os nervios de punta!.Despois da operación referida, mamá quedou asombrada e cubriume de eloxios. Lolita – aquí Lola total- non, Lola berrou comigo por pisarlle na punta da alfombra do corredor coas solas do calzado algo sucias.A raíz desto, mandeille varrer a habitación azul do estudio interior e o corredor, porque para escribir dende sempre, preciso orden e limpeza, pero ela negouse e varrín eu.Mamá que estaba abaixo calou, defendeume algo, e seguro que entre ela se avergonzou algo do comportamento da loura.Funme serenando e púxenme a escribir o diario de maneira amanuense.Agora mesmo, seica xa esta o xantar feito por Lolita na mesa, veume chamar e vou ir comer.Estou bastante baixo e algo triste por estas discusións froito da convivencia e os putos nervios.
Lolita cociña coma os anxos do ceo; hoxe feixóns ou xudías con ovo e medio cocido e pan de bola de Pasarín requentado no forno eléctrico, que ao tostarse aínda sabe mellor ca fresco, si isto é posible. Lolita mirou con mamá , que estaba morta de frío, e por iso acenderon a Bilbaína calefactora, as novelas de sobremesa de produción española: “Acacias 36” e “Seis irmás”, das que xa levan botado moitos capítulos e que polo tanto xa alcanzan varios anos de emisión pola primeira cadea de Tve.
Esqueceume anotar da propia mañá deste día tenso, que estando Xosé Magdalena fumando no hall de entrada do Restaurante Florita, Lola que ía ao meu lado no Lancia Delta branco do 91, que eu chamo Xosé Luís, como lle chamo: Zoe II ao meu pequeno note book Samsung do ano 2.009 no que escribo; o nome do auto é así polo nome do seu primeiro dono Xosé Luís López Maquieira.Indo ao caso: estaba o tal amigo onde dixen e dende detrás dos cristal da xaneliña do coche, Lola iracunda, crispada, tensa encarouse, na distancia, co meu vello amigo pescador de troitas, para demostrarlle que está indignada con el dende que soubo por boca de Laura Valiño Darriba, a comadre, que Magdalena seica andou a dicir cousas moi feas sobre ela.Agora cada vez que o ve inflase de ira.Despois no bar Alba, alporizada como estaba, tivo que pedirlle un cigarro a Rocío, que esta amablemente lle dou e foino fumar axiña ao exterior do local.Eu, do bar trouxen unha madalena que, non quixen comer para non seguir aumentando peso, como adoito facer sempre, alí ou en calquera outro establecemento, para darlla ao meu can Zeus, que ten nove anos feitos en xaneiro e que lle falta a perna esquerda anterior, por culpa dun atropelo que sufriu polos Reis Magos do ano 2.016.Amputáronlle a perna na clínica Fauna da estrada de Vigo en Pontevedra e quedou moi ben dentro da eiva.É un can feliz, forte e san, que pasea comigo pola redonda cando fai máis o menos bo tempo.Negro como á de corvo, case azul, con pintas brancas e unha mirada moi expresiva que sorprendeu aos doutos veterinarios da clínica referida.Raza mestiza.Peso inferior aos dez quilos.
No final, digo que hoxe Rodrigo Ruibal Lago, o meu sobriño de Penalta, fai nove anos e seica a nai dun amigo del: “Tito” ,lle ten organizado unha bonita festa no tele club de Romai.A nai de Tito, Selene, é de orixe brasileira e dedicase a organizar este tipo de “eventos” como, por moda expresiva, se di agora.Xa todo vai indo mellor...paz e bos pensamentos sempre.¡Das rifas e tensións non se quita nada nunca!.
                                                 *
  DESPOIS DA XXXVI FESTA DO VIÑO DE BARRO
En Barro levamos xa 36 longos anos exaltando os supostos famosos caldos da zoa porque se lle puxo nos miolos a catro ebrios de taberna incapaces de ver máis alá das cuncas de viño e das pírricas esmorgas delirantes que incorporan. Sete lustros e pico de: cirroses hepáticas, violencia de xénero no ámbito familiar por parte dos confrades da relixión báquica, traballo escravo e incesante mal remunerado nas viñas, todo amparado polo concello, sen máis norte e como senón houbese un mañá. Todo porque a catro linces acaneados se lle meteu na cabeza, a base de ver a Falcon Crest ,emular na distancia a clase de vida que establecía a serie norteamericana.Agora mesmo, estamos metidos de cheo e sen aparente remedio, no mundo das vespas e alambretas, dos enólogos de carreira, dos cabalos e cabaleiros,dos cociñeiros sobre tellas de lousa, das festas medievais, das sardiñas con pan de millo, da zumba, da carne ao caldeiro, do polbo á feira, dos desfiles de moda.....Unha cousa entre surrealista e escandalosa que presenta as credenciais deste tempo fervido en chumbo de cambio climático e de fabricar soldadiños de colección bélica.Aquí, aparte de pretender converter o nome do municipio nunha marca de viños, lévanse gastado máis dun millón de euros en apoiar as quenturas e ambicións etílicas dun pequeno porcentaxe de xente, menos dun 15% de produtores máis alá do tradicional autoconsumo.¡Persoalmente nunca me gustou esta sobre dimensionada festa!, que xunto coa de Barrantes e Cambados máis ca un mérito para o pobo que a celebra é unha especie de tara que axiña se contaxia negativamente a aqueles que aquí defendemos a auga como o líquido propio dos corpos sans, lonxe dos comas etílicos, comportamentos incívicos, ouriños e defecacións e falta de equilibrio que agora padecemos con resignación cada ano.Agora, algúns esclarecidos falan  para defender os seus intereses, de que sempre se vendeu viño daquí para as tabernas de Boa Vila e que mesmo os primeiros premios da festa de Cambados viñeron para Barro.Moi ben. Perfecto.Pero miñas donas, meus señores, aproveitando que o Umia pasa por Caldas de Reis, non se converte como se esta a facer un municipio enteiro na etiqueta dunha botella de viño.Que despois, todos sabemos, que a xente ten que venderlle o quilo de uva albariña aos adegueiros, principalmente  de Cambados, polo que estes lles queren pagar, ao non haber un prezo xusto nacido das leis do mercado.En fin que para o meu gusto e na miña opinión o Barro que está aflorando coas luces das cuncas de viño non é en absoluto o que se merece este fermoso municipio do alto Salnés val, incardinado na comarca de Pontevedra.Merecerían estas terras algo máis requintado e cultural, que claro non se pode deseñar a priori sen atender ao pulso propio do territorio, Barro cerámica, Barro ecoloxía, Barro produtos da horta. De verdade ben queridos amigos meus, seguir como seguro que se vai seguir polo camiño do alcol, porque non hai maiores alcances e por certos intereses persoais, xa está sendo un erro histórico grande e cada vez vaise facer máis visible e voluminoso coma as bolas de neve cando avanzan monte abaixo.Digo todo isto coa mellor boa vontade, en busca doutro espírito menos turbulento cal é a ebriedade para que o noso pobo brille orixinal e admirable entre os pobos da súa contorna.Esta miña opinión é recomendable lela cunha copa de auga fría e limpa, dalgunha das nosas rumorosas fontes, preto da man.Saúde para todos.
(Martes 26 de Xuño do ano 2.015).         

1 comentario:

  1. Esta entrada leva un engadido sobre a festa do viño do pobo da que nunca fun moi partidario...pero a maoría manda e manda ben...

    ResponderEliminar

HERIDAS

  HERIDAS Hay heridas que no se curan jamás son como medallas con las que te condecora la existencia heridas de amor heridas fru...