O C A Z
A D O
Estar cazado significa estar atrapado, ser sorprendido
en descoido, error ou omisión .Cázanse os animais salvaxes que andan ceibos
polo monte, en época permitida, é dicir cando se levanta o veto ou a veda. Son
os cazadores os que armados con escopetas e vestidos estilo militar, dan conta
de:coellos, raposos, lebres, perdices, lobos, e canto bicho vivente hai nos
montes.
Ser cazado é
ser coma mal menor atrapado nun cepo
trampa ou nunha esparrela ou
gaiola...Ser cazado e ben cazado , é ser branco dun tiro certeiro e ficar morto para gloria do
cazador que despois colga a peza que sexa do cinto canana. Todo esto referido
aos pobres animais que andan ceibos nos montes.
Estar cazado, un ser humano é outra cosa. É un
sentimento , unha sensación de estreitamento que che oprime o peito e que che
deixa respirar sen aproveitar todo o volume dos esmagados pulmóns. Un cazado ,
muller ou home , e alguén acurralado, rodeado, mirado , albiscado, apuntado co
gatillo da vista dos ollos feridores e da desconfianza dos seus semellantes. É
estar dentro dun ichó de ollos pescudadores de non sei que...que con receos e ambigüidades
de todo tipo e calibre, tiran a dar sen dor, sempre na mesma pel ferida, sen
darche o tiro de graza, porque isto sería un asasinato en forma.
En realidade o
cazado , sabe moito da resistencia e da paciencia, dentro de toda a infinda
liberdade que se lle brinda a primeira vista. Non ten saída, debe saberse
cazado e continuar loitando a brazo
partido polos seus ideais xustos, a ver se é quen de ir destrabándose , das
grosas cadeas sociais que o teñen preso. Non se pode cear para atrás. Ir
poñamos por caso para dentro do ventre ou seo materno é unha quimera, unha
cavilación imposible. Esta idea que fala de incomodidade polo menos, non pinta
nada no maxín dun cazado, porque a todas luces é como se di inviable. Para
diante tampouco pode ir: ¡está cazado!.A muller ou home, en tal condición ten
que deixarse estar e esperar a que alguén o destrabe: por amor, por cariño ,
por amizade, polo que sexa. Está coma si dixeramos encantado, as palabras son o
que non hai.....acabamos de dicir que o cazado, está encantado, e isto miñas
donas meus señores, non é nin máis nin menos, que inversamente proporcional ao
dito. O encantado que se di non é precisamente de xúbilo e gozo, de alegría ,
de gusto ou de pracer. Non é un encantamento de conto de fadas ao uso. Non este,
é por demais un encantamento mineral e de aceiro, se cadra máis alá das ras o
cazado está convertido en sapo...ou para mellor dicir nun Sexismundo . O da
Vida é soño , de don Pedro Calderón da Barca. Cargado de cadeas e vendo o raio
de sol , filtrándose polas seteiras da torre do homenaxe , onde fica só e
barbudo, desexando unha mellor circunstancia vital.
Así o monólogo
de Sexismundo nos versos finais tan coñecidos ( Escena XIX ) , non ten
desperdicio coma exemplo de cazado :
“Eu soño que estou eiquí
destas prisións cargado
e soñei que noutro estado
máis satisfactorio me vin
¿ Qué é a vida ? Unha ilusión
Unha sombra, unha ficción
Que o maior ben é pequeno
que toda a vida e soño
e que os soños, soños son”.
En fin , o cazado, só pode soñar coa liberdade e coa
vida plena, coma Sexismundo.E cazados,cazados, ao fin e ao cabo estámolo de
maneira existencial todos; cada quen no seu propio mundo de mil espellos e un
raíño de sol morno e lindo, que entra pola xaneliña da paciencia de vez en
cando, pese á estigmática sentencia natural da orixe, que non sabe o que é a
clemencia, nin o perdón.A nosa vida ten que morrer sempre, e sempre morre.
¡Perdón, perdón, perdón! por relembrarlles todo esto
miñas donas meus señores, que a vida por marabillosa debe aceptarse a calquer
prezo , incluída a inxustiza de enfermar e ter que morrer sempre, sen esquecer
a magoante ferida do paso do tempo imparable cara a ningures, máis coñecido por
sr. pasado ou don pretérito. ¡ Sexan pois felices e chegado o momento morran
con ganas !.¡ Non hai solución nesto!.Tan cazados e sentenciados á pena capital
estamos todos os nacidos aquí ,no que sexa este planeta, que por elemental
sentido común,só nos cabe desexarnos a nós mesmos unha boa morte cando chegue o
seu momento.
O cazado sufre.O cazado odia aos cazadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario