ÍNDICE TRABALLOS PUBLICADOS EN
GALEGO
1.-Poema: Galegos lonxe.Faro de
Vigo 1.979.
2.-Poema : Reclamo os meus millóns de cartas por
sorpresa.Revista Hidromel 1.985 Amigos da cultura de Pontevedra.
3.-Relato: Indicións.Programa de festas do concello de
Sanxenxo.(29/6/1.985).
4.- Artigo: Cidadáns, institucións, democracia. Revista
Barosa nº 2. Ano 1.990.
5.- Poema: No tempo do temporal. Revista Barosa nº
2.1.990.
6.- Artigo: Barro...un acordeón de postais. O Correo
Galego.10/6/1.990.
7.- Poema: Invitación á vida.A Revista de
Vilagarcía.4/3/1.996.
8.- Relato: A decisionzaza.A Revista de Vilagarcía.
9.- Relato: O pronto. A Revista de Vilagarcía.
10.- Relato: Obreiro. A Revista de Vilagarcía.
11.- Relato: O que pensa Nela. A Revista de Vilagarcía.
12.- Relato: Conversa case unilateral. A Revista de
Vilagarcía.
13.- Artigo: O gas polo val fai moito mal. Faro de Vigo
12/9/1.996
14.- Poema: Soneto de Barro MMII. Revista Barosa nº
3.Xoves 17/10/2.002.
15.- Relato: O culpable. Revista Barosa nº 3.Ano 2.002.
16.- Relato: ¡ Oxalá fóra todo o mundo coma
min!...Revista Barosa nº 3.26/9/2.002.
1.-GALEGOS LONXE
Xa
todo doe en Galicia.....
As
sandalias de Cristo
as
cruces de pau
os
cravos de aceiro.....
Polas
sombras famentas
murmurando
naderías
con
flores de ferro
e
peitos de pedra
os
Cristos galegos
sangran
ausencias
Lonxanías
de cemento
debúxanse
eternas
enriba
de cartos suados
debaixo
de bicos non dados
Preto
dun corazón que latexa forte
preto
dunha boca nai
preto
dunha verba de fillo: “Pai”
a
paisaxe galega
mostrase
cansa
falta
de orgullo
chea
de orballo
orballo
esquecido
da
maleta emigrante
auga
de pranto
choro
de “adeus”
Xa
todo doe en Galicia.....
Xa non
doe nada
Son as
terras estrañas
as
faces descoñecidas
o
vento é amarelo
e os
ríos non cantan
Os
paxaros fican mortos
coas
ás rotas
a
carón de mensaxes
de
saudade e morriña.....
Na
terra do orballo
o
leito
a metade
quente
a metade
frío
amosase
fanado
Ela
abre as entrañas
no seu
ventre
a
lonxanía forzada
enxendra
fetos
de
cartos, saudade e morriña.....
Xa
todo doe en Galicia.....
Xa non
doe nada.
2.-RECLAMO
OS MEUS MILLÓNS DE CARTAS POR SORPRESA…..
Chegan
cartas derretidas e ardentes
Veñen tamén outras conxeladas e
frías.
¡ Todas son cartas…..! unhas
chegan e queiman,
cinguen ou liberan a alma,
namentres outras sustentan coa
frialdade ártica
o grandísimo iceberg do interior,
que sei que existe.
¡ Todas son cartas… !.Brancas
unhas, negras outras.
Cartas enfastiadas de modorra
axeitada no cárcabo
Cartas chuscas que se atreven coa
seriedade
de aqueles que as reciben, ata
facerlles debuxar
un sorriso nos beizos.
Cartas regalías, coma unha
colleita de trigo maduro
que lle saca a lingua á xiada amocada.
Cartas escasas, estereotipadas,
protocolarias,
que se quedan mudas nas mans,
e que non din, nin mu…..!
Cartas oblicúas, cartas rectas,
cartas redondas…..
¡ Todas son cartas….. !
Cartas de amor co corazón en cada
verba posto.
Cartas de envexa cun coitelo en
cada verba posto.
Cartas sinxelas coma un home de
aldea.
Cartas atrambilicadas coma un
impecable executivo circunflexo.
Cartas pomba, cartas
gorrión…cartas.
¡ Todas son cartas… ! ¡ Chegan
cartas !
Que gusto, que invento, as
cartas;
Eu gusto de recibir moitas
cartas.
¿ E a ti gústache recibir cartas
…..?.
3.-INDICIÓNS
Todos sabemos, que nas
aldeas cando toca poñer indicións recórrese ou recorríase normalmente a un
veciño ou veciña: ó mañoso ( home case sempre )
que facía as veces de practicante e tíñase pago coas grazas ou cunha cunca de viño branco.
Aconteceu e vou ó caso : que nunha aldeíña chamada
Concello, sita na parroquia de Penalta, axuntamento de Ribadumia, na provincia
de Pontevedra, fai xa bastantes anos ( xa o pequeno andaría metido en quintas
se has houbese ) a rapaza dos de Diéguez chamada Rosiña de moi bo ver por
certo. Con vinte abrís chamando e rechamando , sen que ningún lambón da súa
idade se decatase, nin reparase no andazo permanente da rapaza íase pouco a
pouco murchando.
As demais rapazas da
aldea andaban cansas de facelo:detrás das silveiras, nos palleiros, no medio do
centeo...e víanse coas meixelas vermellas, gozosas e amparadas. De vez en
cando, aparecía algunha cunha patada na barriga, trazábase o casorio e aquí non
pasou nada. Namentres Rosiña, xa digo de bo ver, íase quedando para vestir
santos; isto a tenor da urxencia xenital propia das mentes máis primitivas que
son maioría no rural e no asfalto tamén.Toda chea de grans na face pola forza
do sangue, sen un mal moinante que se lle achegara amosábase a moza.
Sucedía que a casa de
Diéguez era unha casa de moito respecto , o sr. Adelino , o pai de Rosiña, era
un home de moita consideración: alcalde pedáneo , recto, bo polas boas... rabioso
coma un can polas malas. E iso sabíano os mastíns da zoa, fichar con Rosiña era
bo por un lado : a riqueza da casa, en si a rapaza.....pero por outro lado
estaba a cuestión de ver quen era o macho que rillaba ó sogro. As sete da mañá
en pé, se á mañá herba, a tarde toxo, leña ou o que fixera falla.....
compensaba un pouco a cousa a tranquilidade da nai da rapaza , Sra. Hermelinda.
Muller vagarosa e aínda que ansiosa do seu
e traballadora onde as haxa, semellaba
e de feito era, unha muller coa que calquera podía encaixar sen
problemas.
Este era a grandes trazos
o panorama na casa dos labradores ricos ( porque o eran os de Diéguez ) namentres que Rosiña morría de fame.....
grans na face, murchiña, triste sempre , sen máis divertimento que ir a novena
e fregando na casa e coa escoba e na cociña cos cacharros e facer nas camas e
veña ver novelas. ¿ Ben que máis se pode dicir ? , sobran palabras.....
- Adelino , era mellor
que a rapaza fora xa mesmiño mañá pola mañá, ó médico e que lle dera unhas
vitaminas ou algo.....
- ¿ Quen Rosiña ?
- Ti vela coma min , non
sei que lle pasa, deixa a comida no prato , sempre triste e chorosa.....coma se
lle faltara algo digo eu. E grazas a Deus, soberbia fóra e fóra soberbia, na
nosa casa, sen sobrar, nada nos falta.
- Por min que vaia , esas
son cousas túas e máis dela. Dixo o pai.
Atendendo ás
recomendacións da nai, foi Rosiña ó médico. Como lle ía descubrir a rapaza, a
verdadeira natureza dos seus males, ¡era moito pedir a comprensión dos
proxenitores!.....eles abondados en anos acaso esquecidos das doenzas xuvenís,
nin lle deixaban un pouco de corda frouxa nin se decataban ,chochos como
estaban, do repenique festivo da rapaza.
¡ Eles , víana marela, pálida e sen ganas de nada.....!. Coma se non
mexara.....bebera vinagre.....ou non houbera ( que a había ) cousa capaz de
arrancar á rapaza.
- Xa estou de volta miña
nai.
- ¡ Xa ! paréceche moito
xa. É a unha da tarde e tes toda a casa sen arranxar. ¿ Ben e que che receitou
o médico ?
- Doume unhas vitaminas,
indicións para poñer na cacha.Teño que levar unha todos os días, antes da cea,
durante un mes e logo se non melloro que
pase outra vez por xunto del.
- Xa a min me parecía que
che facían falla unhas vitaminas. Déixame ver a teu pai.
- ¡ Adelino , ai Adelino
! , ven acá home, ven acá.
- Verás , a rapaza ten
que poñer unha indición todos os días durante un mes antes da cea e como
ninguén da casa, nin ti , nin eu , sabemos dalas, haberá que chamar alguén que
queira facernos o favor.
- ¿ E haberá ? ¿ O que
non sei é a quen ?
- Xa sei que non che vai
gustar, pero penso que era mellor que llo falaras a Elixio.
- Non me gusta moito ,
non . Pero non habendo ningunha muller na aldea que as saiba dar, mellor Elixio
que ningún outro . Falareillo logo.
Cumprindo a palabra,
aquela mesma noite antes de tirar para taberna a xogar ás cartas, pasou pola
casa de Elixio , pois este sen vicios coñecidos, case nunca se deixaba ver nela entre semana.
- ¡Faltaría máis me cago
en chus!.
Elixio era un home
respectado pola súa condición de porteiro do axuntamento, casado , pai de dous
fillos, un de dez anos e outro de oito, andaría polos trinta e cinco de idade.
Mañoso, tanto lle daba o serrón coma a paleta e poñendo indicións, non había de
haber practicante que lle metera man; ben orgulloso estaba el da súa
habilidade:
-Se toca a hora, tanto me
da poñelas coa dereita coma coa esquerda, me cago en chus - alardeaba Elixio.
Ó día seguinte pola
noitiña, cumprindo co prometido, presentouse Elixio na casa dos de Diéguez,
disposto a pinchar a Rosiña.....
- ¡Boas noites Sra.
Hermelinda!.
- ¡Boas as teñas Elixio!.
A rapaza está enriba, xa lle encarguei que fervera a xiringa e preparara o algodón
e máis a caña: ¿non é así?...
- Así é señora
Hermelinda. ¿ E sr. Adelino ?
- No vicio , ¡bo! é un
falar home, vai na taberna, que ben merece unhas mans as súas queridas cartas,
despois de rematado o traballo. E eu voume quitar o leite que xa van sendo
horas, ti vaite indo para riba e que a
rapaza che poña un vaso.
Así se aplanaba o terreo,
así se xuntaba por circunstancias imperceptibles e sen importancia o lume coa estopa, logo ven o demo e
sopra...Ó longo de todo un mes puntualmente ás nove da noite malladas, ía
Elixio a casa dos de Diéguez, sen domingo , nin festivo que desfixera o
feitizo..... Quero dicir , o feito de ter que poñerlle as indicións a Rosiña,
que como dixen: tocáballe unha diaria durante todo un mes, cabendo a
posibilidade de prolongar o tratamento , dependendo da evolución , que o
doutor, observase na rapaza.
A cousa fíxose tan
rutineira,coma rutineiras son no seu funcionamento as pezas de calquera
dispositivo mecánico que funcione de maneira sincronizada, exemplo: un reloxo.
Rosiña nese intre deixou
de ir ás novenas...malladas as nove chegaba Elixio , que coincidía coa hora en
que Sra. Hermelinda baixaba para baixo, en dirección as cortes, para quitarlles o leite a base de tentos ás
vacas: a marela, a cuca e a pomba, ó tempo que invariablemente tamén o sr.
Adelino ía xogar a chiquita ó tabernucho do sr. Xosé.Dilixente a rapaza, tíñao
preparado todo: fervida a xiringa, disposto o algodón e máis o augardente para
desinfectar.
En resumen , no momento
de irse ata a cama por mor de cravar a banderilla nas suaves cachas de Rosiña,
topábanse completamente a soas e iso durante todo un mes abondou na confianza ,
que coma veciños xa se tiñan...e xa na segunda caixa, na terceira, na
cuarta.....sucedeu o irremediable.
- Cativa ten que estar a
rapaza para que o doutor, volva e revolva coas mesmas vitaminas.
- Ti coma min o ves
Adelino,cando non ten olleiras,ten olleirazas.....aínda que co tratamento xa
ten mellor cara, anda máis leda e si ben a ves ata engordou unha migalla...
O tempo que durou a
primeira caixa, serviu para que pouco a pouco a rapaza fose perdendo o recato ,
a vergoña ; serviu para que o Elixio o que recordamos que non se lle coñecían vicios , fose destapando o tarro das
súas esencias.Fixaba os ollos cheos de desexo nas anacaradas cachas.Analizaba
luxurioso, esperando a ocasión propicia, cada movemento da rapaza, cada
decorrer das bragas, cada xemido afogado que deixaba escapar no intre de
proceder coa intra muscular.Tendíase Rosiña na súa propia cama, coas súas
prominentes nádegas núas, mentres o Elixio máis que desinfectar co algodón
mollado en caña o sitio onde espetar a agulla,agarimaba as ardentes cachas da
rapaza. Decatouse Elixio da doenza real que oprimía a Rosiña
Ían pola segunda caixa,
cando as miradas de ambos empezaron a facerse cómplices a cada vez máis. Coma
que Rosiña esperaba as nove da noite como o cego espera ver a Elixio , e este
non sacaba da cabeza o momento da novena, non polo relixioso, senón polo
profano. Na terceira ampola da segunda caixa, cedeu a rapaza...cedeu a diario
durante os oito meses longos que durou o tratamento.
Chegado este momento,
perdese a conta das caixas de indicións que aínda houbo de levar Rosiña,
dedicadas: xa non sei a que clase de tratamento : ¡ Eran dous o mesmo tempo !.
O certo e que ós oito meses ben cheos de iniciado, por forza da natureza humana
, descubriuse o petate.....Rosiña estaba preñada e como non fora por concepción
parella a da virxe María ou milagre de
tal caste, estaba ben claro quen ía ser o escandaloso proxenitor da criatura.
A noticia correu coma a
pólvora, ¡ non era para menos... !
¡ Á rapaza de Diéguez,
preñouna o porteiro do axuntamento ! ¡ Á rapaza preñouna Diéguez, o porteiro do
axuntamento e máis Elixio ! ¡ Diéguez preñou ó porteiro do axuntamento e a
rapaza preñou a Elixio !.
Os diarios falados , os
periódicos verbais, que aínda que soe estraño hai en todas as aldeas do rural
galego, encheron as súas primeiras planas coa noticia, fixéronse tiradas
especiais e monográficos sobre o tema moveron as linguas ávidas dos
correspondentes daquela guerra.
Pola mañanciña, moi cedo,
apenas escintilaban os primeiros raios de sol, xa viña a leiteira, a que
recollía o leite na aldea do Concello , coas pretendidas últimas noticias de
axencia:
- Disque que: está preta
a dar a luz. Hai quen botando contas , chegou á conclusión de que leva en
estado de boa esperanza, oito meses, vinte días e dúas horas, sendo de momento
imposible precisar minutos e segundos.Logo amosaba as fotos furtivas do
avultado ventre de Rosiña.
A media mañá, aí polas
once, chegaba o peixeiro, con noticias frescas e peixe de oito días. No tempo
que durou o embarazo nunca tanto peixe frito, cocido e en escabeche etc. se
comeu nas casas da aldea. As mulleres formaban cola, o peixeiro ó tempo que mal
pesaba por comenencia o quilo da sardiña o lorcho ou o ollo mol , enganchaba o
seu discurso e coas palabras precisas, ía debullando o lado tráxico pasional do
acontecemento:
- Disque que o sr.
Adelino , xurou diante de cantos se topaban onte á noite na taberna, dar morte
coas súas propias mans a Elixio. A Garda Civil está alerta. Tamén din que trae
amargada á rapaza.
Ningunha muller se
decataba da repentina subida do prezo do pescado e pagaban sen os regateos
habituais, ¡ para seren as once a noticia non estaba mal... !
O pé da unha da tarde,
chega o panadeiro: o mesmo tropel de mulleres aínda non reposto do magoante
verbo do peixeiro, acude a coller pan con precipitación , premeditación e
aleivosía. O Panadeiro, provisto dun pequeno teatriño de monicreques - máis que
informar - valéndose de dous monecos: un que representa a Rosiña cun ventre
esaxerado e outro que semella Elixio
coas súas partes por demais avultadas e máis a suposta habitación do crime.....
amosa para pándega das estreitas concorrentes os mil modos e maneiras como foi
consumado o pecado.
As dúas e media da tarde,
coincidindo co informativo da cadea Ser , ten lugar a rolda de prensa diaria.
Subida no alto da fonte que hai no medio da aldea, a decana das murmuracións,
contos e chismes.....a Sra. Clara, unha muller que pódese dicir que naceu
vestida de loito, pois nin os máis vellos lle acordan prenda que faga honor ó
seu nome, delgada coma un xunco, cun permanente pano, a non dubidalo negro,
polo propio color da tela e da sucidade que acumula. Que por constancia,
perseveranza e todo iso , forma tan parte da súa humanidade coma a lingua de
corvo que agora resume, abonda e
completa a laboura periodística dos anteriores correspondentes:
1º.- Dicir que en contra
do que inexactamente ten dito a leiteira, de fontes cualificadas, podo asegurar
que o tempo de preñes alcanza xustamente os oito meses e dezanove días a esta
hora.
2º.- Cabe precisar que
aínda que as noticias transmitidas polo peixeiro son certas, hai que manifestar
que a garda civil, aínda que vixiante, non intervirá en tanto non haxa sangue .
É dicir os do tricorne, non tomarán cartas no asunto , ata que a mecha prenda
na goma dous .
3º.- Aplaudir dende aquí
a innovadora iniciativa do panadeiro, aínda que é de suma importancia sinalar o
gravísimo error que comete ó pretender na súa respectable representación , que
o adultero e máis a doncela, íanse á cama polo lado dereito. Isto non é certo ,
peritos na materia teñen demostrado que o catre só e accesible polo lado
esquerdo. Por outra banda pódovos dicir que non sempre a Rosiña ficaba por
baixo e o Elixio por riba, como vos amosou o panadeiro, senón que , si un día
cabalgaba o Elixio, ó séguente quen cabalgaba era Rosiña e así sucesivamente.
4º.- E como colofón e
ultimísima noticia sobre o particular, dicir que a pobre Carmiña ( muller do
Elixio ) , despois de falar co cura, co cal é ben sabido de todos que se
entende dende fai tempo.....sábese que foi a vila para ver de obter o divorcio,
poñendo o asunto nas mans dun avogado - pica preitos e papa xantares - de moito
renome.
Con refinados modais de
portavoz, a señora Clara remata a rolda de Prensa, e antes de saltar da tarima
de pedra , do alto da fonte, apostila brillante: “ Con isto e un biscoito , eu
esta noite emborráchome”.
Soan aplausos, óense
murmuracións polo baixo e como os estómagos piden papas, cada quen volta para casa
á nerviosa espera de acontecementos e desenlace.
Pariu Rosiña, tirando por
terra todas as contas, naquela mesma noite,;trouxo ó mundo un homiño, bonito
coma un sol, que vaite a saber por que , foi calmando os ánimos, converténdose
o rapaz no ollo dereito e consolo dos avós
e o sangue non chegou ó río... na casa do Elixio tamén , grazas ó cura,
moderouse a cousa e pode dicirse que todo volveu á normalidade. A historia
foise esquecendo e ó momento de contala, o rapaz -Adelino coma o avó - está
pronto a entrar en quintas se has houbera. Para ir rematando que xa se fai
tarde e para maior felicidade do referido dicir que Rosiña, para sorpresa
duns e cobiza doutros casou cun rapaz
forte , educado e traballador , que porfillou ó fillo e que á costa de suores xunto
co sr. Adelino , engrandeceu a cada vez máis a casa dos de Diéguez , ata
convertela no que é hoxe, unha casa de ricos, de labradores, pero de labradores
ricos.....
*
A xeito de epílogo desta historia , coñecida e resabida, dicir
que de vez en cando en algunha aldea galega, vaise dando un caso parello e que
se pon en funcionamento idéntico aparato informativo , con máis ou menos
semellante problemática. Pero pese ó evidente risco que como vemos as indicións
entrañan, séguense poñendo , séguense preñando... como seguen andando os coches
pese ós accidentes... ou como sigue a vida pese á morte. Por iso a min a
historia nin me vai , ni me vén, pero aí queda. E como di a coñecida canción :
“ Xiringa o pai , xiringa a nai e eu
como son da familia tamén quero xiringar...”
4.-CIDADÁNS -INSTITUCIÓNS- DEMOCRACIA.
Ser cidadán implica: Ter uns dereitos, unhas liberdades e uns deberes. O
Estatuto de Autonomía do ano 1.980 di no artigo 4º do Título Preliminar
apartado 1º que “ Os dereitos, liberdades e deberes fundamentais dos Galegos
son os establecidos na Constitución”. A remisión á Lei Fundamental é clara.
Así, no Título Preliminar e Título 1º, parte Dogmática da Constitución de 1.978
( Artigos. 1 ó 55 ), recollese a medula do Estado Social e Democrático de
Dereito. Permítaseme, que recomende a súa lectura constante, para que o seu
contido cale fondo no espírito do cidadán demócrata que todos aspiramos a ser.
Cónstame, que nos colexios,
estase a levar unha moi interesante laboura de explicación da Constitución ós
escolares. Os maiores, aínda enleados na silveira do Franquismo e da cultura
tardo franquista que lles quedou como cativa herdanza, habería que empurralos
xa , a esta nova maneira de entende-la sociedade. A cal ten , e debe ter como brasóns:
O pluralismo, a liberdade, a transixencia e o respecto mutuo. Amosarlles, e non
polo forro, a nova biblia, facelos avanzar dende os arredores testemuña do
abandono secular, ata os espacios cultivados.A esa xente castigada por Tirios e
Troianos, por caciques e señoritos , polo tempo e pola historia, hai que extirparlles
para sempre o medo do corpo e dos ósos, esclarecerlles a néboa e a brétema de
corenta anos psicodélicos debaixo da saia nin sequera militar.. E sen
remontarse a toda a historia do constitucionalismo, ensinarlles a entender e apreciar na súa xusta medida, as
verdadeiras táboas da Lei. As do constitucionalismo democrático e
participativo, que non o catecismo abraiante da igrexa que sigue a tripa-las
nubes do outro mundo con zapatiños de ballet, esquecéndose da urxente realidade
que fica neste val de bágoas.
Nesa tarefa de rehabilita-los maiores,
entendo que está unha das materias pendentes que atrancan a evolución do pobo
en conxunto, deica a convivencia e o benestar. É tempo xa, insisto, despois
dunha póusante década, que o pobo tome conciencia do seu papel protagonista nos
tempos que corren. Refírome preferentemente, á xente do rural galego, da
Galicia profunda que se di agora.
E se para a clase política , pode
ser máis doado, máis fácil, gobernar un pobo ignorante, que sen capacidade
crítica axeitada, vai a estar e pasar polo que se faga, sen conciencia de que
toda a lexitimidade parte do seu seo, resulta tamén menos gratificante e menos apaixonante
para a súa tarefa. O dirixente dun pobo ignorante, é apenas un pastor de
ovellas. Outra cousa é exerce-la dirección dun pobo que esixe, e sabe colaborar
consciente do que é o ben común, o interese xeral, en definitiva, a sociedade
actual. Sen un cambio de mentalidade urxente, todo o que se faga vai carecer do
interese e do brillo que lle daría a comprensión por parte do cidadán.
Cando por fin, as institucións do
Estado, as Autonómicas, as Provinciais e as Municipais, dean facilidades para
que a xente chegue ó presebe de alimenta-lo espírito, nese intre o “eu non sei,
eu non entendo”, equivalerán a dicir na relixión as maiores blasfemias que un
se poida imaxinar co dedo entalado debaixo dun perpiaño. A ignorancia é de por
si desconfiada, perigosa e dende a súa prostración a infelicidade estendese
como a gangrena. Ser parvo é de mala educación.
Mentres tanto, o artigo 9.2 da
Constitución non se cansa de dicir: “ Corresponde ós poder públicos promove-las
condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que
se integra sexan reais e efectivos; remove-los atrancos que impidan ou
dificulten a súa plenitude e facilita-la participación de tódolos cidadáns na
vida política, económica, cultural e social”.É dicir, as institucións teñen que
preocuparse do pobo, e o pobo ten que preocuparse polas institucións, senón…senón
: ¡ Nada !. Hai que poñelos medios para informar ó cidadán, e o cidadán non
debe desaproveita-la ocasión de medrar no seu coñecemento da realidade social.
A cousa é así de simple e así de complicada ó mesmo tempo.Neste terreo está
case todo por facer. En Barro, por exemplo, a inmensa maioría coido que está de
costas ó Municipio, á Parroquia, e a súa propia casa se me descoido, están
morbosamente de costas a todo. E estano por comodidade, por un medo parvo non
sei a qué, e sobre todo porque lles da a
gaña de non vivir, nin deixar vivir democraticamente, e isto agora empeza a non
ter desculpa posible. Hai que participar, e hai que dicir o que se quere, o
silencio xordo de por aquí, non significa nada, e se algo significara sería que
están vostedes moi ledos, ou que teñen pelos na lingua como os gatos. ¡ Son
coma pedras !.Como as pedras das pedradas…..
5.- POEMA:NO TEMPO DO TEMPORAL.
I
Chove,
Trona e Lostrega
No Dondo Salnés Val
Están as ventás abertas
Por elas tresleado
Chega, vai chegando
O envelenado temporal solimán.
Zoa o vento, zoa, zoa
Nas terras latexantes de Barro
arfados arbores bambean
racha lufa o día hoxe
Que é un ver víndeo ver.
Do Chaín as escumosas augas
andan fóra de corrente
facendo brañas submarinas
coa ceiba enchente.
Certos das cañotas
cimbran que asubían
barullan gargalladas
ao son rabeco da tempestade
vimbieiros louros
ameneiros e sanguiños.
Chove, trona e lostrega
vate a cabeza cos pés
a revirarse castiñeiros e
carballos
eucaliptos a virse ao chan
pinos a se arrincar
nos eixidos e nas hortas
as froiteiras acesas
rebotando no mal tempo
alporizadas bailan
a louca Muiñeira
que estoupa no ar.
Alí na distancia céltica
onde os Druídas esconxuran
as arroutadas de Kirlo
Foxe o lombo do Güimil
axexador dos Casás
por riba de Curro, o Castrove
é unha intuición fantasmal
da que coma ondas mariñas
a pancadas galopantes
veñen chaparróns e coriscadas.
Chove, trona e lostrega
no alto da Cobertoira
e nas estarrécentes chans
das Penizas e Campodeira
os raios debuxan nervios
de moa dorida.
Berra enxordecedor o trono
ouvean os cans nas eiras.
A natureza ponse arrabecida
¡ malla auga a Dios dar ¡.
Zoa, Zoa, o vento Zoa
racha lufa a romper
os paraugas van do revés
plásticos a voar
no aire montadas van
as cabras voando sen ás
e voan as rodas dos muíños
os pés dos lagares voan
voan as pedras das lareiras
voa o medo
voa a mala hostia
voa a insolidariedade
a ignorancia voa
voa a envexa e a maldade
polo aire vai
cara a ningures
de caciques unha bandada
que é cousa de admirar.
E si zoa o vento que zoe
que aínda máis debería zoar
para que voen
en ás da tempestade
os retorcidos ferranchos
as sementes do vicio
e a brutalidade
quedos todos, todos quedos
e que voen tamén os parvos
e que volvan a voar.
Chove, trona e Lostrega
o Salnés val pide papas
pide papas o Acibal
choven velas de pavor
Santa Bárbara bendita anda
en berlina e picardías
de beizo en beizo
suplicando a fin da función
¡ xa arraiará ! ¡ xa delourará !.
NO TEMO DE DELOURAR.
II
Maino o vento, o vento maino
arredouse o temporal.
No tempo de delourar
nacendo a mañá
os cans van comigo
eu vou cos cans.
Asubiamos, fumamos
corremos, xogamos
botamos a lingua fóra
teimudos cavilamos
erguémola pata para mexar
e imos gateando a mañá.
Os cans van comigo
eu vou cos cans.
O chan enchoupado
amosa de follas
un confeti mesturado:
manciñas verdes de pino
follas filigranadas
de carballo
medio lúas releixadas
de eucalipto.
Fondos camiños
cheos de lama
corredoiras a fumegar
a fumegar os herbais
auga de choiva
nas pozas
de inexacto debuxo
auga do ceo
nos riiños
que polo fondo camiño
van facendo tremesiño
¡ beben os cans !.
Maino o vento, o vento maino
o acougo volve o val
pardais, merlos, ferreiriños
meten a voar
e a cantar
ao baltrón volven as augas
o Chaín de voltas
e viravoltas
recollido en si
cunha palleirada de auga
Vai ledo
ao encontro do Umia
que alá por terras de Portas
o está a esperar.
Os primeiros raios de sol
a se estrear
no tempo de delourar
dannos paporroibo calor
o ceo está azul
coas brancas nubes viaxeiras
ao xerografiar.
¡ Bo tempo, tranquilidade !
pobóanse de vacas
¡ pacíficos animais !
as veigas de pacer
están tan quedos
as arbores agora
que case non están
fumegan os fogares
espallados polo val
o Salnés enteiro é un cantar
louvada harmonía que eu xunto
no tempo de delourar.
Brilla o Sol, o Sol a brillar
o Güimil é un meniño
un homiño o Castrove é
vamos tres: Sindo/Suso/Dog
paseando a Maruxa
polo camiño Real
alí na ponte vella
escoitamos da corrente
o cantareiro remuiñar.
Os cans van comigo
eu vou cos cans
vamos lendo na letra miúda
lemos nas croas da herba
lemos na escuma do río
nas follas de verdura lemos
e nas pallas millas tamén
en todo lemos nós
os miúdos segredos do val
deletreamos a maxia
o encanto que aquí hai.
E tamén buscamos toupeiras
xusticeiros os cans
nos arroceiros herbais
fartos estamos xa
da trampona retranca
e do díxome Pedro
que lle dixera Xo
¡ tempo de delourar !
No remate entendemos
pegas chasqueiras
os paisanos son peores
e miran para nós.
Os cans van comigo
e eu vou cos cans.
Brilla o Sol, o Sol a brillar
¡ tempo de delourar !
verde dourado o andar
verde dourado o cantar
estamos cansos da envexa
e do mal mirar ollar
agarimoso sol do xantar
transparencias, augas
¡ tempo de delourar!
O sol no auto, no ben
auto a brillar…..
6.-BARRO…..UN ACORDEÓN DE
POSTAIS.
Tirando pola nacional 550 camiño da cidade do Apóstolo, a 15 quilómetros da
Boa Vila de Pontevedra – uns 10 minutos en coche – o viaxeiro tópase coa
agradable e acolledor municipio de Barro. Terra, fermosa e fértil,
topográficamente obrada en plena víscera do renomeado Salnés val. Este breve
Concello “dúas veces bo”, gardado e protexido polas elevacións dos montes
Acibal e Castrove; cal recen nacido en exuberante berce vexetal, adurmiñado
tece no seu soño real, paraxes e recunchos de beleza singular.
No intre de inaugurar esta ruta,
e ila descubrindo para o anónimo viaxeiro: rompemos augas ceibes e torrenciais
na imprevisible ría de Barosa. A auga morna do Sol ata o pescozo, metidos os
corpos espidos dentro das fondas pías escavadas no granito, en lembranza das
relaxantes termas romanas; na presenza molar e xiratoria dos vellos muíños, que
noutros tempos bailando a auga, mordían no millo ata topar moída fariña branca.
Comezar aí , xustamente aí ao pé
das sandalias do santo San Breixo, atando nas xestas ca man esquerda, onde cada
outubro ten lugar unha das romarías máis populares da provincia. Tempo de
encontro cos primeiros viños novos do ano, co polbo á feira, coa Muiñeira e cos
milagres do santo máis verdadeiro. Proseguir, proseguir, xa sen receo nos pés
xacobeo machadianos, o camiño por estas terras de oroxenia embrúxante, enfiando
ádoas de recreo cos “lunares” máis senlleiros do seu corpo garrido; é procurarse
unha aventura sinxelamente imprescindible para catadores de padal anímico
exquisito.
Nestes eidos, que si facemos caso do texto bíblico: Barro, coma metáfora da
carne, forman parte xa, dende a xéneses, de todos nós; a xenuínidade da vistosa
paisaxe interior, empápase de historia e de homes ilustres; para nunha amalgama
carbonatada, orixinar este anaco de paraíso miltoniano, capaz de inspirar outro
“Beatus Ille”, a pouco que a paixón fluía coa torrencialidade do río Chaín que
aórtico sistolea polo val.
É xa clásico que o visitante
admire a igrexa de San Martiño de Agudelo, o retablo da igrexa de Perdecanai,
se interese pola caprichosa Pedra do Home…..e que , en fin, deguste os bos
viños que por aquí hai: albariños, brancos e tintos, cuxa festa de exaltación
celébrase a fin de semana que vén. Caldos aos que o Poeta Don Carlos Maquieira
, lle ten dedicado :” O Soneto en louvanza do viño de Barro”, que di así:
Líquido de ouro estrelecido
Que rebrincas na xaula do teu
xarro
Ten un fío de luz estremecido
Rebulindo no fondo do teu barro
¿ Será quizais, o espírito apreixado
dun paxaro cantor do Paraíso
que de tanto cantar apaixonado
o seu trino no viño deixar quixo
quizais puido ser iso. Pois agora
bebendo nós do ouro do teu xarro
¡ afora as penas y as tristuras
fora!
Que habemos de cantar, cal
trinador paxaro
Nesta festa de San Xoán por cada
ano:
As ledicias do viño están en
Barro.
Todo isto, xunto coa romaría de
San Breixo e a preciosa ría cascada de Barosa xa suxeridas, son algo así coma a
postal do Barro de sempre. Unha postal sobada, farta de plumas entrañables e de
agarimos decimonónicos.
En Barro, terra de artistas ao dicir
de Xosé Anxo Maquieira, os tempos son novos:a inspiración e a sensibilidade
duns cantos, están sacando á luz outros
tesouros capaces de facer un acordeón de postais. Vexamos senón, a Carcabada,
reserva de carballos e de osíxeno plástico, mosteiro, catedral vexetal, na que
o pintor internacionalmente recoñecido Manolo Ruibal, tantas veces ten recibido
o favor das musas que o fan xenial, ao mellor, na cósmica compaña do Poeta
Carlos Oroza. Carcabada, que tamén foi aula de sabe Deus qué metafísicas de
Amor Ruibal, coa súa casa natal a pouca distancia.Filósofo este tan por
descubrir neste noso país, e que con tanto interese estudan os Gers profesores
alemáns. Qué dicir do Pazo da Crega coa Capela de San Antoniño, da “Casa do
Banco” onde o tamén pintor Xulio Maside ten o seu recollido estudio.
Recorran comigo o camiño Real,
entre a Maruxa, a Cerdeiriña , e o Pombal, descendendo a Valada. Lugares
máxicos, encantados, que si algo suxiren é a atemporalidade dun San Hero ou o
credo dun “Franchesco” de Asís e Umbría.Bebamos auga pura, nas fontes dos Ceos,
Ganchola e Viascón, saciando a sede tras do noso paseo, e padeando a lenda das
tres fontes dispostas en triángulo que falan das súas cousas, das cousas da
chuvia, e da auga do mar do tempo que encerra o Cesto Redondo no Outeiro.
E xa para ir rematando esta
viaxe, subamos ao monte Güimil, por riba dos Casás, alí onde fai ben pouco se descubriu
un asentamento castrexo ( Celta ), de importancia aínda non avaliada, para ver
erguerse ao astro rei, e contemplar de paso, dende o miradoiro dos Druídas o
mar de Arousa nos días despegados.Vivamos o romanticismo das vías e dos trens,
sentados nun tallo da Renfe, debaixo do gran reloxo da Estación da Portela.En
fin paseemos o noso barro mortal, por este Barro máxico e atemporal.
7.-INVITACIÓN Á VIDA.
Mentres que os raios de sol desculpan
a sombra
No campo emerxe unha primavera
Os paxaros están todos con nós
Cantando para gustarse elevados
Sobre todo o osixeno das terras
de labor
Que cando acollen embrións
xermolantes
Imitan ventres que non son de ningunha
muller
Na distancia un monte dobra a seu
lombo doente
Coma un prodixioso animal vexetal
canso
E no auto da cúpula celeste os raios
de sol novamente
Desculpan hoxe á sombra
nocturnal,
e todo é música brillante da dourada luz estelar
aquí
coma quen te invita á vida para que a celebres bailando.
8.-A DECISIONZAZA
Acabo de
tomar unha “decisionzaza” así polas boas, coma quen non quere a cousa, vaise e
resolvo alomenos espiritualmente unha vella cuestión que me traía descalzo
polos camiños do monte.Agardo ter a forza de vontade suficiente para que a tal
“decisionzaza” sexa definitiva e para sempre.
¡ Home
claro ! que xa hai ben tempo que a idea esta me traballaba a xeito, pero xa vos
digo que o de hoxe tomando un café co xeo no Lolita, foi espero que terminante
ao respecto. Estaba eu a ler no periódico: “ Margot Loefler cuxa relación
sentimental co Presidente de Austria, Thomas Kleistil, motivou o soado divorcio
deste, non ocupará unha función directiva na Organización para Seguridade e
Cooperación en Europa (OSCE), tras das informacións criticas aparecidas na
prensa.Segundo o semanario “News”, Loefler de 43 anos, ex íntima colaboradora
de Kleistil , renunciou ó seu posto que parecía creado para ela, o de Directora
de Recursos da OSCE, produto da fusión da dirección de servizos e conferencias
e a de orzamentos e administración.O diario “ De Standard” informou
recentemente do desgusto que o futuro aterraxe de Loefler na OSCE, causou entre
os diplomáticos que traballan na sede vienesa desta Organización de Seguridade,
un dos cales comentou: “Trinta segundos de enchufe valen máis ca trinta anos de
servizos”.
E eu estaba
como vós digo a ler a anterior noticia de caciquismo pan europeo, e ¡ zas !
ocorréuseme que, eu ben podía tomar una decisión relativa a unha cuestión moi
importante para min, que por suposto non ten nada que ver coa noticia de entre comiñas,
a relación limitase no caso a que cando acordei comigo mesmo tomar a decisión,
xa cualificada de “decisionzaza”, estaba casualmente pasando os ollos polas
letras coma formigas en ringleira do periódico que, ma daban a coñecer.A
noticia da amante do presidente de Austria,claro.Acórdome ben desto, sería por
aí a unha e dez da tarde e alí en tales circunstancias decidinme vía monólogo
interior e nunha segunda ventá aberta de pensamento, que xa era hora de
afrontar o tema e plantarlle cara abertamente; o que pasa é que no tempo de
chegar á casa para xantar, esquecinme por completo de que podería tratarse o
asunto da decisión que tan feliz me fixo e tan ben me sentou predispoñerme a
tomala dunha vez para sempre, case que con valentía e arroxo, por iso agora
agardo que alguén de vos meus puntuais confidentes de tantas ocasións, me
poidades refrescar a memoria e darme unha pista, sobre o que pode ser que tomei eu unha decisionzaza , xa vos digo que
definitiva e tal.
Portavoz
dos confidentes:- Posnos a todos nun apuro , nós e máis ti escritor falamos do divino e do
humano, por iso calquera sabe agora cal pode ser o contido desa decisión tan
importante para ti.
Escritor:
Xa, xa o
que pasa e que eu tomeina a conciencia cabal, moi , moi en serio , era una “decisionzaza”
insisto, determinante, importantísima, transcendente.....
Portavoz
dos confidentes:- Ao mellor saíuche do pensamento no medio da caspa e claro extravióuseche......
Escritor:- ¡ Que listísimo es, mi
madriña !, debeu de ser iso precisamente, por iso agora non podo lembrarme da
decisión tan importante que tomei no bar restaurante Lolita, a iso da unha e
dez, unha e cuarto da tarde.O máis seguro e que a “decisionzaza” me caira sen
darme conta, confundida coa caspa.Para que despois diga algún entendido: senón
se acorda sería mentira ou non tería importancia, por iso prometo que a pouco
que me lembre dela escríboa aquí de contado.....
9.- O PRONTO
Téñolle oído
falar a algunhas persoas que fóra do “ Pronto” que teñen son mansas coma
cordeiros.
-” Ti
tranquilo que eu fóra do “Pronto” son un can de palleiro, unha pega mansa. Non
sei como explicarme, fóra do momento ese son unha pirinola, a penas o puntiño
da i”
-“
Persoalmente senón se me dan motivos para que xurda o “ Pronto”, son
apaciguado, vagaroso, demorado, son así desta maneira e non me pesa, claro que
fóra do “Pronto” son fácil de levar coma unha carrilana, son brisa, pétalo de
manzanilla que sei eu que son fóra do “Pronto” “.
-”Nada xa
che digo que non hai ningunha caste de problema, confianza plena o mesmo ca
irmáns ou máis, agora ben xa che digo por adiantado que se me da o “Pronto” hai
que botarme de comer a parte e isto é unha maneira de dicir; hai que deixarme sosegar
, volver a ser eu, porque se non machiño teño a rabia e chanto coma un tiburón
Limón famento”.
Máis ou
menos por semellantes explicacións de agradecer teño pasado en non poucas
ocasións, ao tocarme en sorte compartir uns momentos da vida con persoas con
“Pronto”. Supoño que a estas alturas ninguén que lea isto, estará pensando que
se trata de que a xente referida le a revista Pronto ou utiliza Pronto de
Jhonsons para limpar os mobles e que fóra desto son persoas normais ou algo así
de deducido en van.
Hai que
dicir que o “ Pronto “ en cuestión é unha especie de ataque de furia anoxada e
atolada, da que hai que fuxir coma quen escapa do lume.Son momentos de ira cega
e descontrolada, un firmamento lostregante que tira campanarios e fai voar ovellas
polos aires ata espetalas en feixes de candeas; esmagadores de gatos eléctricos,
encantadores de estradas sinuosas, rachadores de guías telefónicas : ¡ Son
xente de Pronto!.
Pois ben
explicado todo isto, teño que dicir que onte no decurso dunha discusión
acalorada con xente próxima e familiar, descubrín que eu tamén teño un “Prontazo”:
armei a de San Dios es Cristo na eira. Tirei coa cabana, desfixen formigueiros,
rachei pexegueiros e por último fíxenlle comer unha lerma a un gato pequeno
siamés que aínda está empezando e que temos a criar na casa.....despois
arrepíntome pero xa é tarde. Non hai res que facer, o “Prontazo” pasou e detrás
como si se tratara dun furacán retorcido queda unha festa de despropósitos. Xa
digo que para isto hai pouca defensa, por iso me auto denuncio aquí para que
polo menos no futuro me conforme con petarlle unha patada contundente ao chan e
tal.
10.-OBREIRO
Chámome
Paco, de pequeno chamábanme Pacucho, a muller adoita chamarme Francisco, cando
está de labre leporino para o norte, coma quen di ensaiando trompeta non
celestial precisamente, cunha morrada coma o monte Xiabre.O encargado da obra
onde gano o pan co suor da fronte sucada de engurras, ás veces en plan vacile e
adxectivando, cando as cousas relativas ao encofrado pintan mal, chámame
Paquete.
Semana de
cinco días, oito horas diarias, ao presente en Vigo construíndo un edificio de
oitenta vivendas de protección oficial na zoa de Bouzas. Dúas horas de coche
diarias: unha para ir e outra para vir. Case que sempre, por non dicir sempre,
topenexando co sono no coche da empresa.
Tres
fillos: dous homes de quince e dezasete anos e unha nena restebeira de seis
anos. A miña ilusión, que remate a semana para escoitar Carrusel Deportivo na
cadea Ser e de paso ver que pasa coa quiniela que xogo con puntualidade, unha
vez que comeza a rodar o balón despois do descanso estival.
Viño tinto
ás comidas, un ou dous cubalibres de ron diarios despois de saír do choio no
bar de sempre, unha caixa e media de Ducados tamén diaria. Resisto. Traballo.
Manteño unha familia. Traballo. Resisto. Si tivese poder cortáballe o pelo a
cero a máis de catro greñudos e fóra as mine faldras das mulleres.
Xa non teño
máis vida ca sinalada; son un encofrador regular. Traballo. Resisto. Xa hai
algún tempo que tiña unha rula enxaulada, colléraa de pequena no niño, mantíñaa
a man con millo e trigo. Un día non sei por que ao vir do choio, fun á xaula,
collina, agarimei nela un pouco e logo solteina, na cea para xustificar a falta
do paxaro dixen que morrera.....
Resisto.
Traballo. Si tivese poder prohibía os cabelos de cenoria que agora se fan
tinguir algunhas mulleres lavercas.A liberdade non me gusta. Eu
Traballo.Resisto. Cumpro.....
11.-O QUE PENSA
NELA
Deitase na cama e pensa nela. Acende
un cigarro e pensa nela.Conduce no coche , pon música , come , dúchase,
vístese, peitease e segue a pensar nela.
O que sucede é que, ela ten mozo
formal xa fai tempo e en realidade non quere nada con el, e co mozo si, que
para iso é mozo formal dende xa fai tempo.....
Ao mozo quéreo moito, tanto que
si o que pensa nela lle di por un casual, que ben podía mandalo, coma xa o
teñen mandado outras mulleres a el. O que pensa nela, si lle dixese iso, si tivese
valor que lle sobra para dicirlle algo e moito máis ao mellor ela pensaría que
estaba algo “majara,chiribí”, e ao mellor non: ¿ quen sabe ?. O máis probable e
que si , que pensase o que se dixo e aínda máis, que lle puxese mala cara ou
que mesmo o insultase: todo por culpa da fidelidade e do amor que lle ten ao
outro.
E claro así as cousas o que pensa
nela un día destes non vai aguantar máis e vaillo soltar todo así de corrido e
por miúdo, que el non ten culpa de estar enfeitizado dela, das súas curvas e
redondeces e do seu cheiro, cando asoma polo café onde ela traballa para mercar
nicotina básica a barullo.
Vaillo dicir iso está cantado e
que pase o que teña pasar que ao mellor ela, avisa ao outro e ármase unha boa.
E ao mellor non lle di nada porque se fai cargo da situación e aínda que siga
co outro, co mozo de toda a vida porque lle gusta máis e é máis cariñoso,
mellor persoa e tal, máis listo incluso, máis rico, máis xoven e moito máis
guapo e agradable, sentirase querida e iso non acaba de ser malo de todo tampouco.Porque
o mellor que lle pode pasar á xente é que a queiran. Diante da admiración e
demais sentimentos positivos o cariño e o amor sempre.
Por iso o que tanto pensa nela,
pese a que non debía dicirllo por coma quen di non andar a axitar o poleiro das
reprodutoras postmodernas en plena representación “cutre” do Kamasutra
oriental, calquera xornada destas vaille dicir si quere ir ao cine con el e entón
ela decidirá o que decida; a sabendas e tendo en conta que o home e fogo e a
muller estopa e que ben o diaño e sopra e que a tal “caneiro” aberto que debe
ter a moza na actualidade, seguro que lla súa medio cento de clandestinidades a
xeito. Que o que pensa nela , tampouco ten culpa de coñecela , desexala e vela
a cotío.
Coñecendo ao que pensa nela, a
cousa está cantada, á menor ocasión clarexarase diante dela, aínda que despois
teña que andar cosas orellas agachadas se lle di que non como é pouco probable,
porque ela bota por fóra ás claras, e ao mellor non lle chega co mozo formal de
toda a vida e así as cousas non lle fai ascos a unha clandestinidade
pracenteira e saborosa sen compromiso e tal.
Que no tocante a estes asuntos,
tamén hai quen di que non se debe andar a interferir en amores consolidados e
terán razón , pero que lle vai facer o que pensa nela, se tanto a ten metida no
miolo, será precisamente porque a precisa , a desexa, a quere para el e o
demais son contos e por intentalo que non vaia quedar. Que se non acepta a
invitación ao cine acabouse a teima esta e tan amigos.
Estas cousas pasan afortunadamente
porque non é fácil mandar no corazón da paixón e si por un casual ela acepta ir
ao cine, xa verá como o que pensa nela a tratará coma unha raíña, a como quen
di “caneiro cheo” e sen brida, nin gabardina inglesa, facendo por criar ventre
en gardando no cru coa naturalidade de vaca pinta que vai ao boi entre nós.
Aínda que: ¡ Outra vez ! ao
mellor non está ben en recta conciencia, poñamos que apenino pirenaica, andar a remexer en paixóns fortes e amores
acrisolados coma o dela cara o outro: o mozo formal de toda a vida por si se
lles esqueceu.De todas todas o que tanto pensa nela teno claro e que se foda o
mundo pequeno. Para iso que non sexa tan así como é o mundo este da
cotidianidade e ademais para iso que non se coñeceran.
O problema é o outro, o “xefe do
caneiro”, que ao mellor non hai color por innumerables calidades e
circunstancias propias da cultura que mamamos, e que algúns cospen montados nun
feixe de billetes verdes, roxos ou lilas. Aínda así o que pensa nela, nin por
esas se apouca e insiste. Ela ten a derradeira verba.
Claro que se cadra xa a cousa
entre ela e o outro , o xefe , anda moi adiantada e non hai caso, pero nin por
esas o que tanto pensa nela se ben abaixo de moral, e xa se di aquí que á menor
ocasión : ¡ zas !, revíralle o corazón todo alí diante do café con leite e os
tenros donuts e ela entenderá acaso con lenturas maiores e a partir de aí vida
privada.
Porque o que pensa nela estou por
dicir que actualmente xa a súa ben suadiña, pero o outro e moito outro, que
mesmo se lle debuxa por veces na face dela. Por iso ás veces o que pensa nela
con certa repugnancia aparta os ollos da camareira para non ver como o “xefe do
caneiro”, o outro de toda a vida observa gardador e vixiante esta a ver o que
non debe ver: el mesmo o que pensa nela, pouco a pouco ganando terreo e pousándose
entre amoroso e deséxante, furtivo e clandestino nas faccións e demais superficies
moles da camareira, espazo físico corporal que debería ser só dela en honor a
natureza física e psíquica das persoas humanas, pero na que pouco a pouco a
base de anos e compenetración, noivados longos, íase asomando a face do outro.
E bueno dicir para rematar, que
si , que houbo cine e moita vida privada. E o que pensaba nela, un día advertiu
como o mozo de toda a vida se esvaecía case que por completo da face dela e foi
entón cando o pensador soubo que a camareira era del, el era o novo “xefe do
caneiro” e a cousa xa comezou a non ter maior interese ca aqueles demorados
festexos a luz da lúa na Lanzada, Montalbo ou na praia espida de Bascuas. Por
iso o que pensaba nela, comezou a pensar noutra e noutra e noutra e bueno iso é
todo de momento, dende un máxico pobo de arxila.....
12.-CONVERSA CASE UNILATERAL
Vimos de Vigo no tren: eu veño de
falar cos da Editorial Galaxia para ver de publicar algo e elas as dúas de
estudar quen sabe o que, levan libros e carpetas ateigadas de asuntos que é
preciso saber para no futuro coller posición na vida.
Son rapazas novas, aínda non
teñen vinte anos, ¿ se cadra xa os teñen ?, van sentadas unha fronte á outra e
falan.
Bueno fala todo o tempo unha
delas, a outra a de rizos louros con pencas e ollos azuis, sobrepeliz branca e
faldra con abertura lateral escoita á castaña de pantalóns vaqueiros e corazón
gris ( aquí error ) cazadora gris quérese dicir evidentemente, co pelo atado en
forma de chicho con boliñas coma carrabouxos dos carballos no alto.Esta última
fala e fala sen parar e ri con picardía sen pararse en túneles, van para
Vilagarcía de Arousa no tren das oito da tarde noite, un venres frío e chuvioso
do mes de febreiro.
Se cadra pasaron os cinco días
lectivos na cidade portuaria e agora volven para pasar a fin de semana á casa
dos pais, no seu ambiente natural , cos seus familiares e amigos como está
mandado que debe ser e sexa. Van as dúas xuntas e falan. Bueno fala a que se
dixo a outra máis ben escoita.
É unha conversación sen
importancia. Seica hai uns coñecidos moi ricos que son parella estable e que
ganan entre os dous 300.000 pesetas ao mes e que por riba de vez en cando
tócalles a lotería e iso segundo a nai da que fala non está ben, é que mesmo os
cartos parece que teñen un sexto sentido van a onde xa hai cartos, chóvenlles
do ceo. E tamén me podo enteirar que o pai da que fala, non sabe gardar a
compostura e di inconveniencias diante de xente de posibles e a súa muller, a
nai dela non é capaz de corrixirlle tan lamentable defecto; el non lle fai caso
e limitase a dicir que di o que sinte ou o que lle da a gana; pero claro , a
que fala move moito as mans para explicarse espelida, iso non está nada ben
porque hai que manter a compostura, as formas e darse aires, que senón non se
sae da base inmunda da pirámide. Isto último non o di a que fala, pero
sobreenténdese no contexto xeral da conversa.O traquetreo do tren faise monótono
e a que fala, fala e a que escoita, escoita e escoita. Fóra debe facer un frío
xélido que pon os pelos de punta, ademais é noite pechada e chove.
Á que fala, na estación de
Redondela dálle por dicir que un amigo
da familia, moi detallista el , non se farta de facerlle regalos sen vir ao
caso fóra de datas; de primeiras facíallos a ela e máis a unha curmán carnal
dela, pero agora os detalles son todos para ela e redobra a risa e pon os ollos
en branco. A que escoita topenexa co sono pero mantén a compostura sobre o asento.
A que fala termina dando a entender que o tal amigo da familia quería algo dela
e que aínda que está casado e con fillos e fillas da idade dela case, ás veces
como lle cae ben a nai, non así o pai da que fala, sácaa ó cine e ao primeiro
non, pero agora xa manteñen relacións “intimísimas”, porque el ten moita
experiencia e a que fala gústalle que lle fagan cousas os maduros, a ser
posible casados con posición , pais das amigas ou das case amigas de gomas e
bonecas, e dito todo isto volve a redobrar a risa e volta outra vez a poñer os
ollos en branco.
A que escoita rexistra a confidencia e remexese incómoda no asento pero non
di nada. A que fala preto da estación de Pontevedra, retoma o tema da parella
con abundantes ingresos, á que por riba lle toca a lotería e a que cala
levántase do asento para ir facer un pis sonoro que se mestura coa choiva de
febreiro frío, ao caer do sanitario sen fondo ao camiño de ferro. Por iso
pódese dicir que a que fala agora cala e a que calaba discursea.....
13.-O
GAS POLO VAL FAI MOITO MAL.
Sobre fondo amarelo e rimando en consonante, esta é a canción do verán no
doce Salnés val. Polo que se oe en plan “vox populi”, trátase de que un gasoduto
vai cruzar sen miramentos as terras de entre nós para ao parecer levar dende
Tui á capital da autonomía galega: Santiago de Compostela, o gas entubado. Pois
ben, ante este estado de cousas as xentes dos municipios afectados, por unha
vez de acordo en plan: “ Fonte Ovejuna” ou “Ponte Sampaio” únense alén credos
políticos e sexa polo que sexa están de acordo no título da canción do verán do
noventa e seis, alomenos no val do Salnés.
Aparte da cuestión dos xustiprezos
caso de chegar á expropiación forzosa que iso é o de menos, a cuestión está nidia
, e os enxeñeiros trazan unha liña dende Tui ao Pórtico da Gloria e os paisanos
con parabólicas sobre as ramas das patacas e movilaines nos fociños das poucas
vacas pintas que van restando, de manifestación televisada e retratada e pendoneo
irreprochable. O gas pasa, que para iso lle dixo Don Manuel Fraga aos paisanos,
non sei que do exército nacional, á presenza de alcaldes de confianza e gobernadores
con problemas de menisco como máximo.
Penso que si, efectivamente o gas
pasa por onde queiran, cando queiran e como queiran, son pobos que están no
medio e punto.Don Manuel aquí non pinta res, o exército tampouco , e ao fin
trátase unha vez máis das insoliteces do “burro do enxeñeiro” que por non saber
non sabe nin seguir o trazado das liñas de alta tensión, nin da autopista, nin
o baltrón rebousado dos ríos a imitación do trazado dos ferrocarrís americanos
do norte. Así que pobres veigas de patacas, verdura, millo, centeo, viñas de
non albariño, aí vai o gas…..¿ Qué dirían Rosalía, Curros, Pondal, Ferrín,
Neira Vilas, Novoneira e Valle Inclán ?. Non o sei, eu digo rimas de carteis de
fondo marelo pegados en postes da luz, contedores de lixo, cabinas telefónicas
e portas das igrexas parroquiais: “ O gas polo val fai moito mal”.
A min non me gusta que pase así
de magoante o gas, pero que se lle vai facer…..O mellor e que nos deixen
servizo a nós con billas “ad hoc”, porque miren vostedes se ten que pasar que
pase, como pasa o vento zoando entre as pólas de acivros e loureiros, isto por
dicir algo chistoso que me manca o val i eu non sei nin quero plorar. Son
problemas novidosos, son cousas deste tempo, os interrogados ausentes e
presentes ¿ qué van poder dicir ?. Non hai palabras ante o inefable progreso
por iso neste presente ao mellor dicindo Uxío Novoneira, o peta do Courel:
“ O Centeo correndo o vento
i eu quedo neso que un non nembra
nin esquece
de tan lene e fondo que chega”.
Solucionase cando menos a tristura
noxenta de ver así como o gas pasa a rente de nós, por sabe deus que cuestións
fundamentais que eu non entendo, e xa está…..
14.-SONETO DE BARRO MMII.
A María Xesús
Castro Calviño.
Entre os montes azuis, na distancia,
Barro é unha folla de hedra amizosa
por riiños anónimos sucada rosa
fértil val de máxica abundancia.
Barro é a carne do paraíso lendaria
o tempo fero un pouco menos doe aquí
calquera recuncho é unha páxina si
do libro da natureza planetaria.
Barro é unha singular alfaia preciosa
digna de brillar si, no alto colar
da princesa máis nobre e fermosa.
Un pobo esgrevio polo que andar
Unha pomba, unha man xenerosa
Aquí,aquí en Barro si, sen parar de bailar
15.-O C U L P A B L E
-¡ Eu son inocente !
.Diante deste tribunal composto por homes, mulleres, cans, carballos e
pedras...¡ son inocente !.
- Pero vostede, ven
acusado aquí de ser durmiñón, palanquín , de ter ideas insáns, de ser trampón
,de ser xoto. E esa proclamación de inocencia subxectiva é insuficiente.....
- Eu insisto, son inocente. Ademais
a inocencia presúmese. Ninguén é culpable mentres non se demostre o contrario.
¿ Se me deixan falar ...?
- Vale, vale.....Vostede fale.
Ten dereito xa sabe a defenderse, pode traer incluso un avogado, e senón ten
medios económicos designáselle un de oficio e xa está. Pero como queira que
vostede insiste en defenderse por si mesmo, o tribunal escoita con paciencia e
sabedoría, pero a vostede non hai quen o mova da palabra inocente . Sen
argumentos sólidos, sen probas claras e contundentes, sen testemuñas ao seu
favor, a sentencia dende logo está cantada. E vai ser vostede ao fin culpable
de todo o que contra a súa persoa, fica recollido en autos. Pero ben, vostede
fale. Nos somos todo oídos, e queremos facer xustiza. Que ademais e abondando,
estamos especialmente interesados no seu caso.
O que fala é o presidente do tribunal: Un home
de cabelo branco e ollos azuis, miúdo coma unha faísca, cerebral, inquisitivo ,
case que transparente. Viste toga negra e ten diante de si un feixe de papeis
cosidos cun cordel coma o de atar chourizos e ceboleiros, ou de botar a voar
papaventos.
Diante da súa admonición , os
outros todos din si coa cabeza randeándoa de diante atrás, as mulleres tamén
moven a cabeza e os peitos, os cans danlle ao rabo , e botan a lingua fóra, os
carballos moven as ramas coma si soprase do norte con forza, as corredoiras
zigzaguean coma cobras e as pedras rin.
Eu estou só , posto de pé ,
diante do estrado de madeira de nogueira, que recoñezo facilmente por canto meu
avó ao que lle cortaron unha perna , era carpinteiro, e téñolle visto facer
berces moi xeitosos, e arcas para o trigo e as mazás, e roupeiros e mesas estarricables, nas que se comía os
días de festa. Eu diante do tribunal , estou inclinado para diante, caído dos
ombreiros, coa cabeza medio desgonzada, coma si tivese chepa no auto das
costas. Iso é porque teño algo de medo, en vez de respecto como é debido ,
vaise e eu teño medo , a dicir a verdade e precisando , case que
pánico.....Quen tiña chepa de verdade, era a finada da miña tataratía Ramona;
esa si que levaba un señor acordeón ás costas como expresaba ela e todo por
culpa de tanto andar agachada quitándolle a xuncia ao millo e de apañar a herba
á manada e de apañar nas vides e de que sei eu.....Que non é este o momento de
que se me vaia o maxín para cousas que xa foron e pasaron sen pena nin gloria,
máis ben con pena e que agora xa non riscan res e que xa están moi esquecidas
por propios e estraños e que agora neste intre, abofé que non me resolven nada
plantándoseme así de súpeto na miolaxe e máis ben me fan dano trabucándome
nesta delicada hora. Porque naquel tempo eu era libre e facía o que me daba a
gana ou case .. A tal tataratía tíñame consentido e eu facía o que quería con
ela. Un día no medio do millo, recordo que ela fíxome de touro e eu , pegueille
uns pases moi tauromáquicos cun impermeable de capucha marrón que eu tiña
daquela, ben nos viu o señor Manuel Souto , que andaba coma nós ao arrendo nos
regadíos das Corretas e mesmo recordo que en plan brincadeira este, sacou a
pucha e pediu as dúas orellas da tía como eu lle chamaba abreviando, pois ela
rabo non tiña , que era moi boa xente... E que teño que recoñecelo a min , ás
veces, as ideas extravagantes pódenme . E véñenme ao pensamento recordos
insospeitados, que non sei de onde me saen e no medio das situacións máis
solemnes e dignas de respecto , distráiome, e póñome a pensar por exemplo , en
cando o señor Chileno caeu o río da Bouciña, porque os mozos lle serraron a
ponte de madeira, e ben , así non hai maneira, de ser un respectado e encherse
de razón para defenderse agora mesmo diante deste estraño tribunal .Que me
acusa por demais acirrado, de cousas que a verdade non fixen, nin dixen, nin a
verdade penso que se poida xulgar a un home coma min , polo pouco que entendín
que seica din, as moreas de papeis oficiais.
O que sei e me consta moi ao meu
pesar e que aquí estou diante deles e do
crucifixo e da bandeira, tratando de manter a compostura, vestido co mellor
traxe que topei no roupeiro e coa gravata de fondo marelo con papoulas e
bolboretas de adorno, que me regalou polo derradeiro cumpre anos Marta. E ben , xa case que me vou
empezar a defender, e tuso para clarexar a voz, e digo coa venia señorías:
¡ Son inocente ! . E ademais este
xuízo paréceme un pesadelo , unha broma de mal gusto. Ademais non ven ao caso ,
que no medio dos maxistrados,fiscais e letrados, haxa vexetais, minerais e
animais catalogados polo común de inferiores. Así que sexa, realidade ou mal
soño, isto non ten nin pés nin cabeza, e eu, insisto na miña total inocencia. E
ademais, teño asuntos urxentes que atender, e voume mandar de aquí de
contado...
- Un momento, acóuguese: ¿non
quererá incorrer en DESACATO?. Falaba o do pelo branco e o resto seguían coas cerimonias que xa teño
dito.
- Eu non quero incorrer en res -
dixen levantando a cabeza e mirándolle aos ollos azuis, destemido, ao do pelo
branco. Porque xa vía vir eu, que pese a miña desaborida compostura, diante de
todos eles, e ao meu estar e non estar, a cousa ía en serio. Mire señor do pelo
branco , que eu de pía non sabía como lle chamaban. Eu aproveitando que estou
na vila, e que aquí non se me perde nada, vou procurar alpiste para os paxaros
e semente de pensamentos que teño pensado plantar para a primavera, no
xardinciño que teño na horta. Así que, déixeme arranxar os meus asuntos, que eu
xa lles digo que son inocente de toda inocencia, e isto a forza ten que ser un
monumental erro xudicial...
En pagues desto que dixen, o do
pelo branco , repenicou nunha campaniña que tiña ao seu carón encol do mesado e pegoulle unha estóurante , por
forte, palmada a morea de folios , atados da maneira. E apareceu unha parella
de vixiantes armados, con gorras e cinchas negras, brillantes de limpas,
semellantes ás dos cabalos de tiro. E vaise o do pelo branco e dixo:
-Custodien este acusado , que ao
parecer quere abandonar o tribunal.
E os vixiantes dixeron :
- Si señoría.
Mentres tanto, a un dos homes de detrás do
auto mesado de nogueira, abríaselle a boca e outro cruzaba as mans debaixo do
nariz. Unha muller das alí formadas, botou un peito fóra, e outra pintaba os
beizos e púñaos en plan dar un bico, os cans todos agora ladraban nunha linguaxe
que eu penso que ninguén entendía; e nesto ata os carballos chegou unha bandada
de paxaros carpinteiros, e puxéronse a furar na madeira con cerna para facer
niño, e criaron nun pispas, e axiña viñeron coma de reposto os escuros
estorniños e ocuparon aínda quente o sitio deixado polos petos , e tamén se
puxeron a criar urxidos. E as corredoiras que había detrás do mesado coa auga
da choiva, puxéronse tremesiñas, lamacentas, coma se a terra, quixese papar ao
camiñante, e as pedras xustas de detrás do mesado, coma pelouros de granito
rachaban pola metade e ríanse a gargalladas escandalosas. E a muller que botou o
peito fóra, tamén sacou o outro e movíaos coas mans coma se foran pelotas e
cichaba pingadas de leite que me salpicaban a face estantía que se me estaba
pondo.
Nesto entrou na sala un meniño
todo louro, vestido de negro acibeche, con ollos verdes fermosos, levando
debaixo do brazo unha morea de folios cosidos cun cordel, semellante ao que
había diante do señor de pelo branco e ollos azuis, o que os vixiantes chamaban
respectuosamente señoría e todo o mundo en xeral tamén llo chamaba, para dicir
verdade. Ao velo chegar, a muller espida dos peitos leiteiros colleuno no colo
, e púxoo a mamar.
Eu estaba por demais estantío e
confundido, cos ollos moi abertos e os oídos a cen por hora. Todo aquilo que
estaba pasando tiña que ser de por forza un mal soño. As pernas medio me
tremían , así que pensei en irme sentar, nun banco daqueles que había ao fondo,
no que había xente calada e expectante. Quixen dar a volta, e nesto xa notei
como dúas mans coma tenaces me cinguían os antebrazos. Entón tiven a sensación
de estar aparafusado ao chan, coma se eu enteiro fose un gran parafuso de
metal. E veume o pensamento cando lle morreu a bubela a Sartal, e a enterraran
metidiña nunha lata de sardiñas debaixo do palleiro da herba seca, e máis cando
os fillos do señor Gabriel, mexaron pola
de Pérez na festa do San Xenaro , porque non lles quixera bailar, e
despois aínda me acordei dunha farta de cereixas cocas coa lúa chea a brillar
no alto, na casa do doutor , andando coma
quen di á xaneira de Lucita cona de vaca.
E cando ao fin volvín dos recordos, xa o
meniño louro deixara de mamar, e sentado nunha cadeira alta de buxo con
labrados de anxelotes con fazulas infladas, diante dun letreiro de letras
douradas que poñía Ministerio Fiscal, empezou a dicir, con voz insospeitada de
home cumprido ,estarricando o dedo índice da man dereita cara a min, mentres
todo volvía a normalidade e o silencio coma o fume ou a néboa espallábase pola
sala ,en tanto que eu continuaba no
medio dos vixiantes que me seguían a reter coas mans chantadas nos antebrazos.
- Acuso ao encartado, fulano de
tal ( que era eu ) , de todo o que xa se dixo e ademais , da morte do toureiro
“ Paquirri”, da de Manolete non , porque xa se confesou culpable un sospeitoso
de Barcelona, chamado Manuel Vázquez Montalbán, que incluso escribiu a súa
confesión de culpabilidade nun libro titulado: “ Eu matei a Manolete”. E pido
para o procesado a pena de depresión endóxena bipolar, e psoríases húmida na
pel de por vida e soidade onánica sen dereito a femia e a obriga de fumar dous
paquetes de tabaco rubio diarios, tamén de por vida.
Eu non entendía nada, aquelas palabras,
aqueles xestos. E todo ao parecer en contra de min.Eu seguía sen comprender por
que se me retiña e polo tanto non podía
saír a comprar nin o alpiste para os paxaros, nin a semente de pensamentos en
sobres para sementar no xardín da horta da casa.Eu quería, aproveitar que
estaba na vila, para facer esas compras tan importantes para min.Remexinme,
tratando de zafarme da presión das mans dos vixiantes que mesmo me estaban a
deter a circulación do sangue, pero foi en van. Así que tiven que consolarme
pensando nun día en que:
Eu andaba ás fresas, na eira da
señorita Asunción, cerca da mina da auga, no verán á hora de durmir a sesta, e
vin como o ferreiro chegaba na moto caladiñamente e os dous collían cara ao
invernadoiro. Eu fun detrás deles, e por unha creba puiden ver como a señorita
espida entre as tomateiras, se pousaba enriba dunha colcha verde adornada con
cereixas e fresas, logo xogaban e folgaban de forma pracenteira alí ,adoitando
ela con moita disposición mil maneiras de recibirlle a ferramenta masculina
dentro,que tiña fama de ter case tanta coma a do touro de posto do que
alcumabamos O Bispo.E tamén pensei, na botella de barro cocido ao sol, que ás
veces no inverno enchía a tía Ramona de auga quente para poñerme entre as
mantas preto dos pés, para telos quentes coma soles.E xa ía pensar na leite en
po que nos daban na escola por graza do plan Marshal norteamericano e o home na
lúa, cando me volveu a realidade a voz severa da señoría miúda de ollos azuis
que me dicía co martelo levantado sobre
dun círculo de madeira:
-¿Ten vostede algo que engadir na
súa defensa , ou está de acordo coa petición do señor Fiscal?.
- Como me saíu díxeno: Eu non
estou de acordo con nada e son inocente.
- Pero ben, ¿que se cree vostede?
dixo a señoría medio para si, e bateu co martelo no ditoso círculo de madeira e
dixo agora outra vez con voz severa e solemne: o xuízo contra vostede, queda
visto para sentencia, érguese a sesión . Mentres o xurado delibera, o acusado
será custodiado polas forzas de seguridade.
-Quixen preguntar se podía saír un momento, un
instante para , para comprar.....E xa me mandou estarme calado , poñendo o
índice enriba dos beizos coa uña pretiño das ventás do nariz.....
Aquilo todo , era un tremendo pesadelo, saes
da casa un día de choiva a dividir, e de súpeto observas paneis publicitarios
, nos que en vez de anunciar un coche ou
unha marca de coñac, hai un carteliño que di:” Se procura “ ou mesmo “ Se busca”
, coa túa foto alí posta e o nome debaixo. Son paneis móbiles, e un pouco saes
ti e despois xa sae o Corte Inglés ou Galerías Preciados...A noticia cóllete de
sorpresa, non entendes res, estas a punto de botar a correr ou porte a rir e a
dar saltiños absurdos de ra sobre da beirarrúa. Nesto achégase a ti un mozo
vestido de folclórico , debullando unha muiñeira e dáche un papeliño, unha
cédula de citación para comparecer en cinco minutos no Palacio de Xustiza.....E
ben, agora o aglaiante xurado está reunido e deliberante, e eu agardo a
sentencia no medio destes dous cans de presa, que non paran de fumar e facer
chistes encol da filla da señoría de pelo branco. Eu estou a pensar no
casarello cheo de hedras e silvas de Rosa de Elvira...No metro amarelo que
abría para medir o mundo Señor Adelino de Prendes e si se me pon , aínda penso
un anaco nos xuramentos de señor Evaristo o Pego , ou na forza de Servando
diante dun perpiaño descomunal ou dunha tinalla de ferver o viño tinto. E deixo
as miñas secretas fuxidas co pensamento, pois o tribunal regresa. Acomódanse
todos nos estrados e mándanme poñer en pé: o secretario seica vai ler o fallo
da sentencia. E nesto hai un apagón de luz, como xa se fixo de noite hai un bo
anaco de tempo, no inverno , xa se sabe é noite sempre, todo queda en tebras
escuras. E os vixiantes acenden chisqueiros, e despois unha muller que menstrúa,
trae un cirio pascual, e ao seu relembro, o señor secretario confirmou a
petición do Ministerio Fiscal, do meniño louro e mamón ; e agora a miña vida é
unha disentería de cereixas xaponesas. Non semento pensamentos para que
florezan na primavera, nin teño paxaros cantores de varias castes. Só me
consola poder pensar de vez en cando na puta de ouros que ampliada sete veces
tiña Brea na adega pegada con fariña milla ao fondo da pipa branca. E tamén me
entreteño facéndolle carriños coas caixas de cortiza do azafrán aos carrouchos
ou vacalouras, ensinándolle nomes de ríos e montes, a un corvo destrabado que
teño na miña humilde morada. De vez en cando vén alguén do xulgado para ver
como cumpro : e se me topa na cama cunha muller , ou me encontra alegre e
divertido, senón topa as corenta cabichas rubias e se despois de repasarme a
pel cunha lupa de moitos aumentos só topa lanuxe e espiñas. O tal axente, pon o
berro no ceo e anota: “ O penado cumpre
o seu modo e maneira, pero cumpre, senón que se lo pregunten a Sonia, Raquel,
Mercedes, Luísa etc.etc.O fume é intenso.De amargado que está incluso cheira
mal, o seu baleiro e tristeza existencial non son de este mundo. El como Xob é
unha chaga de pés á cabeza.As súas señorías poden estar contentas e
satisfeitas; se logra saír desta vai ser un cidadán de mérito”. Data e firma.
Estes informes favorables do axente xudicial ,obviando inexactitudes sobre o
lexítimo cumprimento da pena que me foi imposta, débense a que lle estou
ensinando a pensar en por exemplo Pilara e María a Montañesa estalando troques
en Silvas ou Xenoveva da tenencia ensinándolles a crica aos rapaces do
catecismo no campo santo ou ouriñando dende o alto do campanario .E é que na
vida hai que saber manexarse. Eu son de Rairiz- San Vicente de Cerponzóns cerca
da cidade de Ambarpó (Pontevedra). Os veciños coñécenme por “ O Culpable “,
pero eu son inocente, simpático e amable, aínda que algúns ademais de por “ O
Culpable” , coñécenme case mellor por “ O pecado “.
Nota .
Ben, en
realidade esta situación delirante que acaba de concluír, é produto da forza
dos sentimentos persoais nun determinado
período do espazo tempo anterior a esta nota dedicada, e agora ao relela con
atención doume conta de que é forzosamente tamén unha admirada homenaxe ao meu
atemporal amigo, o escritor Franz Kafka.Vaso literario e gran Chamán das letras
europeas, do que o meu dicionario de cabeceira, a miña casa das verbas básica:
A enciclopedia ilustrada Lafuente da Editorial Ramón Sopena S.A. Edición de
1.976, di textualmente e sen emenda: " Biografía: novelista e ensaísta
Checo, que escribiu en alemán.De temperamento retraído e melancólico,
exacerbado pola súa falta de saúde, os seus traballos parecen obra dun
alucinado. Entre as súas obras máis importantes cóntanse: O Proceso e o
Castelo.(1.883 -1924)".
Ao insuficiente
entrecomiñado anterior habería que engadirlle que pese a que o meu amigo Franz
dicía que: " Todo o que non sexa literatura abúrreme e ódioo", como
avogado que era traballou coma un escuro empregado dunha empresa de seguros e
ningún escrito dos seus veu a luz in vita súa. No seu testamento mandou que se
fixese lume coas súas obras, pero o seu íntimo amigo Max Brod non lle fixo caso
e agora o seu apelido Kafka, de tan coñecido e usado por propios e estraños, xa
dou en adxectivo : "Kafkiano", para adxectivar certas atmosferas e
situacións neboentas que, a realidade social produce a esgalla, como a natureza
produce cebolas ou cangrexos. Morreu novo, con 41 anos, con digamos que todas
as feridas aínda abertas e sangrantes, consonte se pode ler na súa produción
literaria.
"Os que o coñeceron tiveron a
impresión de que estaba rodeado dunha cámara de cristal. Si, el estaba alí,
detrás do cristal transparente, andaba con graza, xesticulaba, falaba, sorría
case coma un anxo, e o seu sorriso era a derradeira flor da xentileza que se
entregaba pero volvía a retraerse subitamente, que se expandía e se encerraba
celosamente en si mesma"( Kafka- 1.991- Editors S.A.Barcelona).
16.-¡OXALÁ FORA TODO O MUNDO COMA
MÍN !…..
" A política é a campa do
intelectual"
( Rómulo Gallegos).
Mira tío, o
que queira pedra que a arrinque, eu vou á miña leria e paso de todísimo, por min
que choiva a dividir que eu xa verei de pórme a cuberto coma sempre, que para iso
teño arte, ¡ oes !.
A min só me
interesa a miña propia historia persoal, que cada un coide do seu, que para o
de todos xa está Deus noso señor. É así, ten que ser así, foi así sempre e
¡bueno carallo bueno!, a min a política non me afecta.Que mande quen queira, eu
téñoo claro, a min non me afecta ren o tema político electoral; ¡ que me vai
afectar!, eu ao meu sempre e non preciso outra filosofía. É fácil: traballar,
calar, mollarse algo por dentro, aguantar, calar, cumprir. Non hai máis, así
está ben, as cousas son como son e non hai porque andar a facer o parvo con
ideas dos libros como andan algúns inútiles.
Si home si,
a verdade non ten máis cá un camiño, o camiño dos homes rectos e barís de
sempre. Non pasa nada, o importante e non perder a moral e seguir, seguir
dándolle aos pedais con garbo e denodo.
Xa che
dixen ao principio que o que queira pedra que a arrinque e o que non estea ben
que se mande poñer. Porque amigo meu, hai que fixarse ben nas cousas e saber
ler, ¡ vaia saber ler !, ¡saber entender o tareco!, máis ou menos
aproximadamente, que tampouco convén saturarse, para iso mesmo, poñerse onde
corresponde que é do que se trata ¿ non ?. ¿ Ideas ?, ¡nada de ideas home! , as
xustas para poder levar a culler ou o garfo á boca; un ao sol que máis quente
sempre, cos listos, cos guapos, cos ricos, cos que teñan a tixola polo mango,
coma sempriño, por tradición familiar incluso. ¿ Entón como é ?. Pois logo;
¿solidariedade?, iso son verbas dos que entenden, e mentres non entorpezan, que
vaian , que veñan, que digan, que pensen que fan.
Eu ao meu
machiño, coma sempre, libre, sen lei e servizal, un caso.
¡Oes!, cada vez gústame máis a miña posición: ¡ Oxalá fora todo o mundo
coma min !…..
Ningún comentario:
Publicar un comentario