ARQUEOLOXÍA DAS GABETAS.
ARTIGOS ÍNDICE:
1.-A emigración. Sen data.
2.-A evolución dos espantallos.19 de xuño de 1.990.
3.-Amores non correspondidos.9 de xullo de 1.990.
4.-Cada puto verán.10 xullo de 1.990.
5.-A malparida.30 de marzo de 1.992.
6.-¿Qué pasa na actualidade cos talentos “desordenados”
(que non teñen ordenador).8 de marzo 1.999.
7.-A política e os intelectuais.20 de Maio 1.999.
8.- Ruído magoado, brado de pobres...Versións A e B.15 de
outubro 1999
9.-Noite Galega.5 de maio do ano 2.002.
10.-Celso Varela sorrí entre cisnes.5 novembro 2.007.
1
A EMIGRACIÓN.
Ó Viaxar polo ancho mundo, a nova
Europa en particular, un vaise encontrando con xente galega. Estamos en todas
partes. Os homes e as mulleres da nosa autonomía, empregados nos traballos máis
duros, que para eles teñen reservados os cidadáns de primeira categoría da
terra de promisión , á que acoden, amosan ó mundo a carraxe dun pobo
porcentualmente bastante nómade, capaz de subsistir nos ambientes máis
dispares. Non hai empresa imposible, por ardua ou sacrificada, que poida
apoucalos. Naceron nunha terra fermosa, chea de dons naturais e de maxia, pero
tamén naceron sen o pan debaixo do brazo. Habitan na escuridade. Galicia é
aínda un subterráneo sen luces. A sociedade galega, pese os intentos máis ou
menos vigorosos das autoridades, sigue acusando a inmobilidade de sempre, está
ancorada, embarrancada, nas gordas arelas da cultura tardo franquista. O cacique
co señorito andaluz, seguen festonando as súas credenciais idiosincráticas. Son
estas dúas autonomías, ó longo da historia de España, as máis puteadas, no caso
andaluz empezase certamente a notar a man chea de millóns da Expo 92. Namentres
que Galicia ve como unha vez máis e o patiño feo do conto, e debruzada sobre a
súa propia sorte, asiste resignada ás orxías que por aquí nos roldan: lume,
despedidas, pobreza, falta de ideas, falta de identidade socio cultural etc.
Na
España que a partir de 1.978, nace con ansias de progreso e afianzamento en
Europa e no mundo. Cataluña, Vascongadas, Aragón, e a rexión valenciana por
exemplo, están nestes momentos subindo moitos enteiros. Teñen as cousas claras,
viven a democracia do traballo ea loita diaria por mellorarse. Danse presa,
corren, no escatiman esforzos e chagarán ós seus propósitos.Van ó futuro con
responsabilidade e desenfado. Sofren e divírtense. Folgan e traballan. Todo
isto con método e rigor, todo isto con dinamismo e consciencia.A solidariedade,
o esforzo por obxectivos comúns e ata as gañas de ser colectivamente
importantes, están aí vitais, florecendo xas nas súas medulas.
Mentres
tanto, Galicia sigue producindo pródigos.A terra, a fermosa terra, sen un folla
de rota cabal, sen infraestruturas, sen fábricas, sigue malparindo fillos. É
necesario cambiar isto. É imprescindible, urxente insuflar no espírito do
emigrante, algo máis que morriña rosaliana e facerlle ver a posibilidade de
volver para construír a nova Galicia. Esta autonomía pode ser a Suíza española
si nolo propoñemos todos, en pouco tempo, traballando de firme, pero esta vez ,
sen precedentes na historia, para nós mesmos. Galicia necesítavos xa, e si nos
sacrificamos todos, haberá que botarnos un galgo de carreiras detrás.¿ Qué como
se fai isto ?: Faise en primeiro lugar volvendo á terra e despois exercendo de
cidadáns democráticos. Así simplemente. Por Galicia, pola terra. Non o pensen
máis e volvan. Galicia é rica e é bella. Hai para todos, soamente fai falla
esixir ó unísono todos. Ter paciencia e ter presa. Ser galegos e españois.
Créanme , ten que ser posible o arranque galego que propoño…..A esperanza…..
2
A
EVOLUCIÓN DOS ESPANTALLOS.
En
calquera ámbito que o espectador curioso, poña a súa vista analítica e
reflexiva, sucede que topa diferenzas, cambios, evolucións. E coma si a riolada
do tempo, arrásante riolada, dona ó seu capricho de nós e de todo o noso,
tivese coma derradeiro fin, ir mudando sucesivamente todo o que neste mundo ten
presente, tivo pasado, e agarda futuro. A modo de exemplos transatlánticos e
portavionicos, neste terreo, pódese sinalar a evolución do ser humano en canto
tal ( Teoría da evolución das especies do naturalista inglés Charles Robert
Darwin( Shrewsbury, 1809- Down, 1882), o cambio ó largo da historia da
concepción da sociedade dende un punto de vista socio político.
Contundencia
tronante dos exemplos aquí referidos, que ilustran convintemente, a evolución
dos espantallos en particular, que estamos a tratar. Desa sorte de vixías
impertérritos que dende sempre, cada primavera, son deseñados e postos polos
agricultores galegos, para protexer o sementado nas veigas de paxaros, touróns
e xabarís.
Paseaba
eu, polas corredoiras da Balada preto da casa, cando, me chamou á atención ver
como a xente, votaba man das latas de coca cola e das bolsas do Corte Inglés,
para protexer as labores frescas e recentes. Aqueles espantallos do consumismo
e do arte pop, daban conta dos tempos que corren. Instalados no auto de canas e
paus, coloristas, actuais eran una sorte de último berro na pasarela “Tuchi”
desta tempada.
Na
mente do lector, estarán os clásicos, os vellos espantallos, os que semellando
a figura humana, estaban feitos de palla e cubertos por roupas vellas,
chaquetas e pantalóns cheos de remendos, e sombreiro. Non recordo ter visto
espantallos con gorra.Eran estes máis traballados, coma esculturas de brazos
abertos, plantados no medo dos eitos. En ocasións o anónimo labrego deseñador
destes bonecos, profundando na obra, púñalle un embude vello por nariz, ollos
de carabuña de pexego e boca sorrinte de calquera material vermello rechamante.
Faime rir, pensar na “frivolité” que o paisano se permitía, na outrora vagarosa
confección deste arte útil, cando para ollos pretos lle puña garabata ó boneco,
pluma de pavo ou galiña no chapeau, escarvadentes nos beizos e no colmo do
expresionismo retranqueiro, “journal” debaixo do brazo e lenzos da man con tres
puntas estreladas, cando non flor emblemática, na farrapenta solapa.¡ Ah,
vellos espantallos, señores de pegas e corvos, canto mensaxe subliminar,
burlador de severas censuras, tiñades por contido !.
Agora,
tempos modernos, a evolución non dubida en achegarse ó marxinal mundo dos
espantallos, e as terras de labor pobóanse cada primavera, polo tempo das
sementes de latas de coca cola e bolsas do Corte Inglés, en fin, de todas esas
trapalladas ex – domésticas dos tempos que corren. Isto significa polo menos,
dúas cousas, unha que o paisano, meta agricultor, meta mecánico ,albanel
,chofer, xa non ten tempo de andar confeccionando os magníficos espantallos
dalgún tempo, agora el tamén é vítima do reloxo coma calquera urbanitas de caos
circulatorio. E dúas, que para ben ou para mal, significa que os cambios a
evolución afecta a todas as cousas que neste mundo teñen presente, tiveron
pasado e agardan futuro.
Así
é que nas leiras galegas, os espantallos dan testemuña da postmodernidade e do
arte light, modernidade só aparente, de tellas par riba, cando a reforma
agraria está por facer nos cementos do agro galego.¡ Ah espantallos,
espantallos, señores de pegas e corvos !. Mensaxe recibido. Stop.
3
AMORES
NON CORRESPONDIDOS.
Fraquezas de ben nacido, ó xeito
daqueles amantes románticos que diante do desdén das súas donas, respondían con
poemas e cantares apaixonados.Por onde os amores non correspondidos e
unilaterais son na historia da literatura os máis afervoados, os máis fortes e
sinxelos.Con ese aire denso de traxedia e desacougo que os fai míticos.Amores
imposibles como o do Pastor Basilio por Quiteria a fermosa, páxinas a dentro do
Quíxote, o mal fado de Fígaro: Mariano Xosé de Larra, ou a mesma orella que o
dos lirios: Vicent Van Gogh, lle mandou por correo certificado á súa puta dona.
Amores febrís, combustión gratuíta de elevadas vísceras, desaires. Xa na liña
de engarzar esta cadea de cabazas, coa non menos ingrata sentencia popular que
polas linguas do aire vai dicindo: “ Ninguén é profeta na súa terra”. Fraquezas
de ben nacido e sexan presente de namorado estas ideas, suxerencias do ben
trobar, que eu espallo sen fondo polos operativos tímpanos de Barro.
Para
poñernos no camiño da modernidade e facer avanzar o noso municipio por rutas de
proveito, xunto coa participación , á que xa me teño referido, está o reto non
menos importante de ilo amañando de maneira estética.Quero dicir con isto, que
entendendo o municipio coma un produto con vistas ó turismo e a unha certa
afirmación dentro da realidade Galega, ademais de facer xurdir nos veciños un
comedido apego á súa terra, por riba da aldea e da parroquia ás que dito sexa
de paso, convén converter espiritual e
materialmente, faise necesario insisto meter no tocador a Barro. Darlle unha
imaxe máis atractiva, subilo á emprendedora pasarela con galas que o fagan
atraente. A modo de exemplos, máis ou menos felices , sinalarei algunhas destas
cosméticas:
1.-
Edición dun folleto turístico , no que se faga enumeración ó uso, dos paraxes,
festas e gastronomía do municipio.
2.-
Elaboración dunha maqueta do municipio que se expoña ó público.
3.-
Iluminación da Ría de Barosa e restauración dos Muíños.
4.-
Facer miradoiros: por exemplo en Curro, e nos Casas etc.
5.-
Celebración de seminarios sobre a obra de Amor Ruibal, na igrexa de San Martiño
de Agudelo.
6.-Maratón
fin de ano, festas de carnaval e nadal.
7.-
Quiosco e sala de cine municipalizada. Praias fluviais.
8.-
Postais do municipio.
9.-
Reapertura do cámping.
10.-
Museo etnográfico.
11.-
Rutas das corredoiras polo medio das veigas, e as veigas con letreiros onde se
poñerán os seus nomes.
12.-Carballeiras
merendeiras.
13.-Local
para a terceira idade etc. etc.
En
fin todas aquelas cousas que dentro das posibilidades, con imaxinación e gañas,
se poidan levar a cabo. Todo na sinxela procura de que este privilexiado anaco
de terra, combinando o mundo rural co urbano, soe, guste e satisfaga a veciños
e visitantes. Non é unha simple cuestión de lucro, é unha cuestión de dignidade
e de honra ben entendidas. A uns poucos quilómetros da considerada mellor praia
de Galicia: A Lanzada ( bandeira azul cunha estrela ), preto de Pontevedra,
Vigo, camiño de paso obrigado cara a capital de Galicia, non pode o municipio seguir
mirándose o embigo. Hai que ofertar servizos atraentes e competitivos. Barro é
unha empresa. ¡ Plantar rosas nas silveiras !.
Eu
aínda que contra pelado e a despeito, digo o que penso ( da mellor maneira que
o sei dicir ). Quizais algunhas das suxerencias poidan parecer descabezadas,
pero bueno, quizás sirvan para por a pensar imaxinacións menos aéreas e en todo
caso por aí anda o gancho. E como non son dos que quita o córner e o quere
rematar, que Landín -Lineker, peitee estas suxerencias a media altura. El é o
dianteiro centro, nós apenas somos veciños. E para rematar digo con San
Agustín: “ Ama e fai o que queiras. Si calas , calarás con amor, si gritas
gritarás con amor, si corrixes, corrixirás con amor, si perdoas, perdoarás con
amor”.
4
CADA PUTO VERÁN.
Cada puto verán, o de puto pola
raposería que supón andar atentando contra o mundo vexetal, Galicia convértese
nun inferno de fume e chamas. Ata onde hai que estar, estamos o 99% dos
Galegos, deste desapiadado e incongruente ataque ó mundo que entre outras
cousas nos dá de respirar.
Os
intentos institucionais por tratar de aproximarse á raíz mesma deste problema,
incinérante e un tanto holocaústico, indagando e pondo medios para loitar
contra esta masacre indiscriminada da natureza desarmada, vese que non acaban
de acadar o éxito desexable.
As
mesmas preguntas de sempre: ¿ Quén prende o lume no monte ? ¿ Cales son os
intereses que están detrás de toda esta barbarie ?, séguense sen atopar
respostas inequívocas. Que si os madeireiros, que as fábricas, que o pirómano
illado, que as propias cuadrillas de pronto auxilio para facer horas e sacar
diñeiro, en fin toda unha baralla macabra, un ti -eu- nós que non acaba de
nomear ó inimigo.
O
certo é que o problema , recibe a maldición o impotente desexo, dos que xa
fartos desta noite de bruxas maxinan as peores torturas para os fillos de mala
nai, que cada puto verán poñen a nosa terra a fumegar. “ Que os queimen vivos”
“ Que lles asen os testículos” etc., isto é vox populi, desexo febril dos ben
nacidos, que non poden entender a esas mans negras, a eses malignos
inconscientes que de maneira tan covarde prenden lume nas plantas.
Ó meu modo de entender, de intereses económicos e papel moeda envelenado
vístese o candente núcleo da exasperante historia esta.Sen escrúpulos
ecolóxicos, no oficio de contar cartos, a lóxica imponse, a lóxica do atallo
máis preto, a dos beneficios sen miolos. Que fai falla puntal para a
construción, nada, prendéselle o lume a un viveiro de pinos novos e demanda
satisfeita, tíranselle con mil pesos a un pobre diaño e habemus San Xoán para
todo o puto verán. Despois veña investigación sociolóxica, veñan bonitas
campañas publicitarias, pero o problema , o problema, nin tocalo que nós
queimamos. Señores Galicia arde e arde economicamente…..
5
Proxecto:
A Biosfera ( Conxunto de artigos
sobre a Galicia Rural, ano 1.992) 50 Artigos.
A MALPARIDA.
É fama no conxunto da nación
española, que este ano que estamos a vivir por haches ou por bes, vaise
converter nun ano de moitos quilates para pasar á historia coma o ano da
Olimpíada de Barcelona, a Expo de Sevilla e o de Madrid capital cultural por
excelencia da C.C.E.E. Isto é tan así, que ata na cociña se ve o doméstico
tarro de colacao coa mascota da boa nova: Cobi de Mariscal e cada dúas por tres
currannos os miolos con Curro o boneco da Exposición Universal.
Pois
ben, mentres a España Oficial festexa por todo o alto, sen reparar en gastos a
súa digamos posta de largo na sociedade democrática occidental, a situación en
Galicia cruzado o Paraño e de ben distinto signo.Galicia sigue a ser a malparida,
a morea terminal onde paran os despropósitos dos gobernantes, que non acaban de
facerlle nin xustiza histórica, nin xustiza contemporánea.Isto é así. Claro que
para estas cuestión, de tirar do teto do centralismo para que solte
competencias e aínda diñeiros, está ou debería estar o goberno
autonómico.Afastándome dun nacionalismo obstinado e pechado que baixo o meu
punto de vista, non leva a ningures, a autonomía galega debe facer valer a súa
historia e facerse oír diante dos poderes centrais sen morneza. Pero bueno,
doutores ten a santa madre igrexa.
O
motivo destas reflexións está situado aínda en augas máis profundas. Círculos
dentro de círculos.Valéndome dun termo, dunha palabra que ben recentemente tivo
certo éxito nos círculos de debate, digamos que pretendo poñer o dedo na
Galicia profunda. Nos arrabaldos dunha autonomía, en por si arrabaliera. Náceme
este intento , esta procura, do meu inapelable compromiso coa leite que mamei e
coa paisaxe da infancia. Ben podía eu cerrar os ollos para non ver, virar a
cabeza e deixar facer, deixar pasar. Pero non, entendo que os homes e mulleres
sen historia, deben ter a oportunidade de deixarse entrever polas xentes das
vilas galegas, para que teñan un coñecemento auténtico, sen prexuízos
señoritangos, do que pasa na Galicia rural do ano 1.992. Digamos que eu estou
na trincheira, entre o fogo cruzado das troupeleas, e da ignorancia que por
aquí campan, para que todos vostedes comodamente sentado en el sofá , saiban da
infortunada marcha da Galicia cinsenta.Todo é susceptible de aterrar nestas
páxinas: Ó fin deste medio cento de artigos que na miña cabeza se proxectan,
espero haber aportado, un informe o máis axeitado á realidade. Non hai cuartel,
Galicia rural espese para mostrar a ruindade e a bondade que encerra. A
primeira cala, fareina nos perdedores e perdedoras, a segunda Deus dirá…..( Non
cheguei a escribir estes prometidos artigos ).
6
¿ QUE PASA
NA ACTUALIDADE ACTUAL COS TALENTOS “DESORDENADOS” ? ( Que non teñen Ordenador
).
Neste denso tempo de
mover escritos: ¡talento que houbese! e todo o ser que capacito, dispoño e levo
de aquí para acolá, sempre da mellor maneira que vai consentindo o espazo
biosférico e o tempo que nós/me toca vivir; nesta cronoloxía atarefada borde
line e inalcanzable ó desalento, por precisa e certa confianza nun mesmo , que
no interior espelloso e insubornable o talento vai enraizando; xurde ó ver e
constatar aptitudes, circunstancias e hábitos a intención san de xulgar
querenzas e talantes de persoas, vencelladas ó mundo do libro na Galicia, que
xa desborda coas punteiras os límites do século XX: totalmente prodixioso,
aínda que vario e discutible.
Tratando de facer bonita
esta prosa, non pula eu demasiado as picas e todo se esmoreza nunha musiquiña
barroca que por todo efecto adormeza e obstaculice así a miña denuncia e a
tanta xenreira case que ira, que me dispara a tinta vulnerable pero indómita.
Si, en Galicia a
asoballante modernidade ambiente acaba de instalarse na prístina comodidade dos
lectores de cámara das editoriais, que xa montados nos briosos corceis dos
tempos rexeitan ler manuscritos ( antiga caligrafía dos cadernos Rubio ), fanse
cruces diante das obsoletas letras mecanografadas por máquinas de escribir
normais e manuais, e só adoptan ler folios paridos por impresoras láser ou a
chorro de tinta.Claro que facendo un esforzo memorable, incluso poden pousar
meniñas dos ollos diante de escritos feitos con máquina eléctrica con roseta: ¡
lamentable !.
Esto non está nada ben e
resulta impeditivo e discriminatorio.
Imaxinemos unha grande
densidade de talento contido en non sei que cabeza anónima sen infraestrutura
axeitada, con ferramentas preinformáticas, e que só dispón dun bolígrafo Bic e
papel de ultramarinos dese de envolver touciño entrefrebado e salchichón.
Imaxinemos iso.....A ese creador anónimo íalle ser difícil, tal como están as
cousas da comodidade, desfilar na ruidosa pasarela da importante e de calidade
literatura galega; aínda así pouco rendible para a maioría dos autores, que
esta é outra eiva seguramente extensible a toda a nación española en conxunto:
aquí tema das porcentaxes dos dereitos de autor e a comisión porcentual dos
distribuidores, que xa se sabe: “ O que parte e ben reparte, lévase para si a
mellor parte”.
Agora instalados na
comodidade de tirar folios a dobre espazo encadernados en espiral e por
quintuplicado ( caso dos concursos literarios no país dos mil ríos e as
camelias de Cunqueiro e agora no das monocotiledóneas ( toxos ) de M. Rivas ),
isto semella un desatino que medra en proporción xeométrica á falta de facer
posible a igualdade de oportunidades real que salmodian tan semanticamente:
Constitución e Estatuto.
Dedo na chaga, denuncia:
¿ Que pasa na actualidade actual cos talentos desordenados ? ( que non teñen
ordenador ).....¡Porque nos panos de mesa de papel dos cafés literarios naceron
outrora obras mestras!. E conste que eu/nós, fóra soberbia e soberbia
fóra, teño/temos de todo , de
infraestrutura andamos ben. Pero damas e cabaleiros, pode haber un rapaz que só
teña un bolígrafo e unha folla de verdura e que queira dicirnos neste noso
verbo engaiolante, o que lle refire o vento ó pasar polo seu val ou outro, este
urbano, que nas costas dos folletos de publicidade, nos queira traducir a
verbas o bravo ruído dos eidos de asfalto, cemento e aceiro: ¡ Olliño pois
damas e cabaleiros dos briosos corceis de futuro!, que ás veces máis ben
semellan cousas estas:produto do tedio,da comodidade, da cegueira...;e sobre
todo da moita informática dun pasado remoto.....
7
8A
Versión
A:¡RUÍDO MAGOADO…BRADO DE POBRES!
No exterior rural e campestre antes das doce horas p.m., estase a producir
un día quince de Outubro ,festividade de Santa Teresa, cos dourados raios de
sol tímidos e mornos a punto de facer rir ós ourizos, que alá no alto coma
grilandas naturais festonan castiñeiros; próximos xa os populares magostos de
Santos ou Novembro. Precisando máis, trátase dun liberatorio e urbano : ¡ por
fin xa é venres !, hoxe insistente nas verbas urxidas dos que con presa agardan
fuxir de si mesmos e do traballo un par de días, mellormente e coma sempre a
ningunha parte:montaña,mar,casa da aldea, chalé da
costa,Lisboa,Toledo,Salamanca…..
Mentres tanto o que se está a producir aquí dentro, no hospital provincial
do Sergas de Boa Vila,é unha sinuosa,potentada e quilométrica recua, que con
lentitude de lesma autóctona, vaime permitindo paseniñamente achegarme ata a
xaneliña de quitar o número para interesar consulta ambulatoria sobre unha uña
encarnata con subsolo de fungos, en virtude de afiliación universal ó Réxime
Xeral da Seguridade Social, de paso toda unha conquista dos países desenvolvidos,
pero claro con todo iso, data disposta para a consulta solicitada: ¡17 de
Xaneiro do ano 2.000! e por riba coma a banda sonora dunha película de terror
arredor de min todo o tempo: ¡ Ruído magoado…brado de pobres !.
…Xa pode estar un morrendo que mira ti, aínda terán que pasar tres meses e
algo para que me consulten.¡Nada home o mellor e ir por urxencias !.¿ E que fas
aquí logo?.Está miña cuñada operada de varices en Santa Ana e claro tiven que
durmir con ela.Pois eu vin con este (refírese ó marido ) a que lle fixeran unha
rectoscopia, pero trabucáronse e sacáronlle unha radiografía nun xeonllo.Estame
caladiña,non me digas máis que ó meu operárono dunha hernia e o Doutor
deixoulle dentro un paraugas encartable e cando o volveron a intervir porque
mesmiño semellaba preñado, topárono aberto alí dentro , seica que o puxera a
funcionar o fígado, aconsellado polos sufridos riles, para poder protexerse das
molladuras de cubalibres que se autoreceita a cotío por cousa de matar os
microbios e outros morbos corporais…E cabo delas as dúas exercendo maruxeo
interno residente case, un abatido home amputado de face abatida estreando toco
da extremidade inferior esquerda, que non di nada fonético, pero que de vez en
cando se oi pensar na ex-perna, no ex-pé , no pobre zapateiro e no record do
mundo dos cen metros lisos, que xa hai ben tempo que anda nos 9 segundos e
pico, si moito pico de ouro hai aquí hoxe nesta sala, facendo ruído magoado,
explicándolles uns a outros batallas clínicas a cada cal máis estarrécente, non
apto seguramente todo este balbordo ferido para hipocondríacos á escoita:
…Biopsias,endoscopias,electroencefalogramas, tacks, resonancias magnéticas,
marcapasos, válvulas, vaipases, transplantes, diálise…Ruído magoado,balbordo
ferido,mareante brado de pobres enfermos afiliados á S.S. de paseo decidido e
temerario pola literatura médica de choque…A verdade e que aínda non saben o
que ten, está en observación a ver si lle topan algo: ¡ mira que lle levan
feito probas , pero nada !.Insisten en dicir que non ten nada, pero el non está
conforme e veña máis probas.Vai comendo bastante ben ,coma de costume.Levantase
tarde, toma un chisco a sexta, pasea, mira a televisión sobre todo os partidos
para entreterse. Non, el estar, está ben atendido. Dolor ningún, o que pasa é
que xa che digo que non lle dan dado co mal…Enxertos, cancro,artereoesclerosis
múltiple, alzhaimer, párkinson, infartos, paraplexías, cataratas, úlceras,
depresións…Kiko,Guardiola,Morientes, Luís Henrique, Raúl…Cunca ocular, vértebras
cervicais, clavícula, omoplata…Lisboa,Toledo,Salamanca…pero bueno despois de
todo xa se sabe, hai que tratar de consolarse coa semántica da sabedoría tan
fermosa coma inconducente dos sabios e
entender que na opinión do pobre de Schopenhauer:” O ruído é a máis importante
das formas de interrupción. Non só unha interrupción, senón tamén unha ruptura
das cavilacións”, coma as que podía ter eu hoxe a mañá na recua ou fila do
Hospital, un caso que estivese a pensar no famoso Nihil Scitur: “Non se sabe
nada” (Título dun libro que poucos contemporáneos meus deberon ter ocasión de
ler do que é autor o doutísimo médico e filósofo do século XVII Francisco
Sánchez ), citado por Francisco Quevedo no “Discurso do Mundo por dentro”,
claro que eu non estaba cismando precisamente neso, eu cavilaba naquela famosa
cita coiraza de Schiller que sempre dentro de min, me recorda:” Alegría,
fermosa chispa divina, filla de Eliseo, penétranos, embriáganos da túa chama, ¡
Oh celeste ¡, no teu Santuario”.
Xa de volta á liberdade das rúas decidín ir tomar un café á Estación de
Autobuses por aquilo de gozar vendo xente contenta e disposta a viaxar con
ilusión, pero maldición, en tanto observaba na distancia por detrás dos grandes
vidros os brazos de ferro articulados das grúas que fan medrar as obras e as
sempre ocorrentes vallas publicitarias, na mesa do lado un grupo de xente nova
libraba unha frustrante e desencantada discusión de tintura política: A
Democracia pese ás evidentes conquistas do Estado Social e Democrático de
Dereito non conquire unha utópica sociedade feliz e realizada, iso loxicamente
depende doutros fíos sutís, doutros parámetros no terreo espiritual
seguramente, pensei sen esforzo, aquí tamén:¡ Ruído magoado…brado de pobres!.
Viñéronme unhas ganas loucas de chegar axiña a casa, coller o prato voador
que teño aparcado debaixo dos grandes castiñeiros festonados de ourizos coma
grilandas a punto de rirse para deixar caer as castañas e fuxir deste noso
Mundo redondo, pois eu tamén como dixo alguén, ás veces:” Non acabo de
acostumarme á vida neste Planeta”, procuraría pois nun vertixinoso paseo polo
espacio o Planeta Matemático o décimo do Sistema Solar, que acaba de concibir
estudando as traxectorias dos cometas , por medio das súas densas ecuacións, un
científico inglés.Si , seguro que o faría así, pero claro eu carezo de prato
voador, iso si, teño no fondo da horta uns vellos e enormes castiñeiros
plantados por mans xa desaparecidas e teño hoxe nas baías das aortas dos meus
pobres oídos, moito, moito: “ ¡Ruído magoado…brado de pobres! “, porque iso si,
os ricos alomenos publicamente xamais se queixan de nada…..
8B
Versión
B:¡RUÍDO MAGOADO…BRADO DE POBRES!
Antes das doce horas p.m., no exterior rural e campestre, estase a producir
un día de mediados de Outubro, cos dourados raios de sol tímidos e mornos a
punto de facer rir ós ourizos , que alá no alto coma grilandas naturais
festonan castiñeiros.Trátase ademais dun liberatorio e urbano:¡por fin xa é
venres ¡, insistente nas urxidas verbas dos que con presa agardan fuxir de si
mesmos e do traballo un par de días.
Aquí dentro, no Hospital Provincial de Boa Vila, o que se está a producir é
unha sinuosa, potentada e quilométrica recua que con lentitude de lesma
autóctona, vaime achegando ata a xaneliña de interesar consulta ambulatoria, en
virtude de afiliación universal ó réxime xeral de seguridade social ( de paso
toda un conquista nos países desenvolvidos ), pero claro - ¡listas de espera
bacoriñas ! – data dispoñible ( 17 -1- 2.000) e por riba coma a desacougante
banda sonora dunha película de terror arredor de min incesante: ¡ Ruído
magoado…brado de pobres !.
…Podes estar ben mal , que aínda terás que agardar tres meses.¡ O mellor é
que vaias por urxencias !(sabedoría popular).
…Vin con este a que lle fixeran un rectoscopia e fixéronlle unha
radiografía nun xeonllo…Non me digas máis que o meu marido operárono do
estómago e o doutor deixoulle dentro un paraugas pregable…E cabo delas un
abatido home amputado de face fera estreando toco da extremidade inferior
esquerda, que non di nada fonético, pero que de vez en cando se oi pensar na
experna, no expé e no pobre do zapateiro…
…Biopsias, diálise, válvulas, transplantes, endoscopias…Ruído magoado,
balbordo ferido, mareante brado de pobres enfermos de paseo verbal decidido e
temerario pola literatura médica…enxertos, cancro, infartos, úlceras,
depresións…
Ás veces buscando bálsamo e consolo aconsellan algúns que debe acudirse a
urxencias, pero da semántica das citas algo así coma xurisliterarias, para
saber neste caso que:” O ruído é a máis importante das formas de
interrupción.Non soamente é unha interrupción, senón tamén unha ruptura das
cavilacións” ( Schopenhauer).¡ Vale ¡.¿ Ruptura de cavilacións?.Si, coma as que
podía ter eu na recua ou fila do hospital caso de que estivese cismando nas
bulímicas listas de espera, pero atención, eu por si acaso xa andaba dentro das
carnes daquela cita coiraza de Schiller que nunca se farta de dicirme:“Alegría,
fermosa chispa divina, filla de Eliseo, penétranos, embriáganos da túa chama, ¡
Oh Celeste !, no teu santuario”.
Xa de volta á liberdade das rúas decidín ir tomar un café á estación de
autobuses por aquilo de gozar vendo xente contenta e disposta a viaxar con
ilusión e desenfado,tentaba eu lexitimamente recuperarme de tanto laio enfermo,
que con razón ou sen ela me malferira os tímpanos, pero maldición,en tanto
observaba na distancia por detrás dos grandes vidros da fiestra os brazos de
ferro das potentes grúas articuladas que fan medrar as obras e as sempre
ocorrentes vallas publicitarias, na mesa do lado un grupo de xente nova,
libraba unha desencantada discusión de contidos políticos: A proverbial
Democracia, pese ás evidentes conquistas do Estado Social e Democrático de
Dereito non consegue unha utópica sociedade feliz e realizada, iso loxicamente
depende doutros fíos moito máis sutís, doutros parámetros de etioloxía
espiritual seguramente.Pensei sen esforzo, isto non marcha como din, aquí
tamén:¡ Ruído magoado…brado de pobres !.
Viñéronme unhas ganas loucas de chegar axiña á casa, coller o prato voador
que teño aparcado debaixo dos grandes castiñeiros festonados de ourizos coma
grilandas verdes e fuxir deste noso mundo azul e redondo, pois como dixo alguén
ilustre, ás veces:”Non acabo de acostumarme á vida neste ruidoso planeta”,
procuraría pois nun vertixinoso paseo polo espacio o planeta matemático o
décimo do sistema solar,que acaba de concibir estudando as traxectorias dos
cometas, por medio das súas densas ecuacións, un científico inglés.Si,Seguro
que o faría así, pero claro evidentemente carezo da tal nave e hoxe insisto por
ter, só teño nas baías das aortas dos meus pobres oídos, moito, moito: ¡ Ruído
magoado…brado de pobres !, porque iso si, os ricos, sans e satisfeitos alomenos
publicamente xamais se queixan de nada…¿ será tamén por aforrar verbas?…
9
NOITE GALEGA
En Galicia, Maio 2.002, xa é hora de axustar contas e dicir que,
transcorridos 24 anos dende a vixencia da Constitución do ano 1.978, aquí é
noite.
Foi
noite antes e segue a ser noite, por moito que melloren as comunicacións, as
institucións semellan aparafusadas a un a un sistema de celme medieval, capaz
de estomagalo todo dun feroz bocado indiscriminado e seguir engordando inmune,
poderoso, totalitario, enfebrecido, louco de si mesmo. Unha barbaridade do
tamaño dun asteroide destrutor.
No
horizonte sempre a guerra Vasca, precisada de solucións políticas federais,
para deter tanto sufrimento. Unha cousa disparatada e sen medida, que aconsella
a federalización do Estado.Si unha federalización Monárquica, para facerlle
xustiza a historia de España e deixarnos sen odio a todos dunha vez. Si esa é a
solución adiante, debería dicir o Borbón vello. Iso sería gobernar, o aparato
da federación xa está estendido e experimentado agora só hai que deixalo ser
maior de idade.
Porque
a pesar de que segundo unha enquisa do CIS, que di que o 83% dos españois son
felices, aquí nesta Galicia que rexistro cos meus ollos a tristura e a
crispación nótanse no ambiente xemido. E non é para menos, aquí non existe unha
loita armada aberta contra a inalterabilidade monárquica e fascista do estado
do 78; un estarrecedor camiño de sangue que segue sen ser aconsellable; non
obstante a xuventude galega está a sufrir en carne propia a súa xorda batalla
pola liberdade, nun país afogado e tripado por unha praga de vellos lobos
vacinados dende sempre contra tan perigoso virus.Este é o país do loito, da
dolor, da ignorancia, da brutalidade, da enfermidade espiritual.
É
triste dicir isto para min pero entendo que é así.¿ Será o clima ?. Non existe
unha loita armada aberta, e cada vez son máis os mozos que morren na estrada, os
que se enganchan nas drogas, os que están dos nervios presos por camisas de
forza farmacolóxicas, aumentan os alcohólicos, seguen emigrando familias
enteiras; esta tamén é a Galicia maio 2.002 que, eu capto.E á vista desta loita
xorda e solapada que sega sen tino nos homes e mulleres galegos, morte por
morte, tal vez foxe mellor contalos por soldados presos, asasinados ou
fusilados. En defensa da enferma alma galega. Tal vez dixen, tal vez, tal vez,
que as carnicerías sempre me deron grima. Claro que a paz a toda costa, é
algunhas veces na historia dos pobos, coma estar mortos.
Aquí
en Galicia é noite, Noite descalza, e as sete cidades principais son
americanas.Que se foda todo isto.¡ Sálvese o que poida!, coma sempre. Galicia é
un misterio. Unha ruína. Galicia non existe. Nunca existiu e agora vai existir
menos cá nunca.
O
rural é un camposanto. Galicia é España. Galicia é un nome sen contido. Nin ten
porque telo. ¡ Tanto tiene... ! que dicía Don Camilo. Non hai milagres. ¿ Qué
se pode agardar dunha esquina verde ?. ¡ E dálle con Galicia !, eu nunca a vin.
¿ Galicia ?, ¿ qué é iso ?. O nome da nosa paisaxe. Si iso é certo. Mira o
importante é que a xente vaia comendo e que durman que presta.¡Que durman
hostia! e que se fondan. Non hai solución.Eu non ha vexo.E a min que me
importa. Eu escribo e punto. Sen regras, con ética, sen discurso. Pode ser
tamén e creo que vai ser así que o pobo galego se aveña a ser ó fin
nacionalista, cando as outras nacionalidades históricas axoten este vicio
necesario.Galicia singular é excepcional, diferente, o pobo máis sabio do
mundo: ¡isto é!.O pobo galego, o pobo catalán, o pobo vasco, reducións mentais
con aneis culturais, macro cárceres socio políticas.Ademais , Galicia debe
copiarse a si mesma, e deixar de cegarse por camiños alleos. Tres autonomías ou
comunidades tres, polo tanto as “trillizas”, pero con espírito e chouto ben
diferenciado.Dixen ao principio…..¡
Federalismo!;por aí debe andar a solución a tanta desconexión.
Federalismo!;por aí debe andar a solución a tanta desconexión.
10
CELSO
VARELA SORRÍ ENTRE CISNES.
Teño nas miñas mans un
exemplar álbum co título:”Celso Varela.30 años de pintura”, que en coidada
edición, amosa o esforzo de Celso Varela ó longo de tres intensas décadas da
súa existencia.
Folleteo no libro
intentando acenderme para dicir algo.A cousa non está fácil, resulta que eu e
máis Celso levamos case o mesmo tempo de amizade sobordada.Moitos dos cadros
reflectidos no que dei en chamar álbum, vinos nacer coma espectador
privilexiado dos seus incansables pinceis…ninguén me pide comentario, nin
esforzo testemuñal, son eu o que me esixo verbas para saudar este laborioso
agasallo que xurde do talento insistente dun home libre para quen o queira e saiba
degustar.
E que,as verbas dos
amigos tenden a converterse nunha batalla de flores desapiadada, non hai
distancia suficiente, trabúcase o afecto persoal co impacto que a súa obra
desperta en nós.Todo parece así invitar ó silencio, a dar o feito por ben feito
e pasar folla.Si, se un non se apura un pouco, deixase o brillo das estrelas
para acender os ollos dos gatos na noite e atrapados na pereza e na desidia
oxidantes, pasamos a formar parte da inmensa maioría cega e muda que allea a
case todo pita nesta pretendida sociedade democrática.
Eu, aínda que certamente
non teño un coñecemento da historia do arte pictórico como sei que ten o meu
amigo, non son dos indiferentes, por iso insisto en sacar verbas de dentro de
min, cando un álbum coma este só precisa verse.
Nos textos de varios
autores que conforman o libro álbum, hai polo demais letras suficientes para
unha primeira aproximación á vida e a obra do mestre de Briallos.
Así as cousas entre o
palpito da dilatada amizade e a opinión dos entendidos, a min ségueme a custar
deus e axuda cumprir coa miña intención inicial.¿Qué podo dicir eu…?.
Lonxe de pirotecnias
culturais e agudezas léxicas que rexeito neste comentario, que pretendo
xenuíno, na miña maquinaria de pensar bule Celso coma ser humano.Un monte de
anécdotas máis ou menos confesables que están en nós, ás veces facéndonos rir
na distancia.Non señores,non son eu o indicado para falar de Celso Varela
pintor.Si, interésame o que fai, é auténtico, diferente, persoal; un creador
adicto e ferido polas fastosas plumas da pintura coma unha forma de vida ou
filosofía existencial.Algo inmensamente forte meteron no interior intenso de
Celso os Deuses para que el xeneroso non cese na batalla e acaso
instrumentalizado por eles, ás veces por demais incontinente non deixe de
procurar o seu alto destino, que o mundo valorará ou non -¡alá o mundo dos
homes coas súas cousas!- pero que xa está aquí e agora deixándose ver por quen
o desexe.
Alén da risa e da
complicidade na que se nós pode encadrar coma seres vivos, eu sei que iso en
nós é moitas veces adxectivo ó asunto creativo.Un lecer peculiar, surrealista,
simpático, vital que nós devolve á realidade cansos da soidade non sempre
amable dos nosos respectivos obradoiros.As mulleres fermosas, a desmitificación
dorida do mundo da farándula artística provinciana e nacional, a pillaría
inocente que florece nas aldeas galegas, a invención aleatoria de vidas
paralelas para amigos demasiado aparafusados ó sistema que a todos nós ten algo
mordidos e unha e outra vez, insisto, o rinchar case que obsceno das feromonas
femininas…algo adxectivo,pero un deses adxectivos que en ocasións ameaza con
engulir frases e páxinas enteiras do real libro da vida.
Non obstante a favor da
cabalidade e da sensatez, vamos deixar estas brincadeiras en adxectivas e
menores.Volvendo ó substantivo, vou escribir aquí unha cita que lle debo, di
así:”Fronte ó talento deber haber un carácter/fronte ó impulso unha
disciplina/fronte á lixeireza e a ansia de produción unhas inhibicións/ que
manteñan a balanza en equilibrio” (Herman Hesse).
E xa está o libro álbum
do meu amigo, máis ou menos festexado.O mellor sempre está por vir…reflectida
queda aquí a noticia do inmenso brillo das estrelas, só hai que abrir os ollos
e pórse a mirar.
(Obra:”Celso Varela.30 años de pintura”.Deputación
provincial de Pontevedra ano 2.006.214 Páxinas).A continuación inxiro tres fotos de cadros do pintor:
Ningún comentario:
Publicar un comentario